Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Luns, 8 de agosto de 2022 Páx. 43059

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 15 de xullo de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e de construción da modificación da planta de coxeración que Energyworks Carballo, S.L. promove no concello de Carballo (A Coruña).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Energyworks Carballo, S.L. en relación coa autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción da modificación dunha planta de coxeración, constan os seguintes:

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 11 de febreiro de 1996, a Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio resolveu autorizar a instalación dunha planta de coxeración de enerxía eléctrica á empresa Luis Calvo Sanz, S.A. no concello de Carballo (A Coruña) e incluíla no réxime especial creado polo Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro (expediente nº 594/96).

Segundo. O 3 de decembro de 1997, a Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio resolveu aprobar o proxecto de execución da planta de coxeración de enerxía eléctrica autorizada á empresa Luis Calvo Sanz, S.A. no concello de Carballo (A Coruña) (expediente nº 594/96), coas seguintes características técnicas:

– Dous motores de combustión interna alternativos alimentados por fuel óleo, de 6.590 kW cada un.

– Dous xeradores síncronos trifásicos de 6.590 kVA c/u, con tensión de xeración a 6 kV.

– Unha subestación de transformación de relación de transformación 66/6 kV cun transformador de 16 MVA de potencia en intemperie.

– Un transformador de servizos auxiliares de 800 kVA e relación de transformación de 6/0,4 kV.

– Instalacións de almacenamento de combustible, de interconexión coa liña eléctrica da compañía distribuidora e instalacións complementarias de aproveitamento de calor e de protección eléctrica, mando, sinalización e medida.

Terceiro. O 24 de marzo de 1998, a Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio resolveu autorizar o cambio de titularidade e a subrogación do recoñecemento da condición de instalación acollida ao réxime especial de produción eléctrica da central de coxeración de Luis Calvo Sanz, S.A. a favor de Calvo Energía, S.A.U.

Cuarto. O 3 de xaneiro de 2002, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Consellería de Industria e Comercio resolveu autorizar o cambio de titularidade e a subrogación do recoñecemento da condición de instalación acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica da central de coxeración de Calvo Energía, S.A.U. a favor de Energyworks Carballo, S.L. (expediente nº 594/96).

Quinto. O 10 de agosto de 2007, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Consellería de Innovación e Industria resolveu autorizar a ampliación da planta de coxeración da sociedade Energyworks Carballo, S.L. no concello de Carballo (A Coruña).

Sexto. O 24 de marzo de 2011, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria resolveu autorizar administrativamente e aprobar o proxecto de execución dunha modificación substancial da planta de coxeración que Energyworks Carballo, S.L. posúe no concello de Carballo (A Coruña).

Sétimo. O 15 de xuño de 2021, Área 34 Ingenieros y Servicios, S.L., en nome e representación de Energyworks Carballo, S.L., solicitou autorización de modificación para a redución da potencia da planta de coxeración de referencia.

Oitavo. O 18 de outubro de 2021, a Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación emitiu informe favorable sobre a solicitude de autorización de modificación da planta de coxeración presentada por Energyworks Carballo, S.L.

Noveno. O 2 de marzo de 2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiu un escrito á Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación para que, á vista do recollido no proxecto de modificación da planta de coxeración de referencia, no cal se produce unha diminución da potencia nominal respecto á orixinalmente autorizada á instalación superior ao 20 por cento, co fin de dar continuidade á solicitude de autorización administrativa previa e de execución da modificación da planta de coxeración, esta deberá someterse ao trámite de información pública ao non atoparse exenta de tal trámite, de acordo co establecido no artigo 50.c) da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

Décimo. Mediante o Acordo do 4 de abril de 2022, da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción da modificación dunha planta de coxeración titularidade de Energyworks Carballo, S.L. situada no concello de Carballo, A Coruña (expediente IN407A 2021/5-1), que se publicou o 11 de abril de 2022 no Boletín Oficial da provincia da Coruña nº 69 e o 12 de abril de 2022 no Diario Oficial de Galicia nº 71; dentro do prazo establecido non se presentou ningunha alegación contraria ao proxecto.

Décimo primeiro. O 15 de xuño de 2022, a Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe favorablemente sobre a solicitude de autorización administrativa previa e de construción de modificación da planta de coxeración presentada por Energyworks Carballo, S.L.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no artigo 28 do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, que atribúe á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais a dirección, a coordinación, a planificación, a execución, o seguimento e o control das competencias e funcións da Vicepresidencia Primeira e Consellería en materia de enerxía, recursos minerais e augas minerais e termais.

Segundo. O artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, establece que para a posta en funcionamento de novas instalacións de transporte, distribución, produción e liñas directas recollidas na mencionada lei ou modificación das existentes se requirirá autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e autorización de explotación, que terán carácter regrado, e o seu outorgamento corresponderá á Administración autonómica.

Terceiro. Á vista das características do proxecto de modificación da planta de coxeración de referencia, este non se atopa incluído en ningún dos supostos recollidos no artigo 7 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

Cuarto. De acordo co Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, correspóndelle á dirección xeral competente en materia de enerxía a competencia para outorgar a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción desta instalación.

Quinto. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, no Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos, na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo co que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa á sociedade Energyworks Carballo, S.L. para a modificación dunha planta de coxeración, promovida no concello de Carballo (A Coruña), segundo o correspondente proxecto.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción de modificación da devandita planta de coxeración promovida no concello de Carballo (A Coruña), segundo o proxecto denominado Modificación planta de coxeración (redución de potencia) Energyworks Carballo, S.L., asinado o 14 de xuño de 2021 polo enxeñeiro técnico industrial Alberto Gómez Vázquez, colexiado nº 1648 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña.

As características finais recollidas no proxecto son as seguintes:

– Dous motores de combustión interna alternativos alimentados por fuel óleo, de 4.613 kW cada un.

– Dous xeradores síncronos trifásicos de 6.590 kVA c/u, con tensión de xeración a 6 kV.

– Unha subestación de transformación de relación de transformación 66/6 kV cun transformador de 16 MVA de potencia en intemperie.

– Un transformador de servizos auxiliares de 800 kVA e relación de transformación de 6/0,4 kV.

– Instalacións de almacenamento de combustible, de interconexión coa liña eléctrica da compañía distribuidora e instalacións complementarias de aproveitamento de calor e de protección eléctrica, mando, sinalización e medida.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

1. A instalación terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución referido no punto segundo da parte dispositiva desta resolución.

2. Para introducir modificacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa desta dirección xeral. Pola súa banda, a Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes e deberá comunicarlle a este centro directivo todas as resolucións que dite en aplicación da dita facultade.

3. Unha vez construídas as instalacións, o titular presentará unha solicitude de autorización de explotación de acordo co establecido no artigo 53.c) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no artigo 132.1 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, perante a Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, co fin de que esta efectúe a inspección da totalidade das obras e montaxes efectuadas e verifique o cumprimento dos compromisos contraídos por Energyworks Carballo, S.L. e dos condicionados impostos nesta resolución.

4. O prazo para obter a autorización de explotación das instalacións será de tres meses contados a partir da data de notificación da presente resolución. Se, transcorrido o dito prazo, aquel non tivo lugar, producirase a caducidade desta autorización.

5. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos na autorización ou a variación substancial do presuposto que determinou o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación da autorización, logo de audiencia do interesado.

6. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra este acto, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2022

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais