Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 180 Mércores, 21 de setembro de 2022 Páx. 49344

VI. Anuncios

c) Outros anuncios

Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar

RESOLUCIÓN do 9 de setembro de 2022 de delegación de competencias na Xerencia deste organismo.

O artigo 18 dos estatutos do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (DOG núm. 131, do 7 de xullo de 2006), modificados en virtude do Acordo da Asemblea Xeral do Consorcio do 25 de novembro de 2020 (DOG núm. 242, do 1 de decembro), establece no seu artigo 18 as competencias que se lle atribúen á Presidencia do Consorcio.

A actividade administrativa e a natureza das funcións que se concentran na persoa titular da presidencia do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar aconsellan recorrer á delegación de determinadas competencias noutros órganos de goberno do Consorcio, nomeadamente na Xerencia, sen esquecer o debido respecto aos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria e redunda en beneficio tanto da Administración como dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

Segundo o previsto no artigo 9.1 da Lei 40/2015, de réxime xurídico das administracións públicas, «os órganos das diferentes administracións públicas poderán delegar o exercicio das competencias que teñan atribuídas noutros órganos da mesma Administración, aínda cando non sexan xerarquicamente dependentes, ou nos organismos ou entidades de dereito público vinculados ou dependentes daquelas». Neste sentido, o artigo 6.1 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público de Galicia, dispón que «o exercicio das competencias cuxa titularidade corresponda a órganos da Administración autonómica poderá ser delegado noutros órganos da propia Administración autonómica ou dalgunha entidade integrante do sector público autonómico».

En consecuencia, de conformidade co artigo 18.5 dos estatutos do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, o artigo 9.1 da Lei 40/2015, do 1 outubro, de réxime xurídico das administracións públicas, e 6.1 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público de Galicia, e demais disposicións de xeral aplicación, a Presidencia do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar

RESOLVE:

1. Delegar na Xerencia do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar as seguintes competencias:

a) Representar o Consorcio en toda clase de negocios xurídicos e ante organismos públicos ou privados, coa facultade para conferir mandatos, delegar e outorgar poderes.

b) Adoptar persoalmente, e baixo a súa responsabilidade, en caso de urxencia inadiable, as medidas que xulgue necesarias, dando conta ao órgano competente.

2. A presente delegación quedará suxeita ao seguinte réxime xurídico:

a) Os actos e resolucións administrativas que se adopten facendo uso desta delegación deberán indicar expresamente esta circunstancia, con referencia ao número e data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e consideraranse ditadas polo órgano que a conferiu.

b) En calquera momento, a persoa titular da Presidencia poderá avogar o exercicio das competencias delegadas por esta orde, así como acordar a súa revogación.

c) Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2022

Fabiola García Martínez
Presidenta do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar