Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Luns, 19 de setembro de 2022 Páx. 48909

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 5 de setembro de 2022 pola que se regula o réxime de axudas a centros docentes privados concertados dependentes desta consellería para participar no Programa de inmersión lingüística en lingua inglesa a través de actividades dixitais, Digitalweek, dirixido ao alumnado de sexto curso de educación primaria e de educación secundaria obrigatoria, durante o curso 2022/23 (código de procedemento ED301L).

O novo marco curricular do sistema educativo galego pon de manifesto a necesidade de que o alumnado adquira competencias que lle permitan adquirir habilidades de traballo en equipo, desenvolvemento do espírito crítico e habilidades comunicativas nunha lingua estranxeira. O alumnado debe aprender cos feitos, observándoos e logo interpretándoos por medio de experimentos e con razoamento rigoroso. Espérase que el mesmo redescubra e comprenda principios fundamentais a través da observación e da propia reflexión. Cómpre captar o interese do alumnado, destacar a importancia e a utilidade do que se aprende para resolver problemas nun futuro inmediato e así acadar unha repercusión directa cara a futuras vocacións.

A Estratexia galega de linguas estranxeiras 2030 (EDUlingüe) pretende, entre outros obxectivos, ofrecer un novo impulso cualitativo e cuantitativo ao ensino en linguas estranxeiras para que o alumnado poida rematar os seus estudos tendo un dominio completo dunha primeira lingua estranxeira con aprendizaxe integral e dominio extensivo. Para favorecer unha maior adquisición de destrezas lingüísticas por parte do alumnado dos centros educativos, a Estratexia galega de linguas estranxeiras 2030 (EDUlingüe), na liña 7 Programa de inmersión lingüística activa, desenvolve programas formativos de inmersión lingüística.

A Estratexia galega de educación dixital 2030 favorece a adquisición das competencias clave do alumnado necesarias para o século XXI, tanto as transversais como as máis propiamente vinculadas ao ámbito dixital e ao STEM, a competencia matemática e a competencia en ciencia e tecnoloxía e enxeñaría, tendo en conta o seu vinculo coa arte, a creatividade e a innovación, e busca motivar os mozos e mozas, en especial as mozas, para que opten por carreiras profesionais nestes ámbitos.

Por este motivo, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades organiza o programa formativo Digitalweek, que se desenvolverá durante o curso escolar nun centro residencial situado na Comunidade Autónoma de Galicia en réxime de internado, onde se estimulará a práctica do idioma e a súa utilización en contextos comunicativos diversificados e enfocados cara á mellora da comunicación oral a través de actividades dixitais, co apoio de profesorado nativo en lingua inglesa, co obxectivo de mellorar a competencia en lingua inglesa a través de actividades dixitais, así como actividades complementarias que promovan a actividade física e a socialización.

O programa procurará a inmersión en lingua inglesa do alumnado de xeito que lle permita desenvolver nunha contorna real a súa comunicación mediante actividades do ámbito dixital.

En consecuencia, de conformidade co exposto e por proposta da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, como conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta orde ten como obxecto regular o procedemento de solicitude e concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a centros docentes privados concertados dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para participar no Programa de inmersión lingüística en lingua inglesa a través de actividades dixitais, Digitalweek, durante o curso 2022/23.

Para os efectos da identificación desta convocatoria e do acceso por parte das persoas interesadas na sede electrónica da Xunta de Galicia, o formulario de solicitude (anexo I) denomínase Axudas a centros docentes privados concertados para participar no programa Digitalweek, código de procedemento ED301L.

Non poderán ter a condición de beneficiarios das axudas previstas nesta orde os centros privados concertados en que se dea algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Destinatarios

Poderán presentar solicitudes aqueles centros docentes privados concertados dependentes da Consellería de Cultura, Educación Profesional e Universidades en que se imparta 6º de educación primaria ou educación secundaria obrigatoria durante o curso 2022/23.

Cada centro poderá participar cun máximo de 25 alumnos e/ou alumnas do mesmo nivel educativo.

Artigo 3. Características do programa Digitalweek

O programa Digitalweek desenvolverase de acordo co obxectivo e coas características que se especifican a continuación:

1. O obxectivo principal deste programa é proporcionar ao alumnado participante unha actividade de inmersión lingüística que lle permita mellorar as súas destrezas de comprensión e expresión oral en lingua inglesa a través de actividades dixitais. Así mesmo, contará con actividades accións formativas non só académicas senón tamén que fomenten a actividade física, a socialización e o coñecemento cultural e tecnolóxico do contexto galego cunha metodoloxía adecuada á súa etapa educativa.

2. O contido deste programa inclúe actividades académicas, de tempo libre e obradoiros. En calquera caso, a finalidade é promover a convivencia entre o alumnado e a motivación pola comunicación en lingua inglesa e a adquisición dunha mellor competencia dixital, facendo uso de medios tecnolóxicos que favorezan a devandita aprendizaxe.

3. A metodoloxía será activa, lúdica e cooperativa; promoverá aprendizaxes significativas por parte do alumnado, incidindo na educación en valores democráticos e nos aspectos relacionados coa sustentabilidade e coñecemento da contorna.

Artigo 4. Duración e datas de celebración das actividades

1. Estas actividades realizaranse en réxime de internado nun centro residencial situado na Comunidade Autónoma de Galicia, en quendas semanais, desde o domingo pola tarde ata o sábado seguinte pola mañá.

2. Levaranse a cabo durante os meses de novembro e decembro do ano 2022, de acordo co seguinte calendario e distribución por niveis:

Quenda

Datas

Cursos

Alumnado

1ª quenda

Do 27 de novembro ao 3 de decembro

6º EP

175

2ª quenda

Do 4 ao 10 de decembro

1º e 2º ESO

150

3ª quenda

Do 11 ao 17 de decembro

3º e 4º ESO

150

Artigo 5. Organización

1. A xestión e a organización das actividades levarase a cabo por medio de empresas coa debida cualificación, contratadas para o efecto pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades (en diante, a consellería). A empresa ou as empresas coas que se contraten estas actividades ocuparanse de ofrecer os recursos materiais e humanos necesarios para o seu desenvolvemento, así como da contratación da oportuna póliza de seguros para a cobertura das persoas asistentes.

2. Os centros que resulten seleccionados enviarán á consellería a listaxe de alumnado participante antes do comezo da actividade en cada quenda, segundo o modelo que se lle facilite con anterioridade.

3. Os centros educativos seleccionados solicitarán e custodiarán as autorizacións de participación nesta actividade dos pais, nais ou persoas titoras legais do alumnado, segundo o modelo que se lles facilite para tal fin antes do inicio da actividade. Así mesmo, entregarán aos pais, nais ou persoas titoras legais do alumnado a documentación de participación relativa ao desenvolvemento da actividade que lle será facilitada pola consellería con anterioridade ao inicio de cada quenda para que sexa presentada, debidamente cuberta e asinada, no momento da entrega do alumnado no centro residencial o primeiro día de cada quenda.

4. As familias ou, se é o caso, os centros educativos, encargaranse da organización do traslado do alumnado ao centro residencial en que se realizarán as actividades, así como da súa recollida ao seu remate. A consellería e os centros educativos non asumirán os gastos derivados destes desprazamentos.

5. O alumnado que contraveña calquera das normas da residencia será expulsado inmediatamente. No caso de expulsión, serán os pais, nais ou titores legais os que se fagan cargo do traslado do ou da menor.

Artigo 6. Financiamento e contía das axudas

1. A contía das axudas a que se refire a presente orde aboarase directamente á empresa que resulte adxudicataria da licitación pública convocada para tal efecto e será financiada con cargo á partida orzamentaria 10.30.423A.780.3, por un importe máximo de 171.000,00 €.

2. O custo total de cada actividade inclúe:

a) Os monitores ou monitoras que acompañarán o alumnado en cada un dos grupos durante a actividade.

b) Os gastos de docencia e o material escolar.

c) As actividades culturais, deportivas e complementarias dos cursos.

d) Os gastos de mantenza e aloxamento do alumnado.

e) O certificado de realización da actividade.

f) O seguro de accidentes e de responsabilidade civil.

Artigo 7. Procedemento de solicitude

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.gal

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificación de que o consello escolar foi informado da participación neste programa, segundo o modelo do anexo II.

b) Proxecto de participación, segundo o modelo que figura no anexo III.

2. A documentación complementaria deberá presentarase electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria para subvencións e axudas.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas representantes a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Criterios de selección dos centros

Os centros serán seleccionados conforme os seguintes criterios e puntuación:

1. Proxecto de participación: ata 3 puntos.

2. Por formar parte da Rede de centros plurilingües: 1,5 puntos.

3. Por contar con seccións bilingües: ata 1,5 puntos; 0,10 puntos por cada sección bilingüe que estea en funcionamento durante o curso 2021/22.

4. Participar en programas da Estratexia dixital: 2 puntos.

Centro participante en E-Dixgal durante o curso 2022/23.

5. Centros situados en concellos rurais: ata 1 punto, segundo o establecido a seguir:

a) Concellos de menos de 1.000 habitantes: 1 punto.

b) Concellos de entre 1.001 e 3.000 habitantes: 0,75 puntos.

c) Concellos de entre 3.001 e 5.000 habitantes: 0,50 puntos.

d) Concellos de entre 5.001 e 10.000 habitantes: 0,25 puntos.

Artigo 12. Prazo de solicitude

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Artigo 13. Comisión de Selección

1. A valoración das solicitudes realizaraa unha comisión integrada polos seguintes membros:

a) Presidente/a: a persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa ou persoa en quen delegue.

b) Vogais: un máximo de catro persoas, unha persoa subdirectora xeral da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e tres persoas titulares de xefaturas de servizo dependentes da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

c) Secretaría: unha persoa asesora da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

2. A percepción de asistencias desta comisión de selección atenderá á categoría correspondente segundo o disposto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razóns do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Artigo 14. Procedemento de selección dos centros

1. A Comisión de Selección realizará unha preselección dos centros docentes solicitantes segundo a puntuación obtida conforme os criterios que figuran no artigo 11 desta orde. En caso de empate entre os centros, dirimirase atendendo sucesivamente aos seguintes criterios:

a) Maior puntuación no criterio 2 do artigo 11.

b) Maior puntuación no criterio 5 do artigo 11.

De manterse o empate, terá preferencia o centro que teña maior puntuación no criterio 1 do artigo 11.

Artigo 15. Resolución provisional

1. A Comisión de Selección, unha vez avaliadas as solicitudes presentadas, emitirá unha resolución provisional dos centros participantes. Esta resolución provisional poderase consultar na web desta consellería (http://www.edu.xunta.gal/portal/). Nesta resolución figurarán os centros seleccionados e a quenda que lles corresponde, os centros que quedan como suplentes e os centros excluídos.

No caso de non cubrirse o número de prazas nalgunha das quendas, por proposta motivada da Comisión de Selección, a persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa poderá acordar a redistribución das prazas entre outras quendas, modificar o nivel a que vai dirixida algunha destas quendas e/ou ofertar prazas vacantes a centros suplentes.

2. Logo da publicación da resolución provisional, abrirase un prazo de 5 días naturais para efectuar reclamacións ou renuncias ante a presidencia da Comisión.

Artigo 16. Resolución definitiva

1. Analizadas e resoltas as reclamacións presentadas contra a resolución provisional, a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa elevará ao conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades a proposta de resolución definitiva, na cal se sinalará a concesión ou a denegación das axudas, así como, se é o caso, a exclusión daqueles centros docentes que non reúnan algún dos requisitos da convocatoria.

2. A resolución definitiva será ditada polo conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e publicarase no portal educativo (http://www.edu.xunta.gal) e no Diario Oficial de Galicia no prazo máximo de tres meses, contado desde o remate do prazo de solicitude.

3. Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da consellería no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no portal educativo, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

4. Se transcorre o prazo máximo que se sinala no parágrafo segundo deste artigo sen que se publique a resolución definitiva, os centros solicitantes poderán entender desestimadas, por silencio administrativo, as súas solicitudes, para os efectos de interpoñer os recursos que procedan.

Artigo 17. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 18. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpren a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 19. Fiscalización e control

1. Os centros beneficiarios quedarán obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e de control do destino das axudas.

2. Así mesmo, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades poderá realizar, en calquera momento e ata transcorridos tres anos a partir da resolución de concesión das axudas, as comprobacións e avaliacións que considere oportunas sobre as actuacións realizadas e a xustificación.

3. Os centros beneficiarios darán a axeitada publicidade do carácter público do financiamento das actividades que fosen obxecto de subvención.

Artigo 20. Compatibilidade das axudas a centros concertados

Esta subvención é compatible con calquera outra para a mesma finalidade. De concedérselle outra subvención para esta mesma finalidade no prazo de vixencia desta convocatoria, a entidade terá que comunicalo á Administración, segundo dispón o artigo 11.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, para que, en aplicación do seu artigo 17.3, o importe da subvención se minore, co fin de que, illadamente ou en concorrencia coas subvencións concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, non supere o 100 % do investimento.

Disposición derradeira primeira. Recursos

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira segunda. Competencias

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para adoptar todas as actuacións e medidas que sexan necesarias para a execución e o desenvolvemento do previsto nesta orde.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2022

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ANEXO II

Certificación do Consello Escolar da solicitude de participación no Programa de inmersión lingüística en lingua inglesa a través de actividades dixitais, Digitalweek, dirixido ao alumnado de sexto curso de educación primaria e de educación secundaria obrigatoria, durante o curso 2022/23

Don/dona ................................................................................., en calidade de secretario/a do Consello Escolar do centro educativo ...............................................................................
código ......................................... do concello de .................................................................

CERTIFICA:

1. Que o Consello Escolar do centro coñece o contido e as características da Orde para a participación do centro educativo no Programa de inmersión lingüística en lingua inglesa a través de actividades dixitais, Digitalweek, dirixido ao alumnado de sexto curso de educación primaria e de educación secundaria obrigatoria, durante o curso 2022/23.

2. Que o Consello Escolar, na sesión do día ............... de .................................. de 2022
.............................................................................................. foi informado da participación no Programa de inmersión lingüística en lingua inglesa a través de actividades dixitais, Digitalweek, dirixido ao alumnado de sexto curso de educación primaria e de educación secundaria obrigatoria, durante o curso 2022/23.

E, para que conste, asínoo no lugar e na data indicados.

........... , .......... de ...................................de 2022

Visto e prace

Presidente/a do Consello Escolar

Secretario/a

ANEXO III

Guión para a elaboración do proxecto

1. Breve xustificación da solicitude de participación neste programa.

2. Obxectivos e actividades de aprendizaxe co alumnado para a mellora da competencia en comunicación en lingua inglesa e dixital realizadas durante o curso escolar no propio centro.

3. Contribución da participación ao logro dos obxectivos establecidos na programación xeral anual do centro.

4. Número de seccións bilingües en funcionamento no centro durante o curso 2021/22 (deberase citar o número de seccións bilingües en funcionamento e cales son).

5. Rede de centros plurilingües durante o curso 2022/23.

6. Participación en programas relacionados coa Estratexia galega de educación dixital 2030, DIXITALGAl: E-Dixgal durante o curso 2022/23.

7. Número de habitantes do concello onde se localiza o centro (deberase achegar o número de habitantes do concello onde está situado o centro educativo).

8. Curso para o que solicita a actividade.

8.1. Deberase escoller só un entre: 6º EP, 1º ESO, 2º ESO, 3º ESO ou 4º ESO.

8.2. Número de alumnado que participará na actividade do curso seleccionado (máximo 25).

missing image file
missing image file
missing image file