Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Luns, 12 de decembro de 2022 Páx. 62810

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

DECRETO 207/2022, do 24 de novembro, polo que se declara a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto denominado Senda peonil en Coroso, no termo municipal de Ribeira (A Coruña).

O Concello de Ribeira (A Coruña), en sesión que tivo lugar o día 30 de maio de 2022, acordou solicitarlle á Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa do proxecto denominado Senda peonil en Coroso, ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

O 18 de outubro de 2022 tivo entrada no Rexistro da Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia a solicitude do Concello de Ribeira (A Coruña) e o expediente. Con data do 28 de outubro de 2022 o Concello achegou documentación complementaria coa súa solicitude inicial. O expediente contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

O expediente tratouse na Comisión de Secretarios Xerais previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que a actuación que se vai realizar, consistente na construción dunha senda peonil, ademais de servir para a recuperación ambiental da zona de actuación, servirá para acceder ao paseo de Coroso de forma que os viandantes, en lugar de transitar pola AC-305, que é a vía principal de acceso ao centro urbano do municipio, cun tráfico moi intenso, circularían por unha zona peonil nunhas condicións moito máis seguras. Unha zona residencial As Saíñas, a avenida da Paz e un tramo da avenida da Coruña quedarían conectadas coa zona escolar (CIFP Coroso e a Escola Oficial Náutico-Pesqueira) e co centro urbano a través do paseo de Coroso. Evitaríase así o tránsito por unha zona perigosa pola súa intensidade no tráfico de vehículos e garantindo unha maior seguridade no acceso tanto a zonas escolares como ao centro urbano do municipio.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle á Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia. En virtude da transferencia de competencias en materia de Administración local do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia realizada polo Decreto da Xunta 138/1982, do 1 de decembro, o Consello da Xunta é o competente para aprobar a declaración de urxente ocupación.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte e catro de novembro de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo único

De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto denominado Senda peonil en Coroso, no termo municipal de Ribeira (A Coruña). De ser o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, deberanse obter as autorizacións que sexan necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, vinte e catro de novembro de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes