Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Martes, 9 de agosto de 2022 Páx. 43100

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 142/2022, do 27 de xullo, polo que se aproba o cambio de titularidade, a prol do Concello de Monforte de Lemos, da franxa de dominio público viario (DPV) na marxe esquerda da LU-664, puntos quilométricos 0+890 e 1+150, agás calzada, beiravía e berma.

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados mediante decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón, no artigo 9.7, que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Monforte de Lemos solicita o cambio de titularidade da totalidade dos terreos afectados polo proxecto do parque do hospital. A petición do Concello afecta a franxa de DPV da marxe esquerda da estrada LU-664, do p.q. 0+890 ao p.q. 1+150, preservando a titularidade autonómica a calzada, a beiravía e a berma da LU-664. Actualmente, nesa marxe esquerda da estrada existe unha senda peonil con treitos en terra e o treito afectado polo proxecto municipal atópase asfaltado.

O proxecto municipal vai reconverter a senda peonil afectada nun camiño de servizo habilitando aparcadoiros para os vehículos, restablecendo a senda peonil nun novo lugar máis afastado da LU-664 e en paralelo ao camiño de servizo.

Á vista dos informes emitidos polos servizos competentes, a Axencia Galega de Infraestruturas formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade da franxa de dominio público viario na marxe esquerda da LU-664, agás a calzada, a beiravía e a berma, xustificada por razóns dunha xestión administrativa coherente e eficiente coa realidade das marxes desta estrada, que se define no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e sete de xullo de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade, a prol do Concello de Monforte de Lemos, da franxa de dominio público viario, agás a calzada, a beiravía e a berma, situado na marxe esquerda do seguinte treito da Rede autonómica de estradas de Galicia:

Para transferir

P.q.i

Coordenadas

UTM (ETRS89) fuso 29

P.q.f

Coordenadas

UTM (ETRS89) fuso 29

Marxe

Superf. (m2)

Franxa DPV da LU-664

0+890

X= 621.609

Y= 4.709.538

1+150

X= 621.428

Y= 4.709.397

ME

260

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Esta acta de entrega e os seus planos poderán consultarse na páxina web da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade:

https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega

Artigo 3

Correspóndenlle ao Concello de Monforte de Lemos, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da franxa de DPV transferida, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que lle poida corresponder como nova Administración titular.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e sete de xullo de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade