Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Xoves, 3 de novembro de 2022 Páx. 57703

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 24 de outubro de 2022, conxunta da Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se declaran actuacións administrativas automatizadas.

O Decreto 117/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, recoñece a súa configuración como órgano de apoio e asistencia á Presidencia, sendo o departamento da Xunta de Galicia ao cal lle corresponden a elaboración, a proposta e a execución da política do Goberno galego en materia de xustiza, Administración local, relacións institucionais e parlamentarias, emerxencias e interior, relacións exteriores e coa Unión Europea e deportes, que exercerá no nivel de desenvolvemento que se indica no dito decreto para cada un dos órganos que integran este departamento.

O capítulo II do dito decreto establece que a Secretaría Xeral Técnica exerce as competencias e funcións establecidas polo ordenamento xurídico vixente en relación coas diferentes unidades e servizos en que se estrutura a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes. Para o exercicio das súas funcións conta con diferentes órganos, entre eles, a Subdirección Xeral de Réxime Xurídico, á cal lle corresponde a cualificación de legalidade dos estatutos dos colexios profesionais e dos consellos galegos de colexios profesionais, a tramitación da súa aprobación definitiva e a xestión e custodia dos seus respectivos rexistros, así como a realización dos informes, estudos e propostas de anteproxectos de disposicións xerais en materia de asociacións, fundacións de interese galego, colexios profesionais e consellos galegos de colexios profesionais e academias de Galicia.

Por outra banda, o Decreto 161/1997, do 5 de xuño, creou no seu capítulo II, artigo 7, o Rexistro de Colexios Profesionais e de Consellos Galegos de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os colexios profesionais son corporacións de dereito público, con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins. Configúranse como persoas xurídico-públicas representativas de intereses profesionais, dirixidas non só á consecución de fins estritamente privados, senón principalmente a garantir que o exercicio da profesión –que constitúe un servizo ao interese xeral– se axuste ás normas ou regras que aseguren tanto a eficacia como a eventual responsabilidade en tal exercicio.

Os colexios profesionais radicados na Comunidade Autónoma deben inscribirse no Rexistro de Colexios Profesionais dependente da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, para o cal deberán presentar unha solicitude normalizada, así como a documentación requirida en cada caso.

A Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, integra as materias que demandaban unha regulación unitaria das relacións ad intra de cada Administración e das relacións entre elas, como a sinatura e as sedes electrónicas, o intercambio electrónico de datos en contornos pechados de comunicación e a actuación administrativa automatizada.

O artigo 41.1 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, define actuación administrativa automatizada como calquera acto ou actuación realizada integramente a través de medios electrónicos por unha Administración pública no marco dun procedemento administrativo e na cal non interviñese de forma directa un empregado público.

O artigo 41.2 da devandita lei determina que «en caso de actuación administrativa automatizada deberase establecer previamente o órgano ou órganos competentes, segundo os casos, para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se for o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte. Así mesmo, indicarase o órgano que debe ser considerado responsable para efectos de impugnación».

A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no artigo 76.4 que as actuacións administrativas automatizadas deberán declararse mediante unha resolución conxunta do órgano competente para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, de ser o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte, así como do órgano responsable para efectos de impugnación. Nesta resolución especificaranse a identificación de tales órganos e os sistemas de sinatura utilizados, de ser o caso, para a actuación administrativa automatizada. Así mesmo, o artigo 76.5 indica que se publicará na sede electrónica da Xunta de Galicia e no Diario Oficial de Galicia o texto íntegro das resolucións indicadas no punto anterior.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar as seguintes actuacións administrativas automatizadas a través de sistemas de información no ámbito do Rexistro de Colexios Profesionais e de Consellos Galegos de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia:

a) Emisión das dilixencias de inscrición daqueles colexios profesionais e consellos dos colexios profesionais que consten no Rexistro de Colexios Profesionais e de Consellos Galegos de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. Os órganos responsables en relación coas actuacións administrativas automatizadas relacionadas no punto anterior serán:

a) A Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, como órgano responsable da definición das especificacións destas actuacións administrativas automatizadas.

b) A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como órgano responsable da programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, de ser o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte.

c) A Secretaria Xeral Técnica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, como órgano responsable para os efectos de impugnación.

Terceiro. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para xestionar a solicitude de creación dun selo electrónico denominado «Vicepresidencia Segunda e C. de Presidencia, Xustiza e Deportes» ante a autoridade de servizos de certificación que corresponda.

A titularidade, así como a responsabilidade do seu uso, corresponderalle á Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

O selo electrónico estará baseado nun certificado electrónico recoñecido ou cualificado e as súas características técnicas xerais serán as que consten na declaración de prácticas de certificación do emisor do certificado.

Os datos necesarios para acceder ao servizo de validación para a verificación do certificado estarán incluídos no certificado. Os datos que deberán constar no selo electrónico son os seguintes:

a) NIF do organismo subscritor: S1511001H.

b) Organismo subscritor: Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

c) Nome do selo: Vicepresidencia Segunda e C. de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Cuarto. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para a renovación do selo electrónico denominado «Vicepresidencia Segunda e C. de Presidencia, Xustiza e Deportes», sempre e cando continúen vixentes as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución.

Quinto. A presente resolución producirá efectos desde o día da súa sinatura e publicarase na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2022

Elena Muñoz Fonteriz
Secretaria xeral técnica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Julián Cerviño Iglesia
Director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia