Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 168 Luns, 5 de setembro de 2022 Páx. 47205

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 22 de agosto de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para a creación de novos centros de atención a persoas maiores, dependentes ou con discapacidade, e para a remodelación e adaptación de equipamentos xa existentes, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea, NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento BS631D).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece, no seu artigo 3, os obxectivos do Sistema galego de servizos sociais, incluíndo entre eles o de promover e garantir o dereito universal da cidadanía galega ao acceso aos servizos sociais, garantindo a suficiencia orzamentaria que asegure a súa efectividade.

Segundo o establecido no artigo 1 do Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude, esta consellería é o órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponde propoñer e executar as directrices xerais do Goberno no ámbito do benestar, que engloban as competencias en materia de servizos sociais, incluíndo, entre outras, as políticas de benestar social, atención ás persoas con discapacidade e ás persoas maiores, a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia.

O Consello Europeo aprobou, o 21 de xullo de 2020, a creación do programa NextGenerationEU, como instrumento de estímulo económico en resposta á crise causada polo coronavirus.

O 10 de novembro de 2020, o Parlamento Europeo e o Consello alcanzaron o acordo sobre o paquete de medidas que inclúe os fondos de NextGenerationEU e o Marco financeiro plurianual 2021-2027, creándose o Mecanismo europeo de recuperación e resiliencia como instrumento de apoio aos Estados membros a través de transferencias directas e préstamos para incrementar os investimentos públicos e acometer reformas para paliar os devastadores danos producidos pola COVID-19.

O Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, sinala que os Estados membros elaborarán plans de recuperación e resiliencia nacionais para acollerse a este e alcanzar os obxectivos establecidos e os presentarán formalmente, como moi tarde, o 30 de abril.

En virtude da Resolución da Subsecretaría de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital do 29 de abril de 2021, publícase o Acordo do Consello de Ministros, do 27 de abril de 2021, polo que se aproba o Plan de recuperación, transformación e resiliencia, que define as estratexias que se seguirán no desenvolvemento dos fondos europeos de recuperación.

As medidas que recolle o dito plan cumpren cos 6 piares establecidos polo antedito Regulamento da UE nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, e articúlanse ao redor de catro eixes principais: a transición ecolóxica, a transformación dixital, a cohesión social e territorial e a igualdade de xénero. Estes catro eixes de traballo desenvólvense a través de dez políticas panca que integran 30 compoñentes ou liñas de acción, para contribuír a alcanzar os obxectivos xerais do plan.

O Plan de recuperación articula unha axenda coherente de reformas estruturais que responden ao diagnóstico compartido polas institucións europeas, o Goberno español e os principais axentes económicos e sociais, en ámbitos clave para reforzar a estrutura económica e social do país; concretamente, no ámbito dos servizos sociais, aquelas necesarias para a implantación dun estado de benestar moderno que protexa os cidadáns, garanta o coidado das persoas destinatarias, reforce os ditos servizos sociais e proporcione oportunidades vitais ás novas xeracións.

Posteriormente, o Consello Territorial de Servizos Sociais e do Sistema para a Autonomía e atención á dependencia aprobou, con data do 30 de abril de 2021, o Acordo para a distribución dos créditos para o financiamento de proxectos de investimento das comunidades autónomas, e as cidades de Ceuta e Melilla, no marco do compoñente 22, relativo á economía dos coidados e reforzo das políticas de igualdade e inclusión social, do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

No marco deste acordo, o 20 de agosto de 2021 asinouse o convenio de colaboración entre o Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 e a Comunidade Autónoma de Galicia para a execución de proxectos con cargo aos fondos europeos procedentes do Mecanismo para a recuperación e resiliencia.

Esta orde encádrase no marco do Mecanismo de recuperación e resiliencia, dentro do eixe/compoñente 22: economía dos cidadáns e reforzo das políticas de igualdade e inclusión social, medida/investimento I1: Plan de apoios e coidados de longa duración: desinstitucionalización, equipamentos e tecnoloxía, submedida: transformación da rede de coidados de longa duración a través da construción, adquisición, reforma e modernización de equipamentos, do Plan estatal de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e no cumprimento da normativa autonómica, estatal e da Unión Europea que regula este tipo de investimentos, e quedan suxeitas, en todo caso, ao cumprimento, execución e realización dos obxectivos do referido plan.

Neste marco resultan de aplicación o Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, así como o Regulamento (UE) 2020/2094 do Consello, do 14 de decembro de 2020, polo que se establece o instrumento de recuperación da Unión Europea para apoiar a recuperación, tras a crise da COVID-19, e o Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021. Así mesmo, resultan de aplicación a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, a Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia; a Orde HFP/1031/2021, do 29 de setembro, pola que se establece o procedemento e formato da información que deben proporcionar as entidades do sector público estatal, autonómico e local para o seguimento do cumprimento dos fitos e obxectivos e de execución orzamentaria e contable das medidas dos compoñentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia; e o Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046, do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión, polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 1296, (UE) nº 1301/2013, (UE) nº 1303/2013, (UE) nº 1304/2013, (UE) nº 1309/2013, (UE) nº 1316/2013, (UE) nº 223/2014 e (UE) nº 283/2014 e a Decisión nº 541/2014/UE e polo que se derroga o Regulamento (UE, Euratom) nº 966/2012.

De conformidade co exposto, o fomento de novos centros de atención a persoas maiores, dependentes ou con discapacidade e a remodelación e adaptación de equipamentos xa existentes no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, de titularidade de entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro, realizarase a través da presente convocatoria pública de axudas, baixo o procedemento de concorrencia competitiva.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios ao fin para que foron establecidos,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e procedemento

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas para a creación de novos centros de atención residencial e diúrna para persoas maiores, dependentes ou con discapacidade, así como a remodelación e adaptación de equipamentos existentes no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, titularidade de entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro (código de procedemento BS631D), así como proceder á súa convocatoria para o ano 2022.

2. As axudas previstas nesta orde tramitaranse en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co previsto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A xestión destas axudas realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola consellería da Xunta de Galicia con competencia en materia de servizos sociais.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 2. Financiamento

1. Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de 13.000.000 euros, que se financiarán con cargo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE (en diante, Mecanismo) no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, aprobado polo Regulamento (UE) 2021/241, do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, dentro do compoñente 22 de economía dos coidados e reforzo das políticas de igualdade e inclusión social, liña de investimento I1.

As axudas imputaranse á aplicación orzamentaria 13.04.312D.781.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, polo importe de 5.000.000 euros para a anualidade 2022, 6.000.000 euros para a anualidade 2023, 1.000.000 euros para a anualidade 2024 e 1.000.000 euros para a anualidade 2025.

2. A modificación da distribución inicialmente aprobada rexerase segundo o previsto no artigo 26.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, de ser o caso, o reaxuste de anualidades farase de acordo co preceptuado no artigo 27 do mesmo corpo legal.

3. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades do terceiro sector de acción social definidas no artigo 2 da Lei 43/2015, do 9 de outubro, do terceiro sector de acción social e a Cruz Roja Española, sempre que estean legalmente constituídas e reúnan os seguintes requisitos:

a) Estar recoñecidas e inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (en diante, RUEPSS) da consellería da Xunta de Galicia con competencia en materia de servizos sociais, nas áreas de maiores, dependencia e/ou discapacidade.

b) Carecer de ánimo de lucro. Para estes efectos, a entidade solicitante acreditará que non reparte beneficios, que no caso de liquidación ou disolución desta o seu patrimonio se destina a fins sociais e que os membros do seu padroado ou órgano de goberno desenvolven as súas tarefas con carácter gratuíto, de conformidade co disposto nos seus estatutos e co disposto nos puntos 2, 5, 6 e 10 do artigo 3 da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.

2. Ademais, as persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. Non se entenderán incluídos dentro da tipoloxía destas entidades do terceiro sector de acción social os organismos ou entidades de dereito público adscritos ou vinculados a unha Administración pública, as universidades, os partidos políticos e as fundacións deles dependentes, os colexios profesionais, as cámaras oficiais de comercio, industria e navegación, as sociedades civís, as organizacións empresariais e os sindicatos, e outras entidades con análogos fins específicos e natureza que os citados anteriormente.

Artigo 4. Accións e gastos subvencionables

1. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, considéranse gastos subvencionables aqueles que de forma indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable e se realicen no prazo establecido nestas bases.

2. Será subvencionable a construción de novos centros de atención residencial e diúrna destinados a persoas maiores, dependentes ou con discapacidade, así como a remodelación, modernización, mellora e adaptación dos equipamentos xa existentes, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, orientados ao novo modelo asistencial centrado na persoa, cunha disposición de espazos interiores e exteriores que favoreza a accesibilidade e unha distribución modular das estancias, agrupándose en unidades de convivencia máis reducidas.

No caso de equipamentos residenciais para persoas maiores, a zona residencial distribuirase en unidades de convivencia dun máximo de 25 prazas e cun mínimo dun 75 % das prazas en cuartos individuais. Estes requisitos non serán exixibles no caso de centros cuxo proxecto xa conte coa autorización de creación por parte da consellería da Xunta de Galicia con competencia en materia de servizos sociais e que conten con menos de 60 prazas e cun mínimo dun 20 % de prazas en cuartos individuais.

3. Serán subvencionables as seguintes operacións:

a) Construción de novo equipamento, acondicionamento e urbanización de inmobles para destinalos á atención a persoas maiores, dependentes e/ou con discapacidade, levadas a cabo en terreos propiedade da entidade solicitante ou sobre os cales esta teña un dereito de superficie, concesión administrativa, cesión ou dereito de explotación similar, ou un contrato de arrendamento cunha vixencia mínima de 5 anos, contados desde a posta en marcha da infraestrutura.

b) Adquisición de terreos, edificacións ou construcións, condicionadas á finalidade de uso asistencial, por un importe que non exceda o 10 % do investimento total subvencionable. Poderá superarse esta porcentaxe no caso de que a operación consista, atendendo ao seu obxecto e finalidade, na adquisición de edificacións xa existentes para seren rehabilitadas ou postas a punto para un novo propósito de atención asistencial, de modo que o terreo en que estas se asentan non constitúa o elemento principal da adquisición. Non se considerará que a edificación constitúe o elemento principal dunha adquisición, calquera que sexa o obxecto ou a finalidade da operación, cando o valor de mercado do solo exceda o valor de mercado da edificación no momento da compra.

c) Obras de reforma que impliquen a modernización, a mellora, a remodelación ou adaptación de equipamentos existentes de atención a persoas maiores, dependentes e/ou con discapacidade, levadas a cabo en edificios ou terreos propiedade da entidade solicitante ou sobre os cales esta teña un dereito de superficie, concesión administrativa, cesión ou dereito de explotación similar, ou un contrato de arrendamento cunha vixencia mínima de 5 anos, contados desde a posta en marcha da infraestrutura. Estas obras deberán axustarse en todo caso, á normativa específica de aplicación e aos permisos preceptivos establecidos no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

d) Adquisición e mellora de bens de equipamento precisos para o desenvolvemento da actividade, como as instalacións específicas para a actividade, mobiliario interior e exterior, material didáctico, dotación de conexión á internet e compra de dispositivos para a integración das novas tecnoloxías no centro, dispositivos e instalacións que faciliten a accesibilidade universal e outros bens de equipamento relacionados coa actuación subvencionable. En todo caso o equipamento adquirido deberá cumprir as exixencias establecidas na normativa de aplicación.

e) Gastos de honorarios profesionais derivados de elaboración de anteproxectos e/ou proxectos de obra, estudos de viabilidade, memorias técnicas e outros similares relacionados coa actuación subvencionable.

f) Gastos de honorarios profesionais en concepto de dirección de obra e/ou de coordinación de seguridade e saúde e outros similares relacionados coa actuación subvencionable.

4. Nos supostos das letras a), b), e) e f), o importe total dos gastos xerais (tales como honorarios de arquitectos e enxeñeiros) non poderá superar, en todo caso, o 12 % do importe total da subvención finalmente concedida.

5. Considerarase subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) cando non sexa recuperable pola entidade solicitante.

6. Os gastos subvencionables deberán estar realizados a partir do 1 de xaneiro de 2022, con independencia de que as obras do equipamento comezasen con anterioridade, e estar efectivamente pagados con anterioridade á finalización do prazo de xustificación establecido no artigo 21, agás os impostos imputables á dita actuación devindicados con posterioridade á súa finalización e os gastos relacionados cos honorarios derivados da xustificación baixo a modalidade de conta xustificativa con achega de informe de auditoría recollida no artigo 20.

7. Para ter a condición de subvencionable o proxecto debe ter un orzamento mínimo de 500.000 euros.

8. Non serán subvencionables os gastos a que se refire o artigo 29.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, como non subvencionables.

9. De conformidade co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, cando o importe do gasto subvencionable supere a contía prevista para o contrato menor no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, a persoa interesada deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contracción do compromiso para a prestación, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que se deberán achegar coa xustificación, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberase xustificar expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

10. En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado. Así mesmo, deberán estar efectuados os pagamentos con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido no artigo 21.

11. Cada entidade unicamente pode presentar un proxecto a esta convocatoria. No caso de equipamentos tipo vivenda normalizada (vivendas comunitarias, apartamentos tutelados ou similares), un proxecto pode incluír dous ou máis destes recursos.

En caso de presentarse varios proxectos, terase en conta o que se presentase en primeiro lugar.

Artigo 5. Subcontratación

Poderá ser obxecto de subcontratación ata o 100 % da actuación subvencionada nos termos establecidos no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. En todo caso, quedan fóra da subcontratación aqueles gastos en que teña que incorrer a entidade beneficiaria para a realización por si mesma da actividade subvencionada.

Artigo 6. Compromiso de non causar dano significativo ao ambiente

1. As entidades beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde deberán garantir o pleno cumprimento do principio de «non causar prexuízo significativo» (principio «do no significant harm-DNSH») e a etiquetaxe climática e dixital, de acordo co previsto no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, na Decisión de execución do Consello relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación e resiliencia de España (Council Implementing Decision-CID), do 13 de xullo de 2021, e no Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, así como na súa normativa de desenvolvemento, en todas as fases do deseño e execución dos proxectos e de maneira individual para cada actuación.

2. En todo caso, as entidades beneficiarias preverán mecanismos de verificación do cumprimento do principio de «non causar prexuízo significativo» (principio «do no significant harm-DNSH») e medidas correctoras para asegurar a súa implementación, do que deixarán constancia na memoria xustificativa da subvención.

Artigo 7. Contía da axuda

1. A axuda terá unha contía máxima de 2.000.000 euros por cada proxecto.

2. O financiamento máximo outorgado para as actuacións reguladas nesta orde de axudas non excederá o 90 % do custo total do proxecto.

Artigo 8. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado.

Para estes efectos, observarase o disposto no artigo 7 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

2. No caso de percibírense outras axudas, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

3. En ningún caso o importe das axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas, supere o custo do proxecto subvencionado. En caso contrario, esta subvención reducirase na cantidade necesaria ata acadar o cumprimento do establecido anteriormente.

4. As entidades solicitantes deberán presentar, xunto coa solicitude, unha declaración comprensiva de todas as axudas e subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma finalidade, usando o formulario establecido para o efecto nesta orde (epígrafe específica do anexo I), o cal terán que volver enviar actualizado sempre que varíe a situación inicialmente declarada.

Artigo 9. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes (anexo I) presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

3. A presentación da solicitude supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiaria da axuda, así como a aceptación da subvención, de ser entidade beneficiaria dela.

Artigo 10. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación xeral:

a) Anexo II, relativo á memoria explicativa sobre o investimento obxecto da solicitude de subvención, en que se indique a adecuación ao obxectivo proposto, descrición de actividades concretas que se pretenden realizar, calendario de realización, adecuación dos medios estruturais, materiais e técnicos para o desenvolvemento e xestión do proxecto.

b) Anexo III, relativo á información para a valoración das entidades de acordo cos criterios de valoración establecidos no artigo 15.

c) Anexo V, relativo á declaración de aceptación da cesión e tratamento de datos, en relación coa execución e actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia derivado da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

d) Anexo VI, relativo á declaración do compromiso en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia nos termos do artigo 8, punto 1.e), da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, con especial referencia á adecuación ao principio de «non causar prexuízo significativo» no sentido establecido no artigo 2, punto 6), do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021.

e) Documentación acreditativa da representatividade da persoa solicitante para actuar en nome da entidade.

f) Documentación técnica segundo a natureza da actuación sobre a que se solicita a subvención, que deberá comprender:

1º. Para a execución de obras deberase achegar a seguinte documentación:

1º.1. Proxecto, anteproxecto ou memoria valorada de obra, axustados á normativa vixente de conformidade coas especificacións legais, técnicas e arquitectónicas, adecuadas ás persoas usuarias do centro.

1º.2. Documento acreditativo de que se dispón de titularidade suficiente sobre o inmoble ou, no caso de que sexan inmobles arrendados ou cedidos, contrato de arrendamento ou documento acreditativo de cesión durante o período subvencionado e autorización do propietario.

1º.3. Declaración responsable de que solicitarán as licenzas e permisos necesarios.

2º. Para a adquisición de inmobles deberase achegar a seguinte documentación:

2º.1. Orzamento detallado.

2º.2. Certificado dunha persoa taxadora independente debidamente acreditada, inscrita no correspondente rexistro oficial ou dun órgano ou organismo público debidamente autorizado, en que se acredite que o prezo de compra non excede o valor de mercado.

3º. Para a adquisición de subministracións e equipamento deberase achegar orzamento do provedor ou provedores, con indicación do custo por unidade e do importe total das adquisicións que se pretenden realizar.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados con anterioridade pola entidade interesada ante calquera Administración. Neste caso, a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á entidade interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) NIF da entidade representante, se é o caso.

c) DNI/NIE da persoa representante.

d) Inhabilitacións vixentes para obter subvencións do solicitante rexistradas na Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

e) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

f) Consulta de concesións pola regra de minimis.

g) Certificación de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración tributaria.

h) Certificación de estar ao día nas obrigas coa Seguridade Social.

i) Certificación de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

j) Certificado de alta no imposto de actividades económicas.

k) Inscrición da entidade solicitante no RUEPSS.

2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da entidade interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 13. Instrución do procedemento

1. A instrución do procedemento correspóndelle á Subdirección Xeral de Programas de Apoio á Discapacidade da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade.

2. As axudas concederanse baixo o réxime de concorrencia competitiva, mediante a comparación e prelación das solicitudes presentadas de acordo cos criterios de selección e valoración fixados no artigo 15, segundo a puntuación obtida e respectando o límite orzamentario dispoñible.

3. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano responsable da tramitación requirirá as entidades interesadas para que, nun prazo de 10 días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.

4. Sen prexuízo do disposto no número anterior, o órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución e poderá requirir á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

5. Respecto dos expedientes en que concorran causas de non admisión, así como de declaración ou aceptación de desistencia, o órgano instrutor formulará a correspondente proposta de resolución do procedemento. En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase a ditar a resolución de non admisión e o arquivamento, das solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na convocatoria.

6. En caso de existiren solicitudes susceptibles de axuda pero que non se inclúen na proposta anterior por esgotarse o crédito dispoñible, quedarán en reserva para seren atendidas, se é o caso, ben co crédito que quedara libre debido á renuncia doutros solicitantes, á modificación dos proxectos inicialmente subvencionados ou ben por incremento do crédito orzamentario destinado a esta subvención.

Artigo 14. Comisión de Valoración

1. Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, constituirase como órgano colexiado unha comisión que, de acordo cos criterios de baremación de solicitudes establecidos, realizará a súa valoración de conformidade cos ditos criterios preferenciais e emitirá o correspondente informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada, indicando a puntuación e a axuda aplicable en cada caso.

2. A Comisión rexerase polo establecido na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, no relativo aos órganos colexiados, e estará integrada polos seguintes membros:

a) A persoa titular da Subdirección Xeral de Programas de Apoio á Discapacidade ou persoa que a substitúa, que actuará como presidenta. Se por calquera causa a persoa titular da presidencia non puidese asistir cando a comisión de valoración se reúna para o exame das solicitudes, será substituída polo/a funcionario/a designado para estes efectos pola persoa titular da dirección xeral con competencia en materia de persoas con discapacidade.

b) A persoa titular da Subdirección Xeral de Recursos Residenciais e Atención Diúrna de Maiores da Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria.

c) A persoa titular do Servizo de Programas para a Discapacidade da Subdirección Xeral de Programas de Apoio á Discapacidade.

d) A persoa titular do Servizo de Recursos e Equipamentos para a Discapacidade da Subdirección Xeral de Recursos e Equipamentos de Apoio á Discapacidade.

e) Unha persoa funcionaria da dirección xeral con competencia en materia de persoas con discapacidade, designada pola persoa titular da presidencia, que actuará como secretaria.

Se, por calquera causa, algunha das persoas que compoñen a Comisión de Valoración non pode asistir cando esta se reúna para o exame das solicitudes, será substituída pola/o funcionario/a designado para estes efectos pola persoa que exerza a presidencia.

3. A Comisión examirá o contido das actuacións contidas no proxecto presentado co fin de verificar se estas e os gastos que abranguen cumpren as condicións exixidas nesta orde e no resto de normativa aplicable para poder ser beneficiaria das axudas e, polo tanto, son susceptibles de subvención.

4. A Comisión de Valoración elaborará un informe en que figurarán de maneira individualizada as solicitudes propostas para obter a axuda, con especificación da puntuación que lles corresponde e o importe da concesión que se propón para cada unha delas.

5. As persoas que interveñan no proceso de selección de entidades beneficiarias, ou nos procesos de verificación do cumprimento das condicións, manifestarán de forma expresa a ausencia ou non de conflitos de intereses ou de causa de abstención, considerando o establecido no artigo 61.3 do Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo («Regulamento financeiro»), e o artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 outubro, e no artigo 6.4 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro; en caso de existir conflito de intereses ou causa de abstención, a persoa afectada deberá absterse de intervir nestas actuacións.

Artigo 15. Criterios de valoración

1. A Comisión de Valoración examinará as solicitudes presentadas e avalaraas cun máximo de 80 puntos, conforme os seguintes criterios:

a) Criterios obxectivos de valoración das entidades solicitantes (ata 20 puntos):

1º. Antigüidade da inscrición da entidade no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (máximo 12 puntos): valorarase a antigüidade da inscrición das entidades no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais. Para estes efectos, outorgaranse:

1º.1. Ás entidades que teñan unha antigüidade entre 1 e 5 anos: 2 puntos.

1º.2. Ás entidades que teñan unha antigüidade entre 6 e 10 anos: 4 puntos.

1º.3. Ás entidades que teñan unha antigüidade entre 11 e 15 anos: 6 puntos.

1º.4. Ás entidades que teñan unha antigüidade entre 16 e 20 anos: 8 puntos.

1º.5. Ás entidades que teñan unha antigüidade entre 21 e 25 anos: 10 puntos.

1º.6. Ás entidades que teñan unha antigüidade de máis de 25 anos: 12 puntos.

2º. Calidade na xestión da entidade (máximo de 2 puntos): valorarase con 2 puntos as entidades que conten con certificados de calidade en vigor con base na norma ONG Calidade, ISO 9001:2015, EFQM ou outros sistemas de calidade que garantan o control de procesos e programas.

3º. Auditoría externa (máximo de 2 puntos): valorarase con 2 puntos a entidade que conte con auditoría externa de contas no último exercicio pechado.

4º. Participación social e voluntariado: (máximo de 4 puntos). Valorarase o maior número de persoas voluntarias inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia por parte da entidade solicitante, sempre e cando a dita entidade actúe nas mesmas áreas de actividade obxecto desta orde, de acordo co seguinte criterio (para tal efecto, teranse en conta os datos de inscrición no dito rexistro na data de publicación desta orde):

4º.1. De 1 a 25 persoas voluntarias: 1 punto.

4º.2. De 26 a 50 persoas voluntarias: 1,5 puntos.

4º.3. De 51 a 75 persoas voluntarias: 2 puntos.

4º.4. De 76 a 100 persoas voluntarias: 2,5 puntos.

4º.5. De 101 a 125 persoas voluntarias: 3 puntos.

4º.6. De 126 a 150 persoas voluntarias: 3,5 puntos.

4º.7. Máis de 150 persoas voluntarias: 4 puntos.

b) Criterios obxectivos de valoración dos proxectos presentados (ata 60 puntos).

1º. Fundamentación do proxecto: ata 5 puntos. Valoraranse as necesidades e razóns que fundamenten e xustifiquen a execución do proxecto presentado, tanto para as persoas destinatarias finais do servizo como para o centro ou entidade que o vai executar.

2º. Obxectivos do proxecto: ata 5 puntos. Valoraranse os obxectivos que pretende acadar a entidade solicitante, o impacto social do proxecto, o número de persoas usuarias as que vai atender e a poboación a que van dirixidos.

3º. Memoria explicativa (anexo II): ata 30 puntos. Valorarase o contido técnico e a súa adecuación ao obxectivo proposto, a descrición das actividades concretas que se pretenden realizar, o calendario de realización, a adecuación dos medios estruturais, materiais e técnicos para o desenvolvemento e xestión do proxecto.

4º. Cofinanciamento do proxecto de investimento: valoraranse aqueles proxectos de investimento que conten con outras fontes de financiamento (ata 10 puntos), de acordo cos seguintes tramos:

4º.1. Outorgaranse 5 puntos aos proxectos de investimento que conten entre o 25 % e o 40 % do seu orzamento con outras fontes de financiamento.

4º.2. Outorgaranse 10 puntos aos proxectos de investimento con máis do 40 % do seu orzamento obtido con outras fontes de financiamento.

5º. Grao de execución dos proxectos: valoraranse aqueles proxectos de investimento que, na data de presentación da solicitude, teñan un avance significativo na súa execución (ata 10 puntos), de acordo cos seguintes tramos:

5º.1. Outorgaranse 5 puntos aos proxectos de investimento que estean xa executados ata nun 2 5 %.

5º.2. Outorgaranse 10 puntos aos proxectos de investimento que estean xa executado en máis dun 25 %.

2. No caso de empate na baremación, decidirase a favor do proxecto que obtivese máis puntos na valoración do criterio establecido no primeiro lugar, e así de xeito sucesivo co resto dos criterios considerados no caso de manterse o empate. De persistir o empate, atenderase á data de presentación da solicitude e, de ser idéntica, ao maior importe do orzamento total da actuación.

Artigo 16. Resolución

1. A resolución dos expedientes de axudas, logo da fiscalización da proposta, facendo uso do previsto no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, corresponde, por delegación da conselleira de Política Social e Xuventude, á persoa titular da dirección xeral con competencia en materia de persoas con discapacidade, que deberá resolver no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta.

2. A resolución fixará os termos da axuda e será considerada ditada polo órgano delegante.

Para o caso de que a solicitude configure a subvención con carácter plurianual, a resolución de concesión fixará os importes da subvención correspondentes a cada unha das anualidades, que deberán xustificar na forma sinalada no artigo 21.

3. A resolución de concesión emitirase atendendo ás manifestacións contidas nas declaracións responsables recollidas no formulario de solicitude, subscrita pola entidade que a realiza, baixo a súa responsabilidade e coas repercusións que ten a súa falsidade reguladas na Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. Tendo en conta que os requisitos para ser entidade beneficiaria desta axuda deben cumprirse antes da presentación da solicitude e que os compromisos asumidos pola persoa beneficiaria se recollen na presente orde, non é necesaria a aceptación expresa ou tácita da resolución regulada no artigo 21.5 da Lei 9/2007, ao terse aceptado coa presentación da solicitude.

5. O prazo para resolver e notificar a resolución das axudas será de 3 meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen se dictar resolución expresa, as solicitudes poderán entenderse desestimadas.

Artigo 17. Publicación dos actos e notificacións

1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas os actos administrativos e as correspondentes resolucións deste procedemento. Esta publicación producirá os efectos de notificación.

E serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da consellería (http://politicasocial.xunta.gal).

2. Así mesmo, as notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse de forma complementaria só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, estas notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

5. Estas notificacións complementarias entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 18. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao abeiro da presente orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse ben o recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Directamente poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de 2 meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, se esta for expresa, ou de 6 meses a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

No caso de interpoñer o recurso de reposición, non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se producise a desestimación presunta do dito recurso.

Artigo 19. Modificación da resolución de concesión

1. De acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión a alteración das condicións tidas en conta para a súa concesión e, en todo caso, a obtención doutras subvencións ou axudas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras.

2. Así mesmo, o órgano competente para a concesión destas axudas poderá acordar a modificación da resolución por instancia da entidade beneficiaria, sempre que se cumpran os límites e os requisitos recollidos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

3. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da dirección xeral con competencia en materia de persoas con discapacidade, por proposta do órgano instrutor, logo da correspondente tramitación e, se é o caso, con audiencia da entidade interesada.

Artigo 20. Obrigas das entidades beneficiarias

Ademais das obrigas recollidas nos artigos 14 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e sen prexuízo das demais obrigacións que resulten da normativa aplicable, as entidades beneficiarias destas axudas están obrigadas a:

a) Executar e acreditar a realización da actuación que fundamenta a concesión da subvención e o cumprimento dos requisitos e das condicións desta ante o órgano concedente, sen prexuízo da facultade da consellería da Xunta de Galicia con competencia en materia de servizos sociais de comprobar a realización material das actuacións.

b) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe a consellería da Xunta de Galicia con competencia en materia de servizos sociais, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal achegarán canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

c) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberase efectuar tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

d) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

e) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con cargo á subvención e a obriga do mantemento da documentación soporte. O soporte da documentación realizarase nos termos que estableza o Ministerio de Facenda de conformidade coa normativa nacional e da Unión Europea, mantendo os requisitos de pista de auditoría de conformidade co artigo 22 do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro.

f) As infraestruturas e/ou equipamentos obxecto da actuación subvencionada deberán obter as correspondentes autorizacións establecidas no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, e permanecer destinados ao fin concreto para o que se concedeu a subvención por un período non inferior a 5 anos desde o pagamento final ao beneficiario, tal e como recolle o artigo 29.4.a) da Lei 9/2007, do 13 de xuño. O incumprimento disto dará lugar á revogación da resolución de concesión, ao reintegro das cantidades percibidas e á exixencia dos xuros de demora legalmente establecidos desde o momento do pagamento da subvención.

g) Dar cumprimento á obriga da adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do disposto no artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e artigo 20 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Así mesmo, deben cumprir coas obrigas de información e publicidade que as autoridades competentes establezan relativas ao financiamento do Mecanismo de recuperación e resiliencia.

En particular, estarán obrigadas a:

1º. Incorporar nun lugar visible do inmoble unha referencia expresa a que a construción ou reforma foi financiada pola Xunta de Galicia (Consellería de Política Social e Xuventude). Esta información debe levar o logotipo oficial da Xunta de Galicia previsto no manual de identidade corporativa (http://www.xunta.gal/identidade-corporativa/descarga-do-manual).

2º. Destacar, nas actividades que realice, nos materiais que reproduzan e utilicen para a difusión ou publicidade do proxecto, o financiamento efectuado pola Administración Xeral do Estado, de conformidade co establecido no Manual de imaxen institucional da Administración xeral do Estado e na Guía para a edición e publicación de páxinas web na Administración xeral do Estado.

3º. Incluír a mención da orixe deste financiamento mediante o emblema da Unión e a declaración «financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU», tal como se reflicte no artigo 34 do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, de conformidade co establecido no Manual de marca do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Todos os carteis e placas deberán colocarse nun lugar ben visible de acceso ao público.

h) Facilitar toda a información que lles requiran a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

i) Asumir a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude («bandeiras vermellas») e asegurar a adopción de medidas dirixidas a previr, detectar, comunicar e corrixir a fraude, a corrupción e previr o conflito de intereses e o dobre financiamento.

k) Respectar o principio de «non causar un prexuízo significativo» na execución das actuacións subvencionadas, nos termos do artigo 17 do Regulamento (UE) 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño de 2020, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables e polo que se modifica o Regulamento (UE) 2020/2088.

l) Contribuír ao correcto funcionamento da Base de datos nacional de subvencións, en cumprimento do disposto na Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, como ferramenta de consulta no procedemento de concesión de axudas, cumprindo adecuadamente coas obrigacións de subministración de información a esta (Real decreto 130/2019, do 8 de marzo).

m) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

n) Conservar os documentos xustificativos e demais documentación relacionada co financiamento da actuación, en formato electrónico, durante un prazo mínimo de 5 anos a partir da recepción do último pagamento. Este período será de tres anos se o financiamento non supera os 60.000 €.

Artigo 21. Período subvencionable e prazo de execución

1. O período subvencionable será, con carácter xeral, o comprendido entre o 1 de xaneiro de 2022 e o 30 de novembro de 2025, ambos os dous incluídos, tendo en conta as datas límite para a súa xustificación, segundo o sinalado neste mesmo artigo.

2. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados con anterioridade ao remate da data límite para solicitar o aboamento da axuda e a súa xustificación, consonte o establecido no parágrafo seguinte.

3. A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será do 30 de novembro do ano correspondente á anualidade a que se impute o orzamento, da seguinte maneira:

a) O 30 de novembro de 2022 para os gastos que se imputen ata o mes de outubro de 2022.

b) O 30 de novembro de 2023 para os gastos correspondentes ao período comprendido entre o mes de novembro de 2022 e outubro de 2023.

c) O 30 de novembro de 2024 para os gastos correspondentes ao período comprendido entre o mes de novembro de 2023 e outubro de 2024.

d) O 30 de novembro de 2025 para os gastos correspondentes ao período comprendido entre o mes de novembro de 2024 e outubro de 2025.

Artigo 22. Xustificación da subvención

1. As entidades beneficiarias das axudas quedan obrigadas a acreditar, no prazo máximo a que se refire o artigo anterior, a realización dos proxectos subvencionados e a xustificar a totalidade do orzamento en virtude do establecido na resolución de concesión que lles foi notificada. En caso de non xustificarse a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción. En calquera caso, a beneficiaria deberá xustificar unha porcentaxe mínima do 50 % do importe concedido; de non acadarse ese mínimo, enténdese que non se lograron os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, determinarase a perda do dereito a cobrar a subvención concedida.

2. A solicitude do pagamento efectuaraa a beneficiaria a través de medios electrónicos e con anterioridade a que remate a data límite a que se refire o artigo 21, mediante a presentación do anexo IV, que estará accesible na Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Á dita solicitude xuntaráselle a documentación xustificativa do investimento requirida. A Administración poderá, excepcionalmente, requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 28.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polas entidades beneficiarias, porao no seu coñecemento e concederalles un prazo de 10 días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados segundo o establecido nas presentes bases reguladoras.

Igual requirimento se efectuará no suposto do resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS), consellería da Xunta de Galicia con competencia en materia de facenda, así como a verificación do DNI do solicitante (persoa física) e do representante da persoa xurídica e o NIF do solicitante (persoa xurídica), ou cando como resultado da comprobación se obteña un resultado negativo na comprobación de causas de inhabilitación para recibir subvencións ou axudas, tendo neste caso o solicitante que achegar as correspondentes certificacións ou documentos.

No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado documentación ningunha, requirirase igualmente o beneficiario para que, no prazo improrrogable de 10 días hábiles, a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que conforme a lei correspondan.

Artigo 23. Documentación xustificativa do investimento

1. As entidades beneficiarias terán de prazo para presentar a correspondente xustificación dos investimentos realizados ata o 30 de novembro de 2025.

A conta xustificativa con entrega de xustificantes de gastos, de conformidade co establecido no artigo 48 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, conterá a seguinte documentación:

a) Anexo IV, relativo á solicitude de pagamento.

b) Conta xustificativa que incorpore unha memoria de actuación e unha memoria económica abreviada, con achega de informe de auditoría, de acordo co regulado no artigo 50 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

A memoria de actuación deberá referirse aos mecanismos de verificación do cumprimento do principio de «non causar prexuízo significativo» e medidas correctoras para asegurar a súa implementación.

2. A emisión do informe de auditoría axústase ao disposto na Orde EHA/143/2007, do 17 de maio, pola que se aproba a norma de actuación dos auditores de contas na realización dos traballos de revisión de contas xustificativas de subvención, no ámbito do sector público estatal, previstos no artigo 74 do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e ao disposto nesta orde.

A verificación que debe realizar a auditoría de contas terá, en todo caso, o seguinte alcance:

a) O cumprimento por parte das entidades beneficiarias das obrigas establecidas nesta orde e no resto da normativa que lle é de aplicación na xestión e aplicación da subvención.

b) A adecuada e correcta xustificación da subvención por parte das entidades beneficiarias.

c) A realidade e a regularidade das operacións que, de acordo coa xustificación presentada polas entidades beneficiarias, foron financiadas coa subvención.

d) O adecuado e correcto financiamento das actividades subvencionadas.

3. O informe do auditor permitirá obter evidencia suficiente para poder emitir unha opinión sobre a execución dos gastos do proxecto ou actividade subvencionada, conforme estas bases. En todo caso, deberá comprobarse:

a) Que a conta xustificativa foi subscrita polo representante legal da entidade ou persoa con capacidade, debendo anexar ao informe unha copia desta verificada pola persoa auditora.

b) Que existe concordancia entre a memoria de actuación e os documentos utilizados para realizar a revisión da xustificación económica.

c) Que o importe xustificado corresponde ao concedido, e que se atopa correctamente desagregado e identificado na conta xustificativa, con indicación das imputacións aplicadas. A revisión abarcará a totalidade dos gastos en que se incorren para realizar as actividades subvencionadas. No caso doutros ingresos ou subvencións que financien a actividade subvencionada, deberá indicar o seu importe e a súa procedencia.

d) Que o gasto declarado é real e elixible e que está debidamente acreditado e xustificado conforme a normativa vixente. Para os ditos efectos, o informe de auditoría deberá confirmar:

1º. Que os gastos realizados e imputados ao proxecto gardan unha relación directa con este e que son conformes coas normativas autonómica, nacional e comunitaria en materia de elixibilidade de gastos e subvencións.

2º. Que as facturas orixinais ou documentos contables de valor probatorio equivalente que figuran na relación de gastos contan cos datos requiridos pola lexislación vixente, e os ditos gastos foron realizados e efectivamente pagados con anterioridade á finalización do período de xustificación, salvo aqueles que pola súa propia natureza deban liquidarse en datas posteriores.

e) Que a entidade beneficiaria utiliza un sistema de contabilidade separada ou codificación contable que permite a inequívoca identificación dos gastos realizados.

f) Que a entidade beneficiaria dispón de ofertas de diferentes provedores, nos supostos previstos no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 xuño, e dunha memoria que xustifique razoablemente a elección do provedor, naqueles casos en que non recaese na proposta económica máis vantaxosa.

g) No informe constará pronunciamento sobre a elixibilidade do IVE imputado ao proxecto e que non é susceptible de recuperación ou compensación.

h) Que existe acreditación documental, material e/ou gráfica (fotografías, copias, captura de pantallas) do cumprimento da obriga de información e publicidade do financiamento público da acción subvencionada.

4. A xustificación comprenderá o custo total do programa ou investimento subvencionado de acordo coa última memoria explicativa autorizada e non só a contía da subvención concedida. No caso de actividades financiadas con fondos propios ou outras subvencións ou recursos, deberá reflectirse na memoria económica que conterá unha relación detallada deles, con indicación do importe, procedencia e aplicación deles ás actividades subvencionadas.

5. Os gastos das entidades terán que adaptarse aos conceptos de gasto consignados na memoria inicial presentada coa solicitude, ou na memoria adaptada, no caso de tela presentado, aínda que poderán admitirse desviacións na imputación de cantidades aos conceptos de gasto nunha contía máxima dun 20 % do importe da axuda finalmente concedida, sempre que non se modifique a contía total subvencionada nin a desviación se aplique a conceptos de gasto non autorizados.

O anterior débese entender sen prexuízo da obriga da entidade de solicitar, con carácter excepcional e sempre que resulte alterado o contido do programa, modificacións baseadas na aparición de circunstancias que alteren ou dificulten o desenvolvemento do programa, que deberán ser autorizadas expresamente de acordo co establecido no artigo 19.

A documentación que xustifique os gastos efectuados con cargo á subvención concedida presentarase separada para cada un dos programas subvencionados.

A entidade asignará un número de orde a cada xustificante de gasto e debe ter en conta que a suma de todos os importes totais correspondentes aos distintos conceptos de gasto debe xustificar o importe total de cada operación, segundo a memoria adaptada, no caso de tela presentado.

Mediante técnica de mostraxe aleatoria simple, a consellería da Xunta de Galicia con competencia en materia de servizos sociais poderá requirir aos beneficiarios que acheguen os orixinais dos xustificantes que considere oportunos, nos casos en que a normativa reguladora aplicable así o estableza.

6. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o gasto xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución de concesión, e sempre que estea garantida a consecución do obxecto. Así mesmo, procederá a minoración do importe da subvención concedida ou, de ser o caso, a perda do dereito ao seu cobramento, nos termos e nos casos previstos no artigo 25 e nos demais supostos previstos na normativa de aplicación.

7. Recibida a documentación xustificativa da subvención, a consellería da Xunta de Galicia con competencia en materia de servizos sociais, antes de proceder ao seu pagamento final, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinaron a concesión da subvención, de acordo co establecido no artigo 30 da Lei 9/2009, do 13 de xuño, así como o cumprimento do compromiso en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, no sentido do artigo 8, punto 2.e), da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro.

Artigo 24. Pagamento da axuda

1. O pagamento das axudas efectuarase con cargo ao exercicio orzamentario, unha vez efectuado o investimento ou realizado o gasto ou a actividade subvencionable e logo da presentación por parte da entidade beneficiaria da solicitude de aboamento e da xustificación requirida nestas bases reguladoras.

2. Poderá anticiparse ata o 100 % do importe concedido para cada anualidade, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, no artigo 63 do Decreto 11/2009 e nesta convocatoria.

As entidades beneficiarias que queiran acollerse á modalidade de pagamento anticipado deberán manifestalo expresamente no prazo máximo de 10 días hábiles a partir do seguinte ao da notificación da resolución de concesión, mediante a presentación da correspondente solicitude de pagamento anticipado, empregando o modelo que se incorpora como anexo IV.

De acordo co artigo 63.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia, a concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada.

3. De non presentar a solicitude de pagamento anticipado, enténdese que a entidade solicitante renuncia ao anticipo. Neste caso o pagamento das axudas efectuarase unha vez efectuado o investimento ou realizado o gasto ou actividade e logo da presentación por parte da entidade beneficiaria, no prazo establecido, da documentación xustificativa a que se refire o artigo anterior.

Artigo 25. Reintegro

1. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida calquera incumprimento das seguintes obrigas:

a) Cando se obtivese a subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

b) Cando se incumpran totalmente o obxectivo, a actividade, o proxecto ou non se adopte o comportamento que fundamentou a concesión da subvención.

c) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derivase a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

2. No suposto previsto no número 3 do artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, procederá o reintegro do exceso obtido sobre o custo da actividade subvencionada, así como a exixencia do xuro de demora correspondente.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os números anteriores, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. Con anterioridade ao requirimento previo da Administración, as persoas beneficiarias poderán realizar con carácter voluntario a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro.

Esta devolución efectuarase mediante ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia ES82 2080 0300 87 3110063172, segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación, e o importe incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 26. Réxime de infraccións e sancións

1. As persoas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. O incumprimento das obrigas contidas nesta orde ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes. Para estes efectos, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento, e en función do seguinte:

a) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención: reintegro do 100 % da axuda concedida.

b) Incumprimento da obriga de xustificar o pagamento nos termos establecidos no artigo 24: reintegro do 2 % da axuda concedida no caso de que o atraso na presentación sexa de ata 10 días, do 10 % no caso de que o atraso sexa superior a 10 días e inferior a 20 días, e do 100 % da axuda concedida no caso de que o atraso na presentación sexa igual ou superior a 20 días.

c) Non dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento nos termos establecidos no artigo 20.1.d): reintegro do 2 % da axuda concedida.

d) Incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como nos supostos establecidos no artigo 33 desta mesma lei e/ou calquera outro que resulte da normativa aplicable, e non recollido nas epígrafes anteriores: reintegro de ata o 100 % da axuda concedida.

3. O non cumprimento do compromiso en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, no sentido do artigo 8, punto 1.e), da Orde HFP/1030/2021, do 28 de setembro, dará lugar á devolución total da subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

4. Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con axudas ou subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria.

5. As cantidades que teñan que reintegrar as entidades beneficiarias terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para a súa cobranza o previsto no artigo 14.4 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 9/2007, do 13 de xuño; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na normativa comunitaria de aplicación.

6. De conformidade co previsto no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, o beneficiario poderá realizar devolución voluntaria de cantidades indebidamente percibidas mediante ingreso na conta habilitada da Facenda pública galega. O importe da devolución incluirá os xuros de demora. No documento de ingreso deberán identificarse o número do expediente, o concepto da devolución e o nome e NIF do beneficiario. Unha vez ingresado, deberase comunicar á consellería da Xunta de Galicia con competencia en materia de servizos sociais a devolución voluntaria realizada.

Artigo 27. Comprobación, inspección e control

1. A consellería da Xunta de Galicia con competencia en materia de servizos sociais poderá levar a cabo as actividades de comprobación que considere oportunas para controlar o cumprimento das axudas reguladas nesta orde.

2. No caso de subvencións de capital, en cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, o órgano concedente realizará a comprobación material do investimento, e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada tanto polo representante da Administración como polo beneficiario.

3. Sen prexuízo do anterior, realizará, ben con persoal propio ou a través de empresas auditoras, actuacións de comprobación e control para verificar sobre o terreo o cumprimento das condicións para a percepción das axudas. As comprobacións incidirán sobre todos aqueles aspectos que garantan a realización dos compromisos adquiridos e o cumprimento dos requisitos fixados nesta orde. O persoal encargado da verificación redactará acta da actuación de control, que asinará a entidade á cal se lle entregará unha copia, e presentaralla ao órgano competente xunto co informe de verificación. A entidade queda obrigada a facilitarlle ao persoal designado copia da documentación que se lle solicite relativa ao expediente obxecto de control.

4. Ademais, todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa normativa de desenvolvemento.

Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 28. Medidas antifraude

A detección de feitos que puidesen ter sido constitutivos de fraude ou irregularidades en relación cos proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria será comunicada ao Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto (http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf) nos termos establecidos na Comunicación 1/2017 do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude, do 6 de abril, sobre a forma en que poden proceder as persoas que teñan coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidades en relación con proxectos ou operacións financiadas total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea. A detección de irregularidades pode implicar a aplicación de correccións financeiras e a solicitude de devolución dos importes percibidos indebidamente, segundo o establecido no Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, e na Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro.

Artigo 29. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións estarán obrigadas a subministrar á Administración, aos organismos ou á entidade prevista no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculados, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 30. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código BS631D, poderase obter documentación normalizada ou información na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, no teléfono 012, ou no enderezo electrónico autonomiapersoal.sxps@xunta.gal

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de competencias na persoa titular da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social e Xuventude para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar os gastos e ordenar os correspondentes pagamentos, ao abeiro do establecido no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición adicional segunda. Base de datos nacional de subvencións

A consellería da Xunta de Galicia con competencia en materia de servizos sociais transmitiralle á Base de datos nacional de subvencións a información necesaria, de conformidade co disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Igualmente, a Administración poderá acceder ao Rexistro de titularidades e outras bases de datos análogas, se é o caso, e poderá ceder información entre estes sistemas e o Sistema de fondos europeos, segundo as previsións contidas na normativa europea e nacional aplicable.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade para ditar as instrucións que sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2022

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file