Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Luns, 19 de setembro de 2022 Páx. 48899

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 29 de agosto de 2022, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación co Real decreto lei 24/2021, do 2 de novembro, de transposición de directivas da Unión Europea nas materias de bonos garantidos, distribución transfronteiriza de organismos de investimento colectivo, datos abertos e reutilización da información do sector público, exercicio de dereitos de autor e dereitos afíns aplicables a determinadas transmisións en liña e ás retransmisións de programas de radio e televisión, exencións temporais a determinadas importacións e subministracións de persoas consumidoras e para a promoción de vehículos de transporte por estrada limpos e enerxeticamente eficientes.

Conforme o establecido no artigo 33 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, modificado pola Lei orgánica 1/2000, do 7 de xaneiro, esta dirección xeral dispón a publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo que figura como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2022

Blanca García-Señoráns Álvarez
Directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias

ANEXO

Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación co Real decreto lei 24/2021, do 2 de novembro, de transposición de directivas da Unión Europea nas materias de bonos garantidos, distribución transfronteiriza de organismos de investimento colectivo, datos abertos e reutilización da información do sector público,
exercicio de dereitos de autor e dereitos afíns aplicables a determinadas transmisións en liña e ás retransmisións de programas de radio e televisión, exencións temporais a determinadas importacións e subministracións
de persoas consumidoras e para a promoción de vehículos de transporte
por estrada limpos e enerxeticamente eficientes

A Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia adoptou o seguinte acordo:

I. De conformidade coas negociacións previas levadas a cabo polo grupo de traballo constituído en cumprimento do previsto no acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia para o estudo e proposta de solución das discrepancias competenciais manifestadas en relación co apartado cuarto do artigo 82 do Real decreto lei 24/2021, do 2 de novembro, de transposición de directivas da Unión Europea nas materias de bonos garantidos, distribución transfronteiriza de organismos de investimento colectivo, datos abertos e reutilización da información do sector público, exercicio de dereitos de autor e dereitos afíns aplicables a determinadas transmisións en liña e ás retransmisións de programas de radio e televisión, exencións temporais a determinadas importacións e subministracións de persoas consumidoras e para a promoción de vehículos de transporte por estrada limpos e enerxeticamente eficientes, ambas as partes consideran solucionadas as controversias expostas de acordo cos compromisos e coas consideracións seguintes:

En razón do acordo alcanzado, ambas as partes coinciden en considerar resoltas as discrepancias manifestadas e concluída a controversia exposta.

1) En relación co artigo 46 do texto refundido da Lei xeral para a defensa dos consumidores e usuarios e outras leis complementarias, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2007, do 16 de novembro, modificado polo punto cuarto do artigo 82 do Real decreto lei 24/2021, ambas as partes acordan que o Goberno do Estado realizará as actuacións procedentes tendentes á súa modificación nos seguintes termos:

Respecto do punto 9, modificado polo ordinal cuarto do artigo 82, ambas as partes acordan que o Goberno do Estado promoverá a correspondente iniciativa lexislativa para modificalo nos seguintes termos:

«9. Cando se vexan afectados os intereses xerais, colectivos ou difusos dos consumidores e usuarios, as asociacións de consumidores e usuarios constituídas conforme o previsto nesta norma, ou na normativa autonómica que lles resulte de aplicación, poderán comparecer no procedemento administrativo sancionador mentres non se teña ditado resolución definitiva, e terán a consideración de partes interesadas nel cando o obxecto das actuacións administrativas coincida cos fins establecidos nos seus respectivos estatutos e proben a afectación concreta dos dereitos e intereses lexítimos dalgún dos seus socios polas prácticas obxecto do procedemento».

Así mesmo, engádese un novo punto 10 co seguinte teor literal:

«10. O establecido neste título conta coa plena garantía das competencias das comunidades autónomas en materia de protección dos consumidores e estas poden establecer a regulamentación necesaria para o pleno exercicio desas competencias.

En concreto, mediante norma con rango de lei, poderán preverse outras circunstancias ou supostos adicionais aos previstos nos artigos 48.3, 48.4, 49.2 e 50. Igualmente, as sancións previstas no artigo 49 e os prazos de prescrición e caducidade establecidos no artigo 52 serán considerados como mínimos, e poderán ser desenvoltas e ampliados por normas con rango de lei».

2) Respecto ao artigo 49, punto 1, do texto refundido da Lei xeral para a defensa dos consumidores e usuarios e outras leis complementarias, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2007, do 16 de novembro, modificado polo punto cuarto do artigo 82 do Real decreto lei 24/2021, ambas as partes acordan que o Goberno do Estado realizará as actuacións procedentes tendentes á súa modificación nos seguintes termos:

«1. A imposición de sancións deberá garantir, en calquera circunstancia, que a comisión dunha infracción non resulte máis vantaxosa para a parte infractora que o incumprimento das normas infrinxidas. Sobre esta base, as infraccións serán sancionadas con multa comprendida entre os seguintes importes máximos e mínimos:

a) Infraccións leves: entre 150 e 10.000 euros; poderanse superar esas cantidades ata acadar entre dúas e catro veces o beneficio ilícito obtido.

b) Infraccións graves: entre 10.001 e 100.000 euros; poderanse superar esas cantidades ata acadar entre catro e seis veces o beneficio ilícito obtido.

c) Infraccións moi graves: ente 100.001 e 1.000.000 euros; poderanse superar esas cantidades ata acadar entre seis e oito veces o beneficio ilícito obtido.

Non obstante, cando a aplicación dos rangos indicados anteriormente implique a imposición dunha sanción desproporcionada en relación coa capacidade económica do infractor, poderase utilizar o rango asignado á cualificación dun menor nivel de gravidade para o cálculo da sanción».

3) En canto ao artigo 50 do texto refundido da Lei xeral para a defensa dos consumidores e usuarios e outras leis complementarias, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2007, do 16 de novembro, modificado polo artigo 82.4 do Real decreto lei 24/2021, ambas as partes acordan que o Goberno do Estado realizará as actuacións procedentes tendentes á súa modificación nos seguintes termos:

«Artigo 50. Sancións accesorias

A Administración pública competente poderá acordar, en relación coas infraccións en materia de defensa dos consumidores e usuarios previstas nesta norma, as seguintes sancións accesorias:

1. O comiso das mercadorías obxecto da infracción que sexan propiedade do responsable, agás que xa se adoptase definitivamente para preservar os intereses públicos ou que, podendo resultar de lícito comercio tras as modificacións que procedan, o seu valor, sumado á multa, non garde proporción coa gravidade da infracción, neste caso poderase non acordar tal medida ou acordala só parcialmente en virtude da proporcionalidade. A resolución sancionadora que impoña esta sanción decidirá o destino que, dentro das previsións que de ser caso se encontren establecidas na normativa aplicable, deba dar a Administración competente aos produtos comisados. Todos os gastos que orixine o comiso, incluídos os de transporte e destrución, serán por conta do infractor.

2. A publicidade das sancións leves e graves impostas, cando teñan adquirido firmeza en vía administrativa, así como os nomes, os apelidos, a denominación ou razón social das persoas naturais ou xurídicas responsables, e a índole e natureza das infraccións, sempre que concorra risco para a saúde ou seguridade dos consumidores e usuarios, a reincidencia en infraccións de natureza análoga ou a acreditada intencionalidade na infracción.

3. O peche temporal do establecemento, da instalación ou servizo por un prazo máximo de cinco anos nos casos de infraccións moi graves.

4. A exixencia ao infractor de rectificación dos incumprimentos identificados na resolución que poña fin ao procedemento».

4) En relación co artigo 51, punto 7, do texto refundido da Lei xeral para a defensa dos consumidores e usuarios e outras leis complementarias, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2007, do 16 de novembro, modificado polo punto cuarto do artigo 82 do Real decreto lei 24/2021, ambas as partes acordan que o Goberno do Estado realizará as actuacións procedentes tendentes á súa modificación nos seguintes termos:

«7. A atribución ao empresario da carga de probar o cumprimento das obrigas que lle competen de conformidade co previsto nesta lei tamén comprende o ámbito administrativo sancionador no caso de obrigas de dar ou facer por parte do empresario».

5) No referente ao artigo 52, puntos 6 e 7, do texto refundido da Lei xeral para a defensa dos consumidores e usuarios e outras leis complementarias, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2007, do 16 de novembro, modificado polo punto cuarto do artigo 82 do Real decreto lei 24/2021, ambas as partes acordan que o Goberno do Estado realizará as actuacións procedentes tendentes á súa modificación nos seguintes termos:

«6. Producirase a caducidade do procedemento sancionador no caso de non se ter ditado resolución transcorridos os nove meses desde o seu inicio. A falta de impulso dalgún dos trámites seguidos no procedemento non producirá por si mesma a súa caducidade. Se se acorda a acumulación nun único procedemento de infraccións que ata daquela se tramitaban separadamente, o prazo para ditar resolución contará desde o acordo de inicio do último dos procedementos incoado.

As actuacións realizadas no curso dun procedemento caducado, así como os documentos e outros elementos de proba obtidos nese procedemento, conservarán a súa validez e eficacia para efectos probatorios noutros procedementos iniciados ou que se poidan iniciar con posterioridade en relación con este ou outro responsable.

En calquera caso, poderá iniciarse un procedemento sancionador mentres non teña prescrito a infracción, con independencia do momento en que finalizasen as dilixencias preliminares dirixidas ao esclarecemento dos feitos ou á caducidade dun procedemento previo sobre os mesmos feitos».

«7. De forma complementaria aos supostos recollidos no artigo 22 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, o transcurso do prazo de nove meses previsto para resolver o procedemento poderase suspender, mediante resolución motivada, cando se lles deba solicitar a terceiros a achega de documentos e outros elementos de xuízo necesarios ou cando se requira a cooperación ou coordinación con outras autoridades de consumo doutras comunidades autónomas ou da Unión Europea. Para estes efectos, o tempo de suspensión abranguerá o tempo que transcorra desde a remisión da solicitude ata a recepción da información solicitada polo órgano competente para continuar o procedemento».

6) Respecto do artigo 52.bis, puntos 1, 3, 5 e 6 do texto refundido da Lei xeral para a defensa dos consumidores e usuarios e outras leis complementarias, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2007, do 16 de novembro, modificado polo punto cuarto do artigo 82 do Real decreto lei 24/2021, ambas as partes acordan que o Goberno do Estado realizará as actuacións procedentes tendentes á modificación dos puntos 1, 3 e 6 e á supresión do punto 5, e renumérase o punto 6 como 5, nos seguintes termos:

«1. As administracións españolas que en cada caso resulten competentes sancionarán as infraccións de consumo cometidas en territorio español calquera que sexa a nacionalidade, o domicilio ou o lugar en que radiquen os establecementos do responsable.

As autoridades competentes en materia de consumo sancionarán, así mesmo, as condutas tipificadas como infraccións en materia de defensa dos consumidores e usuarios dos empresarios dos sectores que conten con regulamentación específica, en canto esa regulamentación non atribúa a competencia sancionadora en materia de consumo a outra Administración, e as prácticas comerciais desleais cos consumidores ou usuarios».

«3. As infraccións entenderanse cometidas en calquera dos lugares en que se desenvolvan as accións ou omisións constitutivas delas e, ademais, agás no caso de infraccións relativas aos requisitos dos establecementos e das instalacións ou do persoal, en todos aqueles en que se manifeste a lesión ou o risco para os intereses dos consumidores e usuarios protexidos pola norma sancionadora.

En concreto, en relación co lugar de manifestación da lesión ou o risco indicado no parágrafo anterior, as infraccións cometidas a través da internet consideraranse cometidas no lugar en que o consumidor ou usuario teña a súa residencia habitual, tanto no caso de que a infracción se produza no marco dun contrato de consumo como cando a infracción derive dunha práctica comercial non vinculada a un contrato de consumo pero que fose dirixida de forma activa por parte do empresario a tal consumidor ou usuario».

«5. Non obstante, cando a infracción produza lesións ou riscos para os intereses dos consumidores ou usuarios de forma xeneralizada no territorio de máis dunha comunidade autónoma, de tal forma que se poida ver afectada a unidade de mercado nacional e a competencia nel de acordo co establecido neste precepto, a competencia corresponderá aos órganos competentes en materia de consumo da Administración xeral do Estado.

Para estes efectos, cando os órganos competentes en materia de consumo da Administración xeral do Estado inicien un procedemento sancionador sobre a base da competencia establecida neste punto, deberán comunicalo motivadamente ás autoridades de consumo das comunidades autónomas e das cidades autónomas de Ceuta e Melilla. Con independencia do anterior, as autoridades de consumo das comunidades autónomas e das cidades autónomas de Ceuta e Melilla terán competencia para os expedientes sancionadores de acordo cos puntos 1 ao 4 deste artigo, e os órganos competentes en materia de consumo da Administración xeral do Estado deberán ter en conta as sancións impostas por estas autoridades con carácter previo para a determinación da sanción correspondente, para os efectos de garantir a súa proporcionalidade.

No caso de que sexa competente a Administración xeral do Estado, a competencia corresponderá á dirección xeral competente en materia de consumo da Administración xeral do Estado cando a sanción imposta non supere os 100.000 euros nin implique o peche temporal do establecemento, da instalación ou servizo, e á secretaría xeral competente en materia de consumo da Administración xeral do Estado no resto de supostos. En todo caso, a competencia da secretaría xeral competente en materia de consumo da Administración xeral do Estado estenderase de acordo co previsto neste punto ás infraccións xeneralizadas ou xeneralizadas con dimensión na Unión Europea, previstas no Regulamento (UE) 2017/2394, do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro, e ás cometidas a través da internet cando a residencia ou o domicilio do responsable, sempre que coincida co lugar en que se realice efectivamente a xestión administrativa e a dirección do negocio, estea fóra da Unión Europea.

Para considerar que unha infracción da normativa de consumo produce lesións ou riscos para os intereses dos consumidores ou usuarios de forma xeneralizada, de tal xeito que se poida ver afectada a unidade de mercado nacional e a competencia nel, teranse en conta, entre outras circunstancias, o número de consumidores e usuarios afectados, a dimensión do mercado onde opere a compañía infractora, a cota de mercado da entidade correspondente ou os efectos da conduta sobre os competidores efectivos ou potenciais e sobre os consumidores e usuarios».

7) En relación co punto segundo da epígrafe das instrucións para cubrir da letra A do anexo I do texto refundido da Lei xeral para a defensa ds consumidores e usuarios e outras leis complementarias, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2007, do 16 de novembro, modificado polo artigo 82 do Real decreto lei 24/2021, ambas as partes acordan que o Goberno do Estado realizará as actuacións procedentes tendentes á súa modificación nos seguintes termos:

«(2) Insira o seu nome, o seu enderezo completo, o seu número de teléfono e o seu enderezo de correo electrónico».

II. Comunicar este acordo ao Tribunal Constitucional para os efectos previstos no artigo 33.2 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, así como inserilo no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.

Isabel Rodríguez García
Ministra de Política Territorial

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro
de Presidencia, Xustiza e Deportes