Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Xoves, 29 de setembro de 2022 Páx. 51720

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 28 de setembro de 2022 pola que se modifica a Orde do 21 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2022 das axudas a investimentos non produtivos vinculadas á realización de obxectivos agroambientais e climáticos no ámbito dos parques naturais de Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 (código de procedemento MT819A).

O día 13 de xaneiro de 2022 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 21 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2022 das axudas a investimentos non produtivos vinculadas á realización de obxectivos agroambientais e climáticos no ámbito dos parques naturais de Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 (código de procedemento MT819A).

No seu artigo 1 disponse que a orde ten por obxecto regular as bases do réxime de axudas dirixidas a restaurar, preservar e mellorar a biodiversidade nas zonas Natura 2000, os sistemas agrarios de alto valor natural, así como mellorar o estado das paisaxes agrarias galegas dentro dos espazos protexidos ou nas súas áreas de influencia socioeconómica por medio de proxectos que contribúan á mellora da paisaxe rural tradicional e dos seus elementos representativos, e para o mantemento das condicións ambientais necesarias dirixidas á conservación ou recuperación de especies relacionadas co medio agrario e os seus hábitats. Incluiranse axudas destinadas a investimentos non produtivos necesarias para conseguir obxectivos ambientais, é dicir, investimentos que non dean lugar a un aumento significativo do valor ou da rendibilidade das explotacións agrícolas ou que contribúan á mellora do carácter de utilidade pública das zonas Rede Natura 2000 pertencentes aos parques naturais.

Así mesmo, convócanse as axudas correspondentes ao exercicio orzamentario do ano 2022 en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento MT819A).

A orde establece no seu artigo 8 un prazo de presentación de solicitudes dun mes, contado a partir do día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. O dito prazo comeza o día 14 de xaneiro de 2022 e finaliza o día 14 febreiro de 2022.

O artigo 22.7 establecía inicialmente que a notificación do remate das accións (total ou parcial) e a solicitude de pagamento das axudas deberán xustificarse con data límite do 1 de setembro de 2022 para a anualidade do ano 2022 e do 31 de marzo de 2023 para a anualidade do ano 2023. Ademais, a orde recollía que estes prazos serán, en todo caso, improrrogables.

Como consecuencia da sobrecarga administrativa dos departamentos responsables da tramitación destes expedientes, derivada do elevado número de disposicións publicadas con carácter de axuda e o elevado número de solicitudes recibidas, así como a dificultade material de executalos nos prazos previstos na orde de axudas, con data do 18 de agosto publicouse a Orde do 8 de agosto de 2022 pola que se modifica a Orde do 21 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2022 das axudas a investimentos non produtivos vinculadas á realización de obxectivos agroambientais e climáticos no ámbito dos parques naturais de Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 (código de procedemento MT819A), e estableceuse o 30 de setembro de 2022 como data límite para a xustificación da anualidade do ano 2022.

Porén, atendendo a que as axudas dirixidas a concellos e empresas foron adxudicadas o día 25 de agosto, as dirixidas a particulares o día 26 de agosto e as dirixidas a asociacións están actualmente en fase de proposta de adxudicación, faise necesaria unha nova ampliación que garanta a posibilidade de execución dos proxectos aprobados por parte dos beneficiarios das axudas.

En virtude do exposto, e en uso das facultades que teño conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do artigo 22.7 da Orde do 21 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2022 das axudas a investimentos non produtivos vinculadas á realización de obxectivos agroambientais e climáticos no ámbito dos parques naturais de Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, nos seguintes termos:

1. Modificase o artigo 22.7, que queda redactado como segue: «A notificación do remate das accións (total ou parcial) e a solicitude de pagamento das axudas deberán xustificarse con data límite do 1 de novembro de 2022 para a anualidade do ano 2022 e do 31 de marzo de 2023 para a anualidade do ano 2023. Para estes efectos, considérase gasto realizado o que foi efectivamente aboado con anterioridade á finalización do período de xustificación».

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda