Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Venres, 19 de agosto de 2022 Páx. 44511

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 4 de agosto de 2022 pola que se realiza a segunda convocatoria do ano 2022 para a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación das súas enfermidades (código de procedemento MR553C).

A través da Orde do 23 de decembro de 2021 publicada no Diario Oficial de Galicia número 10, do 17 de xaneiro de 2022, a Consellería do Medio Rural estableceu as bases reguladoras e convocou a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación das súas enfermidades, para o ano 2022 (código de procedemento MR553C).

A Consellería do Medio Rural ten practicamente esgotado o crédito orzamentario recollido na citada Orde do 23 de decembro de 2021, polo que non quedaría crédito para financiar as indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais para o resto do ano 2022.

En consecuencia, cómpre levar a cabo unha segunda convocatoria cun novo crédito orzamentario co obxecto de seguir tramitando as solicitudes de indemnizacións xa presentadas e as novas que cumpran cos requisitos, e así poder continuar coa concesión das indemnizacións por sacrificio obrigatorio de animais durante o ano 2022.

En consecuencia, por todo o exposto, de conformidade co disposto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no exercicio das facultades que me confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto desta orde é establecer a segunda convocatoria do ano 2022 para a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio ou morte de animais, ou pola destrución de produtos, no marco de programas ou actuacións oficiais de vixilancia, loita, control ou erradicación de enfermidades animais, e pola morte de animais no contexto das medidas de execución de actuacións sanitarias oficiais impostas pola autoridade competente, ou como consecuencia directa de tratamentos, manipulacións preventivas ou con fins de diagnóstico, así como nos demais supostos recollidos na Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal.

2. Esta orde regulará o procedemento de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación das súas enfermidades, que está recollido na sede electrónica da Xunta de Galicia co código de procedemento MR553C.

Artigo 2. Bases reguladoras

As bases reguladoras desta convocatoria son as que se recollen na Orde do 23 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación das súas enfermidades, e se convocan para o ano 2022 (DOG núm. 10, do 17.1.2022), e na Orde do 4 de agosto de 2022 pola que se procede á segunda convocatoria do ano 2022 para a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación das súas enfermidades (código de procedemento MR553C).

Artigo 3. Persoas e entidades beneficiarias

1. Poderán optar ás indemnizacións previstas no artigo 1 as persoas físicas e xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica que sexan titulares:

a) De animais que se sacrifiquen ou morran por resultaren reaccionantes ás probas diagnósticas de tuberculose, brucelose, leucose e lingua azul no gando vacún, ovino e cabrún, ou por teren convivido con animais enfermos e que sexan considerados sospeitosos polos veterinarios actuantes.

b) De animais e os seus produtos de calquera especie, sacrificados/mortos e /ou destruídos por motivos de sospeita e/ou confirmación da presenza dalgunha das encefalopatías esponxiformes transmisibles.

c) De aves reprodutoras ou poñedoras da especie Gallus gallus e reprodutoras da especie Meleagris gallopavo, sacrificadas por orde da autoridade competente dentro dos programas nacionais de control de salmonela.

d) De aves sacrificadas/mortas por mor da declaración oficial dun foco de influenza aviaria, de enfermidade de Newcastle, ou doutra enfermidade das aves declarada oficialmente.

e) De porcos sacrificados/mortos por mor da declaración oficial dun foco de peste porcina clásica ou de peste porcina africana, ou doutras enfermidades porcinas declaradas oficialmente ou durante o desenvolvemento de medidas, probas ou controis ordenados pola autoridade competente.

f) De visóns americanos que se sacrifiquen/morran por resolución da autoridade competente en materia de sanidade animal, afectados por enfermidades distintas das sometidas a programas sanitarios oficiais.

g) De animais que morresen como consecuencia directa de actuacións, tratamentos e manipulacións preventivas ou con fins de diagnóstico e, en xeral, de animais que morran no contexto de medidas de execución de actuacións sanitarias oficiais impostas pola autoridade competente.

h) Os demais supostos recollidos na Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, e na normativa estatal e da Unión Europea de desenvolvemento dos programas e das actuacións sanitarias de vixilancia, loita, control e erradicación de cada enfermidade.

2. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias das indemnizacións reguladas nesta orde, as persoas ou entidades que se atopen en calquera das circunstancias sinaladas no artigo 10, puntos 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 13, puntos 2 e 3, da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Así mesmo, será de obrigado cumprimento a apreciación recollida no artigo 14 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Requisitos

1. Para os efectos de ter dereito ás indemnizacións reguladas nesta orde, as persoas titulares implicadas e as explotacións gandeiras afectadas:

a) Cumprirán e seranlles de aplicación os contidos da normativa en vigor, citada a continuación, que afecten directamente o correcto desenvolvemento dos programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación de enfermidades dos animais: sobre sanidade animal, identificación animal, movemento pecuario, benestar e alimentación animal, e a propia dos programas nacionais de vixilancia, loita, control e erradicación de enfermidades dos animais.

b) Terán a obriga de cumprir o contido do artigo 17 do Real decreto 2611/1996, do 20 de decembro, polo que se regulan os programas nacionais de erradicación de enfermidades dos animais e, polo tanto, non se atoparán incursas en ningunha das circunstancias causantes da perda do dereito á indemnización previstas no artigo 17.2 do citado Real decreto 2611/1996, do 20 de decembro.

c) As explotacións afectadas estarán correctamente rexistradas na Comunidade Autónoma de Galicia, en concreto, figurarán inscritas e con todos os seus datos actualizados no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Rega), establecido polo Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, polo que se establece e regula o Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras, e no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) regulado no Decreto 200/2012, do 4 de outubro.

d) Será efectivo o sacrificio obrigatorio de todos os animais incluídos nas resolucións de sacrificio ou/e de baleiro sanitario que fosen emitidas pola autoridade competente.

2. Os servizos de gandaría provinciais da Consellería do Medio Rural, como órganos competentes para a tramitación do procedemento de concesión da indemnización, comprobarán o cumprimento dos requisitos descritos no número 1 anterior.

Artigo 5. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante, ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) DNI/NIE da persoa representante.

d) NIF da entidade representante.

e) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

f) Certificado de estar ao día nas obrigas e débedas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

h) Certificado de estar ao día nas obrigas e débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente (anexo I-código de procedemento MR553C) e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 6. Disposicións para as solicitudes e prazo

1. As solicitudes presentadas ao abeiro da presente orde axustaranse ao establecido nas bases reguladoras (Orde do 23 de decembro de 2021, publicada no DOG núm. 10, do 17.1.2022), sen prexuízo do disposto no punto 2 da disposición transitoria única e na disposición adicional segunda desta orde.

2. Para presentar unha solicitude de indemnización empregarase o formulario que se recolle como anexo I desta orde (código de procedemento MR553C).

3. O prazo para a presentación das solicitudes e, se é o caso, da correspondente documentación complementaria será desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o día 30 de novembro de 2022, incluíndo ambas as dúas datas no cómputo do prazo.

Artigo 7. Lugar e forma de presentación das solicitudes

As persoas interesadas deberán cumprir o establecido nos artigos 14, 16 e 66 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e así mesmo ao abeiro do artigo 10.1.a) e c) da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas traballadoras autónomas (persoas físicas) e as persoas que as representen, para os trámites e as actuacións que realicen no exercicio da súa actividade profesional, estarán obrigadas a relacionarse a través dos medios electrónicos para a realización de calquera trámite dun procedemento administrativo no ámbito do sector público autonómico:

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. A presentación electrónica será obrigatoria para: as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica (sociedades civís-SC, comunidades de bens-CB, etc.), as persoas físicas que sexan traballadoras autónomas, e as persoas representantes dunha das anteriores.

3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

4. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5. Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica (persoas físicas que non sexan traballadoras autónomas), opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación necesaria para a tramitación do procedemento, e segundo o caso de que se trate:

a) Xustificantes (certificado/informe) do sacrificio dos animais no matadoiro, se é o caso. No caso de animais enviados ao matadoiro coa autorización de traslado de animais ao matadoiro (tamén chamado documento Conduce), na cal o sacrificio é certificado polo veterinario oficial, non será necesario que a persoa interesada achegue o certificado/informe do sacrificio emitido polo matadoiro.

b) Xustificantes da morte ou eutanasia dos animais positivos/sospeitosos ou de baleiro sanitario, se é o caso: certificado veterinario oficial, informe do veterinario da explotación. No caso de que o documento sexa un acta de inspección emitida polos servizos veterinarios oficiais que comprobaron os feitos, non será necesario que a persoa interesada a achegue por estar xa en poder da Administración.

c) Documentos comerciais de acompañamento para o transporte de subprodutos animais non destinados ao consumo humano, se é o caso.

d) Documentos acreditativos da inscrición dos animais sacrificados de razas autóctonas nos libros xenealóxicos da raza, se é o caso: para os animais sacrificados que fosen dalgunha das razas autóctonas incluídas no Catálogo oficial de razas de gando de España, previsto no anexo I punto 1 do Real decreto 45/2019, do 8 de febreiro, polo que se establecen as normas zootécnicas aplicables aos animais reprodutores de raza pura, porcinos reprodutores híbridos e o seu material reprodutivo, se actualiza o Programa nacional de conservación, mellora e fomento das razas gandeiras e se modifican os reais decretos 558/2001, do 25 de maio; 1316/1992, do 30 de outubro; 1438/1992, do 27 de novembro; e 1625/2011, do 14 de novembro, a persoa solicitante deberá presentar un documento ou certificado emitido pola entidade xestora do libro xenealóxico da raza que acredite que, nunha data anterior á do seu sacrificio, eses animais se atopaban inscritos no correspondente libro xenealóxico, e para os efectos do recollido no anexo I, punto 3, alínea C), e no anexo II, punto 4, alínea C), do Real decreto 389/2011, do 18 de marzo, polo que se establecen os baremos de indemnización polo sacrificio de animais no marco dos programas nacionais de loita, control ou erradicación da tuberculose bovina, brucelose bovina, brucelose ovina e cabrúa, lingua azul e encefalopatías esponxiformes transmisibles.

e) Documento emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social que acredite que a persoa física non se atopa incluída no réxime especial de traballadores autónomos ou por conta propia, se é o caso: só para os casos en que o/a solicitante da indemnización sexa unha persoa física que non é traballadora autónoma e leve a cabo unha presentación presencial da solicitude.

f) Copias dos documentos de constitución da entidade e dos seus estatutos, se é o caso: para os casos en que o/a solicitante é unha persoa xurídica ou unha entidade sen personalidade xurídica (sociedade civil-SC, comunidade de bens-CB, etc.).

g) Documento acreditativo da representación, por calquera medio válido en dereito, se é o caso: un documento que deixe constancia fidedigna da existencia dela. O representante da persoa solicitante poderá ser unha persoa física con capacidade de obrar, ou unha persoa xurídica sempre que isto estea previsto nos seus estatutos.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. No caso de que morran animais da explotación afectada antes do seu traslado con destino ao matadoiro, sen que a persoa titular/responsable destes achegase aos servizos veterinarios oficiais a documentación xustificativa sinalada nas alíneas b) ou c) do punto 1 anterior, os mencionados animais non serán indemnizables aínda que estean incluídos na correspondente resolución de sacrificio ou de baleiro sanitario.

Artigo 9. Lugar e forma de presentación da documentación complementaria

As persoas interesadas deberán cumprir o establecido nos artigos 14, 16 e 66 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e así mesmo ao abeiro do artigo 10.1.a) e c) da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas traballadoras autónomas (persoas físicas) e as persoas que as representen, para os trámites e as actuacións que realicen no exercicio da súa actividade profesional, estarán obrigadas a relacionarse a través dos medios electrónicos para a realización de calquera trámite dun procedemento administrativo no ámbito do sector público autonómico:

1. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

2. A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha destas persoas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica, tamén poderán realizarse os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Resolucións

A resolución dos expedientes de indemnizacións correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, por delegación da persoa titular da Consellería do Medio Rural en virtude da Orde do 17 de novembro de 2015, e emitiraa no prazo máximo de cinco meses contados desde o inicio do procedemento de concesión da indemnización e sempre antes do 31 de decembro de 2022. Transcorrido ese prazo sen que se dite resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude de indemnización por silencio administrativo.

Artigo 12. Notificacións

As resolucións expresas de aprobación ou de denegación notificaranse ás persoas interesadas seguindo os criterios dos artigos 40, 41 e 43 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas:

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso, no formulario, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 14. Financiamento

1. As indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais establecidas nesta orde, tanto as xeradas durante o ano 2022 como as que non puideron ser tidas en conta durante o ano 2021, financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 14.04.713.E.770.0 (proxecto 2012 00748) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022. Esta aplicación dótase para a segunda convocatoria cun crédito de douscentos mil euros (200.000 euros).

2. Conforme o artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería do Medio Rural excepcionalmente terá a posibilidade de ampliar o crédito fixado na convocatoria desta orde cando o aumento veña derivado:

a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

c) No suposto previsto no artigo 25.3 deste Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se for o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Disposición adicional primeira. Normativa de aplicación

A todos os aspectos non regulados nesta orde aplicaráselles o disposto nas seguintes leis: a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007; a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disposición adicional segunda. Regulación de preceptos e documentación pertencentes ao procedemento de concesión de indemnizacións do ano anterior

No caso de que durante a instrución do ano 2021 haxa solicitudes de indemnizacións presentadas no tempo e na forma por persoas interesadas, así como informes para proposta de resolución emitidos polos servizos provinciais de gandaría, ao abeiro da Orde do 22 de decembro de 2020, da Consellería do Medio Rural, que rexía a concesión destas indemnizacións (código de procedemento MR553C), e que non se puidesen tramitar durante o ano 2021, se terán en conta no procedemento de concesión de indemnizacións para o ano 2022 (trátase tamén do mesmo código de procedemento MR553C) ao abeiro desta orde, sen necesidade de que as ditas persoas interesadas presenten un novo formulario de solicitude normalizada para elas, nin tampouco que os servizos provinciais de gandaría emitan novos informes para a proposta de resolución se xa están xerados.

Disposición adicional terceira. Criterios das indemnizacións para as razas bovinas, ovinas e cabrúas de aptitude mixta

Aplicaranse os seguintes criterios para establecer os baremos de indemnización das razas de animais de aptitude mixta (por exemplo, nas razas bovinas Parda alpina, Normanda, Fleckvieh, Montbeliarde, Conxunto mestizo, etc.), é dicir, as razas adicadas ás dúas orientacións produtivas de carne e leite:

1. Se o animal sacrificado pertencía a unha subexplotación con clasificación zootécnica «reprodución para produción de leite», indemnizarase como de aptitude leiteira.

2. Se o animal sacrificado pertencía a unha subexplotación con clasificación zootécnica «reprodución para produción de carne», indemnizarase como de aptitude cárnica.

3. Se o animal sacrificado pertencía a unha subexplotación con clasificación zootécnica «reprodución para produción mixta»: nestas subexplotacións, todos os animais das razas consideradas de aptitude mixta e que se atopan recollidas nas bases de datos da Consellería do Medio Rural serán indemnizados como de aptitude leiteira.

Disposición transitoria única. Réxime para as solicitudes

Unha vez publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) esta orde, disponse que:

1. En cumprimento do artigo 6 desta orde, desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, todas as solicitudes de indemnizacións (anexo I-código de procedemento MR553C) se presentarán conforme esta convocatoria.

2. Todas as solicitudes de indemnizacións presentadas en tempo e forma por persoas/entidades interesadas, así como os informes para proposta de resolución das indemnizacións emitidos polos servizos de gandaría provinciais, en calquera data anterior ou na mesma data de publicación desta orde, ao abeiro da Orde do 23 de decembro de 2021 da Consellería do Medio Rural, e pendentes de resolución, serán admitidas/os e continuarán coa súa tramitación ao abeiro desta orde.

Disposición derradeira primeira. Facultade de aplicación e cumprimento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias para ditar as instrucións necesarias para a aplicación e o cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2022

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO II

Baremos de indemnización polo sacrificio obrigatorio de animais
de especies distintas da bovina, ovina e cabrúa

1. Especie porcina, cando proceda indemnizar:

a) Sementais: 240,40 euros a unidade.

b) Femias reprodutoras: 150,25 euros a unidade.

c) Leitóns desde o nacemento ata os 10 kg de peso vivo (p.v.) (0- ≤ 10 kg): 16,83 euros a unidade.

d) Leitóns de máis de 10 kg e ata os 20 kg p.v. (>10- ≤ 20 kg): sumarase aos 16,83 euros a cantidade que resulte de multiplicar os kg de peso vivo en exceso polo importe do custo dun kg para un leitón (que é de 1,68 €/kg p.v.).

A un leitón de 20 kg p.v. correspóndelle un baremo de 33,63 euros a unidade.

e) Recría de máis de 20 kg e ata os 50 kg (>20- ≤ 50 kg): os primeiros 21 kg multiplicaranse polo custo dun kg para un leitón (que é de 1,68 €/kg p.v.), sen ter en conta os 16,83 € correspondentes aos 10 primeiros kg do leitón.

A un porcino de recría de 21 kg p.v. correspóndelle un baremo de 35,28 euros a unidade.

Para os animais de máis de 21 kg e ata os 50 kg, o baremo calcularase sumando aos 35,28 euros a cantidade que resulte de multiplicar os kg de p.v. en exceso polo custo dun kg para un porcino de ceba (prezo medio de mercado da categoría «normal» de ceba, establecido na Central Agropecuaria de Galicia).

f) Porcino de ceba de máis de 50 kg p.v.: establécese o custo medio de mercado da semana anterior á do sacrificio/morte do animal. Para estes efectos, aplicarase o custo medio establecido na Central Agropecuaria de Galicia, en Silleda, provincia de Pontevedra.

O baremo calcularase multiplicando os kg de p.v. do animal sacrificado polo custo dun kg para o porcino de ceba de categoría «normal» establecido no día en que se celebre a feira/mercado agropecuario en Silleda, e na semana sinalada no parágrafo primeiro.

2. Visón americano, cando proceda indemnizar:

• Macho reprodutor: 70,71 euros a unidade.

• Femia reprodutora: 39,50 euros a unidade.

• Cría: 22,28 euros a unidade.