Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Luns, 8 de agosto de 2022 Páx. 43034

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 12 de maio de 2022, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución da infraestrutura gasística de distribución denominado Ampliación da rede DN 6'' e nova acometida 6'' de gas natural a Sarval Bio-Industries Noroeste en MOP 16 bar, nos termos municipais da Coruña e Arteixo, promovido por Nedgia, S.A. (expediente IN627A 2021/7-1).

Logo de examinar o expediente instruído por pedimento da empresa Nedgia, S.A. con enderezo para os efectos de notificacións na rúa Lisboa, Edificio Área Central, local 31 HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes:

Antecedentes de feito.

Primeiro. Mediante a Orde do 12.3.1993, a entón nomeada Consellería de Industria e Comercio resolveu outorgar a Enagás, S.A. a concesión administrativa para a prestación do servizo público de condución e subministración de gas natural para usos industriais nos termos municipais de Abegondo, Carral, Cambre, Culleredo, A Coruña, Arteixo, Oleiros, Sada, Ferrol, Narón, Neda, Fene e Santiago de Compostela, coa implantación dos ramais e redes das áreas da Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela desde o gasoduto de transporte de Enagás, S.A.

Segundo. A antedita orde foi complementada pola Orde do 15.4.1996, da entón nomeada Consellería de Industria e Comercio, pola que se outorgou a Enagás, S.A. a concesión administrativa para a prestación do servizo público de condución e subministración de gas natural para usos industriais nos termos municipais de Abegondo, Carral, Cambre, Culleredo, A Coruña, Arteixo, Oleiros e Sada, coa construción das respectivas redes de distribución.

Terceiro. Por Resolución do 5.6.1997, da entón nomeada Dirección Xeral de Industria, aprobouse o proxecto para a execución de varios treitos da infraestrutura Gasificación do Noroeste, Rede da Coruña, nos termos municipais de Arteixo, Bergondo, Cambre, Culleredo, A Coruña, Oleiros e Sada.

Cuarto. O 29.4.1998 e o 6.10.1998, a entón nomeada Dirección Xeral de Industria, resolveu aprobar, respectivamente, os proxectos de execución das addendas III e IV da infraestrutura Gasificación do Noroeste, Rede da Coruña.

Quinto. Ben que as anteriores resolucións foron ditadas con anterioridade á entrada en vigor da actualmente vixente, a disposición adicional sexta deste texto lexislativo determina que:

«Sexta. Extinción de concesiones

1. Á entrada en vigor desta lei, todas as concesións para actividades incluídas no servizo público de subministración de gases combustibles por canalización quedan extinguidas. Estas concesións quedan substituídas de pleno dereito por autorizacións administrativas das establecidas no título IV da presente lei que habilitan o seu titular para o exercicio das actividades, mediante as correspondentes instalacións, que constituísen o obxecto das concesións extinguidas.

2. As citadas autorizacións serano por tempo indefinido quedando expresamente extinguida a reversión de instalacións a que se refiere o artigo 7.c) da Lei 10/1987, do 15 de xuño».

Sexto. Con data do 20.1.2000, a entón nomeada Dirección Xeral de Industria resolveu autorizar a transmisión das instalacións de gas natural canalizado pertencentes á actividade de distribución que Enagás, S.A. tiña na Comunidade Autónoma de Galicia a favor de Gas Natural SDG, S.A. (actualmente Nedgia, S.A.), resultado da escisión de actividades establecida no artigo 63 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos.

Sétimo. Coa orixe no treito do gasoduto identificado como RAA-I015.1 que transcorre polo termo municipal da Coruña, Nedgia, S.A. acordou con Sarval Bio-Industries Noroeste a execución da conexión para subministración de gas natural ás súas futuras instalacións no lugar de Suevos (termo municipal de Arteixo).

Conforme o anterior e coa finalidade de cumprir as exixencias técnicas de conexión coa rede de distribución necesarias para atender a petición de subministración de gas feita por Sarval Bio-Industries Noroeste para un establecemento industrial situado no lugar de Suevos (termo municipal de Arteixo), con data do 19.10.2021 a empresa distribuidora Nedgia, S.A. presentou diante desta xefatura territorial, entre outra, a seguinte documentación:

• Proxecto técnico das instalacións denominado Proxecto de autorización administrativa e execución de instalacións para a ampliación de rede DN 6" e nova acometida DN 6" de gas natural a Sarval Bio-Industries Noroeste en MOP 16 bar no termo municipal de Arteixo (A Coruña), subscrito por Alejandra Risco Barba, enxeñeira técnico industrial (colexiada nº 25.430 do COITIM). Código GDN412171000016906.

• Declaración responsable asinada o 8.10.2021 pola técnica proxectista, nos termos dispostos na Instrución 5/2012, do 15 de novembro, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG nº 229, do 30 de novembro) sobre os criterios que se van aplicar para exixir visado colexial en materia de industria e enerxía.

• Solicitude de outorgamento de autorización administrativa e de aprobación do proxecto de execución das instalacións recollidas no antedito proxecto.

Para a súa tramitación, á antedita solicitude foille asignado o número de expediente administrativo IN627A 2021/7-1.

Oitavo. Por Acordo do 21.10.2021, da Xefatura Territorial da Coruña, someteuse a información pública a solicitude feita por Nedgia, S.A., de outorgamento da autorización administrativa da infraestrutura gasista de distribución recollida no proxecto denominado Proxecto de autorización administrativa e execución de instalacións para a ampliación de rede DN 6" e nova acometida DN 6" de gas natural a Sarval Bio-Industries Noroeste en MOP 16 bar no termo municipal de Arteixo (A Coruña), para os efectos previstos no artigo 73 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos (BOE nº 241, do 8 de outubro) e no artigo 78 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural (BOE nº 313, do 31 de decembro).

Este acordo publicouse no DOG nº 218, do 12.11.2021, no BOP nº 203, do 28.10.2021 e nos xornais La Voz de Galicia e La Opinión da Coruña do 29 de outubro de 2021. Igualmente, foi exposto durante o prazo de vinte (20) días hábiles nas dependencias da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Coruña.

Noveno. Para os efectos do establecido no artigo 56 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, nos termos establecidos no artigo 73 da dita lei e nos artigos 80 e 84 do Real decreto 1434/2002, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, o 14.1.2022 remitiuse separata do proxecto da instalación de referencia aos concellos de Arteixo e A Coruña, Augas de Galicia, Servizo de Urbanismo-Costas (Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda), Deputación da Coruña, Emalcsa, R-Cable, Telefónica e UFD Distribución Eléctricidad, S.A. para que, no prazo de vinte (20) días, prestasen a súa conformidade ou manifestasen a súa oposición á solicitude de outorgamento da autorización administrativa e de aprobación do proxecto de execución feita polo promotor e, se for o caso, emitisen o condicionado técnico correspondente.

Recibíronse informes de todos os organismos e empresas consultados, agás da Deputación da Coruña. Os informes recibidos, cos condicionados establecidos no seu caso, remitíronse a Nedgia, S.A. que aceptou expresamente o seu contido.

No caso da Deputación da Coruña, a quen rematado o prazo de inicial vinte (20) días outorgóuselle un novo prazo de dez (10) días reiterándolle a solicitude de conformidade ou que manifestase a súa oposición á solicitude feita polo promotor, non consta no expediente que teña atendido o requirido. Deste xeito, de acordo co artigo 80.2 do Real decreto 1434/2002, do 1 de decembro, enténdese a súa conformidade coa proposta técnica de Nedgia, S.A., sen prexuízo das autorizacións que lle corresponda outorgar.

Consideracións legais e técnicas.

1. O xefe territorial da Coruña da Consellería de Economía, Empresa e Innovación é competente para resolver o presente expediente, ao abeiro do disposto na Orde do 30 de novembro de 1999, da Consellería de Industria e Comercio sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas (DOG nº 244, do 21 de decembro), no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro) e no Decreto 230/2020, do 23 de decembro, da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (DOG nº 5, do 11.1.2021).

2. A normativa de aplicación a este expediente é:

– Lei 34/1998, de 7 de outubro, do sector de hidrocarburos (BOE nº 241, do 8 de outubro) modificada pola Lei 12/2007, de 2 de xullo (BOE nº 158, do 3 de xullo).

– Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización das instalacións de gas natural (BOE nº 313, do 31 de decembro).

– Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11 (BOE nº 211, do 4 de setembro) e, en particular, o disposto na ITC-ICG 01 Instalaciones de distribución de combustibles gaseosos por canalización.

– Decreto 62/2010, do 15 de abril, da Consellería de Economía e Industria, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP) (DOG nº 77, do 26 de abril).

– Decreto 51/2011, do 17 de marzo, da Consellería de Economía e Industria, polo que se actualiza a normativa en materia de seguridade industrial na Comunidade Autónoma de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior (DOG nº 65, do 1 de abril).

3. As características máis significativas das instalacións recollidas no proxecto Proxecto de autorización administrativa e execución de instalacións para a ampliación de rede DN 6" e nova acometida DN 6" de gas natural a Sarval Bio-Industries Noroeste en MOP 16 bar no termo municipal de Arteixo (A Coruña), para as que se está a solicitar o outorgamento da autorización administrativa e de aprobación do proxecto de execución, son:

– Finalidade do proxecto: subministración de gas natural a un establecemento industrial propiedade de Sarval Bio-Industries Noroeste.

– Obxecto do proxecto: ampliación da rede de distribución en aceiro Øn 6" e construción dunha acometida de gas natural en aceiro Øn 6", cunha lonxitude total conxunta de 2.406 metros, coa orixe na conexión (válvula de seccionamento) coa rede existente RAA-I015.1 en aceiro Øn 4" na Estrada de Bens, termo municipal da Coruña (coordenadas UTM da conexión, X: 543.748/Y: 4.800.870) e remate na válvula de acometida Øn 6" a instalar no establecemento industrial de Sarval Bio-Industries Noroeste, no lugar de Suevos, termo municipal de Arteixo (coordenadas UTM, X: 542.092/Y: 4.800.044).

– Presión de operación (MOP): 16 bar.

– Instalacións auxiliares: válvula de seccionamento de rede Øn 6", válvula de acometida de Øn 6" e sistema de protección catódica.

– Orzamento de execución material: 883.493,62 €.

4. O artigo 2 da Orde do 30 de novembro de 1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas, determina que (...) correspóndelles ás delegacións provinciais (actuais xefaturas territoriais), en tanto non se alteren os termos das autorizacións administrativas ditadas por órgano superior, a autorización administrativa do resto de instalacións, coas seguintes puntualizacións:

• Instalacións que requiren autorización individual: as canalizacións de presión máxima de servizo entre 4 e 16 bar con diámetro maior de 114,3 mm (4").

5. Non consta no expediente que durante o período legal previsto no trámite de información pública fora presentada alegación algunha referente á solicitude feita por Nedgia, S.A.

6. Por parte do servizo técnico desta xefatura territorial informouse de xeito favorable a solicitude de autorización e aprobación do proxecto de execución.

De acordo co todo o indicado,

RESOLVO:

1. Autorizar administrativamente e aprobar o proxecto de execución das instalacións de gas canalizado proxectadas e descritas nos antecedentes, para a súa execución no prazo máximo dun ano dende a publicación desta resolución.

2. A autorización das instalacións concederase coas seguintes condicións:

– A aprobación do proxecto de execución solicitada por Nedgia, S.A. outorgarase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables, e en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

– Antes do inicio das obras Nedgia, S.A. poñerá en coñecemento de todas as administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral con bens e dereitos ao seu cargo das respectivas afeccións que se estivesen a xerar coa execución das instalacións, coa finalidade de que poidan avaliar o seu contido, e establecer os condicionantes que xulguen oportuno.

– Previo ao inicio das obras deberán achegar a esta xefatura territorial todas as autorizacións e permisos dos titulares dos bens afectados pola instalacións proxectadas, xunto ca designación da razón social da empresa instaladora autorizada de gas que vai realizar as obras e o director de obra responsable delas.

– A empresa distribuidora vixiará que as canalizacións de gas respecten en todo momento as exixencias dispostas nas autorizacións e/ou informes emitidos por outras administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral e, en particular, naquelas zonas nas que no subsolo se encontren instalados outros servizos, tales como electricidade, telecomunicacións, subministración de auga, etc., as conducións do gas serán instaladas de xeito que se cumpran escrupulosamente as distancias de seguridade previstas nas súas respectivas normativas sectoriais.

– De conformidade cos criterios e exixencias previstos na regulamentación vixente, deberanse instalar os elementos de seguridade que sexan necesarios, particularmente válvulas, coidando da súa accesibilidade.

– Se durante a fase de execución das obra se tivesen que adoptar medidas técnicas non recollidas neste proxecto e no proxecto inicialmente autorizado, e previo á súa execución, deberase de dispoñer do pertinente visto e prace desta xefatura territorial.

– Todas as modificación efectuadas na fase de execución deberán de ser recollidas na dirección de obra, sempre e cando non superen un 20 % respecto as instalacións recollidas neste proxecto, e só no que se refire ao cambio de trazado, superado este límite deberán achegar a correspondente addenda para a súa aprobación por parte desta xefatura territorial.

– Esta xefatura territorial reservará para si o dereito a deixar sen efecto a autorización que se considere procedente emitir, no momento en que se comprobe o incumprimento das condicións regulamentarias ou de calquera das condicións precedentes.

– Para os efectos da posta en marcha parcial das instalacións, presentarase un certificado da empresa distribuidora e da empresa instaladora de superación das probas regulamentarias realizadas baixo a supervisión do director de obra responsable delas, e o seu certificado de dirección de obra.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación nos termos establecidos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do 26 de novembro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que se considere pertinentes.

A Coruña, 12 de maio de 2022

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña