Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Xoves, 4 de agosto de 2022 Páx. 42717

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 14 de febreiro de 2022, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Ponteareas (expediente IN407A 2021/212-4).

Expediente: IN407A 2021/212-4.

Promotora: Central Eléctrica Sestelo y Compañía, S.A.

Denominación: LMT e CT Residencia de Maiores de Ponteareas.

Concello: Ponteareas.

Feitos:

Primeiro. O 22 de setembro de 2021, a empresa Central Eléctrica Sestelo y Compañía, S.A. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación da LMT e CT Residencia de Maiores de Ponteareas.

Unha vez examinado o proxecto de execución, conclúese que a infraestrutura eléctrica consiste na instalación dun centro de transformación de 400 kVA e unha liña de media tensión para a Residencia de Maiores de Ponteareas, e en mellorar a subministración na zona do núcleo antigo de Ponteareas. As instalacións están localizadas na rúa Santa Ana, no concello de Ponteareas (Pontevedra).

Segundo. O 26 de novembro de 2021, esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Ponteareas e o Servizo de Patrimonio Cultural. A empresa promotora manifestou a súa conformidade coas condicións emitidas polo Servizo de Patrimonio Cultural. O Concello de Ponteareas non emitiu condicións técnicas e entendeuse, en consecuencia, a súa conformidade coa autorización de construción da devandita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 230/2020, do 23 de decembro, da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (DOG núm. 5, do 11 de xaneiro de 2021), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

A Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresarias en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

Terceiro. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV, con condutor tipo RHZ1 en dúas actuacións. A primeira, de 120 metros de lonxitude, ten orixe no CTC Santa Ana e final no CT proxectado. A segunda actuación de 10 metros ten orixe no CT proxectado e final no CT do edificio San Miguel. Centro de transformación (CT) de 400 kVA en edificación prefabricada.

As instalacións están localizadas na rúa Santa Ana, no concello de Ponteareas (Pontevedra).

Conforme con todo o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar á empresa Central Eléctrica Sestelo y Compañía, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica de LMT e CT Residencia de Maiores en Ponteareas, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas polos organismos que constan no expediente.

Segundo. A empresa Central Eléctrica Sestelo y Compañía, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Terceiro. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 14 de febreiro de 2022

Tomás Nogueira Nieto
Xefe territorial de Pontevedra