Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Venres, 9 de decembro de 2022 Páx. 62661

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 7 de decembro de 2022 pola que se amplía o crédito orzamentario existente para a concesión das axudas previstas na Orde do 29 de setembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións Xempre Emprendemento para apoiar iniciativas de emprendemento e se procede á súa convocatoria para a anualidade de 2022 (código do procedemento TR880A).

A Orde do 29 de setembro de 2022, publicada no DOG núm. 187, do 30 de setembro, relativa á concesión de axudas para as persoas traballadoras autónomas e as pequenas e medianas empresas, incluídas as cooperativas e sociedades laborais, que estivesen de alta e iniciasen a súa actividade económica desde o 1 de xaneiro de 2020 no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, ten a finalidade de facilitar as iniciativas de emprendemento, contribuíndo ao incremento da súa actividade económica, a súa competitividade e, en definitiva, a manter empregos de calidade, a través do apoio ao financiamento do investimento realizado e pagado entre o 1 de xaneiro de 2022 ata a data da presentación da solicitude.

As subvencións reguladas nesta orde fináncianse con cargo á aplicación orzamentaria 11.04.322C.770.2 (proxecto 2022 00087), cun crédito inicial de dous millóns oitocentos vinte e cinco mil euros (2.825.000 €).

O 4 de novembro de 2022, no DOG núm. 210, publícase a Orde do 2 de novembro de 2022 pola que se modifica parcialmente a Orde do 29 de setembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións Xempre Emprendemento para apoiar iniciativas de emprendemento e se procede á súa convocatoria para a anualidade de 2022 (código de procedemento TR880A), co fin de incluír expresamente, no artigo 4.4 da orde, a posibilidade de ampliar o crédito das subvencións Xempre Emprendemento.

Dado o elevado volume de solicitudes de subvencións presentadas, coa finalidade de facer partícipe da subvención o maior número de beneficiarios posibles, cómpre ampliar o importe do créditos destinado á concesión das subvencións Xempre Emprendemento para apoiar iniciativas de emprendemento.

Consecuentemente con todo o anteriormente exposto, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Ampliación de crédito

1. Amplíase o importe total do crédito destinado ás subvencións que se concederán ao abeiro da Orde do 29 de setembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións Xempre Emprendemento para apoiar iniciativas de emprendemento e se procede á súa convocatoria para a anualidade de 2022 (código do procedemento TR880A), modificada pola Orde do 2 de novembro de 2022.

O importe total do crédito, que se financiará con cargo á aplicación orzamentaria 11.04.322C.770.2, é de 11.089.300,32 €, e corresponde ao código de proxecto 2017 00021 1.581.935,44 € e ao código de proxecto 2022 00087, 9.507.364.88 €.

2. A publicación desta orde non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Disposición derradeira única Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2022

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade