Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 164 Martes, 30 de agosto de 2022 Páx. 46397

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 8 de agosto de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se ordena a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 4 de agosto de 2022 polo que se outorga a autorización administrativa de construción e se declaran a utilizade pública, en concreto, a compatibilidade co dereito mineiro correspondente a un perímetro de protección dos mananciais das augas mineromedicinais e termais en Caldas de Reis, e a prevalencia sobre varios montes veciñais en man común, da infraestrutura de transporte de enerxía eléctrica denominada LAT 220 kV DC Lousame-Tivo, que discorre polos termos municipais de Lousame, Rois, Brión, Teo e Padrón (A Coruña) e Pontecesures, A Estrada, Valga, Cuntis e Caldas de Reis (Pontevedra), e promove Red Eléctrica de España, S.A.U. (expediente IN407A 2010/268-1).

De conformidade co disposto no artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, publícase o extracto do acordo indicado no título, cuxo texto completo se pode consultar neste mesmo Diario Oficial de Galicia.

Primeiro. Peticionario

Red Eléctrica de España, S.A.U. (REE), con NIF A85309219 e domicilio no paseo de los Gaitanes ,17, 28109 Alcobendas (Madrid).

Segundo. Características do proxecto

Segundo consta no proxecto de execución presentado, as características máis salientables da LAT 220 kV DC Lousame-Tivo son as seguintes:

• Liña eléctrica: LAT trifásica con dous condutores por fase, en configuración de dobre circuíto (DC), a 220 kV de tensión nominal, de 40.366 m de lonxitude, en condutor tipo AL/AW Condor, tendida en trinta e unha (31) aliñacións sobre torres metálicas de celosía encravadas en zapatas de formigón individuais e postas a terra en aneis pechados de aceiro descarburado, para unha capacidade térmica de transporte de 757,2 MVA/circuíto (verán) e de 890,1 MVA/circuíto (inverno), con orixe en posición de liña instalada na subestación Lousame (expediente IN407A 2009/471-1) sita no termo municipal de Lousame (A Coruña) e remate en posición de liña instalada na subestación Tivo sita no termo municipal de Caldas de Reis (Pontevedra). Condutor composto terra-óptico tipo OPGW-TIPO1-17 kA-15.3 e condutor de terra convencional tipo Alumoweld 7N7. Illadores de vidro.

• Orzamento de execución material: 12.697.872 €.

• Observacións: inicialmente REE acometerá a instalación, cunha configuración de dobre circuíto (DC), das oitenta e nove (89) torres metálicas de celosía, xunto cos seus elementos asociados, pero soamente procederá ao tendido dun dos dous condutores por fase proxectados. Estes traballos terán a condición construtiva de fase I, quedando o tendido do segundo circuíto proxectado e as súas manobras asociadas baixo a condición construtiva de fase II.

Terceiro. Consideracións

O 22.2.2017 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA), relativa ás instalacións eléctricas denominadas nova subestación 220 kV de Lousame (expediente IN407A 2009/471-1), LAT 220 kV DC Lousame-Tivo (expediente IN407A 2010/268-1), LAT 220 kV DC Lousame-Mazaricos (expediente IN407A 2010/269-1) e LAT 220 kV DC de entrada e saída (E/S) na subestación Lousame da LAT Santiago-Tambre (expediente IN407A 2010/270-1), promovidas por REE nas provincias da Coruña e Pontevedra, da cal se deu publicidade pola Resolución do 27 de marzo de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG núm. 100, do 29 de maio).

Cuarto. Contido da decisión

1. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución da infraestrutura de transporte de enerxía eléctrica denominada LAT 220 kV DC Lousame-Tivo, que discorre polos termos municipais de Lousame, Rois, Brión, Teo e Padrón (A Coruña) e Pontecesures, A Estrada, Valga, Cuntis e Caldas de Reis (Pontevedra), e promove Red Eléctrica de España, S.A.U.

2. Declarar a utilidade pública, en concreto, da dita infraestrutura de transporte de enerxía eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

3. Declarar a compatibilidade da dita infraestrutura de transporte de enerxía eléctrica co dereito mineiro da sección B correspondente ao perímetro de protección aprobado mediante a Resolución do 28 de marzo de 2016 para a conservación do acuífero que abastece os mananciais e pozos de augas mineromedicinais e termais declaradas de utilidade pública aproveitados no concello de Caldas de Reis, cuxas autorizacións de aproveitamento constan inscritas no Rexistro de Augas Minerais, Termais e de Manancial desta consellería, para uso en tratamentos terapéuticos polos balnearios Acuña e Davila, así como para as augas termais que saen dos dous canos da Fonte das Burgas para o uso exclusivo do pobo de Caldas de Reis cuxa autorización de aproveitamento consta inscrita no citado rexistro coa denominación de Fonte da Burga II.

4. Declarar a prevalencia da dita infraestrutura de transporte de enerxía eléctrica cos seguintes montes veciñais en man común (MVMC) das provincias da Coruña e Pontevedra:

• Na provincia da Coruña, cos seguintes MVMC (13): no concello de Lousame (Fontefría), no concello de Rois (Quintáns, San Miguel, Riobó e Vilar de Abade) e no concello de Padrón (Angueira de Suso, Pazos, Retén de Iria, Lomba e Miranda, Lapido, Castro Valente, Aldea de Morono e Castrovalente e Barreiras).

• Na provincia de Pontevedra, cos MVMC das seguintes comunidades de MVMC (11): no concello de Pontecesures (Grobas e Fenteira), no concello de Cuntis (Magán, Vilameán, Pena de Vilabar, Sobrada e Campo de Pena de Arriba), no concello de Valga (Valga e Xanza) e no concello de Caldas de Reis (Santa María de Caldas, San Clemente de Cesar e Santo André de Cesar).

Quinto. Condicións

1. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución titulado LAT 220 kV DC Lousame-Tivo, asinado polo enxeñeiro industrial Ángel Gallego del Monte (colexiado nº 5.302 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid) e visado por este colexio con nº 201703690 e data 21.11.2017; e no que figura un orzamento de execución material de 12.697.872 €.

2. A empresa promotora (REE) asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobados polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, e o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC RAT 01 a 23, aprobados polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio.

3. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten a datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da DXPERN; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

4. A empresa promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental (DIA) formulada o 22.2.2017 polo órgano ambiental, así como ás establecidas no correspondente Programa de vixilancia e seguimento ambiental (PVSA).

Así mesmo, con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, deberá achegar á DXPERN o dito plan (PVSA), de acordo coas consideracións establecidas no punto 3.8 da DIA.

Para dar cumprimento ao establecido no artigo 42.2 da Lei 21/2013, relativo ao contido da autorización do proxecto, resúmese a seguinte información contida na declaración de impacto ambiental:

• Conclusión sobre os efectos significativos do proxecto no ambiente: punto 4 da DIA.

• Condicións ambientais establecidas e medidas previstas para prever, corrixir ou compensar os efectos adversos significativos no ambiente: punto 3 da DIA.

• Descrición das características do proxecto: punto 1.2 da DIA.

• Medidas de seguimento e órgano encargado do mesmo: punto 3.8 da DIA.

5. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de dezaoito meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución ou da data de ocupación dos terreos.

Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar as solicitudes de posta en servizo ante as xefaturas territoriais da Coruña e Pontevedra, acompañadas da documentación exixible de acordo co punto 3 da ITC-LAT 04 do Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro.

Con carácter previo á posta en servizo das instalacións, as xefaturas territoriais da Coruña e Pontevedra inspeccionarán a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificarán o cumprimento das condicións establecidas neste acordo e demais que sexan de aplicación.

6. En canto aos bens e dereitos afectados por esta infraestrutura eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

7. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos neste acordo ou a variación substancial dos orzamentos que determinaron a súa adopción poderán dar lugar á súa revogación, previa audiencia ao promotor, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

8. Este acordo adóptase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da referida infraestrutura eléctrica, en especial as relativas á ordenación do territorio e o ambiente, tal e como dispón o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

9. Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2022

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais