Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Luns, 3 de outubro de 2022 Páx. 52747

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 21 de setembro de 2022 pola que se regula o Programa de mobilización de vivendas para o alugamento (código de procedemento VI426D).

O Instituto Galego da Vivenda e Solo é o organismo autónomo, adscrito á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, ao que lle corresponde, en virtude da Lei 3/1988, do 27 de abril, da súa creación, a realización da política de solo e vivenda da Xunta de Galicia.

No marco do Observatorio da Vivenda de Galicia asinouse o 22 de xaneiro de 2021 o Pacto de vivenda de Galicia 2021-2025, o cal prevé na súa Liña estratéxica 1, eixe primeiro, programa 4, acción 5, a implementación por parte do Instituto Galego da Vivenda e Solo dun programa de mobilización de vivendas baleiras, co obxectivo de mobilizar o meirande número posible de vivendas baleiras de titularidade privada para a súa incorporación ao mercado de alugamento a un prezo accesible.

Para a consecución deste obxectivo, é necesario establecer o marco normativo deste programa, onde se regule a participación das entidades colaboradoras na súa implementación e xestión, os requisitos que deben cumprir, tanto as vivendas que se pretendan incorporar, como as persoas que queiran ser arrendatarias, así como os demais elementos do programa. A solicitude para a participación como persoa ou entidade colaboradora no desenvolvemento deste programa deberá realizarse por medios electrónicos, dada a cualificación e requisitos exixidos para estes efectos.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

I. Disposicións xerais.

Primeiro. Obxecto

O obxecto desta resolución é regular o Programa de mobilización de vivendas para o alugamento (en diante, PMVA), co que se pretende mobilizar o meirande número posible de vivendas baleiras de titularidade privada para a súa incorporación, a un prezo accesible, ao mercado de alugamento (código de procedemento VI426D).

Segundo. Ámbito de aplicación

O PMVA implantarase en todos os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceiro. Características

1. Este programa desenvolverase a través dunha rede de entidades colaboradoras, as cales contarán cunha plataforma informática implantada polo IGVS para o intercambio de información entre elas e o devandito organismo, e na cal figurarán as vivendas baleiras que se oferten en alugamento a través deste programa.

2. O PMVA garantirá ás persoas arrendadoras das vivendas incluídas nel durante un prazo máximo de cinco anos, contado desde a entrada en vigor do contrato, o aboamento das rendas impagadas, así como un seguro para a reparación dos danos que se ocasionen nas vivendas durante a súa vixencia, sempre que non sexan consecuencia da súa deterioración polo seu uso ou polo paso do tempo.

O programa tamén garantirá a asistencia xurídica necesaria para atender os problemas que poidan xurdir durante a vixencia dos contratos de alugamento, así como no momento da súa resolución, ademais das situacións de precario que poidan derivarse destes contratos.

3. Cando a dispoñibilidade orzamentaria así o exixa, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderá restrinxirse a incorporación de novas vivendas ao programa, así como a formalización de novos contratos de arrendamento das vivendas xa incorporadas ao PMVA.

A resolución que sexa ditada nese sentido pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS será publicada na páxina web do organismo e producirá efectos desde o día seguinte ao da dita publicación.

4. As persoas arrendadoras poderán retirar en calquera momento anterior á formalización do contrato de alugamento as súas vivendas do PMVA, agás que teñan recibido algunha subvención do IGVS, pola cal se estableza un período mínimo de permanencia da vivenda neste programa.

5. As rendas iniciais das vivendas que se incorporen a este programa, incluídos, se é o caso, o rochos e/ou garaxes, non poderán superar os límites establecidos no anexo I.

6. So poderán ser arrendatarios destas vivendas as persoas que cumpran os requisitos exixidos nesta resolución.

Cuarto. Crédito orzamentario

Os seguros contratados para as vivendas arrendadas dentro do PMVA faranse efectivos con cargo á aplicación orzamentaria a 2022 08 81 451 224, por un total de 812.500 euros, repartido nas seguintes anualidades: 71.500 euros, para a anualidade 2022; 117.000 euros, para a anualidade 2023; 162.500 euros, para a anualidade 2024; 162.500 euros, para a anualidade 2025; 162.500 euros, para a anualidade 2026; 91.000 euros, para a anualidade 2027 e 45.500 euros, para a anualidade 2028.

Este crédito poderá incrementarse por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Quinto. Requisitos das entidades colaboradoras

Para adquirir a condición de entidade colaboradora do IGVS, para os efectos da implementación e xestión do PMVA, deberanse cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter a condición de axente da propiedade inmobiliaria, administrador de predios ou, de conformidade coa lexislación vixente, dedicarse profesionalmente ao exercicio da actividade de intermediación inmobiliaria durante, polo menos, os últimos cinco anos anteriores á presentación da correspondente solicitude.

b) Dispoñer dun seguro de responsabilidade civil profesional que garanta durante todo o tempo en que desenvolvan a súa actividade no marco do programa os danos e perdas que poidan causar durante o seu exercicio. O capital mínimo que se vai asegurar deberá ser de, cando menos, de 100.000 euros por sinistro e de 600.000 euros por ano. A póliza poderá contratarse de maneira directa ou a través dos correspondentes colexios e asociacións profesionais.

c) Ter un establecemento aberto ao público dotado de acceso a internet de alta velocidade, así como do equipamento necesario para anexar en formato PDF os documentos requiridos pola plataforma.

d) Ter un medio de identificación electrónico aceptado.

e) Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e da Seguridade Social e non ter débedas pendentes coa Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Non ter sido condenado por sentenza firme en procesos penais relacionados directa ou indirectamente coa actividade inmobiliaria, a veracidade dos documentos ou a xestión de bens públicos e privados.

g) Non ter sido condenado por un laudo arbitral definitivo emitido nun proceso de protección do consumidor.

Sexto. Solicitude para obter a condición de entidade colaboradora

1. O condición de entidade colaboradora poderá solicitarse desde o día seguinte ao da publicación no DOG desta resolución. Este prazo rematará mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que deberá publicarse no DOG, e, en todo caso, o 31 de decembro de 2025.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e que se incorpora á presente resolución como anexo II.

3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas ou entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. No modelo de solicitude a persoa ou entidade interesada realizará as seguintes declaracións:

a) Declaración responsable de que coñece e acepta o contido e as obrigas recollidas nesta resolución.

b) Declaración de que cumpre todos os requisitos exixidos no ordinal quinto.

c) Declaración de que todos os datos da súa solicitude son certos.

Sétimo. Documentación complementaria para obter a condición de entidade colaboradora

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da representación da persoa ou entidade solicitante, de ser o caso. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/modelos-xenericos

b) Póliza de seguro exixido no ordinal quinto, letra b) e último recibo de pagamento.

c) Documento acreditativo de ter a condición de axente da propiedade inmobiliaria, administrador de predios ou, de conformidade coa lexislación vixente, dedicarse profesionalmente ao exercicio da actividade de intermediación inmobiliaria durante, polo menos, os últimos cinco anos.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

3. De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

Oitavo. Forma de presentación da documentación complementaria

1. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas ou entidades interesadas presentase a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

2. As persoas e as entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa ou entidade interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Noveno. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, excepto que a persoa o entidade interesada se opoña á súa consulta:

a) Documento nacional de identidade (en diante, DNI), número de identidade de estranxeiro (en diante, NIE) ou, de ser o caso, número de identificación fiscal (en diante, NIF) da persoa ou entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Certificados acreditativos do cumprimento das obrigas tributarias coa AEAT e da Seguridade Social e de non ter débedas pendentes coa Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os respectivos documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa ou da entidade interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas ou ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas e entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo primeiro. Órganos competentes para a instrución e resolución do procedemento

1. A instrución do procedemento é competencia da Dirección Técnica de Fomento.

2. A competencia para resolver correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Décimo segundo. Procedemento de recoñecemento de entidade colaboradora e recursos

1. Se as solicitudes non reúnen algún dos requisitos exixidos, requiriráselle á persoa ou entidade solicitante para que, no prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, de conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se lle terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

2. O órgano instrutor poderá requirir a persoa ou a entidade solicitante para que presente cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento e solicitará os informes pertinentes para comprobar que as solicitudes presentadas cumpren os requisitos exixidos polas bases reguladoras, por esta convocatoria e pola demais normativa de aplicación.

3. Examinada a documentación e despois das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, a persoa titular da Dirección Técnica de Fomento do IGVS remitirá unha proposta para o recoñecemento como entidade colaboradora a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, quen resolverá o que en dereito proceda.

4. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de tres meses, contados desde a data de presentación da solicitude. A persoa ou entidade interesada poderá entender desestimada por silencio administrativo a súa petición no caso de expiración do prazo máximo sen ter notificada resolución expresa para o efecto.

5. Na resolución de recoñecemento da condición de entidade colaboradora especificaranse as obrigas que lle corresponden como responsable do tratamento de datos persoais.

6. Contra a resolución poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS. O prazo de interposición deste recurso será dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

Décimo terceiro. Relación actualizada das entidades colaboradoras do PMVA

O IGVS publicará a través da súa páxina web a listaxe actualizada das entidades colaboradoras do PMVA.

Décimo cuarto. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal Este sistema remitirá ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as entidades interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo quinto. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as entidades inscritas están obrigadas a subministrar ao IGVS, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por este das obrigas previstas no título I da citada lei.

Décimo sexto. Obrigas das entidades colaboradoras do PMVA

As entidades colaboradoras terán as seguintes obrigas respecto da súa participación no programa:

a) Expoñer o recoñecemento como entidade colaboradora nun lugar visible no local onde desenvolve a súa actividade.

b) Informar, tanto as persoas arrendadoras, como as inquilinas sobre o PMVA e colaborar nas accións de información do IGVS sobre as axudas públicas dispoñibles para promover o arrendamento.

c) Traballar na procura de vivendas ao PMVA.

d) Revisar o estado das vivendas antes da súa incorporación e, de ser o caso, propoñer ás persoas arrendadoras os acondicionamentos que se consideren necesarios.

e) Comunicar ao IGVS as solicitudes de incorporación de vivendas dentro dos dous días seguintes á presentación da correspondente solicitude.

f) Dar de alta na plataforma as vivendas incorporadas, chequeando o cumprimento dos requisitos do programa, así como dalas de baixa no momento en que teñan coñecemento diso.

g) Realizar as xestións propias da intermediación para a formalización dos contratos de arrendamento das vivendas que teñan dado de alta no programa.

h) Comprobar, antes da formalización dos contratos, que as persoas interesadas no arrendamento cumpren todos os requisitos exixidos polo PMVA.

i) Documentar as visitas realizadas ás vivendas, as renuncias rexistradas e a súa aceptación.

j) Informar as persoas arrendadoras, antes da formalización dos contratos de arrendamento, da súa obriga de depositar a fianza no IGVS, así como de comunicarlle de forma inmediata calquera modificación que se produza durante a súa vixencia dos datos que figuran nel, así como, se é o caso, a súa resolución.

k) Comunicar ao IGVS, a través da plataforma do programa, a sinatura dos contratos de alugamento o mesmo día en que se formalicen. Xunto con esta comunicación deberá achegarse a seguinte documentación:

– Contrato asinado, con referencia catastral.

– Número de credencial do rexistro de demandantes.

– Inventario completo do estado das vivendas.

– Fotos do estado da vivenda.

l) Comunicar ao IGVS, tamén a través da plataforma, as baixas dos contratos o mesmo día en que se teña constancia.

m) Confirmar coas persoas arrendadoras que teñen recibido as pólizas de seguro e trasladar a correspondente resposta ao IGVS.

n) Realizar os informes e visitas que, de ser o caso, requira o IGVS na xestión deste programa.

o) Facilitar a información e a documentación que lle requira o IGVS e someterse ás inspeccións que lle realice o seu persoal.

p) Realizar as actividades de formación sobre a implementación e funcionamento do PMVA que organice o IGVS.

Décimo sétimo. Revogación da condición de entidade colaboradora

O recoñecemento da condición de entidade colaboradora poderá ser revogado por incumprimento dos requisitos que deron lugar á súa concesión e/ou por incumprimento das súas obrigas, mediante resolución motivada da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, logo de instrución do correspondente procedemento administrativo que, en todo caso, incluirá un trámite de audiencia para a persoa ou entidade interesada.

II. Requisitos das vivendas para a súa incorporación ao PMVA.

Décimo oitavo. Requisitos das vivendas

1. Para a súa incorporación ao programa as vivendas deberán cumprir necesariamente os seguintes requisitos:

a) Non ser de titularidade pública nin estar suxeita a ningún réxime de protección pública.

b) Non estar afectada por algunha circunstancia xurídica que impida o seu alugamento.

c) Ter un alugueiro que non supere o límite máximo establecido no anexo I desta resolución.

d) Reunir as condicións adecuadas de habitabilidade e mantemento. Para estes efectos, o persoal do IGVS poderá realizar as inspeccións que consideren necesarias.

e) Dispor, cando menos, de cociña amoblada e equipada con placa de cociña, fregadeiro, lavadora, neveira e campá extractora, así como dun baño con inodoro, lavabo e ducha ou bañeira, todo en perfecto estado de funcionamento.

f) Non ter sido arrendadas nos dous meses inmediatamente anteriores á súa incorporación a este programa.

2. Para a incorporación da vivenda ao programa será requisito necesario que a persoa arrendadora achegue á entidade colaboradora unha declaración responsable de que a vivenda leva sen estar arrendada, cando menos, os dous meses anteriores ao día en que presente a correspondente solicitude de incorporación.

Décimo noveno. Procedemento de incorporación das vivendas no programa

1. A solicitude de incorporación da vivenda deberá presentarse en calquera das entidades colaboradoras do programa, con anterioridade ao 31 de decembro de 2025.

2. Unha vez que a entidade colaboradora considere que a vivenda reúne os requisitos para o seu alugamento, procederá a dala de alta na plataforma informática que se habilite para tal fin no programa.

3. Na descrición da vivenda figurarán, cando menos, os datos relativos á súa superficie, zona, principais características, renda máxima, fotografías e datos de contacto da entidade colaboradora que a xestione.

4. A entidade colaboradora que tivese dado de alta a vivenda a través da plataforma informática será a única encargada de poder tramitar o seu alugamento no marco deste programa. Así mesmo, corresponderalle á dita entidade colaboradora o cumprimento de todas as xestións e obrigas previstas nesta resolución en relación a esa vivenda.

5. Non se poderá dar de alta no PMVA a mesma vivenda por máis dunha entidade colaboradora.

III. Requisitos das persoas arrendatarias das vivendas incorporadas ao PMVA.

Vixésimo. Requisitos das persoas arrendatarias

1. Poderán ser arrendatarias das vivendas incorporadas ao PMVA as persoas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Contar coa credencial vixente da súa inscrición no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia como demandantes, en réxime de alugamento, ben de vivendas de protección autonómica (VPA) de réxime especial ou xeral e/ou ben de vivendas promoción pública (VPP).

A documentación necesaria para a acreditación da devandita credencial deberá ser entregada pola persoa interesada na vivenda á entidade colaboradora antes da formalización do correspondente contrato.

b) Dedicar a vivenda alugada á súa residencia habitual e permanente durante todo o tempo de duración do contrato.

c) Que a súa unidade de convivencia teña uns ingresos anuais ponderados iguais ou superiores a 1 veces o IPREM e iguais ou inferiores a 4,5 veces o IPREM, segundo a composición da unidade de convivencia. Para estes efectos, o nivel de ingresos acreditarase mediante a presentación da credencial vixente da súa inscrición no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia, mencionada na letra a) deste mesmo ordinal.

d) Que a renda da vivenda que se vaia arrendar non sexa superior ao 30 % dos ingresos da persoa arrendataria. Para estes efectos, poderánse ter en conta os ingresos doutras persoas membros da unidade de convivencia, sempre que estas se incorporen ao contrato en concepto de arrendatarias e cumpran os requisitos previstos neste ordinal.

e) Non estar incurso en ningunha causa de exclusión deste programa.

2. Non poderán ser arrendatarios as persoas que tivesen alugada a vivenda dentro dos tres meses anteriores á súa incorporación ao PMVA. Tampouco poderán selo cando teñan coa persoa arrendadora algún vínculo de parentesco de consanguinidade dentro do cuarto grao ou de afinidade dentro do segundo coa persoa arrendadora.

IV. Exclusións do programa.

Vixésimo primeiro. Exclusión de coberturas da vivenda por incumprimento de obrigas

1. Deixarán de ter as coberturas e garantías do PMVA aqueles contratos de arrendamento nos que a persoa arrendadora deixe de cumprir algunha das obrigas que lle impón o ordenamento xurídico e, en especial, a obriga de depositar no IGVS, dentro do prazo legal, a fianza percibida polo arrendatario.

2. A exclusión das coberturas e garantías dará lugar ao reintegro por parte da persoa arrendadora do importe das primas de seguro pagadas polo IGVS ás compañías aseguradoras na anualidade en que se tivese producido o incumprimento. O reintegro estenderase a todas as anualidades sucesivas ao momento do incumprimento, no caso de que este afectase a varios de vixencia do contrato.

3. A resolución de exclusión de coberturas e garantías será emitida pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, logo da audiencia das persoas interesadas.

4. A exclusión non afectará a validez do contrato asinado nin as condicións pactadas nel respecto da persoa arrendataria.

5. A exclusión dará lugar a imposibilidade de facer novos contratos nesa vivenda ao abeiro deste programa.

Vixésimo segundo. Exclusión de persoas arrendatarias por incumprimento de obrigas

1. Poderán quedar excluídas do PMVA aquelas persoas que, na súa condición de arrendatarias, teñan incumprido as obrigas que lles impón o ordenamento xurídico.

2. A resolución de exclusión do programa será emitida pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, logo da audiencia da persoa interesada.

3. A exclusión dará lugar á imposibilidade de realizar novas solicitudes de vivenda ao abeiro do PMVA.

V. Control, inspección e auditoría.

Vixésimo terceiro. Control, inspección e auditoría

O IGVS poderá realizar as tarefas de control, inspección e auditoría necesarias nas vivendas incorporadas e nos contratos asinados ao abeiro do PMVA, para os fins de detectar posibles incumprimentos, coas consecuencias recollidas nesta resolución.

VI. Incorporación do Censo de Vivendas Baleiras.

Vixésimo cuarto. Incorporación do Censo de Vivendas Baleiras

Nos termos do artigo 14.2 in fine do Decreto 17/2016, do 18 de febreiro, polo que se crea e regula o Censo de Vivendas Baleiras na Comunidade Autónoma de Galicia, as vivendas baleiras inscritas no referido censo propiedade das entidades de crédito e das súas filiais inmobiliarias e das entidades de xestión de activos, incluídos os procedentes da reestruturación bancaria e sempre que se axusten aos prezos máximos establecidos, poderán ser incorporadas a este programa mediante a súa posta á disposición a favor do IGVS para a súa distribución, por un sistema de cotas/sorteo, ás entidades colaboradoras.

VII. Habilitación para o desenvolvemento e vixencia do programa.

Vixésimo quinto. Habilitación para o desenvolvemento

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste programa, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisas para a xestión deste programa.

VIII. Vixencia do programa.

Vixésimo sexto. Vixencia do programa

Este programa estará vixente, de conformidade co Pacto de Vivenda de Galicia 2021-2025, desde a data de publicación desta resolución ata o 31 de decembro de 2025, sen prexuízo de que se manteñan, con posterioridade a ese prazo, as obrigas derivadas deste programa respecto dos contratos de alugamento asinados durante o citado período.

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

ANEXO I

Prezos máximos de renda por localidades

– 600 euros. Nos municipios da Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Ourense e Pontevedra.

– 500 euros. Nos municipios de:

Ames, Ares, Arteixo, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, Boiro, Cambre, Carballo, Cee, Cedeira, Culleredo, Fene, Ferrol, Melide, Mugardos, Narón, Neda, Noia, Oleiros, Ordes, Oroso, Padrón, Pontedeume, Ribeira, Sada e Teo.

Burela, Cervo, Chantada, Foz, Lugo, Monforte de Lemos, Ribadeo, Sarria, Vilalba e Viveiro.

Allariz, A Rúa, Ourense, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Celanova, Ribadavia, Verín e Xinzo de Limia.

A Estrada, A Illa de Arousa, Baiona, Bueu, Cambados, Cangas, Gondomar, Lalín, Marín, Moaña, Mos, Nigrán, O Grove, O Porriño, Poio, Ponteareas, Pontecesures, Redondela, Sanxenxo, Tui, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

– 400 euros. No resto de municipios da Comunidade Autónoma de Galicia.

missing image file
missing image file