Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Martes, 20 de setembro de 2022 Páx. 49107

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 6 de setembro de 2022 pola que se amplía o prazo de solicitude e o de execución e xustificación dos investimentos establecidos na Resolución do 25 de novembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, relativas ao Plan de transición a unha mobilidade eficiente, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á convocatoria para a anualidade 2022 (códigos de procedemento IN421T e IN421U).

No Diario Oficial de Galicia núm. 235, do 9 de decembro de 2021 publicouse a Resolución do 25 de novembro pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, relativas ao Plan de transición a unha mobilidade eficiente, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á convocatoria para a anualidade 2022 (códigos de procedemento IN421T e IN421U).

O procedemento de concesión destas subvencións tramitouse en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción prevista no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Pola Resolución do 8 de abril de 2022, publicada no DOG núm. 73, do 18 de abril, modificouse o crédito orzamentario recollido na Resolución do 25 de novembro de 2021, ampliando en 2.000.000 de euros o crédito dispoñible.

Conforme o establecido no artigo 3 da Resolución do 25 de novembro de 2021, o plan inicia a súa vixencia a partir do día seguinte hábil ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de setembro de 2022 ou ata que se esgoten os fondos, aspecto que se desenvolve no artigo 2.2 das bases reguladoras, que recolle que poderán ter dereito á subvención os vehículos adquiridos entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2022; no artigo 16.1 que establece que o prazo para presentar os documentos de xustificación remata o 30 de setembro de 2022 e nese momento os investimentos deben estar plenamente realizados, operativos e verificables; no artigo 16.3 que regula que todos os pagamentos que realice o comprador deben efectuarse entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2022; e no artigo 24 que establece que a data límite para executar o proxecto e presentar a solicitude de pagamento e a documentación xustificativa dos investimentos será o 30 de setembro de 2022.

Segundo o establecido no artigo 4.5 da antedita resolución o prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o día 17 de xaneiro de 2022 ás 9.00 horas e rematará o 30 de setembro de 2022 ou cando se esgoten os fondos.

Varias entidades colaboradoras participantes no plan solicitaron a ampliación do prazo de xustificación das actuacións motivado nos retrasos dos fabricantes na entrega de vehículos como consecuencia das restricións no mercado de determinados compoñentes. Por outra parte, na epígrafe de autónomos ou empresas aínda queda dispoñible unha pequena parte do orzamento.

O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros. Por outra banda, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), no que se indica que a ampliación poderá acordarse de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.

Consecuentemente con todo o anterior, sobre a base dos feitos sinalados e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Modificar a Resolución do 25 de novembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, relativas ao Plan de transición a unha mobilidade eficiente, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á convocatoria para a anualidade 2022 (códigos de procedemento IN421T e IN421U) no seguinte sentido:

O artigo 3 da resolución queda redactado do seguinte xeito:

«O plan inicia a súa vixencia a partir do día seguinte hábil ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 31 de outubro de 2022 ou ata que se esgoten os fondos».

O punto 5 do artigo 4 da resolución queda redactado do seguinte xeito:

«5. O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o día 17 de xaneiro de 2022 ás 9.00 horas e rematará o 31 de outubro de 2022 ou cando se esgoten os fondos».

O punto 2 do artigo 2 das bases reguladoras queda redactado do seguinte xeito:

«2. Poderán obter dereito á subvención todas aquelas actuacións recollidas no artigo 3 destas bases reguladoras que se executen dentro do territorio da Comunidade Autónoma, despois da tramitación da solicitude prevista no artigo 10 destas bases reguladoras, nas cales a adquisición do vehículo se realice entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2022, e cumpran cos demais requisitos exixidos nela. Os trámites que se realicen entre as partes con anterioridade á presentación da solicitude non garanten a dispoñibilidade de financiamento por parte do Inega para a concesión da subvención».

O punto 1 do artigo 16 das bases reguladoras queda redactado do seguinte xeito:

«1. O prazo para presentar os documentos de xustificación remata o 31 de outubro de 2022, e nese momento os investimentos deben estar plenamente realizados, operativos e verificables».

O punto 3 do artigo 16 das bases reguladoras queda redactado do seguinte xeito:

«3. Todos os pagamentos que realice o comprador deben efectuarse entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2022».

E o artigo 24 das bases reguladoras queda redactado do seguinte xeito:

«A data límite para executar o proxecto e presentar a solicitude de pagamento e a documentación xustificativa dos investimentos será o 31 de outubro de 2022».

Segundo. Esta modificación entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2022

Pablo Fernández Vila
Director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia