Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Luns, 31 de outubro de 2022 Páx. 57082

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 17 de outubro de 2022 pola que se aproba a proposta motivada do Concello da Coruña de declaración de tres áreas do municipio como zonas de grande afluencia turística, para os efectos da aplicación do réxime especial de horarios previsto no capítulo III da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia.

Logo de examinar a solicitude presentada polo Concello da Coruña para a inclusión de determinadas áreas do dito concello como zonas de grande afluencia turística de acordo co disposto no artigo 9 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación ten en consideración os seguintes

Feitos:

Primeiro. Con data do 27 de xullo de 2022 ten entrada escrito do Concello da Coruña para solicitar da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación a declaración de tres áreas do municipio da Coruña como zonas de grande afluencia turística, para os efectos previstos no capítulo III da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia:

1. Zona monumental e centro cidade: territorio comprendido dentro do ámbito definido entre as rúas Hospital, Rampa Matadoiro, praias Matadoiro-Orzán-Riazor, rúas Manuel Murguía, Almirante Vierna, avenida da Habana, avenida Buenos Aires, praza de Pontevedra, rúa Juan Flórez (ambas beirrrúas), rúa Ramón de la Sagra, avenida Linares Rivas, Peirao da Batería, terminal de cruceiros dársena da Mariña, paseo Alcalde Francisco Vázquez, rúa Veramar, praza das Atochas, rúa Atocha Baixa e rúa San Juan. Comprende tamén este ámbito territorial as catro arterias principais comerciais e hostaleiras do Barrio de Montealto que constitúen o acceso urbano á Torre de Hércules: rúa da Torre, avenida de Navarra, rolda de Monte Alto e avenida de Hércules (ambas beirarrúas en todas elas).

2. Torre de Hércules e contorna: territorio comprendido dentro do ámbito definido pola línea de costa, paseo Alcalde Francisco Vázquez, e paseo dos Menhires.

3. Cemiterio de San Amaro.

A solicitude restrínxese aos seguintes períodos e días.

• Período do Nadal (1 de decembro ao 8 de xaneiro).

• Entroido (venres anterior a domingo posterior).

• Semana Santa (venres anterior a martes posterior).

• Período estival (do 15 de xuño ao 15 de setembro).

Xunto coa proposta, o Concello da Coruña achega certificación do acordo plenario, do 7 de xullo de 2022, no cal se recolle a declaración da Coruña como zona de grande afluencia turística, así como a súa delimitación xeográfica e horaria, a memoria motivada e descritiva na que basea a súa proposta para a declaración da Coruña como zona de grande afluencia turística, informe da Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación da Coruña, e informe das asociacións e federacións de comerciantes e hostaleiros que a continuación se relacionan: Federación Unión de Comercios Coruñeses, Asociación de Comerciantes Distrito Picasso, Asociación de Vecinos y Comerciantes de Monte Alto.

Así mesmo, achega informe da Asociación de Amas de Casa e Consumidores da Provincia da Coruña, e informe das organizacións sindicais UGT, CC.OO. e CIG.

Segundo. Con data do 28 de xullo de 2022, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación achega á Axencia Turismo de Galicia copia da documentación, ao tempo que solicita informe sobre o devandito expediente de acordo co disposto no artigo 9.2 da Lei 13/2006, do 27 de decembro.

Terceiro. Con data do 7 de outubro de 2022 tivo entrada na Dirección Xeral de Comercio e Consumo o informe favorable da Axencia Turismo de Galicia sobre esta cuestión.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. Correspóndelle á persoa titular da consellería competente en materia de comercio a resolución dos expedientes de solicitude de declaración de zona de afluencia turística, de conformidade co establecido no artigo 9.2 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia.

Segundo. O artigo 5.5. da Lei 1/2004, do 21 decembro, de horarios comerciais, establece, en relación coa determinación de zonas de grande afluencia turística que: «en todo caso, nos municipios con máis de 100.000 habitantes que rexistrasen máis de 600.000 pernoctacións no ano inmediatamente anterior ou que conten con portos en que operen cruceiros turísticos que recibisen no ano inmediato anterior máis de 400.000 pasaxeiros, declararase, polo menos, unha zona de grande afluencia turística aplicando os criterios previstos no punto anterior. Para a obtención destes datos estatísticos consideraranse fontes as publicacións do Instituto Nacional de Estatística e de Portos do Estado.

Se no prazo de seis meses a partir da publicación destes datos, as comunidades autónomas competentes non declarasen algunha zona de grande afluencia turística no municipio no que concorran as circunstancias sinaladas no parágrafo anterior, entenderase declarada como tal a totalidade do municipio e os comerciantes dispoñerán de plena liberdade para a apertura dos seus establecementos durante todo o ano».

Terceiro. De conformidade cos datos provisionais publicados o 25 de xaneiro de 2022 polo Instituto Nacional de Estadística, a través da enquisa de ocupación hostaleira, que analiza as pernoctacións en todos os establecementos hoteleiros de cada comunidade autónoma, a cidade da Coruña rexistrou durante o ano 2021, 690.844 pernoctacións.

Isto pon de manifesto a obriga legal de declaración, de polo menos, unha zona de grande afluencia de turística no municipio da Coruña.

Cuarto. O artigo 9 da Lei 13/2006, de 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, establece que:

1. Para determinar as zonas de grande afluencia turística, exceptuadas do réxime xeral, é precisa a proposta motivada do concello directamente afectado, que será aprobada por maioría absoluta do Pleno, a cal deberá especificar se a exclusión se pide para a totalidade do municipio ou só para unha parte deste, e indicar o período ou os períodos do ano aos que se circunscribe a solicitude e mais a franxa horaria de apertura diaria solicitada, e á que deben achegarse os seguintes informes:

a) Informe da cámara de comercio do ámbito territorial afectado.

b) Informe das asociacións ou agrupacións de comerciantes retallistas máis representativas do sector comercial no ámbito territorial afectado.

c) Informe das asociacións de consumidores e usuarios máis representativas no ámbito territorial afectado.

d) Informe das organizacións sindicais máis representativas no ámbito territorial afectado.

2. A consellería competente en materia de comercio é o órgano que ten atribuída a competencia para aprobar ou denegar a proposta a que se refire a alínea 1, logo do informe preceptivo da dirección xeral competente en materia de turismo.

3. De proceder a modificación da resolución ditada, con base na necesariedade obxectiva dos consumidores, abrirase de novo o procedemento establecido na alínea 1 coa participación das asociacións e organizacións subliñadas nela e cos informes preceptivos do concello, se é o caso, e da dirección xeral competente en materia de turismo.

4. A proposta a que se refire a alínea 1 considerarase aprobada de non se ditar resolución expresa no prazo de tres meses, contados desde a súa presentación xunto con toda a documentación preceptiva.

5. A declaración de zona de grande afluencia turística, para os efectos desta lei, terá unha vixencia de cinco anos, prorrogables por idénticos períodos, sempre e cando quede acreditada para cada caso a persistencia das causas que motivaron a autorización inicial. Así que sexa aprobada será publicada no Diario Oficial de Galicia.

6. Se desaparecesen as causas que motivaron a declaración de zona de grande afluencia turística, a consellería competente en materia de comercio procederá á revogación dela, logo de audiencia das organizacións que se sinalan na alínea 1, correspondentes ao concello afectado. Así mesmo, poderanse solicitar os informes oportunos da dirección xeral competente en materia de turismo.

Quinto. A proposta motivada do Concello da Coruña foi aprobada por maioría absoluta do Pleno da Corporación Local, o 7 de xullo de 2022. Na documentación presentada, sinala que delimita espacialmente a súa proposta acoutando os lugares que reciben os turistas, de acordo co establecido no artigo 7 do Real decreto Lei 8/2014, do 4 de xullo, concretamente no que se refire ás seguintes circunstancias, que motivan suficientemente a declaración de zona de grande afluencia turística:

a) Existencia dunha concentración suficiente, cuantitativa e cualitativamente, de prazas en aloxamentos e establecementos turísticos ou ben no número de segundas residencias respecto ás que constitúen a residencia habitual.

b) Que fose declarado patrimonio da humanidade ou no que se localice un ben inmoble de interese cultural integrado no patrimonio histórico artístico.

c) Celebración de grandes eventos deportivos ou culturais de carácter nacional ou internacional.

d) Proximidade a áreas portuarias en que operen cruceiros turísticos e rexistren unha afluencia significativa de visitantes.

e) Que constitúan áreas cuxo principal atractivo sexa o turismo de compras.

f) Cando concorran circunstancias especiais que así o xustifiquen.

g) Que limiten ou constitúan áreas de influencia de zonas fronteirizas.

Sexto. A solicitude complétase no expediente cun informe-proposta coas áreas solicitadas de declaración de zona de grande afluencia turística e mais os planos con rúas de cada unha delas, concluíndo que:

«Vistos os antecedentes expostos e dado que o expediente está completo e co obxecto de proceder á súa aprobación, sométese ao Pleno da Corporación, logo do ditame da Comisión Informativa correspondente, a seguinte proposta:

Solicitar a declaración de determinadas áreas do Concello da Coruña que a seguir se relacionan como zona de grande afluencia turística, durante os seguintes períodos e días:

Período do Nadal (1 de decembro a 8 de xaneiro).

Entroido (venres anterior a domingo posterior).

Semana Santa (venres anterior a martes posterior).

Período estival (do 15 de xuño ao 15 de setembro).

• Zona monumental:

Cidade Vella.

– Igrexa de Santiago (románica) 2.

– Colexiata de Santa María do Campo (románica) 2.

– Igrexa de San Jorge (barroca) 2.

– Igrexa de Santo Domingo (barroca) 2.

– Praza de Azcárraga 2.

– Praza das Bárbaras 2.

Praza de María Pita 2 e 3.

Galerías da Mariña 2.

Torre de Hércules-patrimonio da humanidade 2.

Murallas do século XVII 2.

Xardín de San Carlos 2.

Castelo de Santo Antón 2.

Coruña Modernista 2.

Casa Picasso 2.

• Centro cidade:

Zona de concentración hostaleira 1.

Zona de concentración hostaleira 1.

Zona comercial 5.

Zona de recepción de cruceiristas (30.932 no último ano que desembarcan no centro) 4.

Zona de roteiros marítimos 4.

Portos deportivos 4.

Dársena de autobuses 4.

Paseo do Parrote 4.

Xardíns de Méndez Núñez 2.

Museo de Belas Artes 2.

Casas Museo 2.

Praias: Riazor, Orzán e O Matadoiro 6.

• Outros:

Estadio de Riazor 3.

Cemiterio de San Amaro 6.

Sétimo. Así mesmo, cómpre salientar que a proposta formulada acadou, no referente á súa delimitación territorial e horarios, o apoio de tres asociacións e federacións de comerciantes e hostaleiros, respectando desta forma a proposta presentada os intereses locais que a entidade representa.

Oitavo. O informe para a determinación do Concello da Coruña como zona de grande afluencia turística, recibido na Dirección Xeral de Comercio e Consumo o 7 de outubro de 2022, emitido pola Axencia Turismo de Galicia sinala:

«O artigo 9.2 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, indica que a consellería competente en materia de comercio é o órgano que ten atribuída a competencia para aprobar ou denegar a devandita solicitude, logo do informe preceptivo da dirección xeral competente en materia de turismo.

Segundo o establecido no artigo 1 do Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia Turismo de Galicia, terá como obxectivo impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo e, en especial, a promoción e a ordenación do turismo dentro da comunidade e a conservación e promoción dos camiños de Santiago.

Unha vez consultadas estas fontes por parte da Área de Estudos Turísticos da Axencia Turismo de Galicia, compróbase que A Coruña rexistrou algo máis de 693.000 pernoctacións no pasado ano 2021, dato referido ao ámbito hoteleiro. Supera, en consecuencia, a cifra determinada na lei para poder solicitar e delimitar o ámbito territorial e temporal da zona de grande afluencia turística. A súa desagregación por meses é a seguinte:

Xaneiro

20.198

Febreiro

18.133

Marzo

25.495

Abril

28.236

Maio

37.755

Xuño

62.123

Xullo

87.037

Agosto

127.126

Setembro

83.743

Outubro

82.532

Novembro

60.886

Decembro

59.942

En canto aos datos de turismo de cruceiros, os datos do ano 2021 recollen un total de 30.177 pasaxeiros, unha cantidade que está por debaixo da prevista na lei, aínda que fica moi condicionada polos efectos negativos da pandemia da COVID19 neste segmento turístico. En 2019, último ano previo á pandemia, o porto da Coruña rexistrou máis de 160.000 pasaxeiros.

No concello da Coruña concorren moitas das circunstancias previstas no artigo 5.4 da Lei 1/2004, do 21 de decembro, de horarios comerciais para declarar unha zona de grande afluencia turística. A saber:

– Existencia dunha concentración suficiente, cuantitativa ou cualitativamente, de prazas en aloxamentos e establecementos turísticos, ou ben no número de segundas residencias respecto ás que constitúen a residencia habitual.

(...) O Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas amosa que neste ano 2022, o Concello da Coruña ten rexistrados 742 establecementos, que ofertan 8.234 prazas, boa parte das cales se localizan nas áreas propostas como zona de grande afluencia turística. O 46 % da oferta corresponde aos hoteis, tipoloxía na que ten un notable peso e importancia o segmento de catro e cinco estrelas. Destaca tamén a presenza de vivendas de uso turístico, tipoloxía que representa o 38 % do total das prazas ofertadas.

– Que se localice nela un ben inmoble de interese cultural integrado no patrimonio histórico artístico.

(...) Neste sentido, segundo se desprende do listado de Bens de Interés Cultural publicado pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia, o Concello da Coruña ten declarados un total de 15 elementos como BIC, dos cales 12 localízanse dentro da área proposta para zona de grande afluencia turística.

– Celebración de grandes eventos deportivos ou culturais de carácter nacional ou internacional.

(...) Localízanse na área proposta como zona de grande afluencia turística dous elementos que contribúen de forma excepcional a incrementar a afluencia turística á cidade en xeral: o estadio de Riazor, onde se celebran eventos deportivos de primeiro nivel, e a celebración do San Xoan, evento declarado en 2015 como festa de interese turístico internacional.

– Proximidade a áreas portuarias en que operen cruceiros turísticos e rexistren unha afluencia significativa de visitantes.

(...) No centro da cidade localízase o porto da Coruña, no cal se rexistra unha importante actividade económica, entre a que destaca o turismo de cruceiros. Este segmento rexistrou no pasado ano máis de 31.000 pasaxeiros, cifra que ascende a máis de 114.000 nos primeiros oito meses de 2022.

– Que constitúan áreas cuxo principal atractivo sexa o turismo de compras.

(...) Concéntrase na zona centro da Coruña boa parte da actividade comercial e de servizos da cidade.

A Coruña é tamén un referente do turismo urbano e cultural dentro da Comunidade Autónoma, destacando a presenza de numerosos museos como o MUNCYT, Museo de Belas Artes, Casa Museo Picasso, Casa Museo Emilia Pardo Bazán ou os museos científicos da cidade, Casa das Ciencias, Domus, e Aquarium Finisterrae.

Conclúese que as áreas propostas como zona de grande afluencia turística dentro do termo municipal da Coruña presentan os elementos necesarios para a súa clasificación como tal, para os efectos de aplicación da normativa correspondente. A proposta conta, ademais, con informe favorable da maioría dos colectivos consultados.

Con base no exposto nos puntos anteriores, este centro directivo emite informe favorable á declaración de zona de grande afluencia turística no concello da Coruña, nos termos mencionados no punto cuarto».

Vistos os precedentes citados, especialmente o disposto no artigo 5, puntos 4 e 5 da Lei estatal 1/2004, do 21 de decembro, de horarios comerciais,

RESOLVO:

1º. Aprobar a proposta motivada do Concello da Coruña de declaración de tres áreas do municipio da Coruña como zonas de grande afluencia turística para os efectos da aplicación do réxime especial de horarios previsto no capítulo III da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia:

– Zona monumental e centro cidade: territorio comprendido dentro do ámbito definido entre as rúas Hospital, Rampa Matadoiro, praias Matadoiro-Orzán-Riazor, rúas Manuel Murguía, Almirante Vierna, avenida da Habana, avenida Buenos Aires, praza de Pontevedra, rúa Juan Flórez (ambas beirrrúas), rúa Ramón de la Sagra, avenida Linares Rivas, Peirao da Batería, terminal de cruceiros dársena da Mariña, paseo Alcalde Francisco Vázquez, rúa Veramar, praza das Atochas, rúa Atocha Baixa e rúa San Juan. Comprende tamén este ámbito territorial as catro arterias principais comerciais e hostaleiras do Barrio de Montealto que constitúen o acceso urbano á Torre de Hércules: rúa da Torre, avenida de Navarra, ronda de Montealto e avenida de Hércules (ambas beirarrúas en todas elas).

– Torre de Hércules e contorna: territorio comprendido dentro do ámbito definido pola línea de costa, paseo Alcalde Francisco Vázquez, e paseo dos Menhires.

– Cemiterio de San Amaro.

A solicitude restrínxese aos seguintes períodos e días:

Período do Nadal (1 de decembro ao 8 de xaneiro).

Entroido (venres anterior a domingo posterior).

Semana Santa (venres anterior a martes posterior).

Período estival (do 15 de xuño ao 15 de setembro).

A delimitación espacial das áreas figura especificada nos planos que se anexan.

2º. A declaración de zona de grande afluencia turística terá unha vixencia de cinco anos, prorrogables por idénticos períodos, sempre e cando quede acreditada para cada caso a persistencia das causas que motivaron a autorización inicial. Así que sexa aprobada, será publicada no Diario Oficial de Galicia.

3º. Se desaparecesen as causas que motivaron a declaración de zona de grande afluencia turística, a consellería competente en materia de comercio procederá á revogación dela, logo de audiencia das organizacións que se sinalan na alínea 1, do artigo 9 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, correspondentes ao concello afectado. Así mesmo, poderanse solicitar os informes oportunos da dirección xeral competente en materia de turismo.

Contra esta resolución, que é definitiva na vía administrativa, caberá interpoñer, se é o caso, recurso potestativo de reposición perante esta consellería no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación (artigo 123 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas); ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na Coruña, no prazo de dous meses contados desde a mesma data (artigo 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-adminitrativa), sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideran procedente.

Comuníquese aos interesados.

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2022

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía,
Industria e Innovación
P.D. (Orde do 21.3.2022, DOG núm. 63)
Pablo Casal Espido
Secretario xeral técnico da Vicepresidencia Primeira e Consellería
de Economía, Industria e Innovación

ANEXO I

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file