Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Martes, 15 de novembro de 2022 Páx. 59338

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

EDICTO do 25 de outubro de 2022, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 19 de outubro de 2022 relativa á revisión do esbozo do monte Da Costa, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Santo Estevo de Novoa, no concello de Carballeda de Avia.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Da Costa, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Santo Estevo de Novoa, no concello de Carballeda de Avia, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 5 de febreiro de 2020 a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Santo Estevo de Novoa presentou un escrito (REXEL número 2020/248019) en que solicita unha revisión do esbozo da clasificación do monte veciñal en man común Da Costa.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da asemblea xeral do 18 de agosto de 2018.

– Memoria explicativa da revisión de esbozo.

– Copia xeorreferenciada da planimetría en formato shp.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 19 de xullo de 2022 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que se pretende unha revisión de esbozo parcial do monte veciñal, en concreto nas estremas norte, cos predios particulares de Santo Estevo, e oeste, co concello de Melón e máis predios particulares de Santo Estevo.

A forma perimetral do monte, despois dos axustes, non varía considerablemente, e mantense o aspecto orixinal do bosquexo da clasificación.

Non existe mingua de superficie clasificada, inicialmente 59 ha e 63,21 ha obtidas coa planimetría actualizada.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 19 de xullo de 2022, o Xurado Provincial de Montes en Man Común acordou por unanimidade o día 10 de outubro de 2022:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do monte veciñal en man común Da Costa, no concello de Carballeda de Avia.

Ourense, 25 de outubro de 2022

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de
Montes Veciñais en Man Común de Ourense