Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Xoves, 24 de novembro de 2022 Páx. 60928

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 18 de novembro de 2022 pola que se fai público o incremento do crédito das axudas previstas na Orde do 30 de decembro de 2020 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o funcionamento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social, e se procede á súa convocatoria para os anos 2021 e 2022 (código de procedemento BS420A).

A Orde do 30 de decembro de 2020 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o funcionamento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social, e se procede á súa convocatoria para os anos 2021 e 2022 (código de procedemento BS420A) establece no seu artigo 2 que ás axudas que se establecen no seu articulado se destina un orzamento total de 7.510.934,00 €, que se imputarán á aplicación orzamentaria 13.02.312B.481.3, no ano 2021 na cantidade de 4.586.904,00 € e no ano 2022 na cantidade de 2.924.030,00 €.

A devandita orde establece ademais que, de conformidade co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se poderá ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

De conformidade co exposto, mediante a Orde do 9 de abril de 2021 faise público o incremento do crédito das axudas previstas na Orde do 30 de decembro de 2020 nun total de 750.000,00 €, distribuído nas dúas anualidades, no ano 2021 a cantidade de 400.000,00 € e no ano 2022 a cantidade de 350.000,00 €.

Por outra banda, no Diario Oficial de Galicia número 218, do 12 de novembro de 2021, publicase a Orde do 4 de novembro de 2021 pola que se modifica a Orde do 30 de decembro de 2020, co obxecto de incrementar a contía dos módulos establecidos no número 2 do artigo 4, referido ao tipo de axudas e contías nun 7,5 % para promover que as entidades beneficiarias destas axudas poidan continuar mantendo a viabilidade das escolas infantís e manter o servizo nunhas condicións óptimas que permitan compensar a diminución da contribución das familias ao sostemento dos gastos do centro e o incremento experimentado polos prezos das subministracións e outros gastos correntes que repercuten nos custos das prazas.

Coa modificación abriuse dun novo prazo de presentación de solicitudes que promoveu a concorrencia de entidades que non acudiron á primeira convocatoria e foron de aplicación as bases establecidas na dita Orde do 30 de decembro de 2020.

Dada a insuficiencia de crédito da Orde do 30 de decembro de 2020 para facer fronte ao importe que supón atender o aumento do número de alumnado matriculado nestas escolas e vista a existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo a créditos incluídos no mesmo programa, parece oportuno incrementar o crédito novamente na anualidade 2022 para atender esa maior demanda de prazas. Posto que existe crédito dispoñible na aplicación orzamentaria 13.02.312B.481.3, ao abeiro do establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, cómpre proceder ao novo incremento. Preténdese así dar cumprimento a un dos obxectivos do Programa de apoio á natalidade posto en marcha pola Xunta de Galicia, que é facilitar á cidadanía o acceso a recursos de educación infantil de calidade, dado que constitúen un piar esencial para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

RESOLVO:

Artigo único. Incremento dos créditos

Increméntase o crédito destinado ao financiamento das axudas previstas na Orde do 30 de decembro de 2020 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o funcionamento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social, e se procede á súa convocatoria para os anos 2021 e 2022 (código de procedemento BS420A). O importe total do incremento que se realizará é o seguinte:

Aplicación orzamentaria

Ano 2022

13.02.312B.481.3

38.700,00 €

A publicación desta orde non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2022

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude