Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Xoves, 3 de novembro de 2022 Páx. 57754

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 11 de outubro de 2022, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Gondomar (expediente IN407A 2021/174-4).

Expediente: IN407A 2021/174-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: ret. LMT GON807 e substitución CTI Piquetes por CTC.

Concello: Gondomar.

Feitos:

Primeiro. O 30 de xullo de 2021, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada ret. LMT GON807 e substitución CTI Piquetes por CTC.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade o recuamento da liña de media tensión GON807 e a substitución do centro de transformación intemperie Piquetes (36A738) a través das seguintes actuacións previstas no lugar de Piquetes, na parroquia de Mañufe, no concello de Gondomar (Pontevedra):

– Instalación dun centro de transformación compacto de 400 kVA na parcela 9014401NG1691S0001FA.

– Retirada de catro apoios de formigón existente e de 275 metros de lonxitude no circuíto aéreo da liña de media tensión GON807, tramo GON8075438, e o seu soterramento.

– Instalación dun apoio C-2000/12 final de liña no que se proxecta un SXS.

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Gondomar, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea, Augas de Galicia e o Servizo do Patrimonio Cultural. A empresa manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos por Augas de Galicia e polo Servizo do Patrimonio Cultural.

Os demais organismos non emitiron condicionados técnicos. Enténdese, en consecuencia, a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

Terceiro. Mediante escrito do 20 de agosto de 2021, esta xefatura territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica mencionada a Margarita Pazos Caldeiro, que figuraba como persoa afectada pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Cuarto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 20 de agosto de 2021, publicada nos seguintes medios:

– DOG (Diario Oficial de Galicia): 10 de setembro de 2021.

– Xornal Faro de Vigo: 27 de agosto de 2021.

– Taboleiro de anuncios do Concello de Gondomar: desde o 26 de agosto de 2021 ata o 11 de outubro de 2021.

Quinto. O 6 de outubro de 2021 Rubén Nogueira Martínez, en representación de Margarita Pazos Caldeiro, achega alegacións e un informe realizado pola enxeñeira técnica agrícola Beatriz García Canitrot (col. 1884). Destácanse os seguintes puntos:

– Falta de xustificación da localización da instalación proxectada e falta de valoración doutras alternativas.

– Propón que se manteña a localización do centro de transformación, o que reduciría a case a metade a lonxitude da liña necesaria para unir o centro de transformación á liña de media tensión subterránea GON8075384; non sería necesario iniciar novo expediente expropiatorio; ademais, estaría fóra da zona de policía de augas e da de protección do Cruceiro de Piquetes.

Sexto. O 8 de outubro de 2021, esta xefatura trasladou unha copia das alegacións á empresa promotora. Este é un resumo da contestación dada por UFD:

– A elección do trazado non foi realizada de modo arbitrario, senón que se tivo en consideración a lexislación vixente, incluída a normativa urbanística e os condicionados técnicos.

– A xustificación da necesidade da instalación está recollida no punto primeiro do proxecto presentado.

– A expropiación que afecta a parcela non a fai antieconómica nin impide o uso que se está realizando.

– Considera que o custo da proposta realizada pola interesada é superior ao 10 % do orzado no proxecto.

– O centro de transformación intemperie Piquetes está na contorna de protección do Cruceiro de Piquetes. A proposta de localización do novo centro de transformación que recolle o proxecto realízase fóra da contorna de protección do Cruceiro. Recálcase que esa localización está estudada para manter a zona de influencia do centro de transformación e facilitar a conexión coas redes de baixa tensión existentes.

Sétimo. O 30 de outubro de 2021, UFD achegou unha nova relación de bens e dereitos afectados polas instalacións proxectadas.

Oitavo. O 19 de novembro de 2021 esta xefatura notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica mencionada ás novas persoas afectadas identificadas na actualización da relación de bens e dereitos achegada por UFD. Neste caso enviáronse escritos de notificación a José Luis Alonso Medina e Luz Pilar Román Devesa.

Naqueles casos en que non foi posible efectuar notificacións, o 29 de marzo de 2022 publicouse o correspondente anuncio no taboleiro de edictos único do Boletín Oficial del Estado co fin de realizar a notificación por comparecencia. Transcorrido o prazo establecido no anuncio, non compareceu ningunha persoa interesada.

Noveno. A raíz das alegacións presentadas por Margarita Pazos Caldeiro, os servizos técnicos, antes da emisión do seu informe, solicitaron aclaracións sobre a titularidade e a referencia catastral da parcela proposta para a instalación do centro de transformación proxectado e unha xustificación de que a variación do trazado proposto non ten un custo superior ao 10 % do orzamento da parte da liña afectada pola variante.

Décimo. O 10 de maio de 2022, Rubén Nogueira Martínez, en representación de Margarita Pazos Caldeiro, achega escrito en que aclara que:

– Non está ao seu alcance acceder aos datos relativos a titularidade catastral da parcela proposta, pero destaca que a referencia catastral da parcela é 9014413NG1691S0001EA, parcela na cal actualmente se encontra o centro de transformación que será substituído.

– O custo da obra eléctrica proxectado é de 20.150,82 € e reduciríase a 16.265,62 €. O custo da obra civil redúcese de 67.346,62 € a 54.363,70 €.

Décimo primeiro. Estas aclaracións foron trasladas a UFD o 28 de xullo de 2022. A seguir resúmese a súa contestación:

– A reafirmación dos puntos da anterior contestación.

– O actual centro de transformación intemperie Piquetes encóntrase na contorna de protección do Cruceiro de Piquetes, incluído no Plan básico autonómico, polo que, de acordo coa disposición adicional segunda da Lei 5/2016, do 4 de maio, forma parte do Catálogo do patrimonio cultural de Galicia. Polo tanto, propúxose unha nova localización fóra da contorna de protección do cruceiro para non alterar as súas condicións ambientais e non afectar os seus valores culturais.

– A localización proposta para o novo centro proxectado encóntrase no interior da zona de policía (fora do dominio hidráulico) dun regato innominado de Augas de Galicia ao su paso polo lugar de Piquetes. A caseta proxectada para o centro de transformación está a 37 metros do leito do regato.

Décimo segundo. Os servizos técnicos da xefatura territorial, á vista da documentación contida no expediente analizaron, de xeito individual, todas as alegacións presentadas e emitiron o correspondente informe. Concluíron que non se presentan obxeccións para que se poida continuar co trámite da declaración de utilidade pública da instalación eléctrica proxectada para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento, de acordo co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica. Basea esta conclusión basicamente en tres motivos:

– Respecto á falta de xustificación da localización da instalación proxectada, no sistema regulatorio do sector eléctrico a declaración de utilidade pública require basicamente dous requisitos: a xustificación da necesidade da instalación de que se trate, o que leva implícita a súa utilidade pública; e a determinación dos bens e dereitos cuxa expropiación afecta. A propia distribuidora acompaña unha relación de bens e dereitos afectados e pon de manifesto que na zona hai que mellorar a calidade de subministración. A calidade do servizo é unha obriga das empresas distribuidoras.

– Respecto á materia de augas e patrimonio cultural, solicitouse o preceptivo informe a Augas de Galicia e ao Servizo do Patrimonio Cultural.

– Respecto ao trazado alternativo, cabe destacar que a proposta sinalada afectaría terceiros.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segunda. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceira. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV, con condutor RHZ1, de 431 metros de lonxitude, con orixe no paso aéreo-subterráneo no apoio proxectado C-2000/12 e final na LMTS GON8075384.

– LMTS a 20 kV, con condutor RHZ1, de 264 metros de lonxitude, con orixe e final na LMTS GON8075384, facendo entrada e saída no centro de transformación proxectado.

– Centro de transformación (CT) compacto, a 400 kVA con RT 20 kV/400 V, situado en Piquetes, Mañufe, Gondomar.

– Retirada do centro de transformación intemperie Piquetes e retensado do van aéreo (98 metros) contiguo ao apoio proxectado.

Cuarta. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas e as respostas da promotora, exponse o seguinte:

Respecto da utilidade pública, remítese ao artigo 54 da Lei 24/2013, do 26 de novembro, do sector eléctrico, e ao artigo 140.1 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica. Indica que neste caso se dan os dous requisitos que permiten a posta en marcha do procedemento expropiatorio:

A xustificación da necesidade da instalación: «mellorar a calidade da subministración eléctrica».

A relación de bens e dereitos cuxa expropiación ou afectación resultan imprescindibles e que constan no expediente administrativo.

Tamén cabe destacar a Sentenza 1591/2010, do 22 de marzo, da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo, que afirma que no tocante ao sector eléctrico esa xustificación vén practicamente reducida á determinación dos bens afectados, xa que a declaración de utilidade pública supón en todo caso a necesidade de expropiar os terreos onde hai que situar a instalación de que se trate, de establecer as correspondentes servidumes de paso, etc. É dicir, a xustificación da necesidade dunha determinada instalación eléctrica supón xa ex lege a xustificación da súa utilidade pública e, simultaneamente, a necesidade de expropiar os terreos e dereitos afectados, así como proceder á súa inmediata ocupación.

Sobre a proposta de trazados alternativos, cabe destacar que para que un trazado alternativo prospere se teñen que dar todas as condicións establecidas no artigo 161 do Real decreto 1995/2000, do 1 de decembro. É preciso neste sentido traer a colación a Sentenza 1819/2006, do 29 de novembro, ditada polo TSX de Galicia no recurso 7206/2003, en cuxo fundamento cuarto di: «Considerando que, á vista do exposto e do aclarado polo perito no momento da ratificación do seu informe, é complicado sinalar sen xénero de dúbidas cal sería desde todos os intereses públicos e privados afectados o trazado preferible de entre os catro en presenza (o aprobado e as tres posibles variacións examinadas como factibles tamén polo perito) pois para practicar a correspondente comparación se valorou o conxunto de circunstancias técnicas, económicas e de causación dos prexuízos que existe en cada unha das opinións de referencia, e é o certo que á Sala lle resulta difícil unha ou outra, xa que presentan todas vantaxes nuns dos aspectos e inconvenientes noutros; pois, o que non cabe é miralos unicamente desde a perspectiva da conveniencia da parte aquí recorrente, pois iso suporá descoidar os demais intereses implicados en cada trazado; todo iso teno que ter en consideración a Administración cando aproba unha das opcións; neste caso aceptou a proposta pola aquí codemandada, a cal, implicando unha substancial igualdade en consecuencias de conxunto –e non só mirando os intereses da aquí recorrente– coas demais opcións, debe ser respectada». Neste caso, como destaca o informe dos servizos técnicos desta xefatura, tense en conta que a proposta alternativa afecta terceiras persoas.

Con relación ao dominio público hidráulico, remítese ao condicionado establecido por Augas de Galicia, no cal destaca: «As instalacións obxecto deste proxecto están situadas no lugar de Piquetes, na parroquia de Mañufe (San Vicente), no concello de Gondomar, provincia de Pontevedra, en zona de policía de regato innominado, polo que deberán solicitar autorización deste prganismo de bacía».

Con relación ao patrimonio cultural, remítese a Resolución da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural do 4 de outubro de 2021, que recolle no punto de consideracións e conclusións: «Os traballos que se van realizar melloran o contorno do Cruceiro de Piquetes, eliminado liñas aéreas, que pasan a soterrarse, polo que, desde o punto de vista da protección do patrimonio se emite informe favorable sobre as actuacións descritas, coa condición de que o pavimento final das gabias sexa das mesmas características que o existente».

Conforme con todo o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgarlle á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada ret. LMT GON807 e substitución CTI Piquetes por CTC (expediente IN407A 2021/174-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 11 de outubro de 2022

Tomás Nogueiras Nieto
Xefe territorial de Pontevedra