Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Luns, 10 de outubro de 2022 Páx. 53915

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 23 de setembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas á adquisición de vehículos que faciliten a prestación de servizos a persoas dependentes ou a persoas con discapacidade por parte de entidades de iniciativa social da Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU de conformidade co Regulamento (UE) número 2021/241, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento BS631C).

O Consello Europeo aprobou o 21 de xullo de 2020 a creación do programa NextGenerationEU como instrumento de estímulo económico en resposta á crise causada polo coronavirus.

O 10 de novembro de 2020 o Parlamento Europeo e o Consello acadaron o acordo sobre o paquete de medidas que inclúe os fondos de NextGenerationEU e o Marco financeiro plurianual 2021-2027, e créase o Mecanismo europeo de recuperación e resiliencia como instrumento de apoio aos Estados membros a través de transferencias directas e préstamos para incrementar os investimentos públicos e acometer reformas para paliar os devastadores danos producidos pola COVID-19.

O Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, sinala que os Estados membros elaborarán plans de recuperación e resiliencia nacionais para acollerse a este e acadar os obxectivos establecidos, e será presentado formalmente polos Estados, como moi tarde, o 30 de abril.

En virtude da Resolución da Subsecretaría de Asuntos Económicos e Tranformación Dixital do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, do 29 de abril de 2021, publícase o Acordo do Consello de Ministros, do 27 de abril de 2021, polo que se aproba o Plan de recuperación, transformación e resiliencia, que define as estratexias que se van seguir no desenvolvemento dos fondos europeos de recuperación (Boletín Oficial del Estado número 103, do 30 de abril).

As medidas que recolle o dito plan cumpren cos seis piares establecidos polo dito Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, e articúlanse ao redor de catro eixes principais: a transición ecolóxica, a transformación dixital, a cohesión social e territorial e a igualdade de xénero. Estes catro eixes de traballo desenvólvense a través de dez políticas panca que integran 30 compoñentes ou liñas de acción para contribuír a acadar os obxectivos xerais do plan.

O Plan de recuperación articula unha axenda coherente de reformas estruturais que responden ao diagnóstico compartido polas institucións europeas, o Goberno español e os principais axentes económicos e sociais, en ámbitos clave para reforzar a estrutura económica e social do país; concretamente, no ámbito dos servizos sociais, aquelas necesarias para a implantación dun Estado de benestar moderno que protexa os cidadáns, garanta o coidado das persoas dependentes, reforce os servizos sociais e proporcione oportunidades vitais ás novas xeracións.

Mediane o Acordo do Consello Territorial de Servizos Sociais e do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia, do 30 de abril de 2021, aprobouse a distribución territorial dos créditos correspondentes a 2021 para o financiamento de proxectos de investimento das comunidades autónomas e as cidades de Ceuta e Melilla, no marco do compoñente 22, Economía dos coidados e reforzo das políticas de igualdade e inclusión social, do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Mediante a Resolución da Secretaría de Estado de Dereitos Sociais, do 11 de setembro de 2021, publicouse o Convenio entre o Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 e a Comunidade Autónoma de Galicia para a execución de proxectos con cargo aos fondos europeos procedentes do Mecanismo para a recuperación e resiliencia, o cal prevé no seu anexo III a relación de proxectos que se van executar, entre os cales figura como proxecto nº 4, na liña C22.I1, Modernización da frota de vehículos dos centros de titularidade de entidades de iniciativa social.

A Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude da habilitación competencial outorgada ás comunidades autónomas polo artigo 148.1.20 da Constitución española, segundo o establecido no artigo 27.23 do Estatuto de autonomía de Galicia, ten competencia exclusiva en materia de asistencia social. Por outra banda, a Consellería de Política Social e Xuventude, de conformidade co Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude, asume, entre outras, as competencias en materia de atención das persoas con discapacidade e das persoas dependentes, así como as relativas ao desenvolvemento de accións de fomento destinadas á promoción da accesibilidade universal e deseño para toda a cidadanía.

Así mesmo, e de acordo co disposto no título V da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, esta orde axústase na súa tramitación as especialidades dispostas en materia de xestión e execución dos fondos de recuperación en relación coa tramitación anticipada dos procedementos administrativos de execución de gastos con cargo a estes fondos.

Todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde se entenden condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Nesta orde establécense as bases reguladoras e procédese á convocatoria de subvencións destinadas á adquisición de vehículos que faciliten a prestación de servizos por parte das entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro a persoas dependentes ou persoas con discapacidade no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para poder acceder ás axudas económicas para adquisición destes vehículos, estes deben cumprir os requisitos recollidos no Real decreto 1554/2007, do 23 de novembro, polo que se regulan as condicións básicas de accesibilidade e non discriminación para o acceso e a utilización de modos de transporte para persoas con discapacidade.

Así mesmo, para poder acceder ás axudas os vehículos serán de emisións cero, tipo eco ou etiqueta C verde, clasificados como tales pola Dirección Xeral de Tráfico de acordo co disposto na Orde PCI/810/2018, do 27 de xullo, pola que se modifican os anexos II, XI y XVIII do Regulamento xeral de vehículos, aprobado polo Real decreto 2822/1998, do 23 de decembro.

Esta orde de convocatoria de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e normas de desenvolvemento; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Na súa virtude, e en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, polo Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e polo Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2023 de axudas económicas ás entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro da Comunidade Autónoma de Galicia para a adquisición no ano 2023 de vehículos de emisión cero, tipo eco ou etiqueta C verde, de ser o caso adaptados a persoas con mobilidade reducida, que faciliten a prestación de servizos a persoas dependentes ou persoas con discapacidade, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, de conformidade co Regulamento (UE) nº 2021/241, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia.

2. O procedemento de concesión das axudas será o de concorrencia competitiva, de acordo co previsto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 29 e seguintes do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A súa xestión realizarase de acordo cos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

3. Terá o código BS631C para os efectos de identificación na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e o acceso aos formularios de inicio específicos, de uso obrigatorio.

4. Estas axudas contribúen á consecución dos obxectivos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, no marco do compoñente 22, liña de investimento 1, e co proxecto denominado Modernización da frota de vehículos dos centros de titularidade de entidades de iniciativa social da Comunidade Autónoma de Galicia para a adquisición no ano 2023 de vehículos de emisión cero, tipo eco ou etiqueta C verde, de ser o caso adaptados a persoas con mobilidade reducida, que faciliten a prestación de servizos a persoas dependentes ou persoas con discapacidade, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU de conformidade co Regulamento (UE) nº 2021/241, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia.

5. Esta convocatoria tramítase de acordo co establecido no artigo 67 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, que establece que, no caso de que se inicie no exercicio corrente a tramitación dos procedementos administrativos de execución de gastos financiados con cargo aos citados fondos pero a súa execución orzamentaria teña lugar no exercicio seguinte, será posible a súa tramitación anticipada ao longo do dito exercicio e que se poderá chegar ata a fase de formalización do compromiso de gasto no exercicio corrente.

Deste xeito, a eficacia desta tramitación anticipada queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023.

Por outra banda, e de acordo co disposto no citado artigo, dado que este expediente se tramitará antes da aprobación do proxecto de lei de orzamentos da Comunidade Autónoma, o documento contable de tramitación anticipada substituirase por un informe emitido por este órgano xestor no cal constará que normalmente vai existir crédito adecuado e suficiente para o gasto que se pretende efectuar.

Artigo 2. Réxime xurídico

1. Para o non establecido nestas bases, aplicarase o previsto nas seguintes normas:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

f) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

g) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

h) Plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Xunta de Galicia do 10.12.2021.

i) Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación, transformación e resiliencia, Regulamento do MRR, e as demais disposicións que articule o MRR e o Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

j) Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

2. En canto ao cómputo de prazos, observarase o disposto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 3. Financiamento

As actuacións subvencionables serán financiadas integramente pola Unión Europea a través dos fondos asignados á Xunta de Galicia con cargo ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia mediante o instrumento do Mecanismo de recuperación e resiliencia, aprobado polo Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, dentro do compoñente 22 de Economía dos coidados e reforzo das políticas de igualdade e inclusión social, liña de investimento I1.

Artigo 4. Contía das axudas

1. Para o financiamento desta convocatoria destínase, con cargo á anualidade 2023, crédito por importe total de tres millóns seiscentos cincuenta mil euros (3.650.000,00 €) consignado na aplicación orzamentaria 13.04.312E.781.2 (proxecto 2022 00189).

2. Para as entidades e asociacións de ámbito local ou provincial será subvencionable, como máximo, un vehículo.

Para as federacións, confederacións e agrupacións, así como as entidades e asociacións de ámbito autonómico, serán subvencionables, como máximo, dous vehículos.

3. O importe da axuda poderá ser de ata o 100 % do custo do/dos vehículo/s, cun límite máximo de 50.000,00 €.

4. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, poderase ampliar excepcionalmente a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou ben cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes nin o inicio dun novo cómputo do prazo para resolver.

Artigo 5. Compatibilidade das axudas

1. A axuda concedida no marco desta orde poderase sumar á proporcionada conforme outros programas e instrumentos da Unión Europea, sempre que a dita axuda non cubra o mesmo custo e, en todo caso, de conformidade co disposto no Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión (Regulamento financeiro).

2. A suma de todas as axudas, ingresos ou recursos destinados ao mesmo fin en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo total da actividade obxecto da axuda.

3. Tanto na solicitude da axuda (anexo I) como na solicitude de pagamento (anexo III), a entidade beneficiaria deberá indicar o detalle doutros ingresos ou subvencións que financien a actividade subvencionada, con indicación do importe e da súa procedencia.

Artigo 6. Requisitos para adquirir a condición de entidade beneficiaria

1. Poderán ser beneficiarias das axudas as entidades do terceiro sector de acción social definidas no artigo 2 da Lei 43/2015, do 9 de outubro, do terceiro sector de acción social, e a Cruz Vermella Española, sempre que reúnan os seguintes requisitos:

a) Estar legalmente constituídas desde, polo menos, dous anos de antelación á data da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e debidamente inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) da consellería da Xunta de Galicia con competencias en materia de política social nas áreas de discapacidade na data de publicación desta convocatoria.

b) Carecer de ánimo de lucro. Para estes efectos, a entidade solicitante acreditará que non reparte beneficios, que, no caso de liquidación ou disolución desta, o seu patrimonio se destinará a fins sociais e que os membros do seu padroado e/ou órgano de goberno desenvolven o seu labor con carácter gratuíto e de conformidade co disposto nos seus estatutos e nos puntos 2, 5, 6 e 10 do artigo 3 da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.

2. Todos os requisitos sinalados se deberán cumprir na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

3. Poderán ser beneficiarias das axudas as entidades e asociacións de ámbito local ou provincial, así como as federacións, confederacións e agrupacións, e entidades e asociacións de ámbito autonómico.

4. Non se entenderán incluídos dentro da tipoloxía das entidades do terceiro sector de acción social os organismos ou entidades de dereito público adscritos ou vinculados a unha Administración pública, as universidades, os partidos políticos e as fundacións dependentes deles, os colexios profesionais, as cámaras oficiais de comercio, industria e navegación, as sociedades civís, as organizacións empresariais sindicais e outras entidades con análogos fins específicos e natureza que os citados anteriormente.

5. En ningún caso poderán ter a condición de beneficiarias aquelas entidades ou persoas que incorran nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 7. Actuacións subvencionables

1. Con cargo a esta orde subvencionarase a adquisición de vehículos que faciliten a prestación de servizos a persoas dependentes ou persoas con discapacidade, que reúnan as seguintes condicións:

a) Os vehículos deberán estar clasificados de emisións cero, de tipo eco ou etiqueta C verde pola Dirección Xeral de Tráfico, de acordo co disposto na Orde PCI/810/2018, do 27 de xullo, pola que se modifican os anexos II, XI e XVIII do Regulamento xeral de vehículos, aprobado polo Real decreto 2822/1998, do 23 de decembro.

b) Os vehículos deben estar adaptados para o seu uso por persoas con mobilidade reducida, de ser o caso. Para estes efectos, os vehículos deberán reunir as condicións previstas no Real decreto 1544/2007, do 23 de novembro, polo que se regulan os requisitos básicos de accesibilidade e non discriminación para o acceso e a utilización dos modos de transporte para persoas con discapacidade.

c) Os vehículos poderán ser adquiridos desde o 1 de xaneiro de 2023 ata o 30 de outubro de 2023.

2. Só se considera subvencionable a adquisición de vehículos novos.

3. Non serán subvencionables os gastos derivados de ningún tipo de taxa, tributo ou imposto, excepto o imposto sobre o valor engadido non recuperable.

Artigo 8. Criterios de valoración

1. Para a tramitación do procedemento establécense os seguintes criterios de valoración e ponderación:

Criterio

Parámetros

Documentación

Verificación sectorial

Ponderación

a) Recoñecemento e inscrición como entidade prestadora de servizos sociais no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais

Data de alta no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais

Certificado de inscrición da entidade no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais

NON

• Ás entidades que teñan unha antigüidade de 5 anos: 5 puntos

• Ás entidades que teñan unha antigüidade maior de 5 anos e menor ou igual a 10 anos: 10 puntos

• Ás entidades que teñan unha antigüidade maior de 10 anos e menor ou igual a 15 anos: 15 puntos

• Ás entidades que teñan unha antigüidade maior de 15 anos e menor ou igual a 20 anos: 20 puntos

• Ás entidades que teñan unha antigüidade maior de 20 anos: 25 puntos

b) Condicións da entidade de iniciativa social

Número de centros autorizados pola Xunta de Galicia

Certificado acreditativo do número de centros autorizados expedido polo Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais

NON

• Ás entidades que teñan 1 centro autorizado: 5 puntos

• Ás entidades que teñan 2 centros autorizados: 10 puntos

• Ás entidades que teñan 3 centros autorizados: 15 puntos

• Ás entidades que teñan 4 centros autorizados: 20 puntos

• Ás entidades que teñan 5 centros ou máis autorizados: 25 puntos

c) Condicións da entidade de iniciativa social

Número de prazas autorizadas pola Xunta de Galicia

Certificado acreditativo do número de prazas autorizadas expedido polo Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais

NON

• Ás entidades que teñan entre 1 e 25 prazas autorizadas: 5 puntos

• Ás entidades que teñan entre 26 e 50 prazas autorizadas: 10 puntos

• Ás entidades que teñan entre 51 e 75 prazas autorizadas: 15 puntos

• Ás entidades que teñan entre 76 e 100 prazas autorizadas: 20 puntos

• Ás entidades que teñan entre 101 e 125 ou máis prazas autorizadas: 25 puntos

2. Cada unha das solicitudes será valorada e poderá obter un máximo de 75 puntos, e establecerase unha orde de prelación para a concesión das subvencións en función da puntuación obtida pola valoración dos criterios establecidos nesta convocatoria.

3. En caso de empate na puntuación entre varias solicitudes, tomarase como criterio de desempate a data máis antiga de inscrición no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais. De persistir o empate, logo de aplicados estes criterios, prevalecerá a solicitude cuxa data e hora de presentación fose anterior segundo conste no Rexistro Electrónico Xeral e, en último caso, prevalecerá aquela á cal o sistema lle asignase automaticamente o número de entrada máis baixo.

Artigo 9. Procedemento

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine nesta convocatoria. Porén, poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria, e este incremento quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Os mecanismos e as medidas que se aplicarán no procedemento para reducir o risco de fraude e de corrupción e os conflitos de intereses ateranse ao previsto no Plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Xunta de Galicia.

Conforme o establecido no artigo 6.4 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, as persoas que interveñan no proceso de selección das entidades beneficiarias ou nos procesos de verificación do cumprimento das condicións manifestarán, de forma expresa, a ausencia ou non de conflito de intereses a través dunha declaración de ausencia de conflito de intereses (DACI), de acordo co modelo establecido na dita orde.

No caso de que concorra conflito de intereses, a persoa afectada concretará as solicitudes sobre as cales recae este conflito e débese abster de intervir na súa selección co fin de mitigar os riscos de materialización deste conflito.

Artigo 10. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, e rematará, en todo caso, no momento de esgotamento do crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. Os sábados e festivos considéranse inhábiles para todos os efectos.

3. Na solicitude, anexo I, asinada polo/a representante da entidade, deberán figurar os datos identificativos e acreditativos dos aspectos sinalados nesta orde e demais normativa aplicable.

4. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, o órgano instrutor requirirá a entidade solicitante para que, nun prazo improrrogable de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fai, se considerará por desistida da súa petición, logo da correspondente resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 11. Documentación complementaria

1. As entidades beneficiarias deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Memoria explicativa sobre o investimento obxecto da solicitude de subvención (anexo II).

b) Orzamento detallado do/dos vehículo/s que se propón adquirir, emitido pola empresa concesionaria.

c) Tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación de cada compromiso para a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que os subministren ou que o gasto xa se realizase.

d) Documentación acreditativa da representatividade da persoa solicitante para actuar en nome da entidade para o caso de que esta se atribúa a persoa distinta á designada no Rexistro Administrativo da Comunidade Autónoma ou que no dito rexistro esta se atribúa a persoa distinta á designada.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

2. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante da entidade.

c) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias á Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas á Administración pública da Comunidade Autónoma.

f) Certificación acreditativa da inscrición no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, do número de prazas autorizadas pola Xunta de Galicia e de carecer de ánimo de lucro das entidades solicitantes.

g) Consulta de inhabilitación para obter subvencións.

h) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

i) A cesión de datos entre as administracións públicas implicadas para dar cumprimento ao previsto na normativa europea que resulte de aplicación e de conformidade coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, situada na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Instrución do procedemento

1. A instrución do procedemento corresponderalle á Subdirección Xeral de Programas de Apoio á Discapacidade. Este órgano realizará, de oficio, cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. O órgano instrutor procederá ao exame do contido da documentación co fin de determinar se as actuacións e os gastos que abranguen son susceptibles de subvención.

Artigo 15. Comisión de Valoración

1. De conformidade co establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as solicitudes admitidas serán examinadas por unha Comisión de Valoración coa seguinte composición:

a) Presidente/a: unha persoa funcionaria, con rango de subdirector/a, adscrita á Subdirección Xeral de Programas de Apoio á Discapacidade. No caso de ausencia, a suplencia será exercida por unha persoa funcionaria adscrita á Consellería de Política Social e Xuventude co mesmo rango que a persoa titular.

b) Vogal: unha persoa funcionaria, con rango mínimo de xefe/a de servizo da Subdirección Xeral de Programas de Apoio á Discapacidade.

No caso de ausencia, será substituída pola persoa designada pola persoa que exerza a presidencia da Comisión de Valoración.

Na composición da Comisión de Valoración procurarase acadar una presenza equilibrada de homes e mulleres.

2. O/a secretario/a, con voz pero sen voto, será unha persoa funcionaria adscrita á Subdirección Xeral de Programas de Apoio á Discapacidade, nomeada pola persoa que exerza a presidencia da Comisión de Valoración. No caso de ausencia, nomearase outra persoa funcionaria na mesma forma que a titular.

3. Para a determinación do importe da axuda que corresponde procederase do seguinte modo:

a) A Comisión de Valoración determinará cal é o orzamento subvencionable; este será igual á axuda solicitada coa exclusión daqueles gastos que non sexan elixibles ou que non sexan estritamente necesarios para acadar a finalidade da subvención.

b) Ordenaranse orzamentos presentados segundo a puntuación total obtida, de maior a menor.

c) Irase asignando o importe subvencionable a cada un dos proxectos admitidos seguindo a orde de prelación ata o esgotamento do crédito.

Posteriormente, a Comisión de Valoración emitirá un informe cos resultados da citada avaliación, que presentará ao órgano instrutor para que este formule a correspondente proposta de resolución.

4. En todo caso, non se admitirán a trámite, ditarase a resolución de inadmisión e arquivaranse as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na convocatoria.

5. No funcionamento da Comisión aplicaranse as disposicións que regulan os órganos colexiados, contidas na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 16. Proposta de resolución

1. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nesta orde ou na restante normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de desestimación ou inadmisión que proceda, na cal se indicarán as causas desta.

2. En relación con aquelas solicitudes que estean completas e cumpran coas condicións exixidas, o órgano instrutor elaborará, respecto de cada unha delas, un informe en que consten esas circunstancias, que motivarán a súa proposta de resolución. Todas as solicitudes que reúnan os requisitos establecidos na orde serán admitidas e contarán cunha proposta de resolución favorable, sempre que estean dentro do límite orzamentario previsto para atender as axudas reguladas nesta orde.

Artigo 17. Resolución

1. A persoa titular da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade ditará a correspondente resolución respecto das solicitudes presentadas á vista da proposta do órgano instrutor. No caso de que o seu contido sexa a concesión da subvención, requirirá a fiscalización previa pola Intervención Delegada.

2. Na resolución que se dite especificaranse os compromisos asumidos polos beneficiarios, créditos orzamentarios aos cales se imputa o gasto, a contía da subvención individualizada e, de ser o caso, o fondo europeo, eixe, categoría de gasto e porcentaxe de financiamento, compatibilidade ou incompatibilidade con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, prazos e modos de pagamento da subvención, a posibilidade de efectuar pagamentos anticipados e pagamentos á conta, o prazo e a forma de xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención e da aplicación dos fondos percibidos, así como o carácter condicionado da concesión nos supostos previstos no artigo 17.4 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A resolución motivarase de conformidade co disposto nesta orde e na lexislación vixente en materia de subvencións. Constará da relación de solicitantes aos cales se lles concede a axuda, de maneira expresa e, de ser o caso, a desestimación do resto das solicitudes.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o dito prazo sen que se dite resolución expresa, poderase entender desestimada a solicitude por silencio administrativo.

Artigo18. Publicación dos actos

1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os actos administrativos e as correspondentes resolucións deste procedemento. Esta publicación producirá os efectos de notificación.

Serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería (http://politicasocial.xunta.gal).

2. Así mesmo, as notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse de forma complementaria só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, estas notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

5. Estas notificacións complementarias entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 19. Aceptación e renuncia

1. Unha vez notificada a resolución de concesión, a entidade beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez (10) días hábiles a súa aceptación, comprometéndose a executar a acción subvencionada nas condicións establecidas nesta convocatoria. No caso de non se realizar a dita comunicación no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada.

2. A renuncia á subvención poderase formular por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Os importes que, se é o caso, resultaren sobrantes por causa de renuncia poderanse destinar ao outorgamento de máis subvencións.

Artigo 20. Transparencia e bo goberno

1. Deberase dar cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 21. Réxime de recursos

1. As resolucións expresas ou presuntas ao abeiro desta orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderase interpoñer:

a) Recurso potestativo de reposición, ante o órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

2. Non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se desestime por silencio o recurso de reposición interposto.

Artigo 22. Modificación da resolución de concesión

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, observarase o establecido no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e admitiranse, dentro dos límites xerais establecidos nestas bases, modificacións relativas ao gasto subvencionable, á estrutura de custos inicialmente orzada e ás datas de execución da actuación. Non se admitirán modificacións que dean lugar a unha contía de axuda superior á establecida na resolución de concesión, que desvirtúen a actuación ou que minoren a baremación da axuda de xeito que coa nova puntuación non resulte concedida en réxime de concorrencia competitiva.

2. O acto polo cal se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade, por proposta do órgano instrutor, logo da correspondente tramitación e, se é o caso, con audiencia da entidade interesada.

3. Cando a entidade beneficiaria da subvención poña de manifesto no trámite de xustificación que se produciron circunstancias que supoñan unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, que non afecten esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que poderían ter dado lugar á modificación da resolución téndose omitido o trámite de autorización administrativa previa, o órgano concedente poderá aceptar a xustificación presentada, sempre que tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros, conforme o artigo 35.3 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Esta aceptación por parte do órgano concedente non exime a entidade beneficiaria das sancións que lle poidan corresponder de conformidade coa citada Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 23. Obrigas das entidades beneficiarias

1. Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as entidades beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro desta orde estarán obrigadas a:

a) Executar o proxecto que fundamenta a concesión da subvención e cumprir o seu obxectivo.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento da finalidade da subvención e o seu custo real, de acordo co establecido no artigo 23.

c) Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que integran o proxecto subvencionado, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

d) Destinar ao cumprimento dos fins propios de cada entidade de iniciativa social os vehículos subvencionados durante un prazo que non poderá ser inferior a cinco anos, agás no suposto de que, logo de autorización, se substitúa por outro de condicións análogas, tal e como se recolle no artigo 31.4.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 29.4.a) da Lei 9/2007, do 13 de xuño. O incumprimento disto dará lugar á revogación da resolución de concesión, ao reintegro das cantidades percibidas e á exixencia dos xuros de demora legalmente establecidos desde o momento do pagamento da subvención.

e) Conservar os documentos xustificativos e demais documentación relacionada co financiamento da actuación en formato electrónico durante un prazo mínimo de cinco (5) anos a partir da recepción do último pagamento. Este período será de tres anos se o financiamento non supera os 60.000,00 €.

f) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien a adquisición subvencionada. Esta comunicación deberase efectuar tan pronto axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

g) Someterse ás actuacións de comprobación e facilitar toda a información requirida pola Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

h) Dar publicidade ás axudas recibidas nos contratos relacionados coa execución da actuación, incluída a subcontratación, e en axudas, publicacións, relatorios, equipamentos, material inventariable e actividades de difusión de resultados financiadas con elas, mencionando expresamente a súa orixe e o financiamento con fondos NextGeneratión da Unión Europea. Ademais, deberán publicar a concesión da axuda na páxina web e mantela actualizada. Na páxina web deberán figurar, como mínimo, os obxectivos que se perseguen.

Concretamente, na documentación, carteis, propaganda ou publicacións que se elaboren para a súa difusión pública deberán figurar o logotipo da Xunta de Galicia e a frase «Consellería de Política Social e Xuventude», así como financiado con cargo aos Fondos da UE e o Plan de recuperación e resiliencia. Así mesmo, deberase informar de que a actuación foi apoiada pola Xunta de Galicia.

i) Cumprir co principio de «non causar dano significativo» (principio Do no significant harm DNSH) e a etiquetaxe verde e dixital, de acordo co previsto no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, aprobado pola Decisión do Consello de Europa, do 16 de xuño de 2021, e polo Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, en todas as fases do deseño e execución dos proxectos e de maneira individual para cada actuación.

j) Calquera outra obriga imposta ás beneficiarias na normativa estatal ou autonómica aplicable, así como nesta orde.

2. Os servizos de inspección da Consellería da Xunta de Galicia con competencias en materia de política social e xuventude poderán efectuar as comprobacións que consideren oportunas en canto ao cumprimento por parte das entidades dos requisitos exixidos pola Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, e pola súa normativa de desenvolvemento.

3. Ao tratarse de subvencións cofinanciadas con fondos europeos do Mecanismo de recuperación e resiliencia, as entidades beneficiarias adquiren igualmente as obrigas que se relacionan a continuación, de conformidade co establecido na normativa comunitaria e nacional aplicable como consecuencia deste financiamento:

a) Terán a obriga de achegar a información que lle permita ao órgano concedente medir a contribución da actividade subvencionada ao correspondente indicador.

b) Deberán establecer mecanismos que aseguren que as actuacións que desenvolverán por terceiros (subcontratacións) contribúen ao logro das actuacións previstas e que os ditos terceiros acheguen a información que, se é o caso, sexa necesaria para determinar o valor dos indicadores de seguimento do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

c) Solicitarán, para efectos de auditoría e control do uso dos fondos e en formato electrónico, as categorías harmonizadas de datos recollidas no artigo 22.2.d) do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021.

d) As entidades beneficiarias deben cumprir coas obrigas en materia de información, comunicación e publicidade recollidas no artigo 34 do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, sobre o financiamento da Unión Europea das medidas incluídas no Plan de recuperación, transformación e resiliencia. En particular, nas medidas de información e comunicación das actuacións (carteis informativos, placas, publicacións impresas e electrónicas, material audiovisual, páxinas web, anuncios e insercións en prensa ou certificados) deberanse incluír os seguintes logos:

‒ O emblema da Unión Europea. Xunto co emblema da Unión, incluirase o texto «Financiado pola Unión Europea-NextGeneration EU» xunto ao logo do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (https://planderecuperacion.gob.es/identidad-visual).

‒ Usaranse tamén as normas gráficas do emblema da Unión e as cores normalizadas establecidas no anexo II do Regulamento de execución (UE) nº 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ás modalidades concretas de transferencia e xestión das contribucións do programa, a presentación de información sobre os instrumentos financeiros, as características técnicas das medidas de información e comunicación das operacións, e o sistema para o rexistro e o almacenamento de datos.

Pódese consultar a Guía gráfica do emblema europeo na páxina http://publications.europa.eu/code/es/es-5000100.htm

Os distintos exemplos do emblema pódense descargar na seguinte ligazón: https://european-union.europa.eu/principles-countries-history/symbols/european-flag_es

Todos os carteis informativos e placas se deberán colocar nun lugar ben visible e de acceso ao público.

e) As entidades beneficiarias deberán gardar a rastrexabilidade de cada un dos investimentos e actuacións realizados, así como a correspondente documentación acreditativa destes. Someteranse ás medidas de control e auditoría recollidas no Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, e no Regulamento (UE, Euratom) nº 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo. En particular, deberán autorizar a Comisión, a Oficina europea de loita contra a fraude, o Tribunal de Contas Europeo e, cando cumpra, a Fiscalía Europea a exerceren os dereitos que lles recoñece o artigo 129, punto 1, do referido Regulamento (UE, Euratom) nº 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo.

f) As medidas cofinanciadas mediante os fondos europeos do Mecanismo de recuperación e resiliencia deberán respectar o principio de «non causar un prexuízo significativo» no sentido do artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño de 2020, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables e polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 2019/2088.

g) As entidades beneficiarias deberán asegurar a regularidade do gasto subxacente e a adopción de medidas dirixidas a previr, detectar, comunicar e corrixir a fraude e a corrupción, previr o conflito de intereses e o dobre financiamento.

h) As entidades beneficiarias serán responsables da fiabilidade e do seguimento da execución das actuacións subvencionadas, de maneira que se poida coñecer, en todo momento, o nivel de consecución de cada actuación e dos fitos e obxectivos que se estableceron respecto diso.

i) As entidades beneficiarias deberán asumir calquera outra obriga comunitaria e nacional que resulte de aplicación por razón do financiamento do Mecanismo de recuperación e resiliencia.

Artigo 24. Pagamentos

1. Para ter dereito ao pagamento da axuda, deberase presentar electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, a documentación xustificativa da subvención, ademais dos formularios establecidos para o efecto, antes do 15 de decembro de 2023.

2. O pagamento das axudas farase efectivo a partir da data da resolución definitiva de concesión e realizarase sempre e cando se acreditase que a adquisición foi executada de acordo co proxecto presentado e se xustifique correctamente o seu emprego e o cumprimento das obrigas establecidas nesta resolución, todo isto sen prexuízo do réxime de pagamentos anticipados, para o cal se observará o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu Regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

3. As entidades beneficiarias, unha vez ditada a resolución de concesión da subvención, poderán solicitar un anticipo de ata o 100 % da subvención concedida, en virtude do disposto no artigo 63.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que establece que o Consello da Xunta poderá autorizar unha porcentaxe maior á determinada no decreto. A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada.

As entidades beneficiarias quedarán exoneradas de constituír as garantías previstas no Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, Decreto 11/2009, segundo o seu artigo 65.4.h).

Artigo 25. Xustificación da subvención

1. Unha vez notificado o outorgamento da axuda e, en todo caso, antes do 15 de decembro de 2023, deberase presentar a solicitude de pagamento conforme o establecido no anexo III.

2. Unha vez xerada a solicitude de pagamento, deberase presentar obrigatoriamente por vía electrónica, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

3. Xunto coa solicitude de pagamento (anexo III) deberase achegar a seguinte documentación xustificativa:

a) Unha memoria económica xustificativa do custo das actividades realizadas, que conterá unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, data de emisión e, se é o caso, data de pagamento. No caso de que a subvención se outorgue conforme un orzamento, indicaranse as desviacións producidas.

b) Facturas orixinais ou documentos contables de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, con expresión do seu número, acredor, data de emisión, concepto, importe e data de pagamento. Deben cumprir o disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

c) Documento/s xustificativo/s de ter realizado os pagamentos do correspondente gasto: xustificante de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario, o xustificante electrónico de transferencia bancaria en que conste o código de verificación en sede electrónica da entidade bancaria ou outro mecanismo que garanta a veracidade do xustificante. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, o importe da factura e a súa data de pagamento. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo da entidade provedora, nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

d) Unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do importe e a súa procedencia.

e) Os tres orzamentos que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deba solicitar o beneficiario.

No caso de que a elección da oferta non recaia na proposta económica máis vantaxosa, deberase presentar unha memoria en que se xustifique expresamente a dita elección.

f) Documentación xustificativa da adecuada publicidade, segundo o especificado no artigo 19.

g) Evidencia mediante material gráfico.

h) Declaración responsable sobre principios transversais do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (anexo IV) en relación co cumprimento do artigo 5 da Orde HFP/130/2021.

O importe total das facturas xustificativas deberá ser igual ou superior á contía da subvención que lle foi outorgada.

A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, segundo o disposto nela e no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. No caso de que a xustificación fose incorrecta e/ou incompleta, requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días hábiles, advertíndolle que, de non o facer, se procederá, logo de resolución, á revogación da subvención e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de demora.

Unha vez xustificada a axuda consonte o previsto anteriormente, procederase ao seu libramento, que se fará nun único pagamento, mediante transferencia bancaria ao número de conta indicado na solicitude.

Se o importe do gasto subvencionable supera as contías establecidas para o contrato menor na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2104, deberán remitir copia do expediente de contratación, de ser o caso, e, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, agás que polas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou que o gasto fose realizado con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas deberase xustificar expresamente nunha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

O investimento xustificado ten que coincidir coa resolución de concesión da subvención, ou as modificacións autorizadas. Se a xustificación for inferior ao investimento previsto, sempre que se manteña o cumprimento da finalidade da subvención, minorarase a concesión proporcionalmente ao investimento non xustificado. No caso de que non se xustifique a subvención en prazo, ou de que o executado non cumpra o fin para o cal se concedeu a subvención, quedaría revogada na súa totalidade.

Artigo 26. Incumprimento, reintegro, infraccións e sancións

1. Ás entidades beneficiarias das subvencións recollidas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e o previsto polas disposicións nacionais e comunitarias en relación co Mecanismo de recuperación e resiliencia e normativa de desenvolvemento.

2. Producirase a perda do dereito ao pagamento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento da actuación, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou na restante normativa aplicable, o que dará lugar, se é o caso, á obriga de reintegrar total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

3. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de pagamento da subvención e para facer efectivo o reintegro a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Procederá a perda total do dereito ao pagamento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actuación e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención. Tamén será aplicable no caso de que a actuación xustificada minorase a baremación da axuda, de xeito que coa nova puntuación non resultase concedida en réxime de concorrencia competitiva.

c) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o órgano concedente, que incluirán as correspondentes visitas sobre o terreo, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en concreto a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas e os órganos de control da Comisión Europea; non achegar canta información sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores e non permitir as verificacións previstas no artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Consello ou, se é o caso, ás actuacións de control previstas no Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

d) Non acreditar estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Non comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións e axudas concorrentes coas percibidas. Este suposto orixinará o reintegro do 100 % do importe da subvención recibida, máis os xuros de demora, e sen prexuízo das sancións que poidan corresponder.

f) Non comunicarlle ao órgano concedente a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención, salvo o establecido no artigo 25.

5. O incumprimento das obrigas contidas nesta orde ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

6. Igualmente, procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con axudas ou subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria.

7. As cantidades que teñan que reintegrar as entidades beneficiarias terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para o seu cobramento o previsto no artigo 14.4 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na normativa comunitaria de aplicación.

8. De conformidade co previsto no artigo 64 do Decreto 11/2009, de 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de 13 de xuño, o beneficiario poderá realizar a devolución voluntaria de cantidades indebidamente percibidas mediante ingreso na conta habilitada da Facenda pública galega. O importe da devolución incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei de subvencións de Galicia, ata o momento en que se produza a devolución efectiva por parte do beneficiario.

No documento de ingreso deberase identificar o número do expediente, o concepto da devolución, e o nome e NIF da entidade beneficiaria. Unha vez ingresado, deberase comunicar á Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social e Xuventude a devolución voluntaria realizada.

9. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tidos en conta na concesión das axudas, o órgano concedente poderá apreciar un incumprimento parcial e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tiña a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou aos conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de executar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables, e, se é o caso, deberanse reintegrar as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento supera o 50 % da base subvencionable da actuación, entenderase que o dito incumprimento é total e deberanse reintegrar todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

b) Supoñerá o reintegro dun 10 % da subvención concedida o incumprimento da obriga de comunicarlle ao órgano concedente a solicitude doutras axudas para os mesmos gastos.

c) Supoñerá o reintegro dun 10 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os conceptos financiados con fondos de recuperación.

d) Supoñerá o reintegro dun 5 % da subvención concedida o incumprimento das obrigas de información, comunicación e visibilidade do apoio procedente dos fondos, establecidas no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046.

Artigo 27. Comprobación, inspección e control

1. A Consellería da Xunta de Galicia con competencias en materia de política social e xuventude poderá levar a cabo as actividades de comprobación que considere oportunas para controlar o cumprimento das axudas reguladas nesta orde.

2. Sen prexuízo do indicado no punto anterior, a Consellería poderá realizar, con persoal propio ou a través de empresas auditoras, actuacións de comprobación e control para verificar sobre o terreo o cumprimento das condicións para a percepción das subvencións. As comprobacións incidirán sobre todos aqueles aspectos que garantan a realización dos compromisos adquiridos e o cumprimento dos requisitos fixados nesta orde. O persoal encargado da verificación levantará a acta da actuación de control, que asinará a entidade, á cal se lle entregará unha copia, e presentaralla ao órgano competente da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade xunto co informe de verificación. A entidade queda obrigada a facilitarlle ao persoal designado copia da documentación que se lle solicite, relativa ao expediente obxecto de control.

3. Ademais do anterior, todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos establecidos no título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa normativa de desenvolvemento.

Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de xestión dos fondos de recuperación y resiliencia, e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e da Oficina Europea de Loita contra a Fraude.

Artigo 28. Medidas antifraude

1. A detección de feitos que poidan ter sido constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco desta convocatoria será comunicada ao Servizo Nacional de Coordinación Antifraude (SNCA) da Intervención Xeral da Administración do Estado por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto: http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodocomunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf, nos termos establecidos na Comunicación 1/2017 do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude, do 6 de abril, sobre a forma en que poden proceder as persoas que teñan coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea. A detección de irregularidades pode implicar a aplicación de correccións financeiras e a solicitude de devolución dos importes percibidos indebidamente, tal como se establece no Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, e na Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro.

2. Coa finalidade de dar cumprimento ás obrigas que o artigo 22 do Regulamento (UE)nº 241/2021 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, impón a España en relación coa protección dos intereses financeiros da Unión como beneficiario dos fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia, as comunidades autónomas e as cidades de Ceuta e Melilla como entidades executoras deberán dispoñer dun plan de medidas antifraude que lles permitan garantir e declarar que, no seu respectivo ámbito de actuación, os fondos correspondentes se utilizaron de conformidade coas normas aplicables, en particular no que se refire á prevención, á detección e á corrección da fraude, á corrupción e aos conflitos de intereses, segundo o estipulado no artigo 6 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro.

Artigo 29. Información ás entidades interesadas

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social e Xuventude, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería (https://politicasocial.xunta.gal/es) e na Guía de procedementos e servizos no enderezo https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

b) O teléfono 981 54 67 37 da dita dirección xeral.

c) O enderezo electrónico autonomiapersoal.sxps@xunta.gal

Artigo 30. Base de datos nacional de subvencións

1. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

2. A Base de datos nacional de subvencións cederá información ao Sistema de Fondos Europeos, segundo as previsións contidas na normativa europea e nacional que resulte de aplicación.

Artigo 31. Publicidade

1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o órgano concedente incluirá as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións que como consecuencia delas se poidan impoñer, nos correspondentes rexistros públicos, polo que coa presentación da solicitude se autorizan o tratamento necesario dos datos persoais e a referida publicidade.

2. De acordo co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o órgano convocante publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na súa páxina web e no Diario Oficial de Galicia, e expresará a norma reguladora, o beneficiario, o crédito orzamentario, a contía e a finalidade da subvención, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos da persoa beneficiaria e da súa publicación nos citados medios. A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións.

3. De acordo co establecido no artigo 20.4 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a cesión de datos de carácter persoal que se debe efectuar á Intervención Xeral da Administración do Estado, para os efectos de publicar as subvencións concedidas na BDNS, non requirirá o consentimento da persoa beneficiaria.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento da orde

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade da Consellería da Xunta de Galicia con competencias en materia de política social e xuventude para ditar as instrucións e os actos que sexan necesarias para a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2022

A conselleira de Política Social e Xuventude
P.S. (Decreto 153/2022, do 13 de setembro; DOG nº 175, do 14 de setembro)
Francisco José Conde López
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file