Expediente: IN407A 2017/13-1.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación da instalación: anexo 2 do proxecto para o recuamento da LMT EUM709 entre os apoios número 8 e número 20.
Concello: Monfero.
Feitos:
1. O 19 de decembro de 2021, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da dita instalación de distribución eléctrica, co fin de reflectir os cambios respecto do proxecto orixinal e do seu anexo 1, autorizados polas resolucións do 13 de xullo de 2017 e 16 de xaneiro de 2018 respectivamente, que se vai realizar no Monte de Souto Fero, nas Fragas do Eume e localizado no concello de Monfero, consistente en elevar un treito da liña EUM-709 entre os apoios número 8 e número 20 co gallo de cumprir coas distancias regulamentarias axeitando a instalación á normativa actual. Os cambios introducidos no anexo 2 afectan a substitución proxectada nos apoios número 14, número 15 e número 20 existentes xa que non é posible instalar armados D15, polo que se instalarán apoios tipo C-18/1000 nos apoios número 14 e número 15, e de tipo C-20/1000 no apoio número 20. Auméntase nun metro a lonxitude da LMTA proxectada cuxa lonxitude é de 1.927 metros.
Achegan o proxecto, que inclúe memoria, planos e orzamento, ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, que abrangue os seguintes documentos:
– Proxecto de execución nomeado: recuamento da LMT EUM-709 entre os apoios número 8 e número 20 (anexo 2).
2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
3. Consonte os artigos 127.1 e 127.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, déuselles traslado ás distintas administracións, organismos ou, se é o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas dunha separata do proxecto, na parte en que a instalación poida prexudicar bens e dereitos ao seu cargo, contendo as características da instalación e a documentación cartográfica correspondente. Solicitóuselles o preceptivo informe á Dirección Xeral de Patrimonio Natural-Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a Augas de Galicia-Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e ao Concello de Monfero. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados establecidos por Augas, a dirección xeral e o concello.
4. Os servizos técnicos da xefatura territorial emitiron informe favorable sobre a dita solicitude.
Consideracións legais e técnicas:
1. O xefe territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia e no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.
2. A lexislación a aplicar neste expediente é a que de seguido se relaciona:
a) A Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
b) O Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
c) O Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
d) O Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
e) O Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.
f) A Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).
3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:
LMTA a 15 kV de 1.927 metros, condutor tipo LA-56 Al, coa orixe no apoio número 8 existente C-14/4500 da LMT EUM709, no treito entre a subestación de Eume (expediente 423/01) e a derivada ao CT San Julián (expediente 262/00). Remate no apoio número 20 proxectado de tipo C- 20/1000 que substitúe o existente. Cambio dos apoios existentes números 14 e 15 por uns apoios de tipo C-18/1000.
4. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.
De acordo con todo o sinalado,
RESOLVO:
1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción á dita instalación de distribución eléctrica.
2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante esta xefatura territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:
I. As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.
II. Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.
4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.
Mediante este documento notifícaselle á empresa promotora esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).
A Coruña, 1 de agosto de 2022
Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña