Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Venres, 28 de outubro de 2022 Páx. 57057

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Pontevedra

ANUNCIO da aprobación definitiva do estudo de detalle para a ordenación de volumes e a determinación das condicións estéticas e compositivas dos edificios que se van construír no rueiro 46A do polígono 1 do eido da modificación puntual do Plan xeral de ordenación urbana, na antiga unidade de actuación número 7 (Tafisa) (expediente 2017/ESTDETALLE/000003).

O Pleno do Concello de Pontevedra, na sesión ordinaria que tivo lugar o 26 de maio de 2022, adoptou, entre outros, o seguinte acordo:

«(...) Primeiro. Desestimar as alegacións formuladas, ao abeiro da acción pública urbanística, por J. Ventura Bueno Julián no correspondente proceso de información pública do expediente 2017/ESTDETALLE/000003, con base no sinalado no informe proposta xurídico que serve de fundamento ao presente acordo, e prestar aprobación, con carácter definitivo, ao estudo de detalle formulado, mediante iniciativa particular, inicialmente polas entidades mercantís Sabadell Real Estate Development, S.L. e Buildingcenter, S.A.U., e nas cales se subrogaron as entidades Greip Activos Inmobiliarios, S.L.U. e Coral Homes, S.L., para o rueiro 46 A da unidade de actuación número 7 do PXOU de Pontevedra, instrumento redactado polos arquitectos Julio Daniel Rodríguez Rodríguez e Daniel Rivoira Zecca, datado en outubro de 2021, con entrada no Rexistro Xeral do Concello o 28 de marzo de 2022, baixo o número 2022013622, adaptado ás normas técnicas de planeamento de Galicia –que substitúe o documento anterior, datado en xaneiro de 2018–, destinado á ordenación de volumes e á determinación das condicións estéticas e compositivas dos edificios que se van construír no rueiro 46 A do polígono 1 do eido da modificación puntual do PXOU na antiga unidade de actuación número 7 (rúa de José Malvar Figueroa e vías de nova apertura), coa finalidade de dar cumprimento ás condicións impostas na licenza de parcelamento do 11 de outubro de 2010 –modificada por acordo posterior do 9 de marzo de 2020–, instrumento urbanístico ao cal se incorpora, ao situarse o seu ámbito nas zonas de servidumes aeronáuticas correspondentes ao aeroporto de Vigo e como parte integrante deste, o informe emitido pola Subdirección Xeral de Aeroportos e Navegación Aérea (csv IWMPQDSDDI9EVG5X), que inclúe, no seu anexo 1, un plano –que se anexa cos planos normativos do estudo de detalle e que será dilixenciado xunto coa restante documentación obxecto de aprobación definitiva– no cal se representan as liñas de nivel das superficies limitadoras das referidas servidumes e que determinan as alturas (respecto do nivel do mar) que non deberá superar ningunha construción, incluídos todos os seus elementos (postes, antenas, carteis, etc.), así como o gálibo de viario ou vía férrea.

Segundo. Dispor a publicación do anuncio do acordo de aprobación definitiva do estudo de detalle no Diario Oficial de Galicia, con indicación expresa de que o seu contido íntegro estará á disposición do público na sede electrónica do Concello de Pontevedra www.sede.pontevedra.gal

Unha vez publicado o anuncio no DOG, o instrumento de planeamento aprobado será inscrito no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia por petición deste concello, para o que se remitirá un exemplar en soporte dixital, debidamente dilixenciado pola Secretaría do Pleno.

Ademais de no DOG e na sede electrónica, o acordo será obxecto de publicación, xunto co índice de documentos e planos –incluído o plano das servidumes aeronáuticas–, unha vez recibido o certificado de inscrición no Rexistro do instrumento de planeamento, no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra, para lograr a súa eficacia e executividade.

Terceiro. Notificar este acordo individualmente ás entidades promotoras, ás mercantís non promotoras Pontelérez Promociones Inmobiliarias, S.L.U. e BBVA, como propietarias das parcelas 46 A1 e 46 A4, a todas aquelas persoas que figuren como interesadas ou constituídas en parte no expediente, con notificación individual a J. Ventura Bueno Julián, con ofrecemento dos recursos procedentes e con comunicación expresa á Subdirección Xeral de Aeroportos e Navegación Aérea da Dirección Xeral de Aviación Civil do Ministerio de Fomento (…).».

O que se fai público para a súa executividade, e indícase que contra o acto de aprobación definitiva do estudo de detalle, que pon fin á vía administrativa, poderá interpor directamente, quen se considere lexitimado, recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no DOG, consonte o establecido nos artigos 10.1 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Todo isto sen prexuízo de interpor calquera outro recurso que se entenda máis procedente e sexa conforme dereito.

Así mesmo, infórmase que nestas datas xa está publicado na sede electrónica do Concello de Pontevedra (ligazón exacta no día de hoxe (http://www.pontevedra.gal/areas/urbanismo-e-territorio/planeamentourbanistico/planeamento-de-desenvolvemento/) o contido íntegro do documento aprobado definitivamente polo Pleno do Concello de Pontevedra, en cumprimento do disposto na Lei 19/2013, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.

Pontevedra, 1 de xuño de 2022

Miguel Anxo Fernández Lores
Alcalde