Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Xoves, 17 de novembro de 2022 Páx. 59595

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 14 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta do 3 de novembro de 2022 polo que se aproba o Acordo do 28 de outubro de 2022 entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais SPJ-USO, STAJ, AXG-CUT, UGT, CIG E CC.OO. para o desenvolvemento do sistema transitorio de recoñecemento da progresión na traxectoria profesional do persoal ao servizo da Administración de xustiza.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 3 de novembro de 2022, aprobou o Acordo do 28 de outubro de 2022 entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais SPJ-USO, STAJ, AXG-CUT, UGT, CIG e CC.OO. para o desenvolvemento do sistema transitorio de recoñecemento da progresión na carreira profesional do persoal ao servizo da Administración de xustiza en Galicia.

Para xeral coñecemento procédese á publicación do referido acordo, polo que,

RESOLVO:

Dar publicidade ao Acordo do Consello da Xunta do 3 de novembro de 2022 que a continuación se transcribe.

«Acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais SPJ-USO, STAJ, AXG-CUT, UGT, CIG e CC.OO. para o desenvolvemento do sistema transitorio de recoñecemento da progresión na traxectoria profesional do persoal ao servizo da Administración de xustiza.

Reunidos:

Pola Xunta de Galicia,

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni Albert.

Polas organizacións sindicais,

SPJ-USO: Julio Bouza Bouza.

STAJ: Enrique Araújo Martínez.

AXG-CUT: Pablo Valeiras Ríos.

UGT: Sergio Riveiros Rico.

CIG: Óscar Freixedo Beltrán.

CC.OO.: Jorge Juan Suárez Fernández.

EXPOÑEN:

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 24 de maio de 2018, aprobou o Acordo do 23 de maio de 2018 entre a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e as organizacións sindicais SPJ-USO, UGT e CC.OO. para a mellora das condicións de traballo do persoal ao servizo da Administración de xustiza en Galicia. A cláusula décima do acordo recolle o compromiso da Xunta de Galicia de estudar, a través dunha mesa específica de negociación, a implantación, dentro do marco lexislativo, dun sistema de carreira profesional para os funcionarios da Administración de xustiza en Galicia, para o que se poderá ter en conta a implantación da nova oficina xudicial de Galicia no marco da modernización da Administración de xustiza na nosa Comunidade Autónoma.

A Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas de Galicia, na súa disposición adicional única (Sistema de carreira profesional para os funcionarios de Xustiza), estableceu, así mesmo, que a Xunta de Galicia estudará a implantación dun sistema de carreira profesional para os funcionarios de Xustiza, dentro do respecto á normativa aplicable do Estado e a través da mesa sectorial de negociación específica, e que o dito sistema poderá ter en conta a implantación da nova oficina xudicial de Galicia no marco da modernización da Administración de xustiza na nosa Comunidade Autónoma.

Mediante a Orde do 15 de xaneiro de 2019 publícase o Acordo de concertación do emprego público de Galicia, cuxa sección segunda recolle o sistema de carreira profesional, que non é aplicable para o persoal ao servizo da Administración de xustiza por causa de que os criterios, os requisitos e as contías iniciais do complemento de carreira profesional deberán ser determinados por real decreto, segundo se recolle no artigo 519 da Lei orgánica do poder xudicial. Porén, e mentres non se publica o dito real decreto, si que pode servir de base para a configuración dun sistema transitorio que permita retribuír o persoal ao servizo da Administración de xustiza en condicións similares ás dos empregados públicos da Xunta de Galicia.

Tendo en conta o anterior, a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais SPJ-USO, UGT e CC.OO. chegaron ao acordo de implantar o sistema voluntario de recoñecemento da traxectoria profesional, ordinario e extraordinario, do persoal funcionario de carreira da Administración de xustiza en Galicia, estendendo o ámbito subxectivo ao persoal funcionario de carreira dos corpos de médicos forenses, de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa e de auxilio xudicial. O dito acordo, acadado o 10 de xuño de 2020, foi aprobado por Acordo do Consello da Xunta do 25 de xuño de 2020.

En relación co persoal interino, establecíase que unha vez acadado o acordo necesario na Mesa Xeral de Negociación da Función Pública de Galicia, ao persoal interino ao servizo da Administración de xustiza aplicaríaselle o sistema de recoñecemento da traxectoria profesional nos mesmos termos que se establecesen para o persoal interino da Administración xeral da Xunta de Galicia.

Así, mediante Resolución do 30 de xuño de 2020, publicouse o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 25 de xuño de 2020 polo que se aproba o Acordo do 10 de xuño de 2020 entre a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e as organizacións sindicais SPJ-USO, UGT e CC.OO. para a implantación dun sistema de traxectoria profesional do persoal ao servizo da Administración de xustiza.

O 17 de setembro de 2020 o Consello da Xunta de Galicia adoptou o Acordo polo que se aproba o Acordo do 3 de agosto de 2020 entre a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e as organizacións sindicais SPJ-USO, UGT e CC.OO. para a implantación do réxime extraordinario ao grao I do sistema de traxectoria profesional do persoal ao servizo da Administración de xustiza en Galicia.

Na mesa sectorial do 15 de marzo de 2022 informouse sobre o desenvolvemento da traxectoria profesional, abrindo un grao extraordinario II para aqueles que teñan 11 anos de servizo e cumpran os requisitos establecidos na convocatoria e un novo grao extraordinario I para este ano 2022, con efectos económicos do 1.1.2022. Así mesmo, como se recolle na acta correspondente a esa mesa sectorial, en relación co persoal funcionario interino obsérvase o que se dispoña para o persoal funcionario interino da Administración da Xunta de Galicia, tendo en conta ademais os distintos pronunciamentos xudiciais ditados nesta materia.

En todo caso, de se aprobar a regulación estatal básica da carreira profesional e, consecuentemente, o real decreto de desenvolvemento, o complemento establecido de retribución adicional ao correspondente complemento de determinación autonómica que retribúe o recoñecemento da traxectoria e actuación profesional, formación e coñecementos adquiridos do persoal ao servizo da Administración de xustiza quedará subsumido na cantidade que se determine mediante real decreto para a carreira profesional, garantíndose os dereitos económicos e profesionais adquiridos no sistema de traxectoria profesional para todo o persoal ao servizo da Administración de xustiza da Xunta de Galicia.

Tendo en conta o anterior, na mesa sectorial de negociación do persoal ao servizo da Administración de xustiza, que tivo lugar o 28 de outubro de 2022, os representantes da Administración e as organizacións sindicais SPJ-USO, STAJ, UGT, CIG e CC.OO. chegaron ao acordo de seguir a desenvolver o sistema de recoñecemento da traxectoria profesional do persoal da Administración de xustiza, de acordo coas seguintes bases:

Primeira. Ámbito subxectivo

O sistema de recoñecemento da traxectoria profesional será aplicable ao seguinte persoal funcionario (de carreira e interino) ao servizo da Administración de xustiza en Galicia:

– Persoal funcionario do corpo de médicos forenses.

– Persoal funcionario do corpo de xestión procesual e administrativa.

– Persoal funcionario do corpo de tramitación procesual e administrativa.

– Persoal funcionario do corpo de auxilio xudicial.

Segunda. Traxectoria profesional ordinaria e número de graos

O sistema ordinario da traxectoria profesional iniciarase cun grao inicial e terá catro graos máis, aos cales se accederá cunha permanencia no grao anterior de cinco, seis, seis e sete anos respectivamente, sempre que se cumpran os requisitos establecidos e se teña unha avaliación favorable.

Será requisito para o recoñecemento do grao superior do sistema transitorio de recoñecemento da progresión na traxectoria profesional do persoal funcionario a permanencia do persoal funcionario durante o seguinte período de tempo mínimo para cada grao, agás o establecido na base terceira:

– Para o acceso ao grao I: cinco anos desde a adquisición do grao inicial.

– Para o acceso ao grao II: seis anos desde a adquisición do grao I.

– Para o acceso ao grao III: seis anos desde a adquisición do grao II.

– Para o acceso ao grao IV: sete anos desde a adquisición do grao III.

Considerarase permanencia cando a persoa funcionaria estea en situación de excedencia por coidado de familiares, por razón de violencia de xénero ou de violencia sexual e por razón de violencia terrorista, segundo o disposto no artigo 509 da Lei orgánica do poder xudicial e, supletoriamente, no artigo 89, números 4, 5 e 6 do Estatuto básico do empregado público, e no Real decreto 365/1995, do 10 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de situacións administrativas dos funcionarios civís da Administración xeral do Estado.

Do mesmo xeito, unha vez acreditado, considerarase permanencia o tempo en que o persoal funcionario do corpo de xestión procesual e administrativa se atope en servizo activo no corpo de letrados/as da Administración de xustiza.

Terceira. Complemento adicional da traxectoria profesional

O grao inicial non terá ligada retribución.

Os graos I a IV recoñecidos aboaranse mediante unha retribución adicional ao complemento de determinación autonómica (CAT/CE) –establecido como retribución complementaria de carácter fixo para o correspondente corpo ou escala–. Este complemento será adicional aos conceptos retributivos actualmente existentes na estrutura salarial dos funcionarios ao servizo da Administración de xustiza, sen prexuízo de que, en todo caso, de se aprobar a regulación estatal básica da carreira profesional e, consecuentemente, o real decreto de desenvolvemento, o indicado complemento quedará subsumido na cantidade que se determine mediante real decreto para a carreira profesional.

No caso de resultar inferior a contía do complemento de carreira profesional regulado polo real decreto polo Goberno do Estado á do complemento adicional da traxectoria profesional establecido neste acordo, o persoal ao servizo da Administración de xustiza en Galicia seguirá percibindo as diferenzas retributivas que lle correspondan conforme este último, sen que en ningún caso se poida producir mingua económica ningunha por esta causa.

A contía anual de cada grao que se percibirá por este complemento devindicarase en 12 mensualidades, que serán as seguintes segundo o corpo de pertenza:

Grupo

Corpo

Importe (€)

A1

Médicos forenses

2.589,12

A2

Xestión procesual e administrativa

1.812,00

C1

Tramitación procesual e administrativa

1.168,56

C2

Auxilio xudicial

991,80

Estas contías serán actualizadas anualmente coa porcentaxe de incremento que establezan as sucesivas leis de orzamentos para a retribución do persoal ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia.

Igualmente, o persoal funcionario do corpo de xestión procesual e administrativa que se atope en servizo activo no corpo de letrados/as da Administración de xustiza poderá solicitar o recoñecemento extraordinario do grao que lle corresponda, que soamente terá efectos administrativos e, unha vez que se reincorpore ao seu corpo de orixe, producirá efectos económicos desde a data da devandita reincorporación.

No caso de que o/a funcionario/a acceda a outro corpo a través dos procedementos establecidos de promoción interna ou de acceso libre, o período correspondente poderá computarse como período de permanencia para os efectos de acceso ao grao que corresponda. Este cambio non afectará o grao de traxectoria xa recoñecido.

Se o acceso se produce nun corpo diferente manterá o dereito a percibir o complemento de traxectoria correspondente ao grao ou graos recoñecidos no corpo anterior, e comezará a progresión na traxectoria profesional no grao I no novo corpo, sexa cal sexa o grao que tivese recoñecido no corpo anterior.

No suposto de que se teñan recoñecidos graos retribuídos en diversos corpos, percibirase o complemento de traxectoria correspondente a todos os graos recoñecidos, ata o límite de catro graos. Cando o persoal funcionario teña recoñecidos máis de catro graos, percibirá o complemento de traxectoria correspondente aos catro graos de maior contía.

Cuarta. Encadramento no grao inicial no sistema ordinario

No segundo semestre de 2022 tramitarase o sistema ordinario de encadramento para o acceso ao grao inicial daquel persoal funcionario que non cumpra os requisitos para acceder ao sistema extraordinario previsto neste acordo.

Quinta. Sistema ordinario de recoñecemento da traxectoria profesional

No prazo de seis meses desde a sinatura deste acordo, a Administración proporalle á Comisión de Seguimento o desenvolvemento regulamentario do sistema ordinario de recoñecemento da traxectoria profesional, para posteriormente ser negociado na Mesa Sectorial de Xustiza.

Teranse en conta, entre outros, os seguintes criterios de avaliación: a actividade profesional, a formación e coñecementos adquiridos e mais a implicación coa organización co fin de acadar unha Administración de xustiza moderna e comprometida coa calidade dos servizos prestados á cidadanía. Valorarase de xeito particular a implicación nos procesos de cambio relacionados coa implantación do novo modelo de oficina xudicial e das ferramentas informáticas, e, en xeral, as actividades singulares que sexan acreditadas pola Dirección Xeral de Xustiza, de común acordo coa Dirección Xeral da Función Pública, como de interese para a actividade administrativa e con relevancia para o sistema de traxectoria profesional, polo procedemento que se estableza regulamentariamente.

Sexta. Concepto de sistema extraordinario de recoñecemento da progresión na traxectoria profesional

O sistema extraordinario ten por finalidade adiantar os tempos para o acceso aos distintos graos do sistema de carreira profesional, de xeito que permita ao persoal cunha maior antigüidade acceder anticipadamente aos distintos graos da traxectoria profesional.

Sétima. Consolidación do recoñecemento extraordinario do grao I do sistema de traxectoria profesional convocado no ano 2020

Consolídase o recoñecemento do grao I do sistema transitorio de recoñecemento da progresión na traxectoria profesional convocado no ano 2020 para o persoal funcionario, así como para o persoal que teña adquirido ou adquira por recoñecemento administrativo e/ou sentenza xudicial firme o grao I do sistema transitorio da progresión da traxectoria profesional, de xeito que todo o persoal que teña recoñecido este grao I manterá este.

Oitava. Sistema extraordinario de acceso aos graos I e II

1. No segundo semestre de 2022 tramitaranse as seguintes convocatorias de acceso extraordinario aos graos I e II do sistema transitorio de recoñecemento da progresión na traxectoria profesional do persoal funcionario da Administración de xustiza:

a) Acceso extraordinario ao grao II para aquel persoal funcionario que xa teña recoñecido o grao I no corpo correspondente e acredite once anos de antigüidade en 31.12.2021 no caso dos corpos de tramitación procesual e administrativa e de auxilio xudicial, e en 31.12.2022 no caso dos corpos de médicos forenses e de xestión procesual e administrativa.

b) Acceso extraordinario ao grao I para aquel persoal funcionario que acredite cinco anos de antigüidade en 31.12.2021.

2. Poderá participar neste réxime extraordinario o persoal funcionario que cumpra os seguintes requisitos:

a) Estar en situación de servizo activo (ou en calquera outra situación administrativa que supoña reserva de praza).

b) Ter a condición de persoal funcionario na Administración de xustiza e coa antigüidade anteriormente indicada.

c) Cumprir algún dos criterios de avaliación establecidos no anexo I para o grao I ou no anexo II para o grao II.

3. En función das dispoñibilidades orzamentarias, o pagamento deste complemento adicional ao complemento de determinación autonómica (CAT/CE) correspondente ao grao I recoñecido producirase de maneira progresiva en tres anualidades, con efectos económicos do 1 de xaneiro de cada ano, coa distribución que se indica:

– En 2022, o 60 %.

– En 2023, o 80 %.

– En 2024, o 100 %.

Igualmente, en función das dispoñibilidades orzamentarias, o pagamento deste complemento adicional ao complemento de determinación autonómica (CAT/CE) correspondente ao grao II recoñecido producirase de maneira progresiva en tres anualidades, con efectos económicos do 1 de xaneiro de cada ano, coa distribución que se indica:

• Corpos de tramitación procesual e administrativa e de auxilio xudicial:

– En 2022, o 60 %.

– En 2023, o 80 %.

– En 2024, o 100 %.

• Corpos de médicos forenses e de xestión procesual e administrativa:

– En 2023, o 60 %.

– En 2024, o 80 %.

– En 2025, o 100 %.

Novena. Sistema extraordinario de acceso ao grao III

No segundo semestre de 2024 no caso dos corpos de tramitación procesual e administrativa e auxilio xudicial, ou de 2025 no caso dos corpos de médicos forenses e de xestión procesual e administrativa, a Dirección Xeral de Xustiza publicará a convocatoria para que aqueles/as que teñan recoñecido o grao II, e cunha antigüidade de 17 anos, poidan solicitar o encadramento no grao III. O dito grao seralles recoñecido, con efectividade do 1 de xaneiro de 2025 no caso dos corpos de tramitación procesual e administrativa e de auxilio xudicial, ou de 2026 no caso dos corpos de médicos forenses e de xestión procesual e administrativa, a aqueles que cumpran os requisitos establecidos.

Décima. Dispoñibilidade orzamentaria

Coa finalidade de garantir a suficiencia e a sustentabilidade orzamentaria, no suposto de que mediante circunstancias non previstas no presente acordo resulte ampliado o seu ámbito subxectivo, de xeito que se incremente o custo da implantación do sistema transitorio de recoñecemento da progresión na carreira administrativa, poderán modificarse as anualidades e/ou as porcentaxes de pagamento previstas na base oitava.

Da dita decisión darase conta á Comisión de Seguimento recollida na epígrafe seguinte.

Décimo primeira. Prazo especial para o persoal que obteña o dereito a participar no grao I ao abeiro da convocatoria do ano 2020

Sen prexuízo do establecido na base sétima deste acordo, estenderase de oficio por parte da Administración a referida consolidación do recoñecemento extraordinario do grao I do sistema de traxectoria profesional convocado no ano 2020 a todas aquelas persoas que mediante sentenza xudicial obteñan o dereito a ter participado na convocatoria de acceso ao grao I nas mesmas condicións do persoal funcionario de carreira e, como consecuencia, obteñan o recoñecemento do grao I.

Neste suposto, o persoal afectado poderá solicitar o recoñecemento do grao II no prazo dun mes desde a firmeza da sentenza.

Décimo segunda. Cláusula de salvagarda do sistema de traxectoria profesional

No caso de que o recoñecemento extraordinario dos distintos graos do sistema de carreira administrativa da Administración xeral da Comunidade Autónoma varíe en canto ás anualidades e/ou ás porcentaxes de pagamento do grao recoñecido, aplicarase a mesma medida no sistema de traxectoria profesional para o persoal da Administración de xustiza con respecto ás anualidades e porcentaxes previstas.

Décimo terceira. Comisión de Seguimento

Constitúese unha Comisión de Seguimento coas funcións de vixilancia, interpretación e control, así como as que se sinalan no presente acordo, que estará composta por un membro de cada unha das organizacións sindicais asinantes ou adheridas a este e un número igual de persoas por parte da Administración. Presidirá a persoa titular da Dirección Xeral de Xustiza ou persoa en quen esta delegue e será secretario/a un/unha funcionario/a público/a con rango de subdirector/a xeral ou xefe/a de servizo, que actuará con voz pero sen voto.

Esta comisión reunirase, como mínimo, unha vez ao ano.

Disposición derrogatoria

Este acordo deixa sen efecto o Acordo do 10 de xuño de 2020 entre a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e as organizacións sindicais SPJ-USO, UGT e CC.OO. para a implantación dun sistema de traxectoria profesional do persoal ao servizo da Administración de xustiza.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

O presente acordo entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Sinaturas:

Pola Xunta de Galicia:

O director xeral de Xustiza.

Asdo.: José Tronchoni Albert.

Polas organizacións sindicais:

SPJ-USO: Julio Bouza Bouza.

STAJ: Enrique Araújo Martínez.

AXG-CUT: Pablo Valeiras Ríos.

UGT: Sergio Riveiros Rico.

CIG: Óscar Freixedo Beltrán.

CC.OO.: Jorge Juan Suárez Fernández.

ANEXO I

1. Para este réxime extraordinario de acceso ao grao I do sistema transitorio de recoñecemento da progresión na traxectoria profesional do persoal funcionario da Administración de xustiza, establécense os seguintes criterios de avaliación, dos cales soamente será necesario acreditar un para este recoñecemento:

a) Formación continuada:

– Recibida. Asistencia e, de ser o caso, superación de cursos organizados e impartidos directamente pola Escola Galega de Administración Pública, a Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas), a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), a Academia Galega de Seguridade Pública, as escolas oficiais de formación do Estado e das restantes comunidades autónomas, cursos impartidos polo Servizo Público de Emprego Estatal e cursos impartidos no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas (AFEDAP) e cursos impartidos por algunha consellería da Xunta de Galicia, ou por algún ministerio da Administración xeral do Estado ou por universidades, entes locais (concellos, deputacións provinciais). A suma de todos os cursos debe consistir nun mínimo de 4 créditos/40 horas.

Para estes efectos tamén serán considerados os cursos da lingua galega (de iniciación, de perfeccionamento, o medio ou superior de linguaxe administrativa e xurídica galega ou o ciclo superior dos estudos de galego das escolas oficiais de idiomas) homologados polo órgano competente en materia de política lingüística. Os cursos impartidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística considéranse como impartidos por unha consellería da Xunta de Galicia.

Non se valorará a asistencia a congresos, xornadas, seminarios, simposios e similares nin as materias (créditos) que formen parte dunha titulación académica. Tampouco se valoran módulos separados dun determinado curso nin cursos impartidos por entidades distintas ás indicadas no primeiro parágrafo deste punto.

– Impartida. Para os/as empregados/as públicos/as que impartiran os cursos anteditos: 10 horas.

b) Realización de todos os cursos de doutoramento (sistema anterior ao Real decreto 185/1985) ou do programa de doutoramento ata o nivel de suficiencia investigadora segundo os reais decretos 185/1985 e 778/1998, ou obtención do diploma de estudos avanzados (DEA)/título de doutor/máster universitario oficial, máster universitario-título propio, experto/a universitario/a, especialista universitario/a.

c) Publicación de traballos científicos e de investigación relacionados coa Administración pública e, especificamente, co eido da Administración de xustiza.

d) Dous anos de funcións de dirección, subdirección, xefatura de servizo ou xefatura de sección ou doutros postos singularizados de nivel equivalente das relacións de postos de traballo.

e) Dous anos en situación de excedencia por coidado de fillos e familiares ou nunha situación en que o/a empregado/a público/a, estando exento/a de desempeñar as funcións inherentes ao seu nomeamento, desenvolva actividades ou funcións de interese xeral ou público ou de carácter representativo: programas de cooperación internacional, membro do goberno ou órganos de goberno das comunidades autónomas, membro das institucións da Unión Europea ou das organizacións internacionais, cargos electivos de representación política, postos ou cargos directivos en organismos ou entidades instrumentais do sector público, dispensas para a realización de funcións sindicais, participación nos órganos constitucionais ou órganos estatutarios das comunidades autónomas e, en xeral, calquera outra situación similar ás anteriores.

f) Nomeamento, e participación na totalidade do proceso, como membro dalgún tribunal cualificador de procesos selectivos ou de provisión de postos.

ANEXO II

1. Para este réxime extraordinario de acceso ao grao II do sistema transitorio de recoñecemento da progresión na traxectoria profesional do persoal funcionario da Administración de xustiza, establécense os seguintes criterios de avaliación, dos cales soamente será necesario acreditar un para este recoñecemento:

a) Formación continuada:

– Recibida. Asistencia e, de ser o caso, superación de cursos organizados e impartidos directamente pola Escola Galega de Administración Pública, a Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas), a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), a Academia Galega de Seguridade Pública, as escolas oficiais de formación do Estado e das restantes comunidades autónomas, cursos impartidos polo Servizo Público de Emprego Estatal e cursos impartidos no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas (Afedap) e cursos impartidos por algunha consellería da Xunta de Galicia, ou por algún ministerio da Administración xeral do Estado ou por universidades, entes locais (concellos, deputacións provinciais). A suma de todos os cursos debe consistir nun mínimo de 8 créditos/80 horas.

Para estes efectos tamén serán considerados os cursos medio ou superior de linguaxe administrativa e xurídica galega ou o ciclo superior dos estudos de galego das escolas oficiais de idiomas, homologados polo órgano competente en materia de política lingüística. Os cursos impartidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística considéranse como impartidos por unha consellería da Xunta de Galicia.

Non se valorará a asistencia a congresos, xornadas, seminarios, simposios e similares nin as materias (créditos) que formen parte dunha titulación académica. Tampouco se valoran módulos separados dun determinado curso nin cursos impartidos por entidades distintas ás indicadas no primeiro parágrafo deste punto.

– Impartida. Para os/as empregados/as públicos/as que impartiran os cursos anteditos: 20 horas.

b) Realización de todos os cursos de doutoramento (sistema anterior ao Real decreto 185/1985) ou do programa de doutoramento ata o nivel de suficiencia investigadora segundo os reais decretos 185/1985 e 778/1998, ou obtención do diploma de estudos avanzados (DEA)/título de doutor/máster universitario oficial, máster universitario-título propio, experto/a universitario/a, especialista universitario/a.

c) Publicación de traballos científicos e de investigación relacionados coa Administración pública e, especificamente, co eido da Administración de xustiza.

d) Dous anos de funcións de dirección, subdirección, xefatura de servizo ou xefatura de sección ou doutros postos singularizados de nivel equivalente das relacións de postos de traballo.

e) Dous anos en situación de excedencia por coidado de fillos e familiares ou nunha situación en que o/a empregado/a público/a, estando exento/a de desempeñar as funcións inherentes ao seu nomeamento, desenvolva actividades ou funcións de interese xeral ou público ou de carácter representativo: programas de cooperación internacional, membro do goberno ou órganos de goberno das comunidades autónomas, membro das institucións da Unión Europea ou das organizacións internacionais, cargos electivos de representación política, postos ou cargos directivos en organismos ou entidades instrumentais do sector público, dispensas para a realización de funcións sindicais, participación nos órganos constitucionais ou órganos estatutarios das comunidades autónomas e, en xeral, calquera outra situación similar ás anteriores.

f) Nomeamento, e participación na totalidade do proceso, como membro dalgún tribunal cualificador de procesos selectivos ou de provisión de postos».

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2022

José Tronchoni Albert
Director xeral de Xustiza