Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Luns, 17 de outubro de 2022 Páx. 55282

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 22 de setembro de 2022, da Xefatura Territorial de Ourense, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción e se declara, en concreto, de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, unha instalación eléctrica no concello de San Cristovo de Cea (expediente IN407A 2022/24-3).

Unha vez examinado o expediente instruído por solicitude de UFD Distribución Electricidad, S.A. sobre a autorización administrativa previa e de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública da instalación eléctrica que a seguir se describe:

Solicitante: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Domicilio social: avenida San Luis 77, 28033 Madrid.

Denominación: LMTA, CTI e RBTA As Fontaíñas.

Situación: lugar das Fontaíñas, concello de San Cristovo de Cea.

Características principais do proxecto, que foi redactado polo enxeñeiro técnico industrial Antonio Javier Sabín Vázquez, colexiado número 2233 do Coeticor, o 26 de xaneiro de 2021:

– LMTA a 20 kV, en condutor tipo LA-56, derivada da LMTA CNO804, con inicio no apoio número 31 existente, tipo HVH A-AG17/1600-H35-CA, e fin no centro de transformación (CT) proxectado á intemperie, de 50 kVA/20 kV, para instalar sobre o apoio número 31-8-CT C FL 14/3000-H35-CA, nas Fontaíñas, coordenadas UTM ETRS89 (fuso 29), X: 580.821 e Y: 4.700.246.

A información pública do proxecto realizouse mediante o acordo desta xefatura territorial do 1 de abril e inseriuse no DOG do 29 de abril e no xornal La Región de Ourense do 13 de abril de 2022. O proxecto tamén estivo en exposición pública nesta xefatura territorial e no portal de transparencia desta vicepresidencia durante o prazo regulamentario. Dentro do prazo establecido para iso non se presentaron alegacións contrarias á realización do proxecto.

Para dar cumprimento ao artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, realizouse o trámite de notificación a descoñecidos co correspondente anuncio que se inseriu no DOG do 15 de xuño e no TEU do BOE do 18 de xuño de 2022.

UFD Distribución Electricidad, S.A. comunicou a esta xefatura territorial, mediante escrito do 8 de abril de 2022, que chegou a acordos cos titulares dos predios números 7, 35, 36, 38, 47, 50 e 55 da relación de bens e de dereitos afectados.

En consecuencia, cumpridos os trámites anteriores e aqueloutros ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e nos capítulos II e V, do título VII, do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG número 39, do 26 de febreiro), esta xefatura territorial

RESOLVE:

Conceder as autorizacións administrativas previa e de construción e declarar, en concreto, a utilidade pública ás devanditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nas condicións establecidas polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de seis meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954.

Que o representante da Administración, en cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 149 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, dea comezo ao levantamento das actas previas á ocupación, nos días e nas horas que a cada interesado se lle notifique de xeito individual, daqueles predios que figuran no anexo do acordo de información pública do proxecto, logo de actualizalas cos acordos comunicados por UFD Distribución Electricidad, S.A.

Contra esta resolución, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, conforme o establecido no artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Ourense, 22 de setembro de 2022

Alicia María López Míguez
Xefa territorial de Ourense