Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 173 Luns, 12 de setembro de 2022 Páx. 48292

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 12 de agosto de 2022 pola que se fai pública a aprobación definitiva da modificación número 2 do proxecto sectorial de Carballo (A Coruña), aprobada mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 9 de xuño de 2022.

En cumprimento do disposto na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, faise pública a aprobación definitiva, mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 9 de xuño de 2022, da modificación nº 2 do proxecto sectorial de Carballo (A Coruña), así como das súas disposicións normativas modificadas, para a súa entrada en vigor.

Os artigos modificados nas ordenanzas quedarán redactados da seguinte forma:

Punto 4.3.4. Normas particulares da edificación.

4.3.4. Ordenanza 4. Terciario mixto extensivo.

Aplícase esta ordenanza ao conxunto das zonas delimitadas con esta cualificación nos planos de ordenación.

Comprende os cuarteiróns F2 e J1.

Regúlanse dúas variantes dentro da ordenanza atendendo aos usos permitidos, variante 4.A e variante 4.B.

A variante de aplicación nos cuarteiróns F2 e J1 será a variante 4B.

Definición. Edificación de gran tamaño, con baixa ocupación da parcela e separada de todos os seus lindeiros.

Aliñación. Será a indicada nos planos de ordenación.

Recuamentos. Os recuamentos mínimos anterior e posterior serán de 10 metros e os recuamentos laterais de 10 m.

Parcela mínima: 5.000 m2.

Fronte mínima. Será de 45 m con fronte á rúa C.

Superficie de ocupación máxima. 70 % sobre parcela.

Altura. A altura máxima da edificación será de 12 metros. Permítense ata dúas plantas sobre rasante.

No caso de que a actividade desenvolvida se corresponda co uso hoteleiro, o número de plantas permitido será de tres sobre rasante.

Edificabilidade. A edificabilidade máxima será de 0,70 m2/m2.

Permítese agrupar parcelas cumprindo as dimensións establecidas nesta ordenanza. As parcelas serviranse obrigatoriamente da rúa C, desde a cal se organizarán accesos de mercadorías e de vehículos.

Usos permitidos:

Variante 4.A.

Permítese o uso terciario nas variantes de: comercial, oficinas e hoteleiro.

Permítese o uso dotacional en todas as súas variantes.

Variante 4.B.

Permítense os usos industriais en todas as súas variantes.

Permítense os usos garaxe aparcadoiro e servizo do automóbil en todas as súas variantes.

Permítense os usos terciarios seguintes: comercial e oficinas.

Permítense os usos dotacionais seguintes: deportivo, recreativo, servizos urbanos e Administración pública.

Usos tolerados:

Variante 4.A.

Toléranse os usos de almacenaxe en categoría 1ª sempre que estean ligados á actividade principal permitida, aínda que se requira de espazo axeitado separado das funcións básicas de oficina, despacho ou servizo ao público.

Usos prohibidos:

Todos os demais usos non incluídos no punto anterior.

Os espazos libres interiores non ocupados pola edificación dedicaranse a vías interiores, aparcadoiro e espazos libres.

O interior das parcelas privadas debe acoller 1 praza de aparcadoiro por cada 100 m2 construídos de uso industrial e 2 prazas de aparcadoiro por cada 100 m2 construídos de uso terciario ou dotacional.

Cando a superficie de produción ou almacenaxe supere os 750 m2, a instalación dispoñerá dunha zona exclusiva de carga e descarga dos produtos no interior da parcela, de dimensión suficiente para estacionar un camión cunhas bandas perimetrais de 1 m.

Para superficies superiores a 1.500 m2, deberá duplicarse o dito espazo e engadirse unha unidade por cada 750 m2 máis de superficie de produción ou almacenaxe.

Para os efectos da aplicación das determinacións que fagan referencia á superficie de produción ou almacenaxe, esta dimensión entenderase como a suma da superficie útil de todos os locais dedicados a actividade produtiva ou de almacén, así como aquela vinculada de forma directa ás ditas actividades. Quedarán excluídas expresamente as superficies destinadas a oficina, exposición de produtos, venda e aparcadoiro de vehículos que non estean destinados a transporte dos produtos.

Deberanse ter en conta as determinacións do Decreto 402/1996, do 31 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de aproveitamento de augas mineromedicinais, termais e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia, modificado polo Decreto 116/2001, do 10 de maio, para os concretos usos que se pretendan implantar nestas parcelas.

Estudos de detalle.

Os técnicos municipais poderán solicitar a formulación dun estudo de detalle cuxo ámbito será a totalidade da parcela, cando as características da parcela así o aconsellen. Na falta de estudo de detalle, estes aspectos deberán estar incluídos no proxecto da edificación sometido a licenza municipal.

Condicións para o estudo de detalle.

Área de movemento da edificación. Será a resultante dos recuamentos mínimos obrigatorios.

Superficie máxima edificable. Será a resultante de aplicar á parcela a edificabilidade máxima fixada nesta ordenanza.

O informe ambiental estratéxico da modificación nº 2 do proxecto sectorial de Carballo (A Coruña) foi publicado no DOG núm. 155, do 13 de agosto de 2021, por medio do Anuncio do 29 de xullo de 2021, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático.

A devandita documentación poderase consultar na páxina web do IGVS (http://igvs.xunta.gal/web/igvs/portada)

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2022

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo