Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Xoves, 3 de novembro de 2022 Páx. 57809

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 17 de outubro de 2022, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, pola que se fai pública a aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal do Concello de Cambe no SAU-RD 1 A Barcala.

En cumprimento do disposto no artigo 82 de la Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal do Concello de Cambre no SAU-RD 1 A Barcala, mediante a Orde da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda do 10 de outubro de 2022, que figura como anexo.

Unha vez inscrita a devandita modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a documentación íntegra, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón: https://cmatv.xunta.gal/rexistro-de-planeamento-urbanistico-de-galicia

Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderán ser consultados na seguinte ligazón:

https://cmatv.xunta.gal/busca-por-palabra-clave?p_p_id=aaeKeyword_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeKeyword_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D1860&_aaeKeyword_WAR_aae_id=1860

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2022

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

Orde de aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal do Concello de Cambre no SAU-RD 1 A Barcala

O Concello de Cambre remite a modificación puntual (MP) sinalada para os efectos previstos no artigo 60.14 e seguintes da Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG), que corresponde co artigo 144.14 e seguintes do seu regulamento, aprobado polo Decreto 143/2016 (RLSG).

Analizada a documentación achegada e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Cambre dispón dunhas normas subsidiarias de planeamento de ámbito municipal (NNSSMM) aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo da Coruña o 27 de xullo de 1994 (o texto refundido mediante o Acordo do 26 de setembro de 1994).

2. O xefe do Servizo de Planeamento e Xestión municipal emitiu o 29 de xullo de 2016 un informe favorable á tramitación do borrador e o documento ambiental estratéxico da MP.

3. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (SXOTU) emitiu o 11 de novembro de 2016 un informe de contestación no trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG.

4. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou o informe ambiental estratéxico sobre a modificación o 13 de decembro de 2016 (DOG do 8.11.2017), no cal se resolve someter a modificación a avaliación ambiental estratéxica ordinaria e se aproba o documento de alcance. No marco do proceso de consultas previas contestaron:

a) O Instituto de Estudos do Territorio: resposta do 10 de novembro de 2016, con recomendacións.

b) A Consellería de Economía, Emprego e Industrial: resposta do 15 de novembro de 2016 sobre a autorización das instalacións no ámbito da modificación.

c) A Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica: informe do Servizo de Innovación Tecnolóxica da Acuicultura de data 15 de setembro de 2016 no cal indica a necesidade de ter en conta o Plan director de acuicultura litoral (PDAL).

d) O Servizo de Montes da Consellería do Medio Rural: informe do 3 de outubro de 2016: sen obxeccións e con advertencias xerais sobre a normativa sobre incendios forestais.

e) A Demarcación de Estradas do Estado en Galicia: informe do 21 de abril de 2017, con observacións.

5. O xefe do Servizo de Planeamento e Xestión municipal emitiu informes o 31 de xullo de 2016, o 10 de novembro de 2017 e o 14 de decembro de 2017, este último favorable á aprobación inicial.

6. O xefe da Área de Urbanismo e Réxime Interior emitiu informe o 18 de decembro de 2017 en que propoñía a aprobación inicial da modificación.

7. O Concello Pleno aprobou inicialmente a modificación en sesión do 28 de decembro de 2017. Foi sometido a información pública durante o prazo de dous meses (La Voz de Galicia e Diario Oficial de Galicia do 18.1.2018) e non foron presentadas alegacións, segundo o certificado do 23 de marzo de 2018 incluído para o efecto no expediente.

8. No que afecta os informes sectoriais autonómicos e audiencia aos concellos limítrofes (artigo 60.7 da LSG), a DXOTU emitiu un informe co resultado do trámite o 8 de xuño de 2018:

1. Foron emitidos os seguintes informes sectoriais autonómicos:

• Informe da Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil do 20 de febreiro de 2018, no que sinala a non necesidade de informe da Comisión Galega de Protección Civil.

• Informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 18 de abril de 2018, favorable.

• Informe do Servizo de Avaliación Ambiental de Plans e Programas desta consellería do 12 de abril de 2018, sobre a sustentabilidade ambiental da modificación.

• Informe do Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación desta consellería do 12 de abril de 2018, sobre solos contaminados, en que se sinalaba a súa inexistencia.

• Informe do Instituto de Estudos do Territorio do 24 de maio de 2018, en materia de paisaxe, sen obxeccións.

• Informe da Axencia Galega de Infraestruturas do 18 de maio de 2018, desfavorable.

2. Foron solicitados os informes da Dirección Xeral de Ordenación Forestal e de Augas de Galicia, que non foron emitidos en prazo.

3. Deuse audiencia aos concellos limítrofes de Abegondo, Bergondo, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. O Concellos de Oleiros (o 27 de febreiro de 2018) respondeu con alegacións sobre a modificación e o de Abegondo (o 13 de abril de 2018), sen alegacións.

4. En canto ás consultas ambientais, foron efectuadas todas as indicadas no documento de alcance do estudo ambiental estratéxico. Emitiron informes a Dirección Xeral de Aviación Civil, o 17 de maio de 2018 (que sinala a validez das consideracións do informe emitido o 31 de xaneiro de 2018), e a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, o 7 de xuño de 2018.

9. A Dirección Xeral de Ordenación Forestal emitiu o 24 de xullo de 2018 informe favorable.

10. A Xunta de Goberno da Deputación Provincial emitiu o 1 de xuño de 2018 informe favorable.

11. O 6 de xuño de 2018 contestou a Demarcación de Estradas do Estado en Galicia ao trámite de consultas ambientais, con observacións sobre o proxecto.

12. Aguaservi emitiu informes en que sinalaba a suficiencia das redes de auga e saneamento, o 1 de agosto de 2018 e o 10 de agosto de 2018. Consta informe do 14 de agosto de 2018 do enxeñeiro de camiños municipal sobre a suficiencia das redes de auga e saneamento.

13. No proxecto aprobado provisionalmente figuran: escrito de Unión Fenosa Distribución do 11 de decembro de 2017, con indicacións sobre o abastecemento eléctrico; informe do enxeñeiro de telecomunicacións do 10 de novembro de 2017, sobre as redes existentes; e informe de Gas Galicia do 6 de novembro de 2017, sobre a infraestrutura de gas.

14. A Axencia Galega de Infraestruturas emitiu o 11 de marzo de 2020 informe favorable á modificación, sobre o documento que tivo entrada na AXI o 8 de febreiro de 2020.

15. En materia de informes sectoriais non autonómicos, ademais do xa citado, constan:

a) Dirección Xeral de Aviación Civil do Ministerio de Fomento: informe do 31 de xaneiro de 2018, favorable condicionado.

b) Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar do 28 de marzo de 2018, con observacións que indican que o ámbito está fóra da servidume de protección e dentro da zona de influencia, debendo terse en conta o artigo 30 da Lei 22/1988, de costas.

c) Demarcación de Estradas en Galicia do Ministerio de Fomento: informe do 18 de outubro de 2019, sobre servidumes acústicas.

d) Dirección Xeral de Estradas do Ministerio de Fomento: informe do 22 de xullo de 2020, favorable con observacións sobre a Rede de estradas e as servidumes acústicas.

e) Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información do Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital: informe do 15 de febreiro de 2018, desfavorable, e informe do 23 de abril de 2018, favorable.

f) Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital: informe do 9 de marzo de 2018, con observacións.

16. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu o 27 de novembro de 2020 a declaración ambiental estratéxica sobre a modificación (DOG do 18.12.2020), favorable con determinacións para ter en conta.

17. O arquitecto municipal emitiu o 18 de xaneiro de 2021 un informe, tras a información pública e a emisión de informes sectoriais, favorable á continuación da tramitación. O xefe da Área de Urbanismo e Réxime Interior emitiu un informe o 18 de xaneiro de 2021 en que propón a aprobación provisional da modificación.

18. A modificación foi aprobada provisionalmente polo Concello en pleno con data do 28 de xaneiro de 2021.

19. A documentación de aprobación provisional tivo entrada na Xunta de Galicia o 6 de abril de 2021. O Servizo de Urbanismo requiriu a emenda das deficiencias observadas o 6 de maio de 2021. O Concello achegou nova documentación o 5 de agosto de 2021. O Servizo de Urbanismo da Coruña requiriu a emenda de deficiencias o 24 de setembro de 2021.

20. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o 12 de novembro de 2021 un informe favorable á modificación en materia de costas.

21. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda resolveu non outorgar a aprobación definitiva da modificación mediante a Orde do 19 de xaneiro de 2022.

22. Constan informes favorables do arquitecto municipal do 6 de abril de 2022 e do xefe da Área de Urbanismo e Réxime Interior do 9 de abril de 2022, co conforme da secretaria accidental, previos á aprobación provisional da modificación.

23. O Pleno municipal aprobou provisionalmente de novo a MP en sesión do 28 de abril de 2022.

24. O Concello presentou na Xunta de Galicia o 25 de maio de 2022 o novo proxecto. O Servizo de Urbanismo requiriu a emenda de deficiencias o 22 de xuño de 2022. O Concello presentou o 2 de agosto de 2022 un novo exemplar do proxecto para cumprir co indicado no requirimento.

II. Obxecto e descrición do proxecto

1. A modificación puntual afecta 32.474 m² situados entre o núcleo urbano do Temple, a autoestrada AP-9 e a estrada provincial AC-1706, na parte norte do termo municipal.

2. O ámbito é o solo apto para urbanizar residencial denso SAU-RD-1 A Barcala das NNSSMM de Cambre, que prevén o desenvolvemento do ámbito mediante un plan parcial con vivenda colectiva, densidade máxima de 60 viv./ha e edificabilidade máxima 0,65 m²/m².

3. A modificación puntual ten por obxectivo o desenvolvemento urbanístico do ámbito, partindo da súa consideración como solo urbanizable delimitado por aplicación da disposición transitoria 1ª.2.b) da LSG. A proposta ordena detalladamente o sector mantendo a densidade e edificabilidade máximas previstas.

III. Análise e consideracións.

Analizado o documento achegado e posto en relación coas deficiencias formuladas na anterior Orde CMATV de non aprobación definitiva do 19 de xaneiro de 2022, púidose comprobar que en xeral se lles deu cumprimento.

En todo caso, cómpre sinalar:

1. Determinacións en solo urbanizable propias do plan xeral (artigo 56.1 da LSG): a memoria substitúe a remisión ao Regulamento de planeamento pola do RLSG. A contía de zonas verdes de sistema xeral computables, de acordo ao artigo 70 da LSG, non acada o mínimo regulamentariamente establecido, ben que os sistemas locais de espazos libres resultan excedentarios, polo que, aínda que globalmente se cumpren os estándares legais, procede reflectir as correccións oportunas nos planos de ordenación da MP.

2. Determinacións en solo urbanizable propias do plan parcial (artigos 56.2, 68 e 69 da LSG): o plano O-1c contén unha zonificación acústica incorrecta para o ámbito, pois o viario local e o sistema xeral de espazos libres deben ter a súa zonificación acústica específica, e non a de sistema xeral de infraestrutura de transportes, o que deberá corrixirse.

3. Estudo económico: a memoria de sostibilidade económica non actualiza o custo de execución da urbanización do ámbito, que se mantén en 1.625.629,25 euros de orzamento de contrata como no proxecto anterior, cando conforme o estudo económico financeiro agora achegado é de 2.073.532,16 euros, por mor da inclusión das partidas da execución da rotonda e da pantalla acústica sinaladas no punto III.4 da Orde do 19 de xaneiro de 2022.

4. Eivas formais:

a) Os arquivos contidos na carpeta 01_MX da documentación escrita da modificación carecen de dilixencia municipal de aprobación provisional, agás o arquivo 017_MPNNSSPP_202202_AD_01_MX dilg_signed.pdf, que si a ten.

b) No arquivo 017_MPNNSSPP_202202_AD_10EAE_Parte2.pdf faltan a páxina 4 do informe de Audasa (4.10.2019) e o anexo 6, Memoria xustificativa de adaptación ao ambiente y a protección da paisaxe.

c) Os arquivos do estudo ambiental estratéxico mesturan formatos e orientacións de follas, polo que se incumpre o artigo 10.5 da Orde do 10 de outubro de 2019, Normas técnicas de planeamento.

d) A totalidade dos arquivos de documentación gráfica (carpetas 02_PINF e 03_PORD) veñen reducidos na súa escala, non correspondéndose coas escalas numéricas que figuran nas súas cartelas.

A competencia para resolver a aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60.16, 61.1, 83.5 da LSG e nos artigos 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal do Concello de Cambre (A Coruña) no SAU RD-1 A Barcala, condicionada ao cumprimento das observacións sinaladas no punto IIII desta orde.

Para tal efecto, o Concello deberá elaborar un documento refundido nos termos establecidos nos artigos 62 da LSG e 147 do seu regulamento.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación puntual aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíqueselle esta orde ao Concello.

5. Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.