Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Xoves, 29 de setembro de 2022 Páx. 51748

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 21 de setembro de 2022 sobre ampliación do prazo establecido no artigo 23 da Resolución do 27 de decembro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de biomasa destinadas a particulares, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se convocan para o ano 2022 (Diario Oficial de Galicia número 11, do 18 de xaneiro).

A Resolución do 27 de decembro de 2021, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 11, do 18 de xaneiro de 2022, establece as bases reguladoras das subvencións para proxectos de biomasa, destinadas a particulares, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e procede á convocatoria destas subvencións para o ano 2022 (código de procedementos IN421N e IN421P).

O prazo para a execución das instalacións iniciase unha vez que se efectuase a solicitude de axuda ante esta entidade e rematará o 30 de setembro de 2022 (artigo 23 das bases reguladoras).

No presente procedemento de concesión de axudas estanse a rexistrar numerosas solicitudes de prórroga por parte dos beneficiarios, motivadas polas dificultades existentes para executar e xustificar os investimentos subvencionados nas referidas datas límite, debido aos atrasos orixinados nos prazos de entrega dos equipamentos por parte das empresas subministradoras; ademais, non existe a posibilidade de causar prexuízos a terceiros.

O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Por outra banda, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), en que se indica que a ampliación poderá acordarse de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.

Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e condicións previstos na normativa anteriormente citada,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificar a data límite que figura no artigo 23 das bases reguladoras para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa, quedando a redacción do artigo do seguinte xeito:

«O prazo para a execución das instalacións iníciase unha vez que se efectuase a solicitude de axuda ante esta entidade e rematará o 30 de setembro de 2022.

Para todas as solicitudes de axuda en que se puxese á disposición do solicitante a resolución de concesión a partir do 31 de maio, o prazo de execución das instalacións amplíase ata o 31 de outubro de 2022».

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia (www.inega.gal), para os efectos previstos no artigo 45.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

Terceiro. De acordo co disposto no artigo 32.3 de la LPACAP, contra o presente acordo non cabe recurso de ningún tipo.

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2022

Pablo Fernández Vila
Director do Instituto Enerxético de Galicia