Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Xoves, 15 de decembro de 2022 Páx. 63538

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 5 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, pola que se fai pública a aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Outes para a ampliación da ordenanza de solo industrial no núcleo urbano da Ribeira do Freixo.

En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Outes para a ampliación da ordenanza de solo industrial no núcleo urbano da Ribeira do Freixo, mediante a Orde da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda do 29 de novembro de 2022, que figura como anexo.

Unha vez inscrita a devandita modificación no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a documentación íntegra deste, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón: https://cmatv.xunta.gal/rexistro-de-planeamento-urbanistico-de-galicia

Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderá ser consultada na seguinte ligazón:

https://cmatv.xunta.gal/busca-por-palabra-clave?p_p_id=aaeKeyword_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeKeyword_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D1979&_aaeKeyword_WAR_aae_id=1979

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2022

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

Orde de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Outes para a ampliación da ordenanza de solo industrial no núcleo urbano da Ribeira do Freixo

O Concello de Outes remite a modificación puntual referida, para os efectos previstos no artigo 60.14 e seguintes da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), e no artigo 144.14 e seguintes do seu regulamento, aprobado por Decreto 143/2016 (RLSG).

Analizada a documentación de setembro de 2021, subscrita polo arquitecto Isidro López Yáñez (Estudio Técnico Gallego, S.A.); e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. antecedentes.

1. O Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Outes foi aprobado definitivamente pola Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas do 11.1.2011.

2. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DXOTU) emitiu o 28.8.2017 informe de contestación no trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG.

3. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou o informe ambiental estratéxico sobre a modificación o 18.10.2017, resolvendo non sometela a avaliación ambiental estratéxica ordinaria, con determinacións en canto á volumetría e á protección do patrimonio cultural. No marco do proceso de consultas previas, consta:

• Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar, do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente: informe do 25.8.2017.

• Instituto de Estudos do Territorio: contestación do 22.9.2017.

• Dirección Xeral do Patrimonio Cultural: observacións e suxestións do 8.9.2017.

• O Servizo de Montes da Consellería de Medio Rural emitiu informe o 21.9.2017.

4. O Concello Pleno do 28.6.2018 aprobou inicialmente a MP. Foi sometida a información pública polo prazo de dous meses (La Voz de Galicia do 17.7.2018 e Diario Oficial de Galicia do 3.8.2018). Non se presentaron alegacións, segundo o certificado do 18.2.2020. Constan informes favorables ao documento de aprobación inicial, emitidos polo arquitecto técnico municipal o 24.2.2020 e o letrado municipal, o 24.2.2020, ao abeiro do artigo 60.6 da LSG.

5. No que afecta os informes sectoriais autonómicos e audiencia aos concellos limítrofes (artigo 60.7 da LSG), a DXOTU emitiu informe sobre o trámite o 31.1.2019:

1. Foron emitidos os seguintes informes sectoriais autonómicos:

• Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil: informe do 24.10.2018, no cal se indica a non necesidade de informe da Comisión Galega de Protección Civil.

• Axencia Galega de Infraestruturas: informe do 2.11.2018, favorable.

• Dirección Xeral de Patrimonio Cultural: informe do 16.1.2019, desfavorable; e do 18.9.2019, emitido favorable con condicións.

• Instituto de Estudos do Territorio: informe do 18.12.2018, sen obxeccións.

2. Solicitouse informe a Augas de Galicia e Portos de Galicia, que non foron emitidos en prazo.

3. Deuse audiencia aos concellos limítrofes de Brión, Mazaricos, Muros, Noia e Negreira, que non emitiron informes ou alegacións sobre a modificación.

6. Portos de Galicia emitiu o 8.4.2019 informe favorable.

7. En materia de informes sectoriais non autonómicos, no expediente consta:

• Informe da Delegación do Goberno en Galicia, do 17.1.2022.

• Informe estatal da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas, do 2.2.2022.

• Informe da Secretaría do Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais do 8.11.2021.

• Informes da Dirección Xeral da Costa e do Mar, do 23.2.2021 e do 27.7.2021.

8. A modificación foi aprobada provisionalmente polo Concello Pleno do 27.2.2020. Consta certificado do 18.2.2020, de non existencia de alegacións, e informe-proposta da Secretaría municipal do 19.2.2020, favorable á aprobación provisional.

9. O Concello solicitou a aprobación definitiva e achegou documentación que tivo entrada os días 8, 9 e 10.4.2020. O Servizo de Urbanismo da Coruña requiriu a emenda das deficiencias observadas o 25.5.2020 e o 6.8.2020. O Concello, en resposta aos anteriores, presentou documentación adicional con data 9.7.2020, 23.6.2022 e 1.8.2022.

10. Constan informes municipais favorables do arquitecto técnico, do 12.1.2022, e da Secretaría, do 17.1.2022.

11. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o 11.8.2022 informe favorable en materia de costas sobre a modificación.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

1. A modificación afecta terreos propiedade da mercantil Abeijón-Lago, S.L., titular do estaleiro situado no núcleo de Ribeira do Freixo, así como outros pertencentes ao dominio público marítimo-terrestre. En concreto, inclúe:

a) Unha franxa de 821 m2, contigua ao estaleiro existente.

b) O elemento catalogado no PXOM co código AC-18, a rampla asociada e o peirao tradicional existente, así como a súa zona de respecto e a do elemento OC-06.

2. Os terreos están clasificados no plan xeral (plano de clasificación xeral do solo e sistemas xerais 1/5000, folla C-21, e plano de cualificación do solo urbano de Ribeira do Freixo 1/1000, CU-3) como solo urbano, na categoría de consolidado.

O ámbito de 821 m2 está cualificado como zona 4, solo urbano residencial unifamiliar, illada ou pareada, e é contiguo a unha área cualificada como zona 5, industrial grao I, onde se sitúa o estaleiro.

O ámbito do elemento catalogado está cualificado na parte oeste como solo urbano zona 5, industrial grao I; e na parte leste como sistema xeral de servizos SRX-2 (zona portuaria do Freixo, administrada por Portos de Galicia) sobre o dominio público marítimo-terrestre. O elemento AC-18 é unha edificación tradicional de carpintería de ribeira catalogada con protección estrutural (nivel II), para a que se delimita unha área de respecto.

Ambos os ámbitos están afectados parcialmente pola servidume de protección de costas.

3. A modificación ten por obxecto:

a) A recualificación do ámbito de 821 m2 de zona 4 (residencial) a zona 5 (industrial) para facilitar a ampliación das instalacións do estaleiro sen trasladalo. O novo límite entre as zonas 4 e 5 sitúase a 16,80 m da aliñación da estrada.

b) A eliminación do elemento AC-18 do catálogo do PXOM, que desapareceu entre 2004 e 2010, antes da aprobación provisional; e a modificación da área de respecto do elemento OC-06 como consecuencia de tal supresión, modificacións que responden ao requirido ao respecto nos informes da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

c) Modifícase o artigo 8.6.1 da normativa, que regula a ordenanza industrial grao I, cunha alínea 4 sobre condicións de estética (paramentos exteriores da edificación, fachada tipo, cubertas, peches de parcela, rótulos, voos e urbanización interior da parcela).

d) Na ordenanza industrial grao I elimínase a regulación de peches de parcela no punto 4 (condicións estéticas) en conflito co punto 7 (outras condicións), así como a prohibición dos acabamentos en branco, seguindo o informe do Instituto de Estudos do Territorio do 18.12.2018. No punto 6 sobre usos, no ámbito recualificado para a ampliación do estaleiro, descártase a posibilidade de usos compatibles co industrial.

III. Análise e consideracións.

1. Razóns de interese público da modificación (artigo 83.1 e concordantes da LSG): a previsión de solo adecuado para usos produtivos que se acreditan necesarios e se sitúan sobre solo xa urbanizado contiguo, e adaptación do catálogo á realidade preexistente, pode considerarse como razón de interese público para xustificar a modificación do planeamento urbanístico (artigos 27 LSG e 20.1.b) do texto refundido da Lei de solo e rehabilitación urbana, aprobado polo Real decreto lexislativo 7/2015, en diante TRLSRU).

2. Plan de ordenación do litoral: os ámbitos da modificación están dentro da área abranguida polo Plan de ordenación do litoral aprobado polo Decreto 20/2011 (en diante POL). Non obstante, non lles resulta de aplicación por tratarse de solo urbano consolidado na ordenación vixente e proxectada (artigos 3.2 e 96.1 da normativa do POL).

3. Incidencia da modificación sobre a categorización do solo urbano e os sistemas: no punto II.5 da memoria queda xustificado que a modificación non supón unha actuación de dotación das sinaladas no artigo 17.b.3) da LSG.

4. Alteración do catálogo: o documento dá cumprimento ás condicións sinaladas no informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 18.9.2019, agás o erro no punto 6, relativo á prohibición dos usos distintos do industrial, prohibindo só os usos distintos dos compatibles mencionados nese artigo e deixando o uso industrial como o único posible.

5. Documentación.

A documentación está xeorreferenciada cun sistema xeodésico distinto ao ETRS89, de uso obrigatorio en Galicia desde o 1.1.2015, conforme a disposición transitoria 2ª do Real decreto 1071/2007, do 27 de xullo, polo que se regula o sistema xeodésico de referencia oficial en España, o que cómpre corrixir de acordo coa disposición transitoria 2ª da Orde do 10.10.2019, pola que se aproban as normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia.

A competencia para resolver a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60.16, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da consellería.

IV. Resolución.

En consecuencia, e ao abeiro do disposto nos artigos 83 e 60.16 da LSG,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Outes, para a ampliación da ordenanza de solo industrial no núcleo urbano da Ribeira do Freixo, coa condición de que no punto 6 do artigo 8.6.1 da normativa, onde di: «(...) descártase a posibilidade de calqueroutro uso compatible co industrial» debe dicir « (...) descártase a posibilidade de calqueroutro distinto do industrial».

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e as ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.