Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Mércores, 21 de decembro de 2022 Páx. 64843

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 13 de decembro de 2022 pola que se modifica a composición do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela.

Mediante a Resolución do 14 de xuño de 2021 (DOG do 25 de xuño), fíxose pública a composición do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, establece que o consello social estará integrado por un máximo de trinta e unha persoas membros.

O artigo 77.2 da citada Lei 6/2013 establece que son membros natos do consello social o reitor/a da universidade, o secretario/a xeral e o ou a xerente da universidade. Así mesmo, serán membros un profesor ou unha profesora, un ou unha estudante e un ou unha representante do persoal da administración de servizos, elixidos/as polo consello de goberno das universidades. A duración do mandato dos membros do consello social sinalados neste punto será establecida polos estatutos da universidade.

O Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela comunica, á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, que o Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela, na sesión do 28 de outubro de 2022, acordou aprobar a designación de María Creo Rodríguez como representante do alumnado no consello social, en substitución de Manuel Veiga Caínzos. Xúntase declaración xurada de compatibilidade do novo membro do consello social.

O artigo 77.4 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, establece que os acordos de designación de membros do consello social seranlle comunicados á persoa titular da consellería competente en materia de universidades, quen procederá ao seu nomeamento mediante orde da súa consellería.

A condición de persoa membro do consello social adquírese unha vez cumpridos os requisitos de designación, nomeamento e publicación no Diario Oficial de Galicia, e produce efectos a partir desa data.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo único

Nomear a María Creo Rodríguez, como representante do alumnado no Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela, en substitución de Manuel Veiga Caínzos.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2022

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades