Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Venres, 25 de novembro de 2022 Páx. 61094

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 17 de novembro de 2022 pola que se modifican a Resolución do 5 de outubro de 2020 pola que aproba o Plan de auditoría das federacións deportivas de Galicia para o período 2021/2024 e pola que se establece o procedemento para a presentación do informe de auditoría das contas anuais (código de procedemento PR947B), e a Resolución do 23 de maio de 2022, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se determinan as federacións deportivas que teñen que presentar informe de auditoría das contas anuais de 2021 e auditorías operativas.

Consonte o establecido no artigo 57.1 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, a Administración deportiva autonómica ten atribuída a competencia de realizar ou solicitar auditorías financeiras ou de xestión ou operativas ás federacións deportivas galegas. Na liña da referida previsión, o artigo 37.2 do Decreto 85/2014, do 3 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, recolle que deberán presentar no Rexistro «(...) un informe de auditoría das súas contas anuais aquelas federacións deportivas galegas que resulten obrigadas conforme o plan de auditorías aprobado pola Administración deportiva autonómica a inicios de cada exercicio. Anualmente incorporarase ao plan unha porcentaxe de federacións, de forma que, cada catro anos, todas presenten o dito informe».

A través da Resolución do 5 de outubro de 2020, da Secretaría Xeral para o Deporte, aprobouse o Plan de auditoría das federacións deportivas de Galicia para o período 2021/2024, e a través da Resolución do 23 de maio de 2022, da Secretaría Xeral para o Deporte, concrétanse cales son as federacións obrigadas a presentar auditoría das súas contas correspondentes ao exercicio 2021, así como as auditorías operativas ou de xestión.

Tal e como se recolle na Resolución do 23 de maio de 2022, para a realización dos informes de auditoría a Secretaría Xeral para o Deporte iniciará un procedemento de contratación. Neste sentido, e co obxecto de dotar da estabilidade necesaria os procesos de auditoría, desde a Secretaría Xeral para o Deporte licitouse un acordo marco por un período de tres anos. Non obstante, non foi posible rematar o proceso de contratación ata o mes de setembro de 2022, polo que o período que resta do exercicio corrente non permite a realización de todas as auditorías previstas inicialmente. Con este obxecto, e tendo en conta que todas as federacións obrigadas anualmente, segundo o Plan de auditoría das federacións deportivas de Galicia para o período 2021/2024, foran auditadas en 2021, cómpre modificar as resolucións do 5 de outubro de 2020 e do 23 de maio de 2022 no sentido de posibilitar que a Secretaría Xeral para o Deporte, debido a causas motivadas, poida exonerar as federacións deportivas obrigadas a presentar o informe de auditoría das contas anuais polas causas establecidas no artigo 4.1.a), manténdose a obrigatoriedade para as que teñan en vigor un plan de viabilidade aprobado polo departamento autonómico con competencias no ámbito deportivo e aquelas federacións que no informe de auditoría inmediatamente anterior obtivesen unha opinión con excepcións, desfavorable ou denegada.

Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas polo Decreto 60/2022, do 15 de maio, polo que se nomean os titulares das vicepresidencias e consellerías da Xunta de Galicia, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modifícase a Resolución do 5 de outubro de 2020 pola que aproba o Plan de auditoría das federacións deportivas de Galicia para o período 2021/2024 e pola que se establece o procedemento para a presentación do informe de auditoría das contas anuais (código de procedemento PR947B)

Único. Engádese un punto 4 ao artigo 4 da Resolución do 5 de outubro de 2020 coa seguinte redacción:

«4. Non obstante o disposto no punto 1.a) deste artigo, na resolución anual pola que se determinen as federacións deportivas que teñan que presentar informe de auditoría das súas contas anuais, a Secretaría Xeral para o Deporte poderá exceptuar desta obriga cando concorran causas motivadas».

Artigo 2. Modifícase a Resolución do 23 de maio de 2022, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se determinan as federacións deportivas que teñen que presentar informe de auditoría das contas anuais de 2021 e auditorías operativas

Primeiro. O artigo 2 da Resolución do 23 de maio de 2022 queda redactado como segue:

«Artigo 2. Auditorías das contas anuais

Deberán presentar o informe de auditoría das contas anuais de 2021 as seguintes federacións deportivas galegas:

Federación Galega de Automobilismo.

Federación Galega de Bolos.

Federación Galega de Boxeo.

Federación Galega de Ciclismo.

Federación Galega de Columbofilia.

Federación Galega de Deportes de Inverno.

Federación Galega de Deportes Autóctonos.

Federación Galega de Halterofilia.

Federación Galega de Kickboxing.

Federación Galega de Pesca e Cásting.

Federación Galega de Piragüismo.

Federación Galega de Salvamento e Socorrismo.

Federación Galega de Squash.

Federación Galega de Taekwondo.

Federación Galega de Tenis de Mesa.

Federación Galega de Tiro ao Voo».

Segundo. Elimínase o artigo 4 da Resolución do 23 de maio de 2022.

Artigo 3. Recursos

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderanse interpoñer os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. Recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral para o Deporte para ditar, no ámbito das súas competencias, cantos actos e medidas sexan precisos para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2022

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes