Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 168 Luns, 5 de setembro de 2022 Páx. 47257

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

EXTRACTO da Orde do 22 de agosto de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para a creación de novos centros de atención a persoas maiores, dependentes ou con discapacidade, e para a remodelación e adaptación de equipamentos xa existentes, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea, NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento BS631D).

BDNS (Identif.): 646000.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/es/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Serán entidades beneficiarias destas axudas as entidades do terceiro sector de acción social definidas no artigo 2 da Lei 43/2015, do 9 de outubro, do terceiro sector de acción social, e a Cruz Roja Española, sempre que estean legalmente constituídas e reúnan os seguintes requisitos:

a) Estar recoñecidas e inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (en diante, RUEPSS) da consellería da Xunta de Galicia con competencia en materia de servizos sociais, nas áreas de maiores, dependencia e/ou discapacidade.

b) Carecer de ánimo de lucro.

Non se entenderán incluídos dentro da tipoloxía destas entidades do terceiro sector de acción social os organismos ou entidades de dereito público adscritos ou vinculados a unha Administración pública, as universidades, os partidos políticos e as fundacións deles dependentes, os colexios profesionais, as cámaras oficiais de comercio, industria e navegación, as sociedades civís, as organizacións empresariais e os sindicatos, e outras entidades con análogos fins específicos e natureza que os citados anteriormente.

Segundo. Obxecto

O establecemento das bases reguladoras para a concesión de axudas para a creación de novos centros de atención residencial e diúrna para persoas maiores, dependentes ou con discapacidade, así como a remodelación e adaptación de equipamentos existentes no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, titularidade de entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro , así como proceder á súa convocatoria para o ano 2022.

Terceiro. Bases reguladoras

Están contidas na Orde do 22 de agosto de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para a creación de novos centros de atención a persoas maiores, dependentes ou con discapacidade, e para a remodelación e adaptación de equipamentos xa existentes, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea, NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento BS631D).

Cuarto. Contía

Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de 13.000.000 euros, que se financiarán con cargo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE (en diante, Mecanismo) no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, aprobado polo Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, dentro do compoñente 22 de economía dos coidados e reforzo das políticas de igualdade e inclusión social, liña de investimento I1.

As axudas imputaranse á aplicación orzamentaria 13.04.312D.781.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, polo importe de 5.000.000 euros para a anualidade 2022, 6.000.000 euros para a anualidade 2023, 1.000.000 euros para a anualidade 2024 e 1.000.000 euros para a anualidade 2025.

A axuda terá unha contía máxima de 2.000.000 euros por cada proxecto.

O financiamento máximo outorgado para as actuacións reguladas nesta orde de axudas non excederá o 90 % do custo total do proxecto.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. Outros datos

De conformidade co establecido na orde e nos termos establecidos nos artigos 4 e 21:

Será subvencionable a construción de novos centros de atención residencial e diúrna destinados a persoas maiores, dependentes ou con discapacidade, así como a remodelación, modernización, mellora e adaptación dos equipamentos xa existentes, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, orientados ao novo modelo asistencial centrado na persoa, cunha disposición de espazos interiores e exteriores que favoreza a accesibilidade e unha distribución modular das estancias, agrupándose en unidades de convivencia máis reducidas.

No caso de equipamentos residenciais para persoas maiores, a zona residencial distribuirase en unidades de convivencia dun máximo de 25 prazas e cun mínimo dun 75 % das prazas en cuartos individuais. Estes requisitos non serán exixibles no caso de centros cuxo proxecto xa conte coa autorización de creación por parte da consellería da Xunta de Galicia con competencia en materia de servizos sociais e que conten con menos de 60 prazas e cun mínimo dun 20 % de prazas en cuartos individuais.

Para ter a condición de subvencionable o proxecto debe ter un orzamento mínimo de 500.000 euros.

O período subvencionable será, con carácter xeral, o comprendido entre o 1 de xaneiro de 2022 e o 30 de novembro de 2025, ambos os dous incluídos, tendo en conta as datas límite para a súa xustificación

Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2022

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude