Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 168 Luns, 5 de setembro de 2022 Páx. 47260

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 14 de xullo de 2022 pola que se convocan eleccións para a renovación dos órganos reitores das confrarías de pescadores de Galicia, incluídas as súas agrupacións sectoriais, e das súas federacións.

De conformidade co disposto na Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, na Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores de Galicia, no Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, polo que se regulan as confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións, e no artigo 2 da Orde do 29 de abril de 2014, pola que se regulan as eleccións para a renovación dos órganos reitores de confrarías de pescadores de Galicia e das súas federacións, así como no Decreto 64/2018, do 7 de xuño (DOG nº 115, do 18 de xuño) polo que se modifican o Decreto 8/2014 e a Orde do 29 de abril de 2014,

RESOLVO:

Primeiro. Convocar eleccións para a renovación dos órganos reitores de todas as confrarías de pescadores de Galicia, das súas agrupacións sectoriais e das súas federacións provinciais e da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, facendo constar:

1. As votacións terán lugar o día 29 de outubro de 2022.

2. As votacións comezarán ás 10.00 horas e os colexios electorais permanecerán abertos un mínimo de catro horas e un máximo de oito continuadas, segundo o plan electoral de cada confraría ratificado polo Servizo de Apoio e Relacións coas Organizacións Sectoriais.

3. Prazo para o exercicio do voto por correo:

a) O prazo de solicitude do voto por correo iniciarase o día seguinte ao da publicación do censo electoral definitivo e abranguerá ata a data de proclamación provisional das candidaturas.

b) O prazo límite para que a comisión electoral reciba os votos por correo finalizará vinte e catro horas antes das votacións.

4. As comisións e as mesas electorais empregarán o sistema de elaboración e comunicación electrónica de actas posto á disposición pola Consellería do Mar (Elecon). O/a secretario/a da comisión electoral e o/a da mesa electoral remitirán á xunta electoral as actas, nos prazos establecidos para cada caso na Orde do 29 de abril de 2014.

5. A sede da xunta electoral estará nas dependencias da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar, sita en San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, co número de fax 981 54 61 38 e enderezo electrónico apoioconfrarias.mar@xunta.gal

Segundo. Durante o desenvolvemento do proceso electoral, os órganos reitores estarán en funcións e poderán realizar unicamente actos de simple trámite ou de xestión ordinaria; os seus mandatos concluirán coa toma de posesión dos membros dos órganos reitores electos, consonte o disposto no artigo 92.2 do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, polo que se regulan as confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións.

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2022

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar