Co fin de recoñecer e fomentar os valores económicos, culturais e sociais que a artesanía alimentaria representa para Galicia e tamén co de preservar e conservar as empresas artesanais que elaboran produtos alimentarios na Comunidade Autónoma, a Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria, fixo, no seu capítulo III, unha regulación inicial desta figura de protección da calidade alimentaria diferenciada. O desenvolvemento regulamentario da devandita lei en relación con esta materia realizouse posteriormente mediante o Decreto 174/2019, do 19 de decembro, polo que se regula a artesanía alimentaria.
O capítulo IV do citado Decreto 174/2019, do 19 de decembro, regula o Rexistro da Artesanía Alimentaria, no cal se deben inscribir as empresas artesanais que realicen unha actividade alimentaria das que figuran no anexo I deste decreto. A inscrición no rexistro faculta as empresas inscritas a usar os distintivos identificadores a que se refire o artigo 31 deste decreto nos produtos que cumpran na súa elaboración o establecido nel e na norma técnica correspondente a cada actividade específica.
Por outra parte, a disposición derradeira segunda do devandito decreto faculta a persoa titular da consellería competente en materia de agricultura para ditar cantas disposicións sexan necesarias para a aprobación dos distintivos da artesanía alimentaria e do manual de uso destes.
De acordo co anterior, no DOG do día 4 de marzo de 2022 publicouse a Orde do 16 de febreiro de 2022, da Consellería do Medio Rural, mediante a cal, ademais de se aprobar un primeiro grupo de catorce normas técnicas, se aprobaron os distintivos identificadores da artesanía alimentaria. Así, nos anexos XV, XVI e XVII desta orde figuran, respectivamente, o distintivo identificador dos produtos artesáns, o dos produtos artesáns da casa e o dos produtos artesáns de montaña.
Para completar a regulación do sector artesanal alimentario de xeito que as empresas que se inscriban no Rexistro da Artesanía Alimentaria poidan usar na etiquetaxe, presentación e publicidade dos seus produtos os distintivos da artesanía alimentaria, queda pendente a aprobación do seu manual de uso, o cal é o obxecto desta orde.
Por todo isto, de acordo co previsto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e no Decreto 174/2019, do 19 de decembro, polo que se regula a artesanía alimentaria,
DISPOÑO:
Artigo único. Aprobación do Manual de uso dos distintivos da artesanía alimentaria
Apróbase o Manual de uso dos distintivos da artesanía alimentaria, que figura na páxina web da Consellería do Medio Rural no seguinte URL:
https://mediorural.xunta.gal/sites/default/files/temas/alimentacion/artesania-alimentaria/MANUAL-ARTESANIA-ALIMENTARIA_GAL.pdf
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2022
José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural