Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Xoves, 6 de outubro de 2022 Páx. 53557

III. Outras disposicións

Fondo Galego de Garantía Agraria

RESOLUCIÓN do 23 de setembro de 2022 pola que se modifica a Resolución do 17 de xuño de 2022 pola que se regula o procedemento para a concesión das axudas para a subministración de froitas frescas, castañas e leite líquido de consumo ao alumnado de centros escolares, e se convocan para o curso escolar 2022/23 (códigos de procedemento MR265B e MR265C).

A Resolución do 17 de xuño de 2022 (DOG nº 126, do 4 de xullo) estableceu o procedemento para a concesión das axudas para a subministración de froitas frescas, castañas e leite líquido de consumo ao alumnado de centros escolares e a convocatoria para o curso escolar 2022-2023 (códigos de procedemento MR265B e MR265C).

Como consecuencia da misión comunitaria UMB/2019/001 que se realizou en Cataluña en xuño de 2019, é aconsellable modificar nas bases reguladoras, a referencia a produtos de Galicia por unha referencia a produtos de proximidade dado que, segundo a Comisión, non resultaría aceptable a discriminación a outras comunidades autónomas e incluso a Estados membros limítrofes. Todo isto faise con vistas a evitar algunha eventual corrección financeira que puidera derivarse de misións comunitarias que puidesen realizarse nesta comunidade autónoma.

Para isto cómpre modificar a través da presente resolución o punto 6 do artigo 3 co fin de adaptalo ás recomendacións referidas.

A presente modificación non afecta ao prazo de presentación das solicitudes establecido no punto 1 do artigo 23 da resolución.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, en aplicación da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no uso das facultades previstas no artigo 2 da devandita Lei 7/1994,

DISPOÑO:

Artigo único

A Resolución do 17 de xuño de 2022 pola que se regula o procedemento para a concesión das axudas para a subministración de froitas frescas, castañas e leite líquido de consumo ao alumnado de centros escolares e se convocan para o curso escolar 2022/23 (códigos de procedemento MR265B e MR265C) queda modificada como segue:

Primeiro. O punto 6 do artigo 3 da Resolución do 17 de xuño de 2022 queda redactado como segue:

«6. Optarase preferentemente pola distribución de produtos de proximidade que empreguen na súa obtención sistemas de produción sostibles e respectuosos co ambiente».

Disposición adicional única

A presente modificación non afecta ao prazo de presentación das solicitudes establecido no punto 1 do artigo 23 da resolución.

Disposición derradeira única

Esta resolución terá efectos o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e será de aplicación para o curso escolar 2022/23.

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2022

Silvestre José Balseiros Guinarte
Director do Fondo Galego de Garantía Agraria