Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Martes, 15 de novembro de 2022 Páx. 59336

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

EDICTO do 25 de outubro de 2022, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 19 de outubro de 2022 relativa á revisión do esbozo do monte veciñal en man común Serra de Queguas, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Casas Vellas, Fontela, Portao, Guixinde, Ferreiros de Arriba, Queguas, Venceáns e Vilar, no concello de Entrimo.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Serra de Queguas, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Casas Vellas, Fontela, Portao, Guixinde, Ferreiros de Arriba, Queguas, Venceáns e Vilar, no concello de Entrimo, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 6 de marzo de 2019 a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Casas Vellas, Fontela, Portao, Guixinde, Ferreiros de Arriba, Queguas, Venceáns e Vilar presentou unha solicitude (Rexel núm. 2019/477976) de revisión parcial do esbozo do monte veciñal en man común Serra de Queguas, situado no concello de Entrimo.

Segundo. Con data do 10 de maio de 2019, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común promotora presentou un escrito de emenda (Rexel núm. 2019/1051227) con que modulou a súa pretensión inicial, pois recoñece que o monte Ladeira de Folón foi desclasificado por sentenza xudicial.

Coa solicitude de enmenda achegou unha memoria e planos modificados, así como un informe de validación gráfica alternativo.

Terceiro. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 3 de xuño de 2022 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión abrangue unicamente o monte ou predio denominado Chao da Pata, o cal, aínda que forma parte indiscutida do monte veciñal en man común Serra de Queguas, non consta en ningunha planimetría oficial integrante do Rexistro de Montes Veciñais en Man Común.

Porén, o monte denominado Ladeira de Folón pertence ao Concello de Entrimo, polo que queda excluído da proposta de revisión, malia figurar no título do seu documento memoria.

Pódese estimar a superficie inicial do monte Chao da Pata Sobreira como a diferenza entre as 413 ha conxuntas dos montes Chao da Pata e Ladeira de Folón e as 21,5 ha do monte Ladeira de Folón, de onde resulta unha superficie de 391,5 ha. Fronte a esta, a revisión revela 345,9 ha, é dicir, unha redución dun 11,6 % da superficie do monte ou predio Chao da Pata Sobreira, redución que, aínda que é significativa, se considera admisible dada a situación de partida na cal nin sequera existía cartografía dese predio.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión parcial do esbozo do monte veciñal en man común Serra de Queguas, no seu predio denominado Chao da Pata Sobreira, conforme a documentación técnica presentada pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común Casas Vellas, Fontela, Portao, Guixinde, Ferreiros de Arriba, Queguas, Venceáns e Vilar.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 3 de xuño de 2022, o Xurado Provincial de Montes en Man Común acordou por unanimidade o día 10 de outubro de 2022:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do monte veciñal en man común Serra de Queguas, no concello de Entrimo.

Ourense, 25 de outubro de 2022

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense