Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Venres, 2 de decembro de 2022 Páx. 61939

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

DECRETO 202/2022, do 10 de novembro, polo que se regula a composición e o funcionamento do Consello de Centros Museísticos de Galicia.

De conformidade co artigo 27.18 do Estatuto de autonomía de Galicia, correspóndelle á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva en materia de patrimonio histórico, artístico, arquitectónico, arqueolóxico, de interese de Galicia, sen prexuízo do que dispón o artigo 149.1.28 da Constitución; arquivos, bibliotecas e museos de interese para a Comunidade Autónoma, e que non sexan de titularidade estatal; conservatorios de música e servizos de Belas Artes de interese para a Comunidade Autónoma.

Así mesmo, segundo o previsto no artigo 27.19 do Estatuto de autonomía de Galicia, a Comunidade Autónoma ten competencia exclusiva en materia de fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2 da Constitución.

No exercicio das ditas competencias promulgouse a Lei 7/2021, do 17 de febreiro, de museos e outros centros museísticos de Galicia, que ten por obxecto a regulación dos centros museísticos de interese para Galicia, así como a regulación do Sistema galego de centros museísticos, presidido polos principios de coordinación, colaboración e complementariedade, cuxo fin é a mellora da organización e funcionamento dos centros que o integran.

A nova lei supón un paso máis na necesidade de avanzar cara a definición dun marco normativo máis amplo e completo do sector. Para estes efectos, regúlanse tres categorías específicas de centros, os museos, as coleccións museográficas e os centros de interpretación do patrimonio cultural, desde unha perspectiva que vai máis aló da tradicional concepción de institucións de depósito e exhibición do patrimonio, para adentrarse tamén na súa dimensión social, científica, pedagóxica e económica.

A regulación da Lei 7/2021, do 17 de febreiro, de museos e outros centros museísticos de Galicia, recolle, non só a definición, funcións e deberes dos centros, senón que introduce por primeira vez unha regulación completa sobre aspectos que teñen que ver co seu funcionamento, ademais do seu papel como interlocutores en diálogo permanente coa sociedade.

A lei regula no seu título II o Sistema galego de centros museísticos, cunha estrutura organizativa composta por un órgano administrativo de dirección e coordinación, que se corresponde coa consellería competente en materia de centros museísticos, un órgano colexiado asesor e finalmente os distintos tipos de centros, públicos ou privados, que, de conformidade co previsto no artigo 11 da lei, pasen a integrarse no Sistema.

O artigo 10 crea o Consello de Centros Museísticos de Galicia como órgano colexiado asesor do Sistema galego de centros museísticos, adscrito á consellería con competencias en materia de centros museísticos, e regula as súas funcións e composición, prevendo que a designación dos seus vogais terá lugar entre persoas vinculadas ao ámbito cultural e museístico da Comunidade Autónoma de Galicia, con criterios de pluralidade e representatividade das distintas modalidades de centros que regula a lei. O dito precepto establece tamén que na composición do Consello de Centros Museísticos de Galicia procurarase a presencia equilibrada entre homes e mulleres.

A lei prevé, así mesmo, que o Consello de Centros Museísticos de Galicia rexerase polo disposto na mesma e na correspondente norma regulamentaria de desenvolvemento, así como polo previsto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia e na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Este decreto dá cumprimento ao previsto no artigo 10 da Lei 7/2021, do 17 de febreiro, de museos e outros centros museísticos de Galicia e resulta necesario para poñer en marcha o Consello de Centros Museísticos de Galicia, dotándoo da seguridade xurídica necesaria para o seu funcionamento. Deste xeito, propíciase a posta en marcha efectiva dun órgano no que estará representado todo o sector museístico de Galicia e que resultará esencial para o asesoramento de cuestións que impactarán na mellora do seu funcionamento e visibilidade.

A norma responde aos principios recollidos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico. O obxecto da regulación responde á satisfacción dun interese xeral, coa debida proporcionalidade, eficacia e eficiencia, necesidade, seguridade xurídica, transparencia, accesibilidade e simplicidade.

A tramitación deste decreto cumpriu coas exixencias de orde procedemental e realizouse de conformidade coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e coa Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Durante a súa tramitación posibilitouse a participación da cidadanía a través do proceso de consulta pública previa e posterior exposición pública, conforme ao principio de transparencia que debe presidir a dita tramitación. Así mesmo, foi sometido aos informes requiridos polo vixente marco xurídico.

O decreto estrutúrase en quince artigos, organizados nun título preliminar de disposicións xerais e outros dous títulos referidos á composición e ao funcionamento do consello, respectivamente, tres disposicións adicionais, unha derrogatoria e dúas derradeiras.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, de acordo co Consello Consultivo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de novembro de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

TÍTULO PRELIMINAR

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por obxecto regular a composición e o funcionamento do Consello de Centros Museísticos de Galicia que, de conformidade co artigo 10.1 da Lei 7/2021, do 17 de febreiro, de museos e outros centros museísticos de Galicia, é o órgano colexiado asesor do Sistema galego de centros museísticos, adscrito á consellería con competencias en materia de centros museísticos.

Artigo 2. Réxime xurídico

De acordo co artigo 10.4 da Lei 7/2021, do 17 de febreiro, o Consello de Centros Museísticos de Galicia rexerase, ademais de polo disposto na dita lei e neste decreto, polo previsto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, así como na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Artigo 3. Funcións

De acordo co artigo 10.3 da Lei 7/2021, do 17 de febreiro, son funcións do Consello de Centros Museísticos de Galicia as seguintes:

a) Emitir informe sobre os regulamentos que se diten en desenvolvemento da Lei 7/2021, do 17 de febreiro, de museos e outros centros museísticos de Galicia.

b) Emitir informe sobre a creación, modificación ou supresión de centros museísticos de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Emitir informe sobre os plans relacionados coa política museística de Galicia.

d) Propor actuacións e iniciativas para o mellor funcionamento do Sistema galego de centros museísticos.

e) Emitir informe sobre calquera outro tipo de cuestións de índole museística que poida formular a consellería con competencias en materia de centros museísticos.

f) Impulsar a aplicación do principio de igualdade entre mulleres e homes con carácter transversal nas funcións atribuídas ao Consello.

g) Aquelas outras funcións que lle foren atribuídas polas leis.

TÍTULO I

Composición do Consello

Artigo 4. Composición

De conformidade co disposto no artigo 10.2 da Lei 7/2021, do 17 de febreiro, de museos e outros centros museísticos de Galicia, o Consello de Centros Museísticos de Galicia estará composto por:

a) A presidencia, que corresponderá á persoa titular da consellería con competencias en materia de centros museísticos.

b) A vicepresidencia, que corresponderá á persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de centros museísticos.

c) A secretaría, que corresponderá á persoa titular do servizo con competencias en materia de centros museísticos.

d) Oito vogalías, que serán designadas pola persoa titular da consellería con competencias en materia de centros museísticos entre persoas vinculadas ao ámbito cultural e museístico da Comunidade Autónoma de Galicia, con criterios de pluralidade e representatividade das distintas modalidades de centros que regula a Lei 7/2021, do 17 de febreiro, de acordo coa seguinte distribución:

1º. A persoa titular da subdirección xeral con competencias en materia de centros museísticos.

2º. Unha persoa en representación dos centros museísticos de titularidade e/ou xestión pública autonómica, proposta pola persoa titular do órgano directivo con competencias en materia de centros museísticos.

3º. Unha persoa en representación dos centros museísticos das entidades locais, proposta pola Federación Galega de Municipios e Provincias.

4º. Unha persoa en representación do Consello da Cultura Galega ou da Real Academia Galega de Belas Artes Nuestra Señora del Rosario, por proposta do órgano superior de cada institución. Establécese a rotación de cada órgano, coa prelación indicada, por cada período de renovación.

5º. Unha persoa en representación das universidades públicas do Sistema universitario de Galicia, proposta polo Consello Galego de Universidades. Establecerase unha rotación entre as tres universidades na seguinte orde: Universidade de Santiago de Compostela, Universidade da Coruña e Universidade de Vigo, por cada período de renovación.

6º. Unha persoa en representación dos centros museísticos de titularidade privada, proposta pola persoa titular do órgano directivo competente en materia de centros museísticos. Establecerase unha rotación entre os distintos centros por cada período de renovación.

7º. Unha persoa en representación das fundacións, asociacións e entidades de dereito público ou privado, de carácter profesional, político, sindical, cultural, educativo ou relixioso de Galicia, por proposta da persoa titular do órgano directivo competente en materia de centros museísticos. Establecerase unha rotación entre as ditas entidades, fundacións e asociacións por cada período de renovación.

8º. Unha persoa de recoñecido prestixio no ámbito museístico, proposta pola persoa titular do órgano directivo competente en materia de centros museísticos.

Na composición do Consello de Centros Museísticos de Galicia procurarase unha presenza equilibrada entre homes e mulleres.

Artigo 5. A presidencia

1. Correspóndelle á persoa que desempeña a presidencia:

a) Representar ao Consello de Centros Museísticos de Galicia.

b) Acordar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias e a fixación da orde do día, tendo en conta, de ser o caso, as peticións das demais persoas membros formuladas coa suficiente antelación.

c) Presidir as sesións, moderar o desenvolvemento dos debates e suspendelos por causas xustificadas.

d) Dirimir co seu voto os empates, para os efectos de adoptar acordos.

e) Asegurar o cumprimento das leis.

f) Visar as actas e as certificacións dos acordos do órgano.

g) Exercer cantas outras funcións sexan inherentes á condición da presidencia do órgano.

2. En caso de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, a persoa que exerza a presidencia será substituída pola que exerza a vicepresidencia e, no seu defecto, pola persoa membro do consello que designe a persoa titular da consellería competente en materia de centros museísticos.

Artigo 6. A vicepresidencia

1. Corresponde á vicepresidencia auxiliar á presidencia no exercicio das súas funcións e realizar cantas outras lle sexan especificamente encomendadas por aquela.

2. En caso de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, a persoa que exerza a vicepresidencia será substituída pola persoa membro do consello que designe a persoa titular da consellería competente en materia de centros museísticos.

Artigo 7. A secretaría

1. Correspóndelle á persoa que exerce a secretaría do Consello:

a) Asistir ás reunións con voz e con voto.

b) Efectuar a convocatoria das sesións do órgano por orde da súa presidencia, así como as citacións ás persoas membros.

c) Recibir os actos de comunicación das persoas membros co órgano e, polo tanto, as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos dos que deba ter coñecemento.

d) Preparar o despacho dos asuntos e redactar e autorizar as actas das sesións.

e) Expedir certificacións das consultas, ditames e acordos aprobados.

f) Dirixir e conservar o rexistro, arquivo e documentación do Consello.

g) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de secretario ou secretaria.

2. A persoa que exerza a secretaría redactará acta de cada sesión. As actas aprobaranse na mesma ou na seguinte sesión; non obstante, a persoa que exerza a secretaría poderá emitir certificacións sobre os acordos específicos que foran adoptados, sen prexuízo da aprobación posterior da acta. Nas certificacións de acordos adoptados emitidas con anterioridade á aprobación da acta farase constar expresamente tal circunstancia.

3. En caso de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, a persoa que exerza a secretaría será substituída por unha persoa funcionaria designada pola presidencia.

Artigo 8. As vogalías

1. As persoas titulares das vogalías deberán asistir ás sesións do Pleno e, de ser o caso, ás da Comisión Permanente. Se non lles fose posible asistir, deberán comunicalo á presidencia do Pleno ou da Comisión Permanente, segundo o caso, e tamén ao órgano ou á entidade que representen.

2. En caso de ausencia ou enfermidade e, en xeral, cando concorra algunha causa xustificada, as persoas titulares das vogalías poderán ser substituídas polas persoas suplentes que se designarán da mesma forma que aquelas.

No caso da persoa titular da subdirección xeral competente en materia de centros museísticos, a persoa suplente será designada pola presidencia entre subdirectores/as xerais do centro directivo competente en materia de cultura.

Artigo 9. Duración do mandato das persoas membros do Consello de Centros Museísticos de Galicia e causas de cesamento

1. As persoas que ostenten a condición de membro do Consello de Centros Museísticos de Galicia por razón do seu cargo, perderán a dita condición cando cesen no cargo.

2. O resto das persoas membros cesarán polas seguintes causas:

a) Pola finalización do mandato, que terá unha duración de catro anos e que poderá ser renovado por idénticos períodos de tempo, sen prexuízo do disposto no artigo 4 para as vogalías respecto das cales se establece a súa rotación. Unha vez finalizado o seu mandato, permanecerán no desempeño das súas funcións ata o nomeamento das novas persoas membros.

b) Incapacidade permanente, física ou mental, que inhabilite para o exercicio das funcións inherentes á condición de membro do órgano colexiado, ou falecemento.

c) Perda das condicións que determinaron o seu nomeamento.

d) Renuncia.

e) Remoción por incumprimento grave das súas obrigas.

De se producir algunha das causas relacionadas anteriormente, a nova persoa membro designada ostentará esta condición durante o tempo que reste ata o remate da duración do mandato.

3. A competencia para acordar o cesamento correspóndelle á persoa titular da consellería competente en materia de centros museísticos.

Artigo 10. Obrigas e dereitos das persoas membros

Corresponde aos membros do Consello de Centros Museísticos de Galicia:

a) Recibir, cunha antelación mínima de corenta e oito horas, a convocatoria que conteña a orde do día das reunións. A información sobre os temas que figuren na orde do día estará á disposición dos membros coa antelación referida.

b) Participar nos debates das sesións.

c) Exercer o seu dereito ao voto e formular o seu voto particular, así como expresar o sentido do seu voto e os motivos que o xustifican.

d) Non absterse nas votacións aquelas persoas que pola súa calidade de autoridades ou persoal ao servizo das administracións públicas teñan a condición de membros de órganos colexiados.

e) Formular rogos e preguntas.

f) Obter a información precisa para cumprir as funcións asignadas.

g) Manter o segredo das deliberacións.

h) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición.

TÍTULO II

Funcionamento do Consello

Artigo 11. Funcionamento

1. O Consello de Centros Museísticos de Galicia funcionará en pleno ou en comisión permanente e poderá establecer grupos de traballo específicos por razón da materia.

2. O Consello de Centros Museísticos de Galicia rexerase, en canto á súa convocatoria, deliberacións e adopción de acordos, polo disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, así como polo disposto neste decreto.

Artigo 12. O Pleno

1. O Pleno do Consello de Centros Museísticos de Galicia estará composto polas persoas que ocupen os cargos da presidencia, vicepresidencia, secretaría e as oito vogalías.

2. Son funcións do Pleno do Consello as seguintes:

a) O exercicio das funcións do Consello previstas no artigo 10.3 da Lei 7/2021, do 17 de febreiro, de museos e outros centros museísticos de Galicia.

b) Propoñer modificacións do presente decreto, que elevará ao órgano superior da consellería competente en materia de centros museísticos.

c) Acordar a formación de grupos de traballo específicos.

Artigo 13. Sesións do Pleno

1. O Pleno do Consello de Centros Museísticos de Galicia reunirase en sesión ordinaria unha vez ao ano, ou en sesión extraordinaria por acordo da persoa titular da presidencia, sexa por iniciativa propia ou sexa por solicitude dun terzo das persoas membros.

2. Para a válida constitución do órgano, para os efectos da celebración de sesións, deliberacións e toma de acordos, requirirase a asistencia das persoas que exerzan a presidencia e a secretaría, ou daquelas que as substitúan, e da metade, polo menos, das persoas membros en primeira convocatoria e dun terzo das persoas membros en segunda convocatoria.

3. Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, agás que asistan todas as persoas membros do órgano colexiado e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

4. Os acordos serán adoptados por maioría simple de votos das persoas membros asistentes en cada sesión, e decidirá, en caso de empate, o voto de calidade da persoa titular ou suplente da presidencia.

5. A presidenta ou presidente poderá invitar a participar nas reunións do pleno, con voz pero sen voto, persoas expertas en temas concretos incluídos na orde do día.

Artigo 14. A Comisión Permanente

1. A Comisión Permanente será o órgano de apoio ao Pleno do Consello de Centros Museísticos de Galicia.

2. Estará integrada pola persoa titular da vicepresidencia, que a presidirá, pola titular da subdirección xeral con competencias en materia de centros museísticos e a persoa titular da presidencia de cada grupo de traballo que se cree. Actuará como secretaria a persoa que exerza a secretaría do Pleno do Consello, con voz pero sen voto.

3. Son funcións da Comisión Permanente as seguintes:

a) Propoñer á presidencia os asuntos que se deben incluír na orde do día das reunións do Pleno.

b) Formular informes e propostas de actuación.

c) Elevarlle ao Pleno os informes e propostas de actuación propias ou dos grupos de traballo.

d) Coordinar aos grupos de traballo.

e) Estudar os asuntos que se elevarán ao Pleno.

f) Executar os acordos adoptados polo Pleno.

g) Calquera outra función que lle encomende ou delegue o Pleno.

Artigo 15. Grupos de traballo

1. Constituiranse grupos de traballo específicos en razón da materia ou da tipoloxía de centros museísticos. A constitución acordarase polo Pleno logo da proposta da presidencia, formulada por iniciativa propia ou por iniciativa da Comisión Permanente.

2. O acordo de constitución establecerá a finalidade, a duración, que poderá ser indefinida, as persoas membros que a integren, así como a designación das persoas que desempeñarán a presidencia e secretaría do grupo de traballo, os medios persoais e materiais de que disporán e, de ser o caso, o prazo para a realización do seu traballo.

3. Os estudos e informes realizados polos grupos de traballo, serán supervisados pola Comisión Permanente que, de ser o caso, os elevará ao Pleno para sometelos á súa deliberación e votación.

4. Para a formación destes grupos de traballo poderase solicitar a colaboración de especialistas, de carácter interno ou externo á Administración autonómica, cando as particulares circunstancias o requiran, de forma motivada. Estas persoas serán designadas pola presidencia do Consello.

5. Na composición dos grupos de traballo procurarase acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes.

Disposición adicional primeira. Prazo de constitución

O Consello de Centros Museísticos de Galicia constituirase no prazo de tres meses, contados desde a entrada en vigor deste decreto.

Disposición adicional segunda. Proposta de designación de vogalías

As entidades ás que corresponda formular proposta para a designación de vogalías do Consello de Centros Museísticos de Galicia de conformidade co establecido no artigo 4, serán requiridas para estes efectos pola consellería con competencias en materia de centros museísticos. O prazo para comunicar a dita proposta será dun mes a contar desde o día seguinte ao da recepción do requirimento.

Disposición adicional terceira. Impacto económico para a Administración autonómica

A condición de persoa membro do Consello de Centros Museísticos de Galicia e a participación no Pleno ou nos grupos de traballo de persoas expertas ou especialistas non xerará dereitos económicos aos seus membros nin indemnizacións por asistencia.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas normas de igual ou inferior rango sexan contrarias ao contido deste decreto.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase á persoa titular da consellería con competencias en materia de centros museísticos para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de novembro de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades