Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Xoves, 25 de agosto de 2022 Páx. 45861

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 28 de xullo de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan, a UFD Distribución Electricidad, S.A., as autorizacións administrativas previa e de construción para a instalación dun parque de 132 kV e un transformador 132/20 kV de 30 MVA na subestación Lalín 66/20 kV, no concello de Lalín (expediente IN407A 2021/228-4).

Feitos.

1. O 7.10.2021, UFD Distribución Electricidad, S.A. (en diante, UFD) presentou, ante a Xefatura Territorial de Pontevedra desta consellería (en diante, xefatura territorial), a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción para a instalación dun parque, de 132 kV, e un transformador de potencia, de 132/20 kV e 30 MVA, na subestación Lalín 66/20 kV, no termo municipal de Lalín (Pontevedra), á cal se lle asignou o número de expediente IN407A 2021/228-4.

Esta solicitude acompañouse, ou completouse posteriormente, coa seguinte documentación técnica:

• Proxecto de execución denominado Subestación Lalín-novo parque 132 kV e T-III 132/20 kV 30 MVA, asinado pola enxeñeira industrial María Isabel López Ferrer (colexiada nº 17566 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid) e visado por este colexio, co nº 202102033 e con data do 9.6.2021, e en que figura un orzamento de execución material de 1.621.529,27 euros.

• Declaración responsable do técnico proxectista (incorporada no proxecto e asinada con data do 30.4.2021), segundo o exixido no artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

A UFD é propietaria da subestación Lalín 66/20 kV, situada no termo municipal de Lalín (Pontevedra), con autorización administrativa obtida en 1968, e composta actualmente polos seguintes parques e transformadores de potencia:

• Un parque de intemperie con aparellaxe convencional de 66 kV, con 4 posicións (2 de liña e 2 de primario de trafo).

• Un parque de 20 kV realizado con tecnoloxía GIS, en configuración dobre barra, con 14 posicións (8 de liña, 2 de protección de secundario de trafo, 1 de acoplamento transversal, 1 de medida de tensión de barras e 2 de servizos auxiliares).

• Dous transformadores trifásicos de potencia montados en intemperie: T-I e T-II (con relación de transformación 66/20 kV e potencia aparente 25 MVA).

Segundo se desprende do proxecto de execución, a infraestrutura eléctrica proxectada consiste na instalación de novas celas de 132 kV nun edificio de nova construción (para a súa instalación será preciso demoler parte do edificio existente), a instalación dun transformador de potencia 132/20 kV 30 MVA en intemperie e a instalación dunha nova cela de protección de secundario de transformador de 20 kV no edificio existente de celas de 20 kV:

• O parque de 132 kV terá unha configuración de dobre barra, realizado mediante celas con envolvente metálica e illamento en gas SF6 para interior, constituído por unha posición de liña, unha posición de trafo, unha posición de medida de barras e unha posición de acoplamento transversal.

• O transformador 132/20 kV de 30 MVA será trifásico apto para montaxe en intemperie.

• No parque de 20 kV instalarase unha nova cela de protección de secundario de transformador en configuración de dobre barra, realizado mediante unha cela con envolvente metálica e illamento en gas SF6 para interior.

2. O 27.7.2022, a xefatura territorial, logo de rematada a instrución do expediente IN407A 2021/228-4, deu traslado deste á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais (en diante, DXPERN) para os efectos da súa resolución. A xefatura territorial incorporou ao expediente o informe dos seus servizos técnicos, con data do 27.7.2022, en que se conclúe que non se presentan obxeccións técnicas para continuar coa tramitación do referido proxecto.

Consideracións legais e técnicas.

1. A DXPERN é competente para resolver este expediente, de conformidade co disposto no artigo 28 do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG nº 126, do 4 de xullo), no artigo 45 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, e no artigo único 1.b).2º do Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é a seguinte:

• Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

• Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

• Resolución do 19 de febreiro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción, de acordo co previsto na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (DOG nº 54, do 19 de marzo).

3. Informe emitido o 27.7.2022 polos servizos técnicos da xefatura territorial, en que se conclúe que non se poñen obxeccións técnicas para continuar coa tramitación do proxecto de execución denominado Subestación Lalín-novo parque 132 kV e T-III 132/20 kV 30 MVA.

4. Oficio da xefatura territorial do 27.7.2022, polo que dá traslado do expediente á DXPERN logo de rematada a súa instrución, en que se fai constar o seguinte:

• Non hai organismos afectados conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

• Visto o expediente, os servizos técnicos desta xefatura non observan inconvenientes para a realización das obras correspondentes ao proxecto Subestación Lalín-novo parque 132 kV e T-III 132/20 kV 30 MVA.

5. A instrución do expediente realizouse conforme o disposto no artigo 47 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro. Así mesmo, respecto ao expediente cómpre indicar o seguinte:

• Está exento do trámite de información pública, por tratarse dunha modificación dunha instalación de distribución de enerxía eléctrica, conforme o disposto no artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.

• A DXPERN é o órgano competente para resolvelo, por tratarse da modificación dunha subestación que supón o aumento da súa potencia por riba dos 75 MVA (pasa de 50 a 80 MVA), conforme o disposto no artigo único 1.b).2º do Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

De acordo con todo o anterior,

RESOLVO:

1. Outorgar a UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción para a instalación dun parque de 132 kV e un transformador 132/20 kV de 30 MVA na subestación Lalín 66/20 kV, no termo municipal de Lalín (Pontevedra).

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución denominado Subestación Lalín-novo parque 132 kV e T-III 132/20 kV 30 MVA, asinado pola enxeñeira industrial María Isabel López Ferrer (colexiada nº 17566 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid) e visado por este colexio, co nº 202102033 e con data do 9.6.2021, e en que figura un orzamento de execución material de 1.621.529,27 euros.

2. A empresa promotora (UFD Distribución Electricidad, S.A.) asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobado polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio, e o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobado polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro.

3. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da DXPERN; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que se diten en aplicación da citada facultade.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de trece meses (conforme o cronograma que figura no proxecto), contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante a xefatura territorial, quen deberá estendela tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

5. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos orzamentos que determinaron a súa adopción poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao promotor, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

6. Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da referida infraestrutura eléctrica, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente, tal e como dispón o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

7. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.

Contra esta presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que xulgen pertinente.

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2022

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais