Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Martes, 29 de novembro de 2022 Páx. 61557

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 21 de novembro de 2022 pola que se modifica a Resolución do 29 de decembro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para a creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo e ámbitos territoriais vinculados aos instrumentos de recuperación da terra agraria, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se anuncia a convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento MR711D).

O 6 de xuño de 2022 a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural resolveu o procedemento para a concesión das axudas tramitado ao abeiro da Resolución do 29 de decembro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para a creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo e ámbitos territoriais vinculados aos instrumentos de recuperación da terra agraria, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se anuncia a convocatoria para o ano 2022 (DOG núm. 16, do 25 de xaneiro de 2022), modificada pola Resolución do 22 de febreiro de 2022 (DOG núm. 39, do 25 de febreiro).

Mediante a Resolución do 13 de xullo de 2022 (DOG núm. 136, do 18 de xullo) modificouse a Resolución do 29 de decembro de 2021 co fin, por unha banda, de prever a posibilidade de tramitar pagamentos anticipados e, por outra, para ampliar o prazo límite de execución dos investimentos subvencionados ata o 10 de decembro de 2022.

Estando os investimentos en fase de execución, e considerando nalgúns casos posibles demoras no ritmo de execución das obras e eventuais atrasos de carácter administrativo derivados da obtención dos permisos e autorizacións legalmente exixibles para a súa execución, cómpre prever unha nova ampliación do prazo de xustificación que permita, en calquera caso, a verificación do cumprimento dos requisitos fixados nas bases reguladoras dentro do exercicio orzamentario correspondente.

Tendo en conta o anterior, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, no exercicio das competencias delegadas polo Acordo do Consello de Dirección da Axencia, do 11 de xullo de 2013, feito público mediante a Resolución do 24 de xullo de 2013 (DOG núm. 148, do 5 de agosto),

RESOLVO:

Artigo único. Modifícase a Resolución do 29 de decembro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para a creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo e ámbitos territoriais vinculados aos instrumentos de recuperación da terra agraria, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se anuncia a convocatoria para o ano 2022 nos seguintes termos:

Un. Modifícase o artigo 5, que queda redactado como segue:

«O prazo límite para executar e xustificar os investimentos correspondentes á anualidade 2022 será o 15 de decembro de 2022».

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, ou recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, ao abeiro do artigo 10.1.a) da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da citada publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2022

Inés Santé Riveira
Directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural