Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Mércores, 10 de agosto de 2022 Páx. 43317

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

DECRETO 143/2022, do 27 de xullo, polo que se declara a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto denominado Proxecto básico e de execución de ampliación da vía rúa da Fonte, no termo municipal de Arteixo (A Coruña).

O Concello de Arteixo, en sesión que tivo lugar o día 9 de xuño de 2022, acordou solicitarlle á Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa do proxecto denominado Proxecto básico e de execución de ampliación da vía rúa da Fonte, ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

O 10 de xuño de 2022 tivo entrada no Rexistro da Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia a solicitude do Concello de Arteixo de declaración de urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens necesarios para realizar as obras do Proxecto básico e de execución de ampliación da vía rúa da Fonte. Con datas do 16 de xuño e do 11 de xullo de 2022 o concello achegou documentación complementaria á súa solicitude inicial. O expediente contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

O expediente tratouse na Comisión de Secretarios Xerais logo da súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que a actuación, consistente na realización de traballos de ampliación da vía rúa da Fonte, servirá para completar as obras de urbanización deste, creando prazas de estacionamento, ampliando as beirarrúas e mellorando a zona de manobra dos autobuses. O mal estado das beirarrúas existentes, a inexistencia de aparcadoiro, que implica o uso como tal da propio vía, a falta de espazo para as manobras dos autobuses escolares e o progresivo aumento de viandantes na zona do colexio e do pavillón deportivo evidencian a urxente necesidade de acometer obras para acadar a suficiente seguridade viaria nesa contorna, e así facilitar o tráfico dos autobuses e dos propios peóns.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte e sete de xullo de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo único

De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do Proxecto básico e de execución de ampliación da vía rúa da Fonte, no termo municipal de Arteixo (A Coruña). Unha vez ocupados os terreos necesarios, deberanse obter, de ser o caso, as autorizacións que sexan necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, vinte e sete de xullo de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes