Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Xoves, 27 de outubro de 2022 Páx. 56640

III. Outras disposicións

Universidade da Coruña

RESOLUCIÓN do 17 de outubro de 2022 pola que se establece a composición da Mesa de Contratación Permanente.

O artigo 326.1 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público (LCSP/2017), establece que nos procedementos abertos, abertos simplificados, restrinxidos, de diálogo competitivo, de licitación con negociación e de asociación para a innovación os órganos de contratación das administracións públicas estarán asistidos por unha mesa de contratación. Nos procedementos negociados en que non sexa necesario publicar anuncios de licitación e nos procedementos a que se refire o artigo 159.6 (procedemento aberto supersimplificado) a constitución da mesa será potestativa para o órgano de contratación.

O 14 de xaneiro de 2020 dítase a Resolución reitoral pola que se establece a estrutura orgánica dos servizos centrais da Universidade da Coruña e as competencias dos seus órganos directivos.

Mediante a Resolución do 4 de novembro de 2021 publícase a relación de postos de traballo do persoal funcionario de administración e servizos da UDC.

O texto consolidado do 11 de marzo de 2022 integra nun único texto a Resolución reitoral do 14 de xaneiro de 2020 coa modificación introducida pola Resolución reitoral do 10 de novembro de 2021, que amparaba as modificacións introducidas pola nova relación de postos de traballo.

Para adaptar a composición da Mesa de Contratación Permanente ás disposicións anteriores, e de conformidade co previsto no artigo 326 da LCSP/2017; no Real decreto 817/2009 e en exercicio das facultades que lle confire o artigo 36 do Decreto 101/2004, do 13 de maio, polo que se aprobaron os Estatutos da Universidade da Coruña, modificados polo Decreto 194/2007, do 11 de outubro, esta reitoría

RESOLVE:

Primeiro. Composición da Mesa de Contratación

Desígnanse os membros da Mesa, con carácter permanente e en razón dos postos que actualmente desempeñan, que se citan a seguir:

1. Presidencia: será exercida pola persoa titular da Vicerreitoría de Economía e Planificación Estratéxica.

2. Vogais permanentes:

a) Secretario/a xeral.

b) Xefatura do Servizo de Control interno.

c) Xefatura do Servizo de Asesoría Xurídica.

d) Xefatura do Servizo de Contratación Administrativa.

3. Secretaría: Xefatura da Sección de Contratación.

Segundo. Réxime de suplencias no caso de vacante, enfermidade ou ausencia

1. Presidencia: será substituída pola persoa titular da vicerreitoría que corresponda, de acordo coa composición do equipo de goberno establecida no artigo 1 do texto consolidado da Resolución reitoral do 14 de xaneiro de 2020 pola que se establece a estrutura orgánica dos servizos centrais da Universidade da Coruña e as competencias dos seus órganos directivos.

2. Vogais permanentes:

a) Xefatura do Servizo de Control Interno: pola Xefatura de Sección do Servizo de Control Interno.

b) Xefatura do Servizo de Asesoría Xurídica: pola Xefatura de Sección ou, na súa ausencia, pola do negociado do citado servizo.

c) Xefatura do Servizo de Contratación Administrativa: pola xefatura dun dos negociados do Servizo de Contratación Administrativa.

3. Secretaría: pola xefatura dun dos negociados do Servizo de Contratación Administrativa.

Terceiro. Normas de funcionamento da Mesa

Para a válida constitución da Mesa deberá estar presente a maioría absoluta dos seus membros e, en todo caso, o/a presidente/a, o/a secretario/a e os dous vogais que teñan atribuídas as funcións correspondentes ao asesoramento xurídico e ao control económico-orzamentario do órgano de contratación.

Terán voz e voto todos os membros da Mesa citada no punto primeiro, excepto o/a secretario/a da Mesa e os funcionarios e asesores especializados que se incorporen ás reunións, segundo a natureza dos asuntos que se vaian tratar, que actuarán con voz e sen voto.

A Mesa de Contratación poderá, así mesmo, solicitar o asesoramento do persoal técnico ou experto independente con coñecementos acreditados nas materias relacionadas co obxecto do contrato. A súa asistencia será autorizada polo órgano de contratación e deberá ser reflectida expresamente no expediente, con referencia ás identidades deste persoal técnico ou experto, e á súa formación e á súa experiencia profesional (artigo 326.5 da LCSP/2017).

A Mesa de Contratación poderá solicitar cantos informes técnicos considere pertinentes (artigo 150.1 da LCSP/2017).

Nos casos en que a valoración dos criterios mediante un xuízo de valor corresponda a un comité formado por expertos ou a un organismo técnico especializado (artigo 146.2.a) da LCSP/2017), a designación realizarase e publicarase no perfil de contratante (artigo 63.5 LCSP/2017).

De maneira supletoria, o seu funcionamento rexerase polo establecido no título preliminar, capítulo II, sección 3ª, subsección 1ª, da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Cuarto. Publicación e efectos

Esta resolución terá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Quedan derrogadas as disposicións anteriores que se opoñan á presente resolución reitoral.

A Coruña, 17 de outubro de 2022

Julio Ernesto Abalde Alonso
Reitor da Universidade da Coruña