Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Venres, 29 de xullo de 2022 Páx. 41959

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 28 de xullo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de axudas destinadas á reparación dos danos causados nas vivendas e no seu enxoval doméstico polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de xullo de 2022, con carácter plurianual (código de procedemento VI100B).

BDNS (Identif.): 641560.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións
(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas propietarias ou usufrutuarias de vivendas que sufrisen danos que afecten tanto a vivenda como o seu enxoval doméstico.

2. De conformidade co disposto no artigo 3.3 do Decreto 130/2022, do 21 de xullo, as persoas beneficiarias das axudas están exentas do cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 10.2. da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Segundo. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión das axudas destinadas a reparar os danos causados nas vivendas e no seu enxoval doméstico como consecuencia dos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de xullo de 2022. Para o caso de que os danos ocasionados determinasen a ruína da vivenda, a axuda poderá destinarse tanto á súa reconstrución como á adquisición dunha nova vivenda (código de procedemento VI100B).

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas con carácter plurianual.

3. A concesión das axudas recollidas nesta resolución outorgaranse de forma directa por mor do interese público, social e humanitario derivado das excepcionais circunstancias que concorren neste caso e concederanse nos termos e nas condicións establecidos nestas bases reguladoras.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras destas axudas están recollidas coa resolución de convocatoria.

Cuarto. Crédito orzamentario

1. As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.81.451A.780.9 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2022, por un importe total de 3.200.000 €, distribuídos nas seguintes anualidades:

1.800.000 € para a anualidade 2022.

1.000.000 € para a anualidade 2023.

400.000 € para a anualidade 2024.

2. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), que terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día hábil seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará o 2 de novembro de 2022 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, o que será publicado no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2022

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo