Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Luns, 8 de agosto de 2022 Páx. 42921

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 141/2022, do 21 de xullo, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Ames do treito inicial da estrada AC-544, puntos quilométricos 0+000 ao 1+130, correspondente coa avenida da Peregrina.

Segundo o previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados mediante decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra banda, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O 8 de abril de 2022 o Concello de Ames e a Axencia Galega de Infraestruturas asinaron un convenio de colaboración para levar a cabo o acondicionamento da AC-544 desde a intersección coa avenida da Maía ata o p.q. 0+610. O concello comprométese a aceptar a transferencia de titularidade, antes da licitación das obras, do treito da estrada AC-544 con inicio no p.q. 0+000 e final no p.q. 1+160 (totalidade da avenida da Peregrina).

O treito inicial para transferir da estrada AC-544 segundo o catálogo da Rede autonómica de estradas de Galicia atópase categorizado funcionalmente como rede local e discorre na súa totalidade polo concello de Ames, atravesando solos clasificados como urbanos polo instrumento de planeamento urbanístico vixente.

Cumpre co número 11 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia (RXEG), relativo aos cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial, que estipula que estes «só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou cando non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios de que forme parte, sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles que proporcione un nivel de servizo, cando menos equivalente, a través da rede de estradas da Administración cedente ou das redes de estradas de titularidade de administracións de maior ámbito territorial».

A Axencia Galega de Infraestruturas, vistos os informes emitidos polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito que se define no artigo 1, indicando que o punto final do treito coincide co inicio da illa deflectora da glorieta que dá acceso á autovía AG-56, a cal debe permanecer na zona de dominio público autonómico.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e un de xullo de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Ames, xunto co seu dominio público viario asociado, do treito inicial da estrada:

Clave

Treito

PQi

Coordenadas UTM (ETRS89 fuso 29)

PQf

Coordenadas UTM (ETRS89 fuso 29)

AC-544

Bertamiráns (AC-543) –

Bertamiráns norte (AG-56)

0+000

X=528.566

Y= 4.745.360

1+130

X=527.945

Y=4.746.277

Artigo 2

Modificar, en aplicación do artigo 10.6.a) da LEG, o Catálogo da Rede autonómica de estradas de Galicia, aprobado polo Decreto 100/2021, do 24 de xuño, no sentido de reflectir este cambio de titularidade corrixindo a nomenclatura, datos e xeometría da estrada AC-544, que quedaría da seguinte forma:

Clave

Denominación

Treito

PQi

PQf

Lonx. treito (km)

Lonx. total (km)

Categoría
funcional

Clase de estrada

Provincia

AC-544

Bertamiráns norte (AG-56)-Negreira (AC-546)

Bertamiráns norte (AG-56)-Bertamiráns norte (AG-56)

1+130

1+160

0,03

11,96

Local

Convencional

A Coruña

AC-544

Bertamiráns norte (AG-56)-Negreira (AC-546)

Bertamiráns norte (AG-56)-Negreira (AC-546)

1+160

13+090

11,93

11,96

Estruturante

Convencional

A Coruña

O documento do catálogo e as súas modificacións posteriores poderán consultarse na páxina web da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade:

https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Esta acta de entrega e os seus planos poderán consultarse na páxina web da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade:

https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega

Artigo 4

Correspóndenlle ao Concello de Ames, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que lle poida corresponder como nova Administración titular.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de xullo de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade