Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Xoves, 3 de novembro de 2022 Páx. 57700

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

RESOLUCIÓN do 24 de outubro de 2022, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Globo de San Roque.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Globo de San Roque, aprécianse os seguintes feitos e fundamentos de dereito:

Feitos:

1. O 25 de agosto de 2021, María Barral Varela, presidenta do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Globo de San Roque constituírona Jaime Alberto Pita Varela, Emilio Claudino Pita Varela e o Concello de Betanzos, representado pola súa alcaldesa presidenta María Barral Varela, mediante escritura pública outorgada o 14 de xullo de 2021, ante o notario de Betanzos (A Coruña) Francisco Javier Ramírez González, co número de protocolo 1.102. Esta escritura foi rectificada por outra, outorgada polo mesmo notario, o 23 de maio de 2022, co número de protocolo 838.

3. Segundo consta no artigo 5 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto: «conservar, custodiar e divulgar o Globo de San Roque, creado por Claudino Pita e conservado polos seus sucesores».

4. Na escritura de constitución da fundación constan os aspectos relativos á identidade dos fundadores, a súa capacidade para constituíla, a súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, a dotación, os estatutos e a composición do padroado inicial.

5. Nos estatutos da fundación consta a súa denominación, o seu enderezo, o seu obxecto e finalidade, as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos/das beneficiarios/as, a composición e as normas de funcionamento do padroado, e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

6. O padroado inicial da Fundación está formado pola alcaldesa presidenta do Concello de Betanzos, María Barral Varela, como presidenta; o secretario do Concello de Betanzos, Adrián Juan Márquez Caramés, como secretario, e, como vogais, tres membros da familia Pita: Jaime Alberto Pita Varela, Emilio Claudino Pita Varela e María Pilar Pita López (designada polos dous anteriores); a concelleira de Cultura do Concello de Betanzos, Ana Belén Veiga Pita; tres concelleiros designados polo Concello de Betanzos, Diego Fernández López, Mónica Carneiro Cid e María de los Ángeles Veiga López; e tres persoas nomeadas por Jaime Alberto Pita Varela e Emilio Claudino Pita Varela: Manuel Muñoz Vidal, Miguel Ángel Rodríguez Galán e Sergio Abeledo Vicos.

7. A Comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevou ao vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Globo de San Roque, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establecen os artigos 47.2 da citada lei; 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, o protectorado será exercido polo departamento da Xunta de Galicia que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.

8. De conformidade coa citada proposta, mediante a Orde da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes do 10 de outubro de 2022 (Diario Oficial de Galicia núm. 201, do 21 de outubro), clasificouse de interese cultural a Fundación Globo de San Roque e adscribiuse á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva da Comunidde Autónoma Galega sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, corresponde a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Globo de San Roque, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Á vista do que antecede e tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación; en uso das competencias atribuídas polo Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Globo de San Roque.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro; no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e na demais normativa de aplicación e especialmente ás obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co sinalado nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2022

Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades