Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Mércores, 17 de agosto de 2022 Páx. 44113

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 20 de xullo de 2022 de aprobación definitiva da modificación puntual número 1 do Plan xeral de ordenación municipal de Camariñas.

O Concello de Camariñas remite a modificación puntual referida para os efectos da súa aprobación definitiva, conforme o previsto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG), e na disposición transitoria 2ª.2 da Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG).

Analizada a documentación subscrita polo avogado Calixto Escariz Vázquez e o arquitecto Diego Rodríguez Vázquez (Calixto Escariz, S.L.U.); e, vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Camariñas conta cun plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente pola Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas do 26 de decembro de 2012 (DOG do 17 de xaneiro de 2013), ao abeiro da LOUG.

2. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental decidiu o 5 de maio de 2014 (DOG do 27 de maio) non someter a modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica previsto na Lei 9/2006, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente.

3. No expediente constan informes: da arquitecta municipal do 8 de outubro de 2014, sen obxeccións á aprobación inicial; da Secretaría Municipal, do 31 de outubro de 2014, con indicacións sobre o contido e tramitación da modificación, e do 19 de novembro de 2014, sobre a suspensión de licenzas.

4. O Pleno do Concello aprobou inicialmente a modificación en sesión do 28 de novembro de 2014. Sometida a información pública polo prazo de dous meses (La Voz de Galicia do 5 e 6 de decembro de 2014 e El Correo Gallego do 5 de decembro de 2014 e Diario Oficial de Galicia do 24 de decembro de 2014), non foron presentadas alegacións, segundo o certificado do 7 de maio de 2019.

5. No que afecta os informes sectoriais autonómicos e audiencia aos concellos limítrofes, segundo a regulación do artigo 85, números 2 e 3, da LOUG, no expediente consta:

a) Foron emitidos os seguintes informes sectoriais:

• Axencia Galega de Infraestruturas: informe do 30 de xaneiro de 2015, desfavorable, reiterado o 14 de decembro de 2016. Remitido polo Concello un novo proxecto, de xullo de 2018, a AXI emitiu informe o 21 de setembro de 2018, favorable con condicións.

• Deputación Provincial da Coruña: informe do 18 de decembro de 2014, favorable.

• Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo: informe do 7 de xaneiro de 2015, en materia de costas, favorable.

• Dirección Xeral de Costas: informe do 4 de marzo de 2015, en que se sinala que non se afecta de forma directa as determinacións da Lei de costas.

• Instituto de Estudos do Territorio: oficio do 17 de decembro de 2014.

Foi solicitado o informe da Secretaría Xeral do Medio Rural e de Montes o 3 de decembro de 2014, que non foi recibido no concello conforme o informe municipal do 7 de maio de 2019.

b) Deuse audiencia aos concellos limítrofes de Laxe, Vimianzo e Muxía, que non contestaron conforme o informe da Secretaría Municipal do 7 de maio de 2019.

6. Constan informes: da arquitecta municipal, do 22 de abrild de 2019, sen obxeccións á aprobación provisional; da secretaría municipal do 7 de maio de 2019, con indicacións sobre o contido e tramitación da modificación; e da interventora municipal, do 8 de maio de 2019.

7. A modificación foi aprobada provisionalmente polo Pleno do Concello do 21 de maio de 2019.

8. Tras a aprobación provisional, o Concello solicitou novos informes sectoriais en materia de estradas autonómicas e estatal de costas:

a) Axencia Galega de Infraestruturas: informe do 17 de xuño de 2019, favorable.

b) Dirección Xeral da Costa e do Mar do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico: informe do 11 de febreiro de 2020, favorable con consideracións.

9. Constan informes: da arquitecta municipal, do 9 de marzo de 2020, sen obxeccións á unha nova aprobación provisional; da Secretaría Municipal do 13 de marzo de 2020, con indicacións sobre o contido e tramitación; e da interventora municipal, do 15 de maio de 2020, con indicacións.

10. A modificación foi aprobada provisionalmente por segunda vez polo Pleno do Concello do 29 de maio de 2020.

11. O Concello solicitou a aprobación definitiva da modificación con documentación achegada o 22 de xullo de 2020 e o 10 de agosto de 2020. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo requiriu a emenda de deficiencias o 9 de setembro de 2020. O Concello presentou documentación adicional o 28 de abril de 2022, consistente en:

a) Augas de Galicia: informe do 29 de outubro de 2020.

b) Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico: informe do 17 de novembro de 2020.

c) Dirección Xeral de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual: informe do 10 de novembro de 2020.

d) Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil da Xunta de Galicia: informe do 19 de outubro de 2020, sobre innecesariedade do informe da Comisión Galega de Protección Civil.

e) Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo: informe do 14 de outubro de 2020, en materia de costas, favorable.

f) Dirección Xeral de Patrimonio Cultural: informe do 21 de outubro de 2020, favorable.

g) Subdirección Xeral de Patrimonio do Ministerio de Defensa: informe do 12 de novembro de 2020, favorable.

h) Subdirección Xeral de Planificación, Rede Transeuropea e Loxística do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana: oficio do 9 de outubro de 2020.

i) Área de Fomento da Subdelegación do Goberno na Coruña: escrito do 2 de decembro de 2020.

j) Instituto de Estudos do Territorio: informe do 7 de abril de 2022, favorable.

O Concello solicitou o informe en materia de residuos da Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental o 8 de novembro de 2021, sen que se achegue documentación sobre a contestación desta.

12. O Servizo de Urbanismo da Coruña fixo un segundo requirimento sobre deficiencias o 26 de maio de 2022. O Concello presentou documentación adicional o 30 de maio de 2022.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

A modificación ten por obxecto corrixir certos erros detectados na normativa do documento vixente. Afecta os seguintes puntos:

a) Regular con máis flexibilidade o parámetro fondo mínimo de parcela na ordenanza 1.

b) Permitir o uso residencial de categoría 1ª na ordenanza 1.

c) Resolver o erro detectado a respecto da unidade de medida da pendente de cuberta nos núcleos rurais do 40 % a 40º.

d) Adaptar as condicións dos pechamentos en solo rústico.

e) Aclarar a independencia do espazo baixo cuberta a respecto da planta inferior.

f) Resolver os erros detectados no cadro resumo de usos.

g) Actualizar a normativa sectorial de referencia en materia de costas á vixente.

III. Análise e consideracións.

1. Razóns de interese público da modificación puntual.

De conformidade co artigo 83.1 da Lei do solo de Galicia, as modificacións de planeamento urbanístico deberán fundamentarse en razóns de interese público debidamente xustificadas. A aclaración de aspectos normativos do plan xeral pode ser acollida, en termos xerais, como unha razón de interese público para a presente modificación da normativa do plan.

2. En canto ás modificacións concretas propostas, advírtese que no punto 2.1.7 do proxecto, a referencia que se fai ao punto 4.8.7 da normativa debe entenderse feita ao punto 4.4.7.

A competencia para resolver a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60.16, 61.1, 83.5 da Lei do solo de Galicia, e no artigo 146.1 e 200.5 do Reglamento da Lei do solo de Galicia, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual nº 1 do PXOM do Concello de Camariñas; e deixar constancia expresa de que no que se refire ao punto 2.1.7 do proxecto, a referencia que se fai ao punto 4.8.7 da normativa debe entenderse feita ao punto 4.4.7.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación puntual aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda