Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Xoves, 29 de setembro de 2022 Páx. 51750

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 23 de setembro de 2022 pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes da Resolución do 14 de marzo de 2022 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras dos préstamos previstos no Instrumento financeiro préstamos pemes Galicia-programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG534C).

Mediante a Resolución do 14 de marzo de 2022 déuselle publicidade ao Acordo do Consello de Dirección do Igape que aproba as bases reguladoras dos préstamos previstos no Instrumento financeiro préstamos pemes Galicia-programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e procedeuse á convocatoria, en réxime de concorrencia non competitiva, da modalidade de préstamos IFI Innova (DOG núm. 60, do 28 de marzo).

No resolvo segundo da convocatoria fixouse o prazo de presentación de solicitudes ata o 30 de setembro de 2022.

As pemes desenvolvedoras de proxectos de I+D+i trasladaron á Axencia Galega de Innovación a complexidade que supón para elas definir os seus proxectos e a estrutura do seu financiamento. Por isto, proxectos que transmitiron o seu interese en presentar unha solicitude ao abeiro da convocatoria e bases reguladoras arriba referenciadas aínda non están en disposición de facelo por falta de tempo para completar toda a información requirida na solicitude.

Tendo en conta que o crédito da convocatoria non se esgotaría coas solicitudes presentadas ata a data actual, e sen perder de vista o horizonte N+3 de execución e certificación do Feder Galicia 2014-2020, considérase necesario ampliar o prazo de presentación de solicitudes da convocatoria de 2022 ata o 31 de outubro de 2022.

Por todo o anterior, de conformidade co disposto no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e dado que non se causan prexuízos a terceiros,

RESOLVO:

Primeiro. Ampliar o prazo de presentación de solicitudes establecido no resolvo segundo da Resolución do 14 de marzo de 2022, nos seguintes termos:

«Segundo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, e rematará cando se produza a primeira das seguintes circunstancias:

a) Que, conforme as solicitudes recibidas, se esgote o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 32 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Decreto 11/2009).

b) O 31 de outubro de 2022».

Segundo. Esta resolución entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2022

Fernando Guldrís Iglesias
Director do Instituto Galego de Promoción Económica