Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Luns, 29 de agosto de 2022 Páx. 46051

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 19 de agosto de 2022 pola que se modifica a autorización do centro privado estranxeiro Gándara International School, de Gondomar.

Mediante a Orde da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria do 17 de xullo de 2018, concedeuse a autorización de apertura e funcionamento temporal ao centro privado estranxeiro (CPREX) Gándara International School, de Gondomar, para impartir ensinanzas do sistema educativo dos Estados Unidos de América a alumnado español e estranxeiro, prorrogada mediante distintas ordes desta consellería.

A titularidade do centro educativo solicita a acreditación completa e achega un certificado de confirmación emitido pola New England Association of Schools & Colleges (NEASC), que autoriza Pre-School Section (Infantil) para un máximo de 30 estudantes de 3 a 6 anos, e Elementary Section (Primaria) para un máximo de 80 estudantes de 6 a 12 anos, do sistema educativo dos Estados Unidos de América.

Logo da tramitación do expediente de conformidade co establecido no Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre centros docentes estranxeiros en España, e no Decreto 133/1995, do 10 de maio, de autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias, e coa Orde do 20 de setembro de 1995 que o desenvolve, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación da autorización

Modificar a autorización do centro privado estranxeiro Gándara International School conforme a seguinte configuración:

Denominación xenérica: centro privado estranxeiro (CPREX).

Denominación específica: Gándara International School.

Código do centro: 36025001.

Domicilio: r/ Moureira, 1.

Localidade: Mañufe.

Concello: 36388 Gondomar.

Provincia: Pontevedra.

Titular: Noguera y Valdés, S.L.

Ensinanzas autorizadas do sistema educativo dos Estados Unidos de América a alumnado español e estranxeiro con acreditación completa, para un total de 110 postos escolares:

• Pre-School Section (Infantil) para un máximo de 30 estudantes.

• Elementary Section (Primaria) para un máximo de 80 estudantes

Artigo 2. Ensinanzas de lingua e cultura

O centro deberá complementar as ensinanzas autorizadas de niveis equivalentes aos obrigatorios do sistema educativo español con ensinanzas de lingua española e de lingua galega, que deberán impartirse co mesmo deseño e horario establecidos nos correspondentes decretos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, a cultura española deberá desenvolver os contidos esenciais da correspondente área de coñecemento, recollidos na norma reguladora das ensinanzas.

Artigo 3. Requisitos do profesorado

O profesorado que imparta as ensinanzas mencionadas no artigo 2 deberá reunir os requisitos de titulación requiridos pola lexislación española para o nivel educativo, e terá os dereitos e obrigas que determina o artigo 12 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre réxime de centros docentes estranxeiros en España.

A Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades de Pontevedra, logo do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que imparta estas materias.

Artigo 4. Inscrición no rexistro

Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5. Obrigas do centro

O centro queda obrigado a cumprir a normativa vixente e sometido á inspección educativa da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, de conformidade co establecido no artigo 9 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, así como a solicitar unha nova autorización e inscrición no caso de que se produza calquera variación nos elementos e circunstancias que dan lugar a esta autorización.

Disposición derradeira primeira. Recursos

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2022

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades