Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Martes, 20 de setembro de 2022 Páx. 49038

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 13 de setembro de 2022 pola que se modifica a Orde do 20 de xaneiro de 2022 pola que se aproban as bases e a convocatoria para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para actuacións de concellos e entidades en reservas da biosfera de Galicia con cargo ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para os anos 2022 e 2023 (código de procedemento MT724B).

O día 11 de febreiro de 2022 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 20 de xaneiro de 2022 pola que se aproban as bases e a convocatoria para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para actuacións de concellos e entidades en reservas da biosfera de Galicia con cargo ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para os anos 2022 e 2023.

No seu artigo 1 disponse que esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria, para os anos 2022 e 2023, para a concesión de axudas de acordo co anexo IV, Criterios obxectivos de distribución territorial e bases reguladoras para o financiamento de actuacións en reservas da biosfera con cargo ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia, do Acordo do 9 de xullo de 2021, da Conferencia Sectorial de Medio Ambiente, polo que se aproban os criterios de repartición e a distribución territorial de créditos relativos ao compoñente 4, Conservación e restauración de ecosistemas e a súa biodiversidade.

A finalidade desta orde é promover a conservación e xestión da biodiversidade e dos recursos naturais, o fomento do desenvolvemento sustentable e a mellora do patrimonio cultural nas reservas da biosfera de Galicia.

Estas axudas contribúen á consecución dos obxectivos do PRTR no marco do compoñente 4, investimento 2 e obxectivo 69.

Ao abeiro desta convocatoria de axudas presentouse unha gran variedade de proxectos e actuacións, de complicado análise e valoración, o que implica un grande esforzo administrativo e técnico para as xefaturas territoriais. Na tramitación dos expedientes tivéronse que outorgar prazos para emenda tanto de documentación como de erros e, ademais, nas actuacións que supoñían un investimento foi necesario realizar inspeccións previas en campo para efectuar as comprobacións oportunas de axuste ao solicitado.

Todo o anterior xerou unha demora na resolución da convocatoria, que fixo diminuír o tempo efectivo de que dispoñían os beneficiarios para a execución e a xustificación correspondente dos gastos obxecto de subvención. A orde inicial establecía, no seu artigo 28.1.b), o 3 de outubro de 2022 como data límite para que os beneficiarios presentasen xustificación dos gastos correspondentes á anualidade 2022.

En virtude das dificultades expostas, e no uso das facultades que teño conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do artigo 28 da Orde do 20 de xaneiro de 2022 pola que se aproban as bases e a convocatoria para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para actuacións de concellos e entidades en reservas da biosfera de Galicia con cargo ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para os anos 2022 e 2023, nos seguintes termos:

1. Modifícase o artigo 28.1, que queda redactado como segue:

«1. Anualidade 2022:

a) No caso de non solicitar anticipo, a beneficiaria deberá solicitar o pagamento da anualidade correspondente ao ano 2022 (anexo IV) unha vez executada e xustificada a actividade correspondente.

b) Para a anualidade de 2022 só se admitirán aqueles gastos efectivamente realizados e pagados entre a data de emisión da acta de non inicio recollida no artigo 9.3 ou, se é o caso, da presentación da declaración responsable recollida no mesmo artigo, e o 15 de novembro de 2022.

c) No caso das beneficiarias que solicitasen o anticipo, todas as actuacións deberán estar executadas e pagas con data límite do 15 de novembro de 2022, aínda que poderán presentar a xustificación do importe anticipado na data establecida para a anualidade 2023 xunto á xustificación final».

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda