Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Venres, 30 de setembro de 2022 Páx. 52039

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 27 de setembro de 2022 pola que se modifican os prazos para a anualidade de 2022 establecidos no artigo 26 da Resolución do 5 de abril de 2022, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas ao deseño para a mellora da capacidade de innovación e sustentabilidade das empresas en Galicia, a través do impulso da xestión do deseño estratéxico de produtos, servizos, experiencias e marcas e identidades corporativas, enmarcados en prioridades estratéxicas da RIS3, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (programa DeseñaPeme) (código de procedemento IN848E).

O 21 de abril de 2022 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 5 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas ao deseño, para a mellora da capacidade de innovación e sustentabilidade das empresas en Galicia, a través do impulso da xestión do deseño estratéxico de produtos, servizos, experiencias e marcas e identidades corporativas, enmarcados en prioridades estratéxicas da RIS3, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (programa DeseñaPeme) (código de procedemento IN848E).

O artigo 7.2 desta resolución establecía os seguintes prazos de xustificación:

Para a anualidade de 2022 só se admitirán aqueles gastos que fosen realizados dentro do período comprendido entre a data de presentación da solicitude de subvención (prazo máximo: 23 de maio de 2022) e o 30 de setembro 2022. Para a anualidade de 2023 admitiranse os gastos realizados dentro do período comprendido entre o 1 de outubro de 2022 e o 30 de setembro de 2023.

O artigo 26.2 desta resolución establecía os seguintes prazos de xustificación:

O 10 de outubro de 2022, como data límite para a presentación da xustificación dos gastos correspondentes á anualidade de 2022 (realizados entre a data de presentación da solicitude e o 30 de setembro de 2022).

Tendo en conta a demora na resolución das devanditas axudas, motivada pola complexidade do proceso de avaliación destas, e dado que non causa prexuízo a terceiros, considérase necesario ampliar o prazo de xustificación para o ano 2022 establecido no artigo 26.2 da Resolución do 5 de abril de 2022.

Ademais, atendendo ao prazo máximo de presentación de solicitudes, que foi o 23 de maio de 2022 segundo o descrito no artigo 10.2 da convocatoria, e que a modificación de ampliación de prazo para a presentación da xustificación de gastos da anualidade 2022 vai desde o 10 de outubro ata o 31 de outubro de 2022, conclúese que esta modificación non excede a metade do prazo orixinal, segundo dispón o artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

En consecuencia, no exercicio das facultades que me confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación, e coa habilitación outorgada pola disposición derradeira primeira da resolución da convocatoria,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación do artigo 26.2 da Resolución do 5 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas ao deseño, para a mellora da capacidade de innovación e sustentabilidade das empresas en Galicia, a través do impulso da xestión do deseño estratéxico de produtos, servizos, experiencias e marcas e identidades corporativas, enmarcados en prioridades estratéxicas da RIS3, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (programa DeseñaPeme) (código do procedemento IN848E)

O artigo 26.2 queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 26.2. Prazos de xustificación

Períodos de emisión das facturas (realización de gastos) e realización de pagamentos dos gastos executados:

Primeira anualidade:

– Desde a data de presentación da solicitude, ata o 30 de setembro de 2022.

– Presentación da documentación xustificativa, ata o 31 de outubro de 2022.

Segunda anualidade:

– Desde o 1 de outubro de 2022 ata o 30 de setembro de 2023.

– Presentación da documentación xustificativa, ata o 31 de outubro de 2023.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2022

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación