Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Mércores, 21 de decembro de 2022 Páx. 64832

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 7 de decembro de 2022 pola que se crea e regula o Consello Técnico de Seguimento e Mellora da Calidade no Control Oficial en Saúde Pública e se establecen a súa composición, organización e funcionamento.

O control oficial en saúde pública abrangue as inspeccións e os controis efectuados polas autoridades competentes para verificar o cumprimento da normativa no ámbito alimentario e ambiental por parte dun operador e garantir a protección da saúde pública da poboación fronte aos riscos asociados ao consumo de alimentos e fronte aos riscos físicos, químicos e biolóxicos asociados a factores ambientais.

A calidade do control oficial debe estar asegurada, para o cal se garantirá a corrección das non conformidades cos requisitos establecidos adoptando as medidas correctoras necesarias e a súa posterior verificación.

A Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, no seu artigo 18 recolle que as administracións públicas desenvolverán, entre outras, as actuacións na promoción e a mellora dos sistemas de abastecemento de auga e vixilancia sanitaria e adecuación á saúde do ambiente, así como o control sanitario e a prevención dos riscos para a saúde derivados dos produtos alimentarios.

Pola súa banda, a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, recolle no seu artigo 49, alínea e), que a prestación da saúde pública comprende o establecemento de estándares de produción e medidas de protección da saúde fronte a riscos ambientais, como os derivados de produtos alimentarios, do uso de produtos químicos, de axentes físicos, da contaminación atmosférica, do uso das zonas de baño, da xestión e tratamento de refugallos e augas residuais, das augas de consumo e da sanidade mortuoria, entre outros. Así mesmo, o artigo 32.3 da citada lei proclama como un dos principios reitores do Sistema público de saúde de Galicia o da concepción integral da saúde, que inclúe, entre outros aspectos, a promoción da saúde, a protección fronte a situacións e circunstancias que supoñen risco para a saúde, en particular a protección fronte aos riscos ambientais.

De conformidade co Decreto 136/2019, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, correspóndenlle a esta as competencias en materia de sanidade que o Estatuto de autonomía lle atribúe á Xunta de Galicia nos artigos 27.23, 28.8 e 33. Nese mesmo decreto recóllense as funcións tanto da Dirección Xeral de Saúde Pública como das xefaturas territoriais da Consellería de Sanidade.

A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, regula a iniciación, ordenación e instrución dos procedementos sancionadores. Por outra banda, a Lei 8/2008, de 10 de xullo, de saúde de Galicia, recolle e gradúa as infraccións sanitarias en materia de saúde pública, sen prexuízo das que se establezan por outra normativa especial e sectorial.

Neste contexto, considérase prioritario dispor dun órgano de asesoramento técnico no referente ao control oficial en saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, co obxectivo de homoxeneizar os criterios neste eido, desenvolver accións no ámbito da mellora da calidade do dito control sanitario, así como deseñar as canles máis efectivas de coordinación.

Na súa constitución cumpriuse co establecido no artigo 15 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, foi obxecto de publicación no Portal de transparencia e goberno aberto da Xunta de Galicia, e foi sometido a informe económico-financeiro da consellería competente en materia de facenda, informe sobre impacto de xénero e informe da Asesoría Xurídica Xeral. Cómpre indicar tamén que se pode prescindir dos trámites de consulta pública previa e de información pública pola propia consideración de órgano administrativo que ten o Consello Técnico que se crea, de conformidade co previsto no artigo 42.6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e no artigo 133.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. O resto dos trámites seguiron as previsións contidas nos artigos 40 a 43 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e no artigo 127 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, antes citadas.

Finalmente, a regulación contida nesta orde axústase aos principios de boa regulación, nomeadamente os de necesidade, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia, accesibilidade, simplicidade, eficacia e eficiencia recollidos no artigo 37.1 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, así como no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

En virtude do anterior, de conformidade coas atribucións que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto, adscrición, natureza e ámbito de actuación

1. Esta disposición ten por obxecto a creación e regulación do Consello Técnico de Seguimento e Mellora da Calidade no Control Oficial en Saúde Pública (en diante, o Consello Técnico) como órgano colexiado interno de asesoramento da consellería competente en materia de sanidade, adscrito ao órgano directivo con competencia no desenvolvemento de programas en materia de saúde pública.

2. O seu ámbito de actuación será a Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Finalidade

O Consello Técnico ten como obxectivo xeral contribuír á mellora nas actividades de control oficial en saúde pública mediante o establecemento e a mellora continua de procedementos normalizados de traballo (PNT), a definición de criterios técnicos homoxéneos para a súa aplicación na inspección de saúde pública e a coordinación das medidas posteriores ás ditas inspeccións en toda a Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Funcións

1. Son funcións do Consello Técnico as seguintes:

a) Actuar como órgano de natureza colexiada para o asesoramento interno en materia de calidade no control oficial.

b) Propor e impulsar procedementos de mellora da calidade na inspección de saúde pública realizando a análise dos resultados das supervisións e das auditorías internas dentro dun sistema de mellora continua.

c) Asesorar e coordinar accións específicas á hora da execución das actividades de control oficial dentro do sistema de calidade implantado, impulsando o desenvolvemento de criterios técnicos homoxéneos para a súa aplicación na inspección de saúde pública.

d) Coordinar e promover a difusión de procedementos normalizados de traballo no control oficial en saúde pública.

e) Promover a estandarización nas actuacións do control oficial para acadar unha uniformidade na gradación das infraccións, así como coordinar o seguimento e a revisión das actuacións posteriores, desenvolvendo as ferramentas informáticas que resultaren necesarias.

f) Fomentar a formación en materia de calidade de todo o persoal implicado no control oficial.

g) Solicitar informes técnicos sobre os temas que, no eido da súa competencia, considere oportunos.

h) Colaborar coas entidades estatais e europeas desenvolvendo as súas recomendacións en materia de calidade e compartindo a información obtida na Comunidade Autónoma de Galicia.

i) Calquera outra función que lle sexa encomendada pola consellería competente en materia de sanidade.

2. O Consello Técnico elaborará e aprobará o seu regulamento de organización e funcionamento interno, sen prexuízo da aplicación do previsto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na sección 3, subsección I, do capítulo II do título preliminar da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do xector público, no que se refire ao réxime de constitución, organización e funcionamento dos órganos colexiados.

3. No desenvolvemento das súas funcións, o Consello Técnico integrará a perspectiva de xénero e, no caso que se precise integrar estatísticas, establecerá indicadores de xénero en todas aquelas que afecten persoas físicas de xeito directo ou indirecto.

Artigo 4. Composición

1. Formarán parte do Consello Técnico:

a) Presidencia: a persoa titular da dirección xeral competente en materia de control oficial en saúde pública ou persoa en quen delegue.

b) Secretaría: unha persoa que teña a condición de persoal estatutario ou funcionario do servizo con competencias no deseño e implantación da política de calidade establecida para os servizos de inspección de saúde pública e na coordinación e execución da supervisión das actividades de control oficial en materia de seguridade alimentaria e saúde ambiental.

c) Vogais: nomearanse oito vogais. As persoas que ocupen as vogalías serán designadas respectando a seguinte composición:

1º. Unha persoa pertencente ao órgano directivo con competencia na asistencia técnico-xurídica e administrativa da consellería competente en materia de sanidade.

2º. Unha persoa pertencente ao servizo con competencia na tramitación e xestión dos expedientes sancionadores do órgano directivo competente en materia de saúde pública.

3º. Unha persoa pertencente ao servizo con competencia nas actividades de control oficial no marco da protección da saúde fronte aos riscos asociados ao consumo de alimentos.

4º. Unha persoa pertencente ao servizo con competencia nas actividades de control oficial no marco da protección da saúde fronte aos riscos físicos, químicos e biolóxicos asociados a factores ambientais.

5º. Unha persoa de cada un dos órganos periféricos da consellería competente en materia de sanidade con competencia na execución da política de calidade establecida para os servizos de inspección de saúde pública e da supervisión das actividades de control oficial en saúde pública ou persoa en quen delegue.

d) O Consello Técnico, para aspectos técnicos concretos que requiran dun coñecemento ou perfil técnico especializados, e logo de acordo adoptado en pleno, poderá:

1º. Dispor a participación puntual de persoal asesor especialista alleo. A designación acoutará a materia e a duración da participación.

2º. Constituír os grupos de traballo específicos que considere necesarios para a consecución dos obxectivos. De forma específica, o Consello Técnico buscará asesoramento en materia de igualdade de xénero co fin de aplicar con maior efectividade os principios de igualdade na Administración.

2. As persoas que ocupen a Secretaría e as vogalías do Consello Técnico serán nomeadas e destituídas pola persoa titular da consellería competente en materia de sanidade por proposta da persoa titular da dirección xeral con competencia en materia de control oficial en saúde pública. Os nomeamentos realizaranse por un período de tres anos, prorrogable de maneira sucesiva ao finalizar cada trienio.

3. Na súa composición procurarase o respecto ao principio de presenza equilibrada de mulleres e homes. Do mesmo xeito, as suplencias ou substitucións das persoas que formen parte do Consello Técnico seguirán igual principio.

Artigo 5. Presidencia

Son funcións da Presidencia:

a) Dirixir, promover e coordinar a actuación do Consello Técnico.

b) Desempeñar a representación institucional do Consello Técnico.

c) Acordar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias, así como a determinación da orde do día das sesións, tendo en conta as propostas e peticións formuladas polos seus membros.

d) Convocar e presidir as sesións do Consello Técnico, moderar o desenvolvemento dos debates, suspendelos por causas xustificadas e dirimir co seu voto os empates para os efectos de adopción de acordos.

e) Aprobar o calendario de reunións.

f) Dar o visto e prace das actas e certificacións dos acordos do Consello Técnico.

g) Solicitar, en nome do Consello Técnico, a colaboración que considere necesaria a institucións, autoridades, organismos, entidades, asociacións ou particulares, así como dispor o necesario para levar a cabo as formas de participación previstas no artigo 4.d).

h) Exercer cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de presidente/a do Consello Técnico.

Artigo 6. Secretaría

1. Correspóndelle á Secretaría:

a) Asistir ás sesións do Consello Técnico con voz e sen voto.

b) Efectuar a convocatoria das sesións por orde da Presidencia, así como as citacións aos seus membros.

c) Recibir os actos de comunicación entre o Consello Técnico e os seus membros, así como recibir e cursar as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos de que deba ter coñecemento.

d) Preparar o despacho dos asuntos e redactar e autorizar as actas das sesións do Consello Técnico.

e) Expedir as certificacións das consultas, acordos aprobados ou, de ser o caso, ditames e informes emitidos, de conformidade co acordado polo Consello Técnico.

f) Custodiar e arquivar as actas, resolucións, informes, ditames, propostas e documentación do Consello Técnico.

g) Elaborar unha memoria anual que recolla todas as actividades desenvolvidas polo Consello Técnico, que deberá ser entregada ao órgano directivo con competencia en materia de control oficial ou á Presidencia do Consello Técnico previamente á súa aprobación por el.

h) Cantas outras funcións sexan inherentes á condición da Secretaría.

2. En caso de ausencia, vacante ou enfermidade, as súas funcións serán exercidas por outra persoa designada pola Presidencia.

Artigo 7. Causas de cesamento e substitución dos membros do Consello Técnico.

1. Serán causas de cesamento das persoas que ocupen as vogalías e a Secretaría do Consello Técnico as seguintes:

a) Transcurso do tempo para o cal foi realizado o seu nomeamento.

b) Renuncia expresa presentada por escrito ante a Presidencia do Consello Técnico.

c) Revogación do seu nomeamento pola persoa titular da consellería competente en materia de sanidade por proposta do Consello Técnico ou da súa Presidencia.

d) A non asistencia, sen causa xustificada, a máis da metade das reunións do ano anterior.

e) Calquera outra causa prevista na lexislación vixente.

2. Cando unha das persoas que ocupen as vogalías e a Secretaría do Consello Técnico cese por algunha das causas indicadas anteriormente, procederase á designación dun novo membro na forma establecida no artigo 4.2.

Artigo 8. Dereitos e obrigas dos membros

1. Os membros do Consello Técnico terán os seguintes dereitos:

a) Recibir, cunha antelación mínima de corenta e oito horas, a convocatoria que conteña a orde do día das reunións. A información sobre os temas que figuren na orde do día estará á disposición dos membros coa referida antelación.

Para que as propostas e peticións formuladas polos membros do Consello Técnico se incorporen á orde do día, será necesario que estas sexan enviadas á Secretaría antes de que se produza a convocatoria correspondente, para que se poidan por á disposición no prazo establecido.

b) Participar nos debates das sesións.

c) Exercer o seu dereito ao voto e formular o seu voto particular, así como expresar o sentido deste e os motivos que o xustifican.

d) Propor liñas de traballo.

e) Formular rogos e preguntas.

f) Obter a información precisa para o cumprimento das súas funcións.

g) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición.

2. Os membros do Consello Técnico terán as seguintes obrigas:

a) Asistir ás sesións ás cales foron convocados e participar nos seus debates.

b) Adecuar a súa conduta ás disposicións contidas nesta orde e ás previsións do regulamento de organización e funcionamento que, no seu desenvolvemento, aprobe o Pleno do Consello Técnico.

c) Gardar a debida reserva en relación coas actuacións e informacións que se traten no Consello Técnico.

Artigo 9. Funcionamento

1. O Consello Técnico funcionará en pleno, sen prexuízo de que se poida acordar a creación de subcomisións ou grupos de traballo para o estudo de temas concretos, de conformidade co previsto no artigo 4.1.d). No acordo de constitución faranse constar a composición, as funcións e as finalidades da subcomisión ou grupo de traballo.

2. Para aspectos técnicos concretos que requiran dun coñecemento ou perfil técnico especializados, e logo de acordo adoptado en pleno, o Consello Técnico poderá dispor da participación puntual de persoal asesor especialista alleo. Na súa participación nas reunións do Consello Técnico, ou dos grupos de traballo, as persoas expertas disporán de voz pero non de voto.

3. O Pleno do Consello Técnico reunirase en sesión ordinaria, como mínimo, tres veces ao ano. As sesións extraordinarias serán convocadas pola Presidencia, por propia iniciativa ou por proposta da maioría simple dos membros do Pleno. Ambos os dous tipos de sesións se poden desenvolver de forma telemática cos mesmos requisitos de validez e efectos que as reunións presenciais.

4. O Pleno quedará constituído en primeira convocatoria coa presenza da maioría absoluta dos seus membros. De non se acadar este quórum, o Pleno poderase constituír en segunda convocatoria, media hora máis tarde da primeira, coa asistencia de dúas quintas partes dos seus membros. Nos dous casos é indispensable a presenza das persoas que ocupan a Presidencia e a Secretaría ou, de ser caso, da persoa que as substitúa.

5. Non poderán ser obxecto de deliberación nin acordo os asuntos que non figuren incluídos na orde do día correspondente á sesión, agás que, presentes todos os membros do Consello Técnico, acorden a declaración de urxencia do asunto co voto favorable da maioría.

6. Os acordos adoptaranse por maioría simple de votos. En caso de empate, a Presidencia decidirá co seu voto de calidade.

7. De cada sesión elaborarase a correspondente acta, que será asinada pola persoa titular da Secretaría e contará co visto e prace da Presidencia. Na acta faranse constar, como mínimo, a relación de asistentes, o lugar, a data e hora da sesión, asuntos da orde do día, principais intervencións, resultados das votacións e os acordos adoptados. A acta remitiráselles para os membros do Consello Técnico xunto coa convocatoria e a orde do día da seguinte sesión, para os efectos da súa aprobación, se procede, sen prexuízo do disposto no artigo 20.5 da Lei 16/2010, do 27 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

8. Os acordos ou propostas xurdidas no seo do Consello Técnico serán comunicados á persoa titular do órgano competente no desenvolvemento das actividades de control oficial en materia de saúde pública.

Artigo 10. Tratamento de datos de carácter persoal

O tratamento dos datos de carácter persoal que se realice como consecuencia do desenvolvemento e aplicación desta norma efectuarase de acordo co establecido na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e o resto da normativa que resulte de aplicación.

A dirección xeral competente en materia de control oficial en saúde pública, en coordinación coa unidade responsable da seguridade da información na consellería competente en materia de sanidade, adoptará as medidas de seguridade que sexan necesarias para asegurar a confidencialidade, seguridade e integridade dos datos, velando por que o uso destes teña unha finalidade estritamente sanitaria e se axuste ao disposto na normativa europea e estatal na materia.

Artigo 11. Réxime supletorio

O Consello Técnico rexerase polos preceptos básicos sobre órganos colexiados da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, polo disposto na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e polas normas que se poidan aprobar de orde interna.

Disposición adicional única. Crédito orzamentario

O funcionamento do Consello Técnico, de conformidade co regulado nesta orde, non xerará aumento dos créditos orzamentarios asignados á Consellería de Sanidade.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2022

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade